DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “ No xardín da noite”

DEMIURXIA, No xardín da noite

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

NO XARDÍN DA NOITE

Toda boa demiurga ten que saber facer moitas cousas, porque para iso adquirimos motricidade fina, e intelecto, imaxinación e unha sorte marabillosa de sentidos cos que aprehender o mundo.

Na casa da avoa o primeiro era aprender a facelo todo, dende ben cativas, pero nesa pleura que recobre o cerebro quedan algunhas sensacións a lume. É pechar os ollos, apuntar cun dedo ao calendario, saber que é mes de xuño, que é día 23 e o corpo enteiro baila un savoir fare antergo. Deixar que o naris nos leve aos camiños xa mil veces paseados, transitar as corredoiras e nomear o mundo coma cando tiñamos cinco anos, da man da avoa, co mandil a cadros, aquel no que gardaba unha presadiña de caramelos, ou de pasas. Como me gustaban as pasas. 

Na man un cestiño de vime pequeno, con asa, e unha navalla. Si, as nenas de aldea sempre levamos unha navalla no peto, dende cativas, nunca nos mancamos con ela e sobrevivimos.

Deixar medrar nos beizos o nome das flores da noite do San Xoán. Porque é a noite máis festeira e meiga das que hai en todo o ano, consagrada máis que o propio santo, pois non houbo cristianismo que lle sacase as cores, ou a ledicia.

Olliños de noso señor, herba de Santa María, malva de olor, romeu, hipérico, fiuncho, follas de limoeiro, rosas, herba luísa, a cuestión é que sempre nos pasábamos de plantas, tiñamos que ter sete, pero o monllo medraba e mentres fose impar, todo ía en orde. O ritual era como un pedir permiso para poder cortar unha ramiña, acariñando na planta, e deixando as mans impregnadas da súa saiba, recender os camiños perfumados que quedaban entre os dedos e nos que se nos pegaban os soños e os sorrisos.

Coller unha almofía de porcelana esmaltada, ou un caldeiro de zinc e ir por auga á fonte, porque é máis pura que a da billa, ou iso di a avoa. 

Somerxer as flores coa impaciencia de quen agarda pola mañá de reis, e un dente de allo, sen estonar, para que non veña o demo facer das súas, porque unha cousa é ser meiga e non andar nos pasos dos santos, pero o demo é cousa aparte. 

E así, entre dous mundos, entre o ben e o mal, entre o pagán e o cristián medramos coas meniñas incendiadas de cacharelas, flores e ilusión.

Nunha tarde coma a de hoxe, facede das crianzas demiurgas da tradición, fachendosas da terra que habitan, sementada da herdanza do agarimo dos sentidos.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ERRO

Miguel Díaz, ERRO

Unha mala decisión, un xe no cadrado erróneo, un descoido ao volante… Un intre de desatención e, de súpeto…
Soan campás disonantes e non sabe un a que aterse. O erro, xurdido de puntual distracción, ocupa o momento. O erro. Sempre firme no seu desfile. Sempre abrollando cando non o consideramos, cando obviamos a súa ameaza constante. Cando esquecemos ter presente unha das súas formas.
O erro, que nunca perde a colleita. E nós, que aprendemos do temporal que nola estraga. Que convivimos coa nosa condición de seres que se trabucan e que acertan.
E que volven espreguizar os dedos cando os días se engurran. Porque aínda hoxe, con outra feitura e con miradas de estrea, o milagre segue sendo posible.

Andanzas do Suso de Lameliña. TODA UNHA VIDA NUNS SEGUNDOS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

TODA UNHA VIDA NUNS SEGUNDOS

Ao final descargou e menos mal, pensou Roberto, mentres se erguía da cama onde levaba media tarde tumbado e sen folgos, resistindo a base de auga traída da fonte de Castelo. As elevadas temperaturas, próximas aos 35º, e a humidade relativa do aire por riba do 80%  -falou a señorita, malo, díxose.  A señorita era a voz do higrómetro, que viña de dicir: “ la humedad relativa del aire ha sobrepasado los límites recomendados”, fixeran do día unha xornada insoportable, e máximo para el, que tiña un principio de EPOC; os excesos pasados, preto de dous paquetes de Ducados ao día, pasaban factura.

