GALICIA DESIGN WEEK salienta a “enriquecedora e cálida acollida” da programación da súa sexta edición por parte do público

  • Marta González e Álex Rico, codirectores do evento, poñen en valor a implicación do tecido creativo local na sección OFF do festival 
  • A exposición DESIGNED IN GALICIA, que se atopa na praza de Lugo até o 30 de maio, poderase visitar deste este mesmo venres e até o mes de agosto na sede da delegación na Coruña do COAG
  • A mostra #NOVODESEÑOGALEGO permanecerá aberta ao público na avenida da Mariña, xunto ao edificio de Autoridade Portuaria, até o 15 de xuño

GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular, e pechou unha sexta edición que, a ollos da súa dirección, obtivo unha “cálida e enriquecedora acollida” por parte do público. 

Álex Rico Caramés e Marta González Rivas, o dúo que codirixe o evento (unha das únicas dúas citas na Península Ibérica que forman parte da prestixiosa organización World Design Weeks), pon en valor “o papel fundamental do público, que nos acompaña e apoia, e que recoñece o traballo que hai detrás de cada detalle deste festival”. 

Ao fío, salientan a “inmensa implicación” dos negocios, establecementos e integrantes do tecido creativo local “tanto á hora de colaborar como de difundir a proposta”, especialmente todos aqueles que formaron parte de toda a liña OFF, “o que axudou non só a extender o festival pola cidade e poder chegar a novos públicos, senón que contribuíron a que a programación da #GDW25 tivese unha acollida aínda máis cálida e enriquecedora por parte da veciñanza”. 

Ademais da implicación de axentes creativos locais, a sexta edición de GALICIA DESIGN WEEK destacou especialmente pola calidade da súa sección PRO, que contou, entre outras moitos nomes, con figuras como Angie Bolea (da produtora CANADA), Marta Cerdà, Isabelita Virtual ou as galegas Inma Hortas e Marta Pazos, referentes internacionais do sector. 

“É unha alegría que estas grandes creadoras aposten por festivais como o noso. Poder achegar o seu traballo ao público coruñés foi un auténtico agasallo”, apuntan Marta González e Álex Rico, quen tamén agradecen aos distintos patrocinadores o seu apoio -“sen eles non poderiamos tender esta ponte tan valiosa entre a cidadanía e as profesionais do deseño”- e do seu equipo, “xentes que fan posible que todo funcione: Daniela, Diego, Elena, Ernesto, Lucía, Luis, Illán, Jacobo… e moitos máis. Grazas ao seu esforzo, este festival non deixa de crecer e mellorar edición tras edición”. 
As liñas PRO, OFF e SESSIONS despedíronse até a vindeira edición, mais estes días permanecen en pé as dúas exposicións de rúa deste #GDW25 e que poñen o foco no talento do país. Así, até o 30 de maio, pódese visitar na praza de Lugo DESIGNED IN GALICIA, unha mostra -sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa– que aborda o mellor deseño do país do último ano. A proposta poderase visitar a partir do mesmo día 30, e até o 29 de agosto, na sede do COAG na Coruña. Ademais, até o 15 de xuño permanecerá na avenida da Mariña a exhibición #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or, e que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade. Precisamente algúns destes nomes que darán que falar nos vindeiros anos participaron o pasado sábado 24, na sección PRO TALKS, canda as figuras de primeiro nivel internacional -Marta Cerdà, Angie Bolea ou Isabelita Virtual-. 

#GDW25

GALICIA DESIGN WEEK é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego e ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións coa creación de espazos e momentos de conexión e intercambio informal, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.  
Durante 9 días, #GDW25 ofreceu unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, exposicións, parladoiros e sesións musicais. A súa programación dividiuse en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións e un showroom tanto físico coma virtual; SESSIONS, a parte máis festiva do evento; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade. 

GALICIA DESIGN WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Didac, Goloso Coffee Counters, Gràffica, K-Tuin, Malte, News&Coffee, Playa Club, Rosmon, Studio Follow e Usual.  

