A sétima edición de Camiño Escena Norte presenta unha decena de espectáculos de teatro, danza e circo en dez localidades de Galicia

O proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas celebrarase simultaneamente do 12 de setembro ao 26 de outubro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa

Arzúa, Carballo, Foz, Negreira, Lugo, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba e Vimianzo acollerán as 10 funcións de teatro, circo e danza que presentarán as compañías La Roca Producciones e Zigzag Danza (Asturias), El Tejo Producciones (Cantabria), NiMú (Euskadi), Led Silhouette (Navarra) e El Perro Azul (A Rioxa)

A sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte achegará dez espectaculos de danza, teatro e circo a outras tantas localidades de Galicia. A programación, que decorrerá do 12 de setembro ao 26 de outubro e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), presentará pezas para públicos de todas as idades de compañías orixinarias de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, territorio que se incorpora á iniciativa neste 2025.

A programación, dada a coñecer esta mañá na Praza do Obradoiro, presentará un total de dez funcións en Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba, Vimianzo e Negreira, que se estrea como sede do programa. Baixo o lema Sementar, coidar, xermolar, a sétima edición de CEN achegará até distintos escenarios e públicos os traballos de compañías que forman parte deste programa de intercambio, no que Galicia tamén exportará o seu talento aos demais territorios a través de Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía., quen representou esta mañá un anaco do seu Multiperspectivas#3.

Así, Camiño Escena Norte levará un total de 18 espectáculos polas 60 sedes que formarán parte do seu itinerario de exhibicion, nomeado Constelacións. Trátase dunha programación itinerante de artes escénicas de corte xeralista na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil e adolescente coma adulto; producións de teatro de texto, novo circo, danza e artes do movemento, creacion contemporánea, espectáculos didácticos e experiencias site-specific. No caso de Galicia, os seus escenarios contarán coa visita de seis compañias: La Roca Producciones e Zigzag Danza (Asturias), El Tejo Producciones (Cantabria), NiMú (Euskadi), Led Silhouette (Navarra) e El Perro Azul (A Rioxa).

Este Itinerario Constelacións comezará, como é habitual, na cidade de Santiago de Compostela. A primeira cita será o venres 12 de setembro na Praza da Quintana e chegará da man de Pausa, unha proposta circense para todos os públicos da compañía vasca NiMú, e que se volverá representar o 26 de setembro en Carballo, no marco do FIOT; festival co cal CEN desenvolve unha estreita colaboración desde hai anos a través do proxecto Vieiros (para a promoción de eventos escénicos fóra do seu territorio).

A partir do vindeiro día día 12, as compañías xirarán polas provincias da Coruña e Lugo. É así como a rioxana El perro azul visitará Foz e Negreira -nova sede deste ano- co seu Globe Story (teatro para todos os públicos), a cántabra El Tejo Producciones presentará El jardín de las posibilidades en Vimianzo (público adulto), os navarros Led Silhouette bailarán Halley en Lugo ou mesmo a asturiana Zig Zag Danza dará a coñecer Postales Rotas en Ribadeo. De Asturias tamén chega Zozobra, unha coprodución teatral de La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo, dirixida a público adolescente e adulto, que se poderá ver en Arzúa, Vilalba e Outes.

CAMIÑO EXPANDIDO

Xunto ao Itinerario Constelacións convive o programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade fóra do circuíto de funcións. Unha das novidades deste ano é FOCOS, que se estrea en Cantabria, e que conterá un coidado programa de actividades, desde accións de promoción do sector escénico cántabro até o Encontro Habitación Peregrina PRO -o encontro profesional que se desenvolveu en Lugo desde 2020 e que, desde este 2025, pasa a ser itinerante-, que terá lugar no Palacio de Festivais de Cantabria do 16 ao 18 de setembro.

Na sétima edición percórrense tamén máis Vieiros, a iniciativa enmarcada no Camiño Expandido e que une ao CEN con distintos proxectos culturais dos territorios co obxectivo de dar forza e contexto ao programa, ademais de proxectar fóra da comunidade os proxectos locais. Nesta ocasión, traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT); Rincones y Recovecos e Danza Xixón (Asturias); o programa Movimiento en Red Cantabria; Bideart Zigoitia (Euskadi), e Festival Mute e o Festival Iberoamericano de Teatro da Rioxa (FITLO), ambos na Rioxa.

No 2025 mantéñense actividades como talleres, coloquios e encontros co público. A iniciativa Mirando as constelacións -mapeo das sedes nas que haberá actividade de CEN- e o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte -selección de 36 producións (seis por comunidade) que serve de promoción e apoio para a distribución fóra do ámbito do proxecto- redondean a oferta de CEN en 2025.