Pero por fin refrescaba algo e era o momento, agora que o día comezaba a declinar, de dar a volta diaria, recomendada pola doutora Sabela: uns dous quilómetros circulares bordeando a vila. Así que, despois de pasar polo baño e levar auga da billa á cara, que máis ca estarricalo o que lle fixo foi engruñalo aínda un pouco máis, do quente que saía, botouse ao camiño.

Os paxariños, agora cantaban alegremente, mesturándose os seus cantos, que tan ben coñecía. Gorrións, paporroibos, merlos, mesmo algún xílgaro amenizaban o paseo, ao que se sumaba o monótono son dos cantareiros grilos agochados nas silveiras. Aínda ben non levaba cen metros, comezou a sentir unha forte opresión no peito, e iso que agora tocaba baixar. Pode que teña que chamar ao fillo, non sei se serei quen de rematar o percorrido, pensou, e mentres dicía isto, levou a man dereita ao bolso do pantalón por ver se tiña o móbil. Alí estaba o vello aparello, de máis de dez anos, que só utilizaba para facer chamadas. Eu desas trapalladas de Internet, guasaps, feisbu, non quero saber nada, son inventos do demo, opinaba.

A duras penas conseguiu chegar ao Polígono Industrial e alí, nun banco, sentou a descansar. Ao intre veulle á mente a súa aldea, na que agora xa só quedaba o Federico e a Josefa, pero que cando el era neno e mozo, estaban habitadas todas as casas, unha ducia delas con preto de cen veciños. El e Manuela, a muller, viñeran había uns quince anos, despois de xubilarse, para a vila, á casa do fillo. O ano pasado por estas datas morrera Nola, así a chamaba; un día sentiuse mal e en menos dunha semana, alá se foi. Custoulle tempo superalo e aínda hoxe non levaba ben a súa morte.

Coma nun filme, empezou a pasar a súa infancia por diante dos seus ollos: el cos seus pais axudando na sega, na malla (era unha das tarefas que máis lle gustaban, xuntábase toda a vila, era coma unha festa), nas patacas, alindando as vacas, na souta, na matanza…  A escola e aquel mestre, do que prefire esquecer o nome, que o único que lles daba eran paus por calquera motivo, obrigándoos a rezar, a cantar  “El Cara al Sol” ou “Prietas las filas” e a beber aquel leite en po, que non había quen o tragase. Despois viñera outro mestre, D. Anselmo; ese si era bo. Rara vez lles tocaba, tiña que ser por un motivo moi grave. Rezaban o mínimo, coma por compromiso, e contadas veces cantaban himnos patriotas, agás que viñese o inspector. Para cando había visita de Inspección, tíñaos ben adestrados para contestarlle o que o funcionario quería escoitar. A D. Anselmo o único que lle preocupaba era que aprendesen a ler e escribir, facer ben as contas e os problemas e que pensasen por eles. Todo o que sabía era grazas a este mestre, a quen lle estaba moi agradecido, ao igual que os seus compañeiros.

Roberto cada vez se atopaba peor, comezou a sentir unha dor na perna esquerda, pero non lle deu importancia, e seguiu enfrascado nas súas lembranzas. Agora víase a carón do río a onde  ía, na compaña dos amigos nunha tarde calorosa de agosto: os saltóns brincando polo prado, os cabaliños do demo zumbando augas abaixo, o canto das lavandeiras… Que ben o tiñan pasado! E, de pronto, viuse mozo, de merenda na romaría do Carme (cando se lle declarou a Manuela), o día da voda, a noite en que naceu a súa filla sen axuda de ninguén (cando chegou a comadroa, preto das catro da mañá, xa nacera Elena), o nacemento do seu fillo Nicolás, co que agora vivía… A dor da perna, de súpeto, pasou ao brazo, unha dor insoportable. Quixo berrar para pedir axuda pero non puido, acabou por caer do banco no chan. Todo o que viña de lembrar e outros momentos da súa vida volveron pasar pola súa mente, apenas uns segundos, e ficou completamente ríxido, cos ollos abertos coma mirando ao infinito.