Máis información \ www.gdw.gal 

20250528-GDW25-balance

Convocatoria do XII Premio de investigación XERMADE NA HISTORIA

Nas XXI Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros (Xermade) o pasado sábado 24 de maio de 2025 tivo lugar a presentación oficial da XII edición do Premio de Investigación XERMADE NA HISTORIA, que se rexerá de acordo ás seguintes

BASES (Descargar PDF)

Bases-do-XII-Premio-XERMADE-NA-HISTORIA

Modelo de Presentación (Descargar PDF)

Modelo-de-presentacion-XII-Premio

O Festival do Pasatempo desvela o cartel da súa nova edición con forte presenza galega

Un ano máis, o Parque do Pasatempo de Betanzos encherase da mellor música en directo coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. Co galego ben presente, o cartel estará encabezado por artistas da talla de Tanxugueiras, Carlos Núñez, ZETAK, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño, en dúas xornadas que terán lugar o venres 27 e o sábado 28 de xuño. As entradas sairán á venda o xoves 29 cun prezo promocional de 37€ o abono de dous días (gastos de xestión incluídos) e 24€ a entrada de día (gastos de xestión incluídos) só para os primeiros compradores, que as poderán adquirir en Enterticket e na propia web do festival, www.festivaldopasatempo.gal. As persoas menores de 12 anos terán tamén dispoñibles abonos de dous días por 12€ (gastos de xestión incluídos)

O evento presenta unha forte aposta polo talento galego e polas linguas oficiais do estado, con bandas punteiras en galego e euskera. Propostas para todos os públicos que combinan artistas consagrados, como Tanxugueiras ou Carlos Núñez, con proxectos en vías de consolidación a nivel estatal, que se presentarán en Betanzos con shows completos e diferenciais dentro dos seus respectivos estilos musicais. Festival do Pasatempo propón unha experiencia irrepetible no corazón de Betanzos xuntando nun mesmo evento a mellor música do territorio coa natureza e historia dun recinto icónico. 

VENRES 27 DE XUÑO 

Os grandes atractivos do venres 27 de xuño serán Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras e ZETAK. Tanxugueiras é o grupo que está desafiando e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Pola súa parte, desembarcará no Parque do Pasatempo unha das propostas máis exitosas da música en euskera, ZETAK. O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e a súa propia lingua. Para completar o primeiro dia de festival actuará Caamaño&Ameixeiras, un dos maiores expoñentes a nivel internacional da nova música tradicional galega. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas.  

SÁBADO 28 DE XUÑO 

O sábado 28 de xuño destacan os nomes de Carlos Núñez e Antía Muíño. Carlos Núñez é un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Por outro lado, e completando esta segunda xornada, actuará Antía Muíño, que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz. 

O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. 

O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia  Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo, e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, así como co patrocinio de El Águila

COÑECE AOS ARTISTAS DO FESTIVAL DO PASATEMPO 2025 

Un dos grandes nomes desta edición é Tanxugueiras. O grupo está a desafiar e a cambiar o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Concertos masivos e históricos, millóns de reproducións, números 1 en vendas e colaboracións cos mellores artistas estatais avalan ao grupo. 

Outro dos cabezas de cartel desta edición non é outro que Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo. 

Dende Euskal Herría chegará ao Parque do Pasatempo ZETAK, unha das propostas máis exitosas da música en euskera.  O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e o propio euskera. Dende o inicio do proxecto, ZETAK provocou un tremor no panorama musical vasco, e  evolucionou ata acadar concertos multitudinarios e históricos para a música no seu idioma. 

Como parte destacada da nova música tradicional galega actuará Caamaño&Ameixeiras, un dos grandes expoñentes a nivel internacional da mesma. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas. Cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, levan os seus directos a países como Italia, Bélgica, Francia, Portugal, Eslovaquia, República Checa ou Austria. Ademais, veñen de colaborar con artistas da talla de Tanxugueiras, Rodrigo Cuevas ou Fillas de Cassandra. 

Completando o cartel desta edición estará Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz. 

Noia Harp Fest lamenta fondamente o pasamento do arpista Emilio Cao

Fonte da imaxe de Emilio Cao: www.discogs.com

O festival rendeu no 2023 unha homenaxe ao recoñecido músico durante a celebración do primeiro encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia, na que se interpretou o seu mítico Vals do Mencer



O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest)  lamenta fondamente o pasamento do músico compostelán Emilio Cao, recoñecido artista e magnífico intérprete da arpa celta, instrumento que el mesmo introduciu no país coa publicación do seu aclamado álbum Fontes de Araño (1977), que supuxo toda unha revolución para a escena da música folk.

Precisamente Noia Harp Fest salientou o papel de Emilio Cao coa homenaxe que se lle rendeu na décima edición (verán de 2023), durante a celebración do primeiro Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. No marco deste pioneiro encontro, as e os estudantes máis novos do país interpretaron, conxuntamente e co apoio do codirector do NHF Rodrigo Romaní, o mítico Vals do Mencer composto por Cao.

Que a terra che sexa leve, Emilio!

