O colectivo Disiden.Cia inicia a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ en Ponteareas da man de RPM, no marco da Residencia de Artes e Pensamento Artistea

Desde este luns 3 e até o xoves 20 de agosto, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas por RPM, o colectivo navarro-galego formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez traballará na súa proposta Botar de menos o futuro

Botar de menos o futuro cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos

Unha vez finalizada a súa residencia, Disiden.Cia ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en Artistea, na praza Maior de Ponteareas, o mesmo xoves, 20 de agosto, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo

Paralelamente, o colectivo participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O colectivo Disiden.Cia inicia este luns, 3 de agosto, en Ponteareas, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Así, a Residencia de Artes e Pensamento Artistea acolle, até o xoves 20 de agosto, a sétima destas residencias artísticas de 2026, en torno á proposta do tándem artístico navarro-galego formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, que ten por título Botar de menos o futuro.

O proxecto cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, o colectivo ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en Artistea, na praza Maior de Ponteareas, o mesmo xoves, 20 de agosto, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. 

Paralelamente, Disiden.cia participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE O PROXECTO

É posible botar de menos o futuro? A falta de emancipación na nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos?

Este proxecto é unha investigación de Disiden.Cia, que parte dunha sensación compartida de desorientación, incerteza, esgotamento e de non pertenza, situando a outredade e o “alien” no centro da súa procura. Desde a necesidade de deter a produción constante, o proxecto quere profundar nunha práctica artística propia e unha linguaxe escénica como compañía.

Disiden.Cia navega en corpos híbridos, andróxinos e “alienados”, coas influencias do futurismo de finais do século XX, pero nun momento que difire moito da proxección de futuro que tiñan nesas décadas, observando agora o colapso contemporáneo.

Botar de menos o futuro cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos entendendo o “alien” non como exclusión, se non como potencia creativa, absurda e lugar de encontro.

SOBRE O COLECTIVO DISIDEN.CIA

Disiden.Cia é unha colectivo metade navarro, metade galego, formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, dúas bailarinas de Pamplona e Vigo, respectivamente. Coincidiron en formación en danza contemporánea na Faktoria Choreographic Center.

Veñen de xirar o seu primeiro espectáculo Bipedestrución, apoiado polo Gobierno de Navarra e a Fundación Baluarte, dentro do DNA2023, sendo seleccionadas pola Rede de Teatros Alternativos 2025, Circuito Sendaberri 2025, a MIT de Ribadavia 2025 e a VI Feira Ibérica de Teatro Fundão 2025 cunha mención de honra: “ao talento emerxente, cun espectáculo arriscado e disruptivo nunha feira de teatro. Un espectáculo que pon en valor a diversidade, tratados dunha forma moi especial e delicada”. 

Disiden.Cia traballa a cabalo entre a práctica escénica e a mediación de públicos, incorporando e aplicando diferentes proxectos para distintos grupos de idades.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc. 

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. 

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2026.08.03.-NP-Residencia-Paraiso-Ponteareas