Alí estivo, uns quince minutos, ata que chegou por alí Petra e o seu neto e atopárono. Un infarto acabara coa súa vida, un ano e dous días após a morte de Nola.

Suso de Lameliña

Presentación do programa completo da 38ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2022

Presentación do programa completo da 38ª edición da MIT RIBADAVIA 2022

Do 15 ao 24 de xullo, Ribadavia porá no centro a escena máis innovadora, con estreas de espectáculos multidisplinares e de gran formato no Castelo, íntimos na Igrexa da Madalena e máis festivos en sete diferentes localizacións nas rúas da fermosa paisaxe do Ribeiro.

Un coherente programa en dez días, con tres coproducións, 21 actuacións, entre as que destacan a estrea e presentación en Galicia do traballo de artistas internacionais de Perú, Portugal, México ou Mozambique, como a prestixiosa directora Chela de Ferrari ou a compañía portuguesa Nome Próprio (con Victor Hugo Pontes e Joana Craveiro).

Por primeira vez en Galicia tamén poderemos ter no festival da teatral vila de Ribadavia os cataláns Xavier Bobés e a compañía La Calòrica ou un dos espectáculos revelación da temporada, La infamia, a partir das memorias da periodista mexicana Lydia Cacho, valente e comprometida activista que loitou contra a violación dos Dereitos Humanos nun país onde exercer o xornalismo de investigación e pelexar contra a corrupción supón unha actividade de alto risco.

A edición de 2022, ademais de recuperación da plena dimensión internacional, tamén concede importancia á dramaturxia galega actual, con traballos dos máis destacados autores e autoras de teatro, coma Esther Carrodeguas ou Ernesto Is. Carrodeguas estreará unha conferencia-espectáculo a partir da tétrica historia de violencia contra as mulleres rapadas do franquismo e Ernesto Is terá protagonismo con dous espectáculos mais a presentación dun libro, o Premio Abrente da pasada edición.

Resituar no centro o que tradicionalmente se deixou nas marxes, ese é o reto da 38ª edición da MIT, que reúne un conxunto de espectáculos que abordan temas ou asuntos relacionados coa marxinación, as súas causas e consecuencias. Un claro exemplo pode ser o espectáculo MARGEM, dos porttugueses Nome Próprio, un espectáculo protagonizado por adolescentes e inspirado nos nenos sen teito, no abandono que sofren os máis vulnerables en San Salvador de Bahía, un impactante espectáculo que mestura música, memorias, experiencias, capoeira, acrobacia, fútbol, danzas urbanas… Un espectáculo que recibiu importantes recoñecementos e premios na súa categoría en Portugal e está a percorrer os escenarios máis importantes de Europa. Chega a Galicia da man da dramaturga Joana Craveiro e do prestixioso coreógrafo Victor Hugo Pontes, inspirado tamén na novela Capitães de Areia, de Jorge Amado.

Esta mestura de música, danza, palabra e imaxe non será o único espectáculo destas características da MIT 2022. Se Margem conta con 12 intérpretes en escena, non é menos numeroso o espectáculo galego Demente, que aborda as enfermidades mentais dende a fusión de música, canto (con Aida Tarrío de Tanxugueiras en escena) e un suxerente deseño de indumentaria. A peza plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento das súas vidas unha de cada catro persoas. A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”… É necesaria a integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma. Estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena. Como se dicía nunha carta dunha persoa “demente” ao director do Manicomio de Conxo nos anos 40: “no son los pobres locos reconocidos los que hacen daño al planeta, sino los grandes locos por reconocer”.

