Andanzas do Suso de Lameliña. O RAPOSHOME

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RAPOSHOME

    

Crese que o primeiro raposhome, unha mutación do vulpes vulpes, tivo a súa orixe pola zona de Piornedo- Balouta, na serra dos Ancares.

Este ser entre raposo e home empezou a ser visto a finais do 2010 nas aldeas abandonadas desta zona da montaña luguesa e berciana.

Ao parecer habita nas casas que quedaron sen dono, levando unha vida, un tanto misteriosa, entre salvaxe e humana, e sempre agochándose cando alguén se aproxima polo seu entorno, sen apenas deixar pegada. Motivo polo cal é moi difícil que poida ser avistado.

A pesar diso, puido ser sorprendido en momentos puntuais, sobre todo de noite, neses intres no que o estado de vixilia dá paso ao de acougo e adormecemento dos sentidos. Os que o viron, descríbeno coma un raposo de pel moi fina, con cabeza humana, camiñando a catro patas. Hai outros que aseguran que anda a dúas patas, cunha elegancia que chama a atención.

O que parece ser certo e o seu grande amor polos cemiterios. A xente do lugar está convencida de que ten trato co máis alá e que celebra xuntanzas cos defuntos. Aos sepulcros destes camposantos, onde nos últimos anos ninguén se achega, non lles faltan flores, que de cando en cando son renovadas.

Sospéitase tamén, por certos indicios, que os moradores dos citados cemiterios, se erguen pola noite dos sartegos e guiados polo raposhome, percorren a aldea e visitan os seus antigos apousentos.

Sexa como sexa, parece demostrada a súa existencia, e que desde hai uns dez anos, as casas das aldeas destas zonas, comezan a verse, como máis coidadas, con menos maleza no seu entorno, mesmo con certos arranxos e reformas. Incluso, apareceron algunhas leiras cultivadas con centeo, do que ninguén di ser propietario.

Haberá que seguir con atención a evolución dos acontecementos, pero non sería de estrañar cunha nova civilización, estivese dando os primeiros pasos. Ante a deserción dos vivos,  os mortos serían os encargados de tomar as rendas para sacar as nosas aldeas do alarmante estado en que se atopan. O raposhome, neste caso, sería unha especie de caudillo necesario para levar a misión a bo porto.

Representación teatral da obra LIBRE COMA OS PAXAROS, con María Barcala, na Casa-Museo Manuel María

Teatro: LIBRE COMA OS PAXAROS, con María Barcala no papel de Rosalía de Castro, este sábado, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María

Fío argumental:
Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.

Muller.

Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros.

Chámase María Rosalía Rita de Castro.

Actriz: María Barcala
Dirección e dramaturxia: Xúlio Lago
Textos: Rosalía de Castro

Cómpre reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621 

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CORENTA MIL

Miguel Díaz, CORENTA MIL

Xa sei que ocorre. Xaora. Que vén así definido e que non queda máis que aceptalo. Que chega o contratempo violento e que nos queda unha expresión adusta de baleiro e incomprensión. Que ficamos perdidos, dándolle voltas a un nobelo que nos fere. Xa sei que si, que prontas están sempre as navallas, afiadas na súa expresión devoradora. Ben sei de que falas. Todo iso que chamas vida e comparas coa batalla. Que veñen, ás veces, mal dadas. Capear o temporal e todo iso. Obrigado erguerse trala lostregada. Sei que é o que hai e corenta mil caralladas. A vida, seica. Coas súas trapalladas.

Seino ben. Pero cala.

Presentación do libro “Un corvo en Caldaloba”, de María Xosé Lamas, e outras actividades na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 11 de febreiro, ás 19 horas, preséntase na Casa-Museo Manuel María o libro de María Xosé Lamas, Un corvo en Caldaloba

A autora, xunto a Antón de Guizán (de Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, lareira de soños), introducirá aos asistentes nesta peza teatral escrita sobre os feitos decorridos na torre de Caldaloba no século XV e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza. Unha peza teatral para gozar da súa lectura, e da súa representación, reivindicando un anaco da historia de Galiza e a recuperación da torre, como distintas entidades chairegas e lucenses reclaman, fronte ao seu deterioro e esquecemento. 

A entrada será libre.

Outras actividades previstas para o mes de febreiro:

-Sábado, 18 de febreiro, ás 20 horas, e previo ao día de Rosalía, a Casa-Museo Manuel María terá o privilexio de contar coa representación da exitosa peza de Xúlio Lago e María Barcala (Teatro do Atlántico) Libre coma paxaros. Esta obra teatral é un percurso polo pensamento e a palabra de Rosalía. Será necesario reservar (billete 5 euros).

-Sábado, 25 de febreiro, ás 20 horas, De Ninghures en concerto, presentarán o seu traballo “Aquí”. Oito mozos e mozas de diversas do noso país que desfrutan tocando xuntas as músicas de raíz cun grande variedade de instrumentos. Será necesario reservar (billete 5 euros).

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Los galgos, los galgos

Autora: Sara Gallardo

Editorial: Malas Tierras

Año: 2021

É difícil explicar o abraio que supón atopar unha novela tan impresionante coma esta, que data de 1968. Unha novela que envellece realmente ben e que nesta edición, tan coidada de Malas Tierras, amósase coma unha verdadeira alfaia literaria. Case cincocentas páxinas que retratan unha época e unha sociedade coma a arxentina, albiscando o luscofusco que envolve ao seu protagonista, Julián, que semella ir animalizándose ao longo da obra.

Cargada de humor, intelixencia e, tamén, de melancolía, Los galgos, los galgos narra, con gran mestría e delicadeza, a viaxe dun perdedor, que evoca na lectora ou lector unha amálgama de diferentes sensacións, que van desde a tenrura até o desprezo. Non é doado despegarse desta fuxida cara ningures, que alterna os escenarios Bos Aires-París-Bos Aires, e que talvez veña a indicarnos que ninguén pode ficar por sempre nun lugar invariábel.

Sen dúbida, o tempo, tan habilmente tratado pola autora, sexa o elemento transcendente que conforma esta narración. O tempo que nos consome e que pasa arrogantemente veloz coma os adorábeis galgos de Las Zanjas, ese lugar que nos recibe e nos despide con certo sabor agridoce.

“Caminemos. Otra vez caminemos, a campo atraviesa. Ya se ve mi casa. Allí, extendidos en mecedoras de color, estarán mis parientes”.

Imposíbel non anotar o nome de Sara Gallardo e querer descubrir máis sobre a súa escrita tan brillante e vivamente poética. Esta é xa unha tarