HENKO

Miguel Díaz

Título: VOITRES

A man que procura e se sabe non querida, que estendida é ignorada, sinala lugares aos que nunca regresarei. Perdín as chaves de todas as portas que atopei. Encontro chaves que non abren nada. Anícome nunha habitación coas cortinas rachadas. En cantos espazos simplemente me dilúo. En cantos momentos sinxelamente me esfumo. A carón de recordos en min latexantes percorro un camiño que me borra. Non teño nome mentres outros atopan o final do carreiro. Non teño can e ladran os baleiros da memoria.

Teño un túmulo que me sobra. Facede de min comida de voitres e voade, se podedes. Facede de min cinza e esparexédeme. Roxe o espazo que ocupo erroneamente. Nada teño, nada contemplo. Remexidas letras descompoñen o presente. Laia, renxe o momento. Non quero pronunciar nada que non me pronuncie. Sostéñome en pé ante a tormenta, sen motivos. Á espera, agardando que poida abrollar, se cabe, un ramo de palabras.

Quero pronuncialo pero agárrase. Non na gorxa, máis adentro. Algo corrosivo se non consigo verbalizalo. Vén afiado o ignoto. Fire, engurra, reduce. Levo tempo sen falarche. A man que estendo é un trazo esvaído. Un baile mínimo perdido no espazo. Quero abrir un camiño. Quero abrir un rego. Pero non teño coles, non teño esterco, non teño fouce. Non teño nada se calo. Non na gorxa, máis adentro, teño ancorada unha chamada que sinto inútil e que aínda así intento desprender.