Outro estigma é o das persoas con Síndrome de Down. Por iso abrimos cun gran espectáculo, versión libre de Hamlet que a directora peruana Chela de Ferrari realiza para ser protagonizado por persoas con Síndrome de Down. Unha obra de alta beleza, onde as palabras de Shakespeare cobran un significado inaudito. Dende o humor, dende a emoción, dende a festa, a obra é un tecido entre o texto do bardo inglés e a vida dos actores e toma como punto de partida a pregunta que nos formula fronte á existencia. Ser ou non ser? Que implica ser para persoas que non encontran espazos onde se lles teña en conta? Teatro La Plaza é quizais o teatro máis presixioso de Perú e chega por primeira vez a Galicia cun espectáculo que seguro será unha experiencia memorable.

Viaxamos de Perú a México. No país máis perigoso para ser periodista e activista, hai mulleres que se enfrontan ao crecente poder político da delincuencia organizada. Unha delas é Lydia Cacho, quen desafía a políticos, mafiosos, pederastas e feminicidas. Esta función está baseada na súa biografía, Memorias dunha infamia, onde se retrata o modus operandi dun goberno cómplice da corrupción e a violencia, ademais do valente testemuño de mulleres e nenas do seu país. Un espectáculo inmersivo, do denominado xénero de teatro verbatim, teatro documento con impactante linguaxe audiovisual que pon no centro a unha heroína contemporánea exiliada en España, á que o Goberno lle concedeu recentemente a nacionalidade para acollela como refuxio ante o serio perigo que corría esta periodista de investigación que destapou historias de corrupción do seu país e polo que foi distinguida co Premio Harold Pinter for International Writer Courage no Reino Unido. Desafiou e denunciou a mafiosos, políticos e multimillonarios que abusaron do seu poder. Agora a súa historia atrapa a mirada do mundo, tamén cun espectáculo maxistral.

O teatro de obxectos terá moita importancia, ademais da danza, do teatro de do circo. Teatro de obxectos e formas animadas para adultos, para historias poéticas, de grande beleza e emoción coma as que nos traen Xavier Bobés e Alberto Conejero ou a compañía El Patio, Premio Ojo Crítico de RNE da pasada edición, na modalidade de Artes Escénicas. El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, é a historia dunha promesa que non se puido cumprir, a que fixo un mestre aos seus alumnos. O mestre era Antoni Benaiges. Os alumnos eran os nenos e nenas da escola rural de Bañuelos de Bureba, unha aldea da provincia de Burgos. A promesa fíxoa un día de inverno de 1936.  Prometeulles o mar. Un gran texto do dramaturgo Alberto Conejero. Ademais do espectáculo, Xavier Bobés ofrecerá un curso-obradoiro os días 19 e 20 de xullo na Casa da Cultura de Ribadavia, en colaboración con AISGE e a AAAG. Pola súa parte, El Patio, presenta Conservando memoria na Igrexa da Madalena, como homenaxe a todos os avós. Do mesmo xeito, AMA, da compañía vasca que nos encandilara hai uns anos con Amour en Ribadavia. Esta é unha peza que fala da fortaleza dunhas persoas fráxiles e asustadas. É un canto á beleza épica do coidado mutuo. Do coidado dos nosos anciáns, eses que van morrendo pouco a pouco, levando con eles parte da nosa propia vida. Dúas pezas emotivas, sensibles e de gran beleza para rematar a MIT o 24 de xullo.

A memoria está transversalmente presente en moitos espectáculos, pero quizais o máis evidente é o da revisión dende as preguntas e as respostas que demandan sobre o noso pasado as xeracións máis novas. Iso acontece con A lúa vai encuberta, unha unión temporal de dúas compañías, A Quinta do Cuadrante e Incendiaria, coa que conseguiron o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e receptemente o Premio María Casares á mellor adaptación. En A lúa vai encuberta atoparemos un revisión humorística e crítica sobre un pasado e un momento de construción de soños e frustracións das bases da nosa cultura e da nosa política. Manuel María era un apaixonado por Ribadavia e pola Mostra e no marco desta edición anunciaranse novidades que refrendarán un selo de compromiso con este autor relevante da nosa historia e do noso teatro.