CAMIÑO ESCENA NORTE

Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN onta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.



PROGRAMACIÓN CAMIÑO ESCENA NORTE EN GALICIA 2025


12.09, ás 19.00h | Santiago de Compostela
Praza da Quintana (en caso de choiva, Casa das Máquinas)
Pausa, de niMú (Euskadi)
Circo. Todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.

13.09, ás 20.00h | Foz
Praza Conde de Fontao (en caso de choiva, Sala Bahía)
Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)
Teatro. Todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.

19.09, ás 20.00h | Arzúa
Xardín Casa de Correos (en caso de choiva, Capela da Madanela)
Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
Teatro. Público adulto e adolescente. Entrada libre ata completar capacidade.

21.09, ás 20.00h | Vilalba
Auditorio Municipal Carmen Estevez
Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
Teatro. Público adulto e adolescente. Entrada libre ata completar capacidade.

26.09, ás 18.00h | Carballo
Praza Cruz Vermella (en caso de choiva, Mercado Municipal)
Pausa, de niMú  (Euskadi) – Actuación enmarcada no programa VIEIROS
Circo. Todos os públicos. Venda de entradas na web do FIOT www.fiot.gal (5€)

02.10, ás 20.00h | Lugo
Auditorio Municipal Gustavo Freire
Halley, de Led Silhouette (Navarra)
Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: www.entradaslugo.es

17.10, 20.30h | Negreira
Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón
Globe Story, de El perro azul (A Rioxa) 
Teatro. Todos os públicos. Venda de entradas: www.woutick.es (3€)

19.10, ás 20.00h | Outes
Auditorio Casa da Cultura
Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
Teatro. Público adulto e adolescente. Venda de entradas: www.bandoticket.com (5€ *)
*Bono para todas as actividades do trimestre a prezo reducido (30% sobre o total)

25.10, ás 20.30h | Vimianzo
Auditorio Municipal.
El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria)
Teatro. Público adulto. Venda de entradas en www.woutick.es (5€ / reducido: 2,5€)

26.10, 20.00h | Ribadeo
Auditorio Municipal Hernán Naval
Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias)
Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio (3€)

20250905-NP-CEN-2025

O espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza ‘Un baile ceibe’ protagoniza este xoves a presentación da programación do 34º Festival Internacional Outono de Teatro

A función, protagonizada por Aída Tarrío (Tanxugueriras), Martín Mondragón (Mondra), Cristina Canosa e Fran Sieira, poderá verse mañá xoves, 4 de setembro, a partir das 19.30 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, presentará mañá xoves, 4 de setembro, a programación completa da súa 34ª edición. A cita será a partir das 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e contará coa participación Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte; Luciano Calvo, presidente da Fundación Luis Calvo Sanz; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega Industrias Culturais (AGADIC); Maruxa Suárez, concelleira de Cultura do Concello de Carballo; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; José López, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia; e Evencio Ferrero, alcalde do Concello de Carballo, que estarán acompañados por socios de Telón e Aparte, voluntarios do FIOT, entidades colaboradoras, produtoras, compañías e artistas participantes, grupos socioculturais de Carballo, prensa e outros convidados. 

O acto está aberto a todos os públicos que desexen sumarse, xa que, como novidade neste 2025, o espectáculo Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza, poderá verse no Pazo da Cultura de Carballo durante o acto de presentación do #FIOT34, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. A peza está protagonizada por Aída Tarrío (Tanxugueriras), Martín Mondragón (Mondra), Cristina Caonosa e Fran Sieira.

Este acto é o primeiro encontro do FIOT neste 2025 cos espectadores, cos socios de Telón e Aparte, co voluntariado do festival e coas institucións e entidades colaboradoras para presentarlles directamente a nosa 34ª edición. Visibilizando o lema desta edición, a raíz como forza conformadora da nosa identidade propia e colectiva, a relevancia da memoria e do noso patrimonio como nutrientes esenciais que fundamentan o noso futuro, contaremos cun espectáculo en directo dunha das compañías galegas de danza máis interesantes do momento, Fran Sieira Compañía de Danza.

Na aposta do festival polo apoio e a visibilización do talento local a través da apertura a proxectos participativos,  acompañarán á compañía no escenario unha vintena de bailadoras de grupos de entidades culturais de Carballo, membros de grupos de grupos de Baile tradicional da Asociacións Nemeth e do Alprende, que asistiron a un obradoiro previo impartido polo coreógrafo. 

