Concerto de LIDEIRA este sábado, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María

CONCERTO DE LIDEIRA ESTE SÁBADO, ÁS 20 HORAS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

LIDEIRA, está formado por Gabi Reboredo (voz e percusión), Sara Méndez (saxofón soprano) e Lois Prado (saxofón tenor).

Unha proposta cun son moi persoal das nosas músicas de tradición oral. Son procurado a través da mestura de instrumentos de vento, percusións de man, voz e outras fantasías.

Para asistir ao concerto deste sábado é necesario reservar (billete 5 euros en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621)

Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=Ro2Uix29Zkw

Ciclo 1/2 HORA DE POESÍA con Martiño Maseda n’A Despensa do Saa

Este vindeiro sábado 29 de novembro terá lugar un novo recital dentro do Ciclo 1/2 HORA DE POESÍA que se vén celebrando na taberna cultural A Despensa do Saa de Lugo. Baixo o lema Poesía contra a barbarie, esta nova sesión poética contará coa participación do poeta chairego Martiño Maseda, que estará acompañado pola tamén poeta e escritora Beatriz Dourado, encargada da presentación do autor nado na parroquia vilalbesa de Xoibán.

Esta iniciativa cultural, que comezou a finais do 2024, está promovida polo escritor Manuel Vázquez e polo propietario e activista cultural Xosé Manuel Saa Vázquez. Desde que botou a andar xa pasaron pola Despensa do Saa as voces literarias ou artísticas de Marica Campo, Luís Valle, Xulio Pardo de Neyra, Ánxela Gracián, Xulio López Valcárcel, Nieves Neira Roca, Toño Núñez, Xesús Trashorras, Diana Varela Puñal, Christian Villamide… ou a da propia Beatriz Dourado.

Ademais deste ciclo de recitais poéticos, na Despensa do Saa tamén se celebran presentacións de libros, coloquios ou conferencias, sen esquecer o acompañamento musical en moitas desas actividades culturais que acolle o local lucense.

Abraham Pérez gaña o VIII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA coa obra CHERNÓBIL REVIVAL

A obra CORPO DA PALABRA, de Rafael Catoira, foi recoñecida cun accésit

No mediodía deste sábado tivo lugar a entrega de premios do VIII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino. Este certame é convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.

O xurado desta edición, integrado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, aos que acompañaba Martiño Maseda, con voz mais sen voto, reuniuse para deliberar e dar a coñecer o resultado de dita deliberación. Así acordaron conceder os seguintes galardóns:

1º Premio á obra Chernóbil revival, cuxa autoría corresponde a Abraham Pérez, que recibe 1.500 € e mais a edición da obra.

Accésit á obra Corpo da palabra, da que resultou autor Rafael Catoira, consistente na publicación de dita obra.

De Chernóbil revival o xurado salientou o seu propósito compositivo, onde destaca a estrutura en prosa poética alternando con outra estrutura versal máis clásica, e coa intencionalidade de brincar pontes entre espazos interiores e exteriores, nun xogo continuo de vibrantes imaxes, como un tránsito por lenzos abstractos de poesía, que desembocan nun corpus de reivindicación existencialista fronte ao cataclismo que se precipita sobre o tempo da vida.

Pérez, que xa acadara neste mesmo certame poético un accésit coa obra unha teoría para os espectros, afirmou que con Chernóbil revival pechaba o que el dera en chamar a pentaloxía do óxido, conformada polos textos das dúas obras anteriormente citadas e polos de Fragmento / Creba, toxicidade e O corpo transparente das horas. Tamén cabe referenciar que forma parte do grupo poético Lupercais.

De Corpo da palabra o xurado apuntou como, partindo dunha estrutura compositiva máis clásica có poemario anterior, supón un reclamo emocional da linguaxe, da palabra na súa esencia máis íntima, para servir de expresión configuradora dunha realidade que nos viste e nos afecta. Unha exaltación do ser a través do gume afiado da palabra que o rabuña e define.

O vindeiro 13 de decembro, no Museo das Aves de Cospeito, celebrarase a presentación das obras de Fran Fernández Dávila e Amauta Castro,

e A vasteza do nó, respectivamente, premiadas na 7ª edición do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA.