Ademais das novidades, das descubertas, de procurar ser punta de lanza, o festival tamén quere acompañar e ofrecer unha continuidade da evolución de artistas que se deron a coñecer ao longo dos últimos anos na MIT, como a compañía catalá José y sus hermanas. Nesta ocasión chegan cun espectáculo redondo, punzante, coa estrutura dun produto audiovisual retro para falar da burbulla inmobiliaria, do turismo agresivo, da España do desenvolvemento económico, da globalización. Con ironía e crítica, como selo da casa desta nova compañía, presentarán Explore el jardín de los Cárpatos.

Seguramente unha das grandes sorpresas desta edición vai ser descubrir a forza e solvencia da nova compañía La Calòrica, de Cataluña. Chegan cunha versión de Aristófanes, Las aves, unha farsa política desternillante, como a definiu a crítica. Un gran traballo de dramaturxia, de dominio da comedia, de dirección e de vestiario. Unha posta en escena fresca e irreverente para un público amplo que mestura ben os ingredientes que tamén definen á MIT, vangardista e popular, renovadora e exploradora. 

Presentacións de libros, foros despois de cada espectáculo, actividades de mediación coma a terceira edición de “A miña primeira MIT”, O 1º Encontro interxeracional das Artes Escénicas de Galicia, as Residencias Artísticas de Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir, prestixiosos artistas que están a desenvolver o proceso da súa peza “Mónica” entre Galicia e  Bruxelas, converten a Ribadavia na capital por excelencia do teatro en Galicia.

Memoria, humor, beleza onde nos dixeron que non a atoparíamos, revelación, escena híbrida, queer, interxeracional, iso é o que guía a MIT 2022.

A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre o día 15 e o 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia.

PROGRAMA 38ª MIT RIBADAVIA 2022

15-24 XULLO 

PreMIT, previas da MIT

Día 13 // MÉRCORES

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.

Día 14 // XOVES

21:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Presentación do libro Profetas, de Ernesto Is (Premio Abrente 2021).

22:00 – Resolución do 17º Premio Abrente.

Día 15 // VENRES

20:30 Inauguración oficial da MIT 2022. Igrexa da Madalena. Concerto de Sheyla Patricia (Galicia).

21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas e do Premio Abrente de Textos Teatrais 2022.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Hamlet – Teatro La Plaza  – Perú.

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Chela de Ferrari, directora. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 16 // SÁBADO

20:00  – Igrexa da Madalena – Mónica – Federico Vladimir e Pablo Lilienfield – Galicia. Residencias Paraíso.

21:00 –  Alameda (Ruadavia) – Sofá –  Marta Alonso Tejada, en coprodución coa MIT de Ribadavia – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Las aves – La Calòrica – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joan Yago, dramaturgo. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 17 // DOMINGO

20:30 – Igrexa da Madalena – Rapadas – Esther Carrodeguas – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – La infamia – Teatro Español e Producciones Come y Calla – Madrid.

00:30 – Foros MIT. Coloquio con José Martret, director. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 18 // LUNS

20:30 – Sampaio – Arte sen guión – Galeatro – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Demente – Cía. Fran Sieira – Galicia. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.Museo Sefardí.

Día 19 // MARTES

20:30 – A Franqueirán – Arte sen guión – Galeatro – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Margem – Nome Próprio – Portugal. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joana Craveiro e Victor Hugo Pontes. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 20 // MÉRCORES

20:30 – Francelos – POI – D’Es Tro – Illas Baleares. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Explore el jardín de los Cárpatos – José y sus hermanas – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 21 // XOVES

20:00 – Igrexa da Madalena – Relato para un incendio – A Antena, en coprodución co CDG e a MIT – Galicia.

21:30 – San Cristovo – Meeting Point – Ertza – País Vasco. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 –Auditorio “Rubén García” do Castelo – El mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca – TNC, Xavier Bobés e FITT de Tarragona – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Xavier Bobés e Alberto Conejero. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 22 // VENRES

20.00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura. Presentación do libro A lúa vai encuberta, de Manuel María.