SOBRE O ESPECTÁCULO

Un baile ceibe é unha peza coreográfica para espazos non convencionais de 25 minutos de duración, con dirección artística de Fran Sieira  e Sergio R. Suárez. Executada por catro intérpretes, conta con música de MounQup (Camille Hedouin), a partir de cancións de Carlos Quintá, e coa colaboración de Úrsula Rial. O vestiario é de Vestuario de Érica Oubiña, cunha colaboración especial de Eferro. Na súa posta en escena na presentación do FIOT34, participarán, tamén, bailadoras de Carballo.

Un baile ceibe traballa sobre o xénero e as súas maneiras de operar en diferentes ámbitos da cotianidade, incluíndo, por suposto, unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional galego. Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. A peza peflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente, para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes, cara á disidencia, para, desde aí, propoñer e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Asimesmo, Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas, para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos, e así poder abordar o tema desde unha perspectiva feminista e en relación coas cuestións LGTBIQ+.

Fran Sieira é un bailador de longa traxectoria no ámbito tradicional e tamén graduado en danza contemporánea. Fundamenta o seu traballo nunha revisión do tradicional desde un marco contemporáneo, creando unha linguaxe de vangarda. A través da creación colectiva, achega proxectos artísticos con vocación social.

CONVOCATORIA DE PRENSA

PRESENTACIÓN OFICIAL DO 34º FIOT
Xoves, 4 de setembro, ás 19.30 horas,
no Pazo da Cultura de Carballo


ACTO ABERTO AO PÚBLICO
Coa representación especial da función Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza
ENTRADA LIBRE PARA TODOS OS PÚBLICOS ATA COMPLETAR A CAPACIDADE DA SALA 

2024.09.03.RP-Presentacion-FIOT34

A canción do verán chega o 5 de setembro: De Ninghures e Ortiga publican RosaLinda este venres

A canción do verán chega en setembro. Da mixtión entre as raíñas das feiras e o rei das verbenas agroma unha peza bailable, luminosa e que zumega a calidez das noites estivais. Chega RosaLinda, a primeira colaboración que De Ninghures e Ortiga gravan no estudio e na que o amor fía e reborda cada compás.

O novo tema, no que non faltarán os elementos máis recoñecibles dos dous proxectos musicais, estará dispoñible a partir das 00.00 horas deste venres, 5 de setembro, nas principais plataformas dixitais. A canción, ademais, acompañarase dun vídeoclip dirixido por Lorenzo Negueruela, creador que traballa habitualmente coas dúas formacións, e que se poderá ver na canle de Youtube de De Ninghures.

 DE NINGHURES

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. 

En 2022 a banda publicou Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar-, De Ninghures lanza en febreiro de 2025 Feira, un disco no que a formación traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual e presentar unha Feira do século XXI. 

Pregarda RosaLindahttps://links.altafonte.com/rosalinda-deninghures-ortiga 

20250903-NP-De-Ninghures-Ortiga-_-ROSALINDA

Actos da Cultura Chairega: Homenaxe a Manuel María no seu XXI cabodano

Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os ACTOS DA CULTURA CHAIREGA, en homenaxe a MANUEL MARÍA, coincidindo neste 2025 co seu XXI CABODANO.

PROGRAMA

·       DOMINGO 7 DE SETEMBRO – ÁS 11:30 HORAS

NO ESPAZO MANUEL MARÍA (Entrada de balde).

Terá lugar unha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego.

O apartado musical correrá a cargo de CARLOS GÓMEZ OSA.

·       SÁBADO 13 DE SETEMBRO – ÁS 20:00 HORAS

NO AUDITORIO MUNICIPAL (Entrada de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba)

Terá lugar lugar o concerto de CRIS ROMÁN.

NOTA_INFORMATIVA_CULTURA-CHAIREGA25

O PSICOTROITA celebra a súa décima edición con dous días de música e gastronomía en Sigüeiro

Lisasinson, The Homens, Rata Negra, Playa Nudista, The High Learys, Naitinain e Pidechas o corpo o sábado e De Ninghures e Orquesta Neverloura o domingo completan o cartel do festival que se celebra os vindeiros 27 e 28 de setembro en Sigüeiro.

O de Oroso é un festival con estilo. Con personalidade. Ano tras ano o Psicotroita fai a súa maxia e mestura artistas de aquí e de acolá para ofrecernos o seu cóctel particular. Un que sabe guitarreiro, a garaxe, a power pop, a rock&roll, a psicodelia, a sofás de herba seca, á agulla do vinilo. O que ten de vintage, que algo ten, tamén o ten de presente e de futuro. Este ano celebra décimo aniversario e faino expandido datas, dous días, e contidos.