Presentación do libro O VIOLÍN QUE TRAE O VENTO, de Adrián Méndez, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro O VIOLÍN QUE TRAE O VENTO, de Adrián Méndezcoa actuación musical a cargo do grupo AS CEGAS DE OUSELLE

O acto é posible grazas a financiación e patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O evento terá lugar o vindeiro venres 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, xunto á exposición Retratos, de Pedro Cabarcos.

NOTA-INFORMATIVA-O-VIOLIN-QUE-TRAE-O-VENTO

Familia Caamagno presentará novo disco e espectáculo ao vivo no 2026

  • A banda de Sigüeiro, que navega desde os confíns do garaxe até o power pop e o rock&roll máis delicado, celebrará no 2026 unha ducia de anos de concertos catárticos e himnos poderosos, coma ‘Romper Espagna’, ‘Surfistas nazis’ ou ‘Castromil’, entre outros moitos
  • O quinteto publicará o 27 de novembro ‘De paseo en Portugal’, o primeiro avance do seu novo LP, producido por Raúl Pérez (La Mina)

Hoxe non é outro día máis. Familia Caamagno, o quinteto co directo máis divertido e poderoso da escena galega, regresará aos escenarios a principios de 2026. No mes de xaneiro, o grupo presentará un novo disco producido por Raúl Pérez, do estudio granadino La Mina, coñecido por ser o espazo no que gravan as bandas de pop e rock máis coñecidas a nivel estatal, e que vén de ser galardoado polas súas mesturas nos Latin Grammy.

O primeiro avance da esperada volta da Familia Caamagno logo do seu exitoso álbum ‘O mundo está derrotado’ (2024, Tremendo Audiovisual)  titúlase ‘De paseo en Portugal’. Este sinxelo, o primeiro dos tres que o público poderá escoitar paseniño antes do lanzamento do novo LP,  estará dispoñible a partir do 27 de novembro nas principais plataformas dixitais e contará cun vídeo de animación dirixido por Xaime Miranda. Un tema pop, cun estribillo luminoso e catártico, que dá boa conta de todo o que virá desde o comezo de 2026.


SINXELO ‘DE PASEO EN PORTUGAL’ , DE FAMILIA CAAMAGNO 

Lanzamento: 27 de novembro de 2025
Enlace de pregarda: https://orcd.co/familiacaamagno_paseoportugal

20251120-Familia-Caamagno-novo-disco-2026

O dúo Clo Plas inaugura mañá as gravacións abertas ao público sobre vinilos de cerámica do selo musical ANALOGIK DREAMS

  • O espazo vigués Río Lagares (Falperra, 16) abre as súas portas ás 20.00 horas deste xoves, 20 de novembro, para acoller esta experiencia pioneira impulsada por Sinsalaudio e que conta coa financiación do Ministerio de Cultura
  • ANALOGIK DREAMS conxuga experimentación, tecnoloxía analóxica e traballo artesán a través de gravacións únicas que contan coa participación do musicólogo Aleksander Kolkowski e da ceramista Olalla Lojo (Misoco Designs), que desenvolven estas semanas unha residencia artística en Río Lagares

O selo musical analóxico ANALOGIK DREAMS celebrará mañá, xoves 20, a primeira das tres gravacións en directo de pezas musicais en vinilo e discos de cerámica reproducibles. Trátase dunha experiencia pioneira que une experimentación, tecnoloxía analóxica, música ao vivo e traballo artesán; unha proposta inusual que contará coa colaboración de tres proxectos musicais do país: Clo Plas, Os Lindes e Carme López.

ANALOGIK DREAMS é un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura. O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. 

Da man do musicólogo Aleksander Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro. 

O proceso arrancará mañá, xoves 20 de novembro, coa gravación directa en vinilo con bandas do país. Neste caso será co dúo Clo Plas, conformado por Xiana Arias e Berio Molina. Trátase dun proxecto artístico que explora a oralidade da montaña de Lugo (concretamente da zona da Fonsagrada) con música experimental e midi. A sesión, que comezará ás 20.00 horas, será de entrada libre ata completar a capacidade do espazo en Río Lagares.

Estas gravacións levaranse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar pezas únicas e limitadas. En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunhaplataforma dixital.



ANALOGIK DREAMS

Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica

Do luns 17  ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde.
Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)

Gravacións abertas ao público*

– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS

– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES
– Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ
* Entrada libre ata completar capacidade

20251119-Clo-Plas-en-ANALOGIK-DREAMS