21:30 – Santo André – O tempo diz – Ertza – País Vasco e Mozambique.  (Programa SputMIT – satélites da MIT). 

23:00 –  Auditorio “Rubén García” do Castelo – A lúa vai encuberta – Incendiaria e A Quinta do Cuadrante – Galicia. 

00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Vanesa Sotelo e Tito Asorey. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 23 // SÁBADO

13:00 – Igrexa da Madalena. Presentación do libro O péndulo.

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Quixote – Pedras de cartón – Galicia. 

23:00 –  Auditorio “Rubén García” do Castelo – O péndulo – Inversa Teatro, en coprodución co CDG, a MIT de Ribadavia e a Deputación de Pontevedra – Galicia.

00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Marta Pérez e Ernesto Is. Museo Sefardí.

Día 24 // DOMINGO

19:30 – Museo Etnolóxico – 1º Encontro Interxeracional das Artes Escénicas de Galicia.

21:00 –  Igrexa da Madalena – Conservando memoria – El Patio – La Rioja.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – AMA – Cía. Marie de Jongh – País Vasco.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

NOTA-DE-PRENSA-presentacion-programa-38MIT-2022

Presentación do X Festival Atlántica

O FESTIVAL ATLÁNTICA CELEBRA DEZ ANOS CONSOLIDÁNDOSE COMO UN REFERENTE DOS ENCONTROS DE NARRACIÓN ORAL NACIONAIS E LUSÓFONOS

·        Entre o 30 de xuño e o 9 de xullo, Atlántica levará os contos de 42 artistas a 24 concellos repartidos polas catro provincias galegas

·        Será un total de 94 funcións de narradores de Colombia, Brasil, Arxentina, Portugal, Marrocos, Zamora, País Vasco, Valencia e Galicia

·        Practicamente todos os espectáculos serán ao aire libre, moitos deles en espazos de gran valor patrimonial e natural

O Festival Atlántica vén de anunciar este mércores o programa completo da súa décima edición, que se vai celebrar entre o 30 de xuño e o 9 de xullo. A presentación tivo lugar nunha rolda de prensa na que participaron Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao acto numerosos representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Felloza manifestou a súa ledicia polo décimo aniversario do festival e salientou que “en estes anos non se acomodou e segue a apostar pola innovación e a hibridación de formatos e a fusión con outras disciplinas” pero sen esquecer un dos seus principais obxectivos “facer falar o noso territorio, o noso patrimonio material, nun diálogo co patrimonio inmaterial das historias”.

Pola súa banda, Xurxo Couto aproveitou a súa quenda para “poñer o valor o traballo da organización do festival co asociacionismo local” e o seu esforzo “pola dignificación profesional so sector que se dedica á narración oral”. No que respecta a Mercedes Rosón, subliñou a “calidade maiúscula” do programa de Atlántica e a profusión de actividades que acollerá Santiago, “sede primixenia” do encontro.

Na súa intervención Anxo Lorenzo reafirmou o compromiso do Goberno galego con este festival, “un dos máis importantes da Península Ibérica e referente da lusofonía neste eido”, pola súa “contribución ao intercambio entre os pobos e á descentralización da oferta cultural, cun calendario de actuacións nunha vintena de concellos de todo o territorio galego”, indicou.

Intenso programa

Máis corenta artistas actuarán nas 94 funcións previstas nos 24 concellos repartidos nas catro provincias galegas. O Festival Atlántica, que celebra dez anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, vaise desenvolver de novo no verán, con boa parte dos espectáculos ao aire libre e en espazos de gran valor patrimonial.

Ao longo destes días xuntaranse en Atlántica artistas internacionais como Carolina Rueda (Colombia), Vitoria Siedlecki (Arxentina), Claudia Fonseca (Brasil), Sofia Maul (Portugal), Vítor Fernandes (Portugal) ou Estefânia Surreira (Portugal), pero non faltarán voces nacionais como as de Virginia Imaz (País Vasco), Félix Albo (Valencia) ou José Luis Guiérrez ‘Guti’ (Zamora). O programa complétase cunha nutrida nómina de contadores galegos en consonancia co arraigamento que a tradición oral ten no país: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Santi Prego, Avelino González, Lois Pérez ou María da Pontragha, son algúns dos participantes da décima edición.

