A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fai público hoxe o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, un texto que este ano corre a cargo do recoñecido escritor, profesor e activista Carlos Callón.
Nesta ocasión, Callón asina unha peza que conxuga a memoria histórica, a denuncia da diglosia e un chamamento á acción para o futuro das artes escénicas en Galicia. O manifesto será lido oficialmente durante a gala dos Premios María Casares, a gran festa do teatro galego, que terá lugar o 8 de abril.
No seu texto, Callón bota a vista atrás para lembrar que a lingua galega “naceu nun verso que non se lía, senón que se representaba”. O autor denuncia os séculos de estigmatización nos que o galego só subía aos palcos madrileños para o escarnio, a través de personaxes ridiculizados que buscaban a gargallada mediante o desprezo ao pobo traballador e emigrante.
“Ensináronnos a degradarnos, a desvalorizarnos, a ternos por menos”, sinala Callón, lembrando as prohibicións explícitas que desde o século XIX tentaron borrar o galego dos escenarios como estratexia para impoñer unha lingua única.
O teatro como resposta á crise
Ante o contexto actual, o autor advirte de que a lingua galega está “de novo en crise”, pero sinala o teatro como o mellor aliado para a súa supervivencia. Callón define as artes escénicas como unha ferramenta fundamental nun mundo saturado polo virtual: “Nun momento en que o tanxíbel pide lugar fronte ao desengano do virtual, o teatro é unha chave decisiva para revitalizarmos a fala nosa”.
Para que esta revitalización sexa efectiva, o manifesto reclama medidas concretas: unha rede de exhibición viva, unha educación escénica para toda a cidadanía e orzamentos serios que garantan a estabilidade do sector.
Unha voz propia para a humanidade
Callón conclúe o seu manifesto cunha mensaxe de empoderamento, definindo as galegas e galegos de hoxe como as “tataranetas e tataranetos” daqueles que pasaron de ser caricatura a ser suxeitos con dereitos e horizonte propio. “Sabemos que ser galegas e galegos é o noso xeito de pertencermos á humanidade”, afirma o autor, pechando o texto con berros de “Viva o Teatro Galego!”.
Sobre o autor: Carlos Callón
Carlos Callón é escritor, doutor en Filoloxía e profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus títulos destacan O libro negro da lingua galega (de onde proceden moitos dos datos que se citan no manifesto deste ano), Vidas e historias LGBT da Idade Media, Maxicamente vella, eternamente nova: a literatura tradicional galega e Atravesar o fantasma. A súa obra foi recoñecida cos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais, da Crítica de Investigación e os Careón e Barbantia á traxectoria literaria. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, desde onde impulsou campañas en apoio ao teatro galego.
Sobre o Manifesto
Cada ano, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) encarga o Manifesto Galego a unha personalidade de prestixio na cultura do noso país. Esta iniciativa súmase á celebración internacional impulsada polo Instituto Internacional do Teatro (ITI-UNESCO) cada 27 de marzo.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acordou conceder o Premio de Honra Marisa Soto dos Premios María Casares 2026 á actriz ferrolá Luma Gómez, en recoñecemento a unha traxectoria exemplar e ao seu compromiso sostido co desenvolvemento do teatro galego.
O Premio de Honra Marisa Soto, creado en 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), distingue traxectorias consolidadas e de especial relevancia para o desenvolvemento das artes escénicas en Galicia. Trátase dun recoñecemento á contribución sostida de figuras clave do noso teatro, como é o caso de Luma Gómez.
Tal e como sinala Eva Fórneas, presidenta da AAAG, “Luma é un referente en moitos aspectos”. “Fundou e cofundou tanto esta asociación como compañías teatrais. Sempre estivo concienciada coa profesión, cos dereitos e coas loitas sindicais. Comprometida co feminismo, coas compañeiras e compañeiros, nunca deixou de se dedicar ao teatro”, apunta Fórneas, quen engade que este Premio de Honra chega con Luma Gómez en activo. “Queremos que poida gozar e desfrutar deste recoñecemento cada día, tanto desde o escenario como detrás dos papeis. Luma destaca pola súa luz, obra propia e actos, é digno de xustiza recoñecer a súa predisposición e compromiso”, asevera a presidenta.
A entrega do galardón terá lugar o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro durante a gala de celebración dos XXX Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, e que contan coa colaboración de institucións e entidades como Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE ou Gadisa.
LUMA GÓMEZ
Nada en Ferrol en 1951, Luma Gómez iniciouse moi nova no teatro da man da compañía amadora Teatro Estudio, participando en 1969 na montaxe Los suplicantes, experiencia que marcou o inicio da súa vocación escénica. Pouco despois trasladouse a Madrid, onde cofundou a compañía Teatro Zoo (1971-1977), e integrouse no movemento do teatro independente, participando tamén en iniciativas clave como a creación da ATIP ou a comisión que impulsou a Seguridade Social do Réxime de Artistas.
En 1977 regresou a Galicia nun momento decisivo para a profesionalización do sector. Participou nos primeiros pasos do teatro galego contemporáneo e, en 1979, fundou xunto a Eduardo Alonso a compañía Teatro Andrómena. Xa nos anos oitenta, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país: formou parte do espectáculo fundacional do Centro Dramático Galego, Woyzeck (1984), e foi uhha das socias fundadoras da AAAG (1985).
En 1987, Gómez fundou con Eduardo Alonso Teatro do Noroeste, unha das compañías de referencia do panorama galego, coa que levou á escena máis de corenta montaxes. Entre os seus primeiros traballos destacan Medea (1987), Galicia S.L. (1988) e Rei Lear (1989), configurando unha traxectoria artística sólida, diversa e comprometida.