20250526-Pasamento-Emilio-Cao

O Festival do Pasatempo voltará o próximo 27 e 28 de xuño ao Parque do Pasatempo de Betanzos


O CARTEL DESTA NOVA EDICIÓN DESVELARASE O PRÓXIMO MARTES 27

Un ano máis, o Parque do Pasatempo de Betanzos encherase da mellor música en directo coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. A organización ten listo xa o cartel deste ano, que verá a luz o próximo martes 27 ás 12:00h, con artistas de renome que levarán os seus espectáculos completos á vila betanceira. Tras a volta á actividade, a última edición do festival pechou cos concertos de artistas da talla de Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus, volvendo a poñer ao Parque do Pasatempo no mapa da mellor música en directo. 

O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. 

O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia  Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos. 

Elefante Elegante reflexiona sobre a industria ‘fast fashion’ en ‘Alta Costura’, que se estreará nas Pontes este sábado 24

  • Alta Costura é unha peza de linguaxe xestual sobre a industria téxtil que pon o foco no noso actual consumo de roupa 
  • O Auditorio do Cine Alovi das Pontes acollerá este 24 de maio, ás 20 horas, a última creación da compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro 
  • As entradas para a estrea de Alta Costura están á venda en aspontes.sacatuentrada.es 


Esta mañá os medios tiveron a oportunidade de descubrir un adianto de Alta Costura, a última creación da compañía Elefante Elegante que reflexiona, cunha linguaxe xestual, irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo. A presentación tivo lugar a poucos días da estrea absoluta prevista para este sábado 24 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio do Cine Alovi das Pontes

O acto contou coa participación dos directores da compañía, María Torres e Gonçalo Guerreiro, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia; Lorena Tenreiro, concelleira-delegada especial da Área de Cultura, Xuventude, Innovación e Novas Tecnolóxicas do Concello das Pontes; e Penélope López e Cristina Pardo, concelleira de Cultura e primeira tenente de alcalde do Concello de Culleredo, respectivamente. Canda eles estivo presente tamén o elenco da obra. 

Na súa intervención, Lorena Tenreiro convidou “á cidadanía a non perder a estrea” e agradeceu “a presenza e o traballo dunha compañía coa traxectoria de Elefante Elegante no Cine Alovi”. Pola súa banda, Penélope López eloxiou “o bo facer da compañía e o seu compromiso con temáticas de interese social” cualificando de “honra e luxo” para o Concello de Culleredo o feito de ser residencia  de Elefante Elegante “pola calidade artística e persoal do equipo”. 

Xacobo Sutil aproveitou a súa quenda para gabar o compromiso dos concellos de Culleredo e As Pontes coa cultura e o teatro e salientou o labor de Elefante Elegante que cultiva “un teatro sempre con mensaxe e coa misión de crear espectadores con visión crítica”. Compañías como Elefante Elegante “con calidade, capacidade e traxectoria son un valor e encaixan á perfección nas axudas para a creación escénica promovidas por Agadic”. E rematou animando á veciñanza a “encher este precioso teatro na primeira función para ter a magnifica acollida que ben se merece a proposta”. 

As palabras de María Torres e Gonçalo Guerreiro puxeron o foco na industria téxtil que describiron como “o elefante na sala”, lamentando que quizais Alta Costura “chegue demasiado tarde tal e como está o planeta”. Para ambos os dous, os actuais mecanismos de consumo son “un material fascinante para a creación de imáxenes” que usaron nesta “proposta irónica que fuxe da amargura e que combina poesía e comicidade para animar, sen xulgar, a unha reflexión necesaria a nivel, sobre todo, occidental”. 

SOBRE O ESPECTÁCULO 

Alta Costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes. 

A peza, baixo a dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa. Alta Costura está coproducida polo Concello de Culleredo e conta cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello das Pontes. As entradas para a estrea deste sábado 24 de maio están dispoñibles en: aspontes.sacatuentrada.es

SOBRE A COMPAÑÍA 

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.  

A compañía, que este ano celebra 25 anos de actividade, foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro en Bélxica, onde permanecería ata 2007, data da súa instalación en Galicia. Na actualidade, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo, na Coruña, onde é compañía residente. As súas obras xa percorreron boa parte da xeografía española e tamén escenarios de Italia, Portugal, Alemaña e Colombia. Elefante Elegante atesoura varios premios María Casares, sendo o máis recente o recibido no 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

FOTO ADXUNTA | De esquerda a dereita: Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Gonçalo Guerreiro, María Torres, Jacobo Sutil, Lorena Tenreiro, Penélope López, Cristina Pardo e Pablo Sánchez [Foto: Vane Rábade]

ESTREA DE ‘ALTA COSTURA’, DE ELEFANTE ELEGANTE 

MÁIS INFORMACIÓN | www.elefanteelegante.net 


20250522-NP-Elefante-Elegante-estrea-Alta-Costura-nas-Pontes