Atlántica repite este ano a fórmula estival que tan boa acollida tivo o pasado ano así que os contos do festival volverán escoitarse en lugares emblemáticos do patrimonio galego, moitos deles declarados Ben de Interese Cultural. Entre os escenarios de Atlántica figurarán, entre outros, a Torre do Allo en Zas, o Castelo de Castrodouro en Alfoz, o Centro de Interpretación de Cadoval, en Mugardos, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Castro de Castrolandín, en Cuntis, ou o hórreo de Carnota, o máis longo de Galicia. Pero Atlántica non esquece os lugares tradicionais de traballo e tan vinculados aos contos como as eiras de Traxeito e de Beixo en Dodro ou os lavadoiros premiados de Penisqueira e Artes en Ribeira.

Os espectáculos tamén terán lugar en zonas naturais como praias, carballeiras ou fragas autóctonas poboadas de petróglifos. Entre as novidades desta edición figura unha sesión de contos de Avelino González durante a subida ao monte Pindo, situado na Costa da Morte e considerado o Olimpo da mitoloxía celta. Tamén haberá contos con Anxo Moure nas casas das árbores en Chantada.

Festa rachada de contos e máis

Atlántica vai inaugurar oficialmente a súa décima edición cun encontro de dous grandes da narración oral galega, Paula Carballeira e Quico Cadaval, no parque de Bonaval de Santiago. Esta fórmula de duetos vaise repetir noutras xornadas do festival, combinando artistas de diferentes procedencias que compartirán co público as súas historias e xeitos de contar.

Haberá funcións ao longo do día e pensadas para todo tipo de público. Así, por exemplo, o parque de Bonaval será a sede do ‘Espazo bebés’ e tamén está previsto un ‘Espazo familias’ que rotará por diversos puntos de Santiago e que chegará ás outras sedes.

Ademais, este ano amplíase o número de funcións con interpretación en lingua de signos e haberá tamén contos narrados en lingua de signos nun dos espectáculos máis singulares desta edición: ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo nos xardíns da Fundación Pública Galega Camilo José Cela en Padrón. Alén diso, por primeira vez, vai actuar no festival un contador non vidente. Trátase de Francisco de Romualdo que, acompañado da zanfona, está a recuperar os cantares de cego de antano.

Tamén regresan os itinerarios narrados que sempre esgotan as prazas ofertadas. Este ano o público poderá revivir con Carme Varela as historias da súa obra ‘As desterradas’ e descubrir coa arqueóloga Rebeca Santos os segredos que agochan as pedras de Santiago. Ademais, haberá unha visita exclusiva á exposición ‘Santiago no tempo’ na compañía do seu comisario, Manuel Gago.

música volverá ás rúas de Santiago, nun convite aberto ao público que queira unirse á festa. Así, este ano vaise retomar a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago nunha ‘Romaría’ moi especial na que participa Celso Fernández Sanmartín (30 de xuño, Praza de Praterías), pero tamén regresará a ‘Gaitazumba’ de Luis Prego e a música e os contos de das catro estacións de Vivaldi grazas a ConcertArt (2 e 9 de xuño, respectivamente, na Praza de Cervantes).E en harmonía co carácter festivo desta edición, a música de PakolasPablo Díaz e Brais das Hortas tamén estará presente noutras sedes.

Un mar de contos

Ao longo destes dez anos de vida o Festival Atlántica foise consolidando como un dos eventos de narración oral máis senlleiros do panorama nacional e un referente dentro da lusofonía. Concibido coa vocación de ser un encontro de voces e historias con perfil atlantista, cada ano reúne en Galicia contadores de diferentes países unidos polo océano Atlántico, aínda que paulatinamente fóronse engadindo convidados doutras rexións. Este ano, por exemplo, participa o valenciano Félix Albo en representación do Mediterráneo.