O festival comezará o sábado 27 e será esta a xornada na que poidamos ver de novo aos número un do power pop galego, The Homens. Un concerto reunión que fai do de Oroso un escenario único que compartirán con grupos emerxentes do noso pop rock como Naitinain. O punki-pop luminoso das valencianas Lisasinson, a mordacidade dos madrileños Rata Negra, a psicodelia garaxeira dos australianos The High Learys, as vibracións surfeiras e sesenteras das arxentinas Playa Nudista e a sesión de picadiscos de Pídechas o corpo completan o cartel do día grande do Psicotroita.

Para o domingo 28 a cita de Oroso propónnos unha sesión vermú expandida e desenfadada na que poderemos bailar coa Feira dun dos grupos do momento, De Ninghures e co divertido espectáculo dos vigueses Orquesta Neverloura. Dous días de música e gastronomía para festexar estes dez anos dun festival que destaca polo seu estilo pero tamén polo seu carácter familiar e pola comodidade da súa ubicación nun espazo verde e aberto como é a Area Recreativa do Paseo do Carboeiro. Como cada ano, contará con postos de comida populares, con menús vegano ou sen glute, e con zonas para sentar a xantar á sombra sen ter que perder de vista o escenario.

O Psicotroita 2025 está patrocinado polo Concello de Oroso, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta co apoio de Deleite – a marca de Leite Noso que ano tras ano continúa a súa aposta pola cultura galega – de Vibra Mahou – a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que impulsa experiencias cinco estrelas en torno ao directo – e das Bodegas Lodeiros. A cita que medra e fideliza público dende 2012 ofrecendo singularidade e personalidade, o festival co que comezar ben o outono, é de balde e celébrase a partir da unha da tarde os vinderios 27 e 28 de setembro, en Sigüeiro.

Presentación do programa completo do 34º Festival Internacional Outono de Teatro

Como novidade neste 2025, o espectáculo ‘Un baile ceibe’, de Fran Sieira Compañía de Danza, poderá verse no Pazo da Cultura de Carballo este xoves, 4 de setembro, a partir 19.30h, durante o acto de presentación do #FIOT34, con entrada libre para todos os públicos ata completar a capacidade da sala

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, presentará o vindeiro xoves, 4 de setembro, a programación completa da súa 34ª edición. A cita será a partir das 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e contará coa participación dos representantes do Concello de Carballo, a dirección do festival e as entidades patrocinadoras (Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Fundación Luis Calvo Sanz), que estarán acompañados por socios de Telón e Aparte, compañías e artistas participantes, prensa e convidados. O acto está aberto a todos os públicos que desexen sumarse, xa que, como novidade neste 2025, o espectáculo Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza, poderá verse no Pazo da Cultura de Carballo durante o acto de presentación do #FIOT34, con entrada libre ata completar a capacidade da sala, este xoves, 4 de setembro, a partir das 19.30h.


Prégase confirmación de asistencia.

 CONVOCATORIA DE PRENSA
DATA: 
venres 6 de setembro
HORA: 19.30 horas
LUGAR: Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (rúa do Pan, s/n)
ACTO: Presentación da 34ª edición do FIOT de Carballo e o seu programa completo
Coa representación especial da función Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza
ENTRADA LIBRE PARA TODOS OS PÚBLICOS ATA COMPLETAR A CAPACIDADE DA SALA 


SOBRE O ESPECTÁCULO

Un baile ceibe é unha peza coreográfica para espazos non convencionais de 25 minutos de duración, con dirección artística de Fran Sieira  e Sergio R. Suárez. Executada por catro intérpretes, conta con música de MounQup (Camille Hedouin), a partir de cancións de Carlos Quintá, e coa colaboración de Úrsula Rial. O vestiario é de Vestuario de Érica Oubiña, cunha colaboración especial de Eferro. 

Un baile ceibe traballa sobre o xénero e as súas maneiras de operar en diferentes ámbitos da cotianidade, incluíndo, por suposto, unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional galego. Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. A peza peflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente, para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes, cara á disidencia, para, desde aí, propoñer e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Asimesmo, Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas, para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos, e así poder abordar o tema desde unha perspectiva feminista e en relación coas cuestións LGTBIQ+.

Con esta presentación, O #FIOT34 da un paso máis na súa posta en valor da raíz, a súa apertura aos proxectos participativos –coa organización dun obradoiro previo impartido pola compañía de Fran Sieira con bailadores e bailadoras da zona de Carballo, que participarán, tamén, nesta presentación do xoves 4 de setembro no Pazo da Cultura- e a súa aposta pola apoio e a visibilización do talento galego. 

MÁIS INFORMACIÓN

ww.fiot.gal 

2024.08.29.Convo-RP-presentacion-FIOT34