Ao longo de máis de catro décadas de carreira, Luma Gómez destacou non só pola súa calidade interpretativa, senón tamén polo seu firme compromiso co tecido profesional e asociativo, contribuíndo de maneira decisiva á construción e dignificación do teatro galego. Coa concesión deste premio, a AAAG recoñece en Luma Gómez unha figura esencial das artes escénicas de Galicia, cun labor que resulta imprescindible para comprender a evolución e consolidación do noso sistema teatral.
O Instituto de Estudos Chairegos, co patrocinio e financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza, dentro dos actos previstos para o Mes de Marzo-8M, o concerto NA CASA DELAS, a cargo do cuarteto vocal lucense Son de Corda, formado por: Esperanza Iglesias (soprano), Carmen Prendes (contralto), Fernando G. Jácome (tenor) e Antólogo Castro (baixo).
Neste acto participarán tamén Raúl Rodríguez (piano) e María Pichín (danza).
A realizacion de videos corre e cargo de:Manuel Lucas e Alejandro Gándara.
O concerto terá lugar o sábado 28 de de marzo de 2026, ás 20:00 horas, no Auditorio Municial de Vilalba.
O vindeiro mércores 25 de marzo, ás 18 h., na Casa da Cultura de Antas de Ulla, terá lugar a conferencia de Miguel Poveda Miguel Hernández na memoria, organizada polo Concello de Antas e o IEU para celebrar o Día da Poesía.
MIguel Poveda Toledano achegaranos neste acto á figura do poeta Miguel Hernández, remitíndonos á experiencia da Senda do Poeta, un percorrido polos lugares emblemáticos da súa vida e a súa obra.
Será unha ocasión única para coñecer a magnitude da poesía de Miguel Hernández.
Queres entendelo e de aí agroma o barullo. Non cabe, non é un espazo racional.
Un cadaleito flota nun mar en calma, nun todo extinguible sansanícase unha sucesión de incomprensións. Un ruído inevitable de cadeas. A presenza continua dunha negación.
Non existe nada, tampouco nós. Anque o diga, anque nos pronuncie, o certo é que non sei como contarche que trazo no aire unha palabra branda, frouxa, baldía. Unha expresión allea. Non te podo conxugar porque non son.
Tecida, vaga unha inconsistencia que non me contempla, amarrada a un lóstrego que non define ningún camiño. Non hai ninguén aquí, onde noutrora houbo unha espera de ti, unha mirada na túa procura, que hoxe se dilúe enganchada a ese outro, que é soamente unha idea de min.
O manifesto da investigadora pon en valor a emoción e a presenza na narración oral fronte ás pantallas
O 20M, un día para reivindicar a lingua galega como vehículo vivo de creación e encontro
Festival Atlántica, Sete Falares e NOGA impulsan unha xornada para visibilizar a narración oral
O 20 de marzo, Día Mundial da Narración Oral, Galicia súmase a esta celebración internacional reivindicando a narración oral como unha arte escénica viva, contemporánea e profesional. A xornada está impulsada polo Festival Atlántica, o festival Sete Falares e NOGA (Asociación de Narradoras e Narradores Orais de Galicia), co obxectivo de visibilizar un sector consolidado e reforzar o seu recoñecemento cultural.
Nesta edición, o pregón corre a cargo da investigadora e académica Camiño Noia, unha figura clave na cultura galega: fundadora de Xerais, autora da antoloxía Palabra de muller, entre moitas obras, antropóloga e piar fundamental na investigación da oralidade en Galicia. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un traballo pioneiro na recollida, análise e clasificación da narrativa oral galega, creando un amplo catálogo que sitúa os contos tradicionais galegos en diálogo coas tradicións europeas e universais.
No seu pregón, Camiño Noia reivindica a forza da palabra viva fronte á “letra morta”, lembrando a emoción única de escoitar un conto na voz dunha persoa. Destaca o papel da narración oral como forma de comunicación esencial que constrúe comunidade, fronte ás dinámicas das redes dixitais que, moitas veces, afastan ás persoas do encontro directo.
A autora subliña tamén a importancia da transmisión oral na infancia e na educación, así como o valor insubstituíble da presenza: “A voz presencial é a mellor pantalla na que nenos e nenas escoiten os contos”.
Nun contexto no que a tecnoloxía multiplica os contidos, Noia lembra que ningunha máquina pode substituír a emoción da voz que conta, e reivindica o papel das persoas que narran como transmisoras de cultura, memoria e afectos.
A celebración do 20 de marzo pon tamén o foco na necesidade de profesionalizar o sector da narración oral, promovendo programacións estables e diversas que non se limiten ao público infantil, senón que inclúan tamén espectáculos para público adulto, recoñecendo así a amplitude e riqueza desta disciplina artística.
Así mesmo, esta xornada é unha oportunidade para reivindicar a lingua galega como lingua de creación, transmisión e encontro, reforzando o seu uso vivo a través das historias compartidas.
Co gallo desta celebración, desenvolverase unha ampla programación de funcións en distintos puntos do país, nas que narradoras e narradores galegos levarán os contos a bibliotecas, teatros, centros culturais e espazos comunitarios, enchendo Galicia de historias.
O Día Mundial da Narración Oral convértese así nunha chamada colectiva a escoitar, contar e compartir, e tamén nun convite, como sinala a propia Camiño Noia, a “darlle voz a este país que moitos pensan pequeno, mais que é moi grande en historias”.