Unha das características do festival é o seu espírito de deslocalización en todos os sentidos. Así, no ano 2017 inaugurou o formato multisede que sacou as actuacións de Santiago de Compostela e empezounas a repartir por todas as provincias galegas. Seguindo esta filosofía, nesta edición haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne e Zas, ademais de Santiago de Compostela.

Este afán de deslocalización é tamén o que impulsa á organización do festival a programar en espazos diversos. As historias de Atlántica contáronse en bares, auditorios, parques, centros escolares, hospitais, barcos, castros, pazos, rúas, cemiterios e mesmo peregrinando no Camiño de Santiago. Outro dos trazos distintivos é a súa diversidade de propostas: contos en lingua de signos, sesións con cans, paseando pola cidade ou historias murmuradas ao oído, entre outras.

Atlántica Miúda

Previamente á inauguración oficial do 30 de xuño, o festival Atlántica tamén vai desenvolver un intenso programa concibido para o público infantil e que estará presente en centros de ensino e bibliotecas de Santiago, Vigo e Ames. Este ano tampouco faltará a colaboración coa Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Dossier-Atlantica-2022

Presentación da X Edición do FESTIVAL ATLÁNTICA DE NARRACIÓN ORAL

O Festival Atlántica celebra dez anos cun programa que se vai desenvolver entre o 30 de xuño e o 9 de xullo e cunhas características (número de funcións e narradores, duración e dimensión xeográfica) que o consolidan como un dos encontros de narración oral máis importantes da Península Ibérica e nun referente da lusofonía. Os detalles sobre este programa especial de aniversario vanse proporcionar na rolda de prensa.


▪ DATA E HORA: mércores 15 de xuño do 2022 ás 12:30 h.

▪ LUGAR: Auditorio 2 Edificio CINC da Cidade da Cultura.


▪ INTERVEÑEN:
• Anxo Lorenzo Suárez | Secretario Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.
• Xurxo Couto | Deputado de Cultura da Deputación da Coruña.
• Mercedes Rosón | Concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.
• Soledad Felloza | Directora do Festival Atlántica.


▪ ASISTEN:
• Xosé Lois Piñeiro García | Alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal.
• Juan Domingo de Deus | Alcalde do Concello de Mugardos.
• Manuel Campos Velay | Alcalde do Concello de Cuntis.
• María José Sampedro Fernández | Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira
Delegada de Cultura, Infraestructuras e Urbanismo do Concello de Ribeira.
• María López Álvarez | Concelleira de Cultura, Educación e Turismo de Teo.
• María Outeiral | Concelleira de Cultura do Concello de Boiro.
• Begoña Blanco | Concelleira de Cultura do Concello de Lalín.
• Mª Paz lago Martínez | Concelleira de Educación e Cultura de Sanxenxo
• Begoña Roldós | Concelleira de Cultura e Turismo de Mugardos.
• Abel Tarrío Abuín | Concelleiro de Deportes e Emprego de Dodro.
• Xoán Xosé Vicente Franco | Concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro.
• José Manuel Ramos Caamaño | Concelleiro de Cultura de Outes.
• Carmen Cajide Hervés | Presidenta de Fundación Terra Termarum Castrolandín.
• Elena Cerviño Ferrín | Vicepresidenta da Asociación Amigos dos Castros (Cuntis).
• Xilberto Caamaño Beiro | Presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
• Carlos Delgado | Presidente da Asociación Cultural Rocha Forte.
• Covadonga Rodríguez del Corral | Directora Xerente da Fundación Pública Galega Camilo José Cela.
• Fany Gómez García | Técnica da Biblioteca Municipal do Concello de Ferrol.

• Mercedes Vázquez Fernández | Técnica da Biblioteca Municipal do Concello de Sanxenxo.
• Emilia Cagiao Sánchez | Tesoureira Asociación R.C.D. Entroido de Samede.

ATLANTICA-2022-CONVOCATORIA-ROLDA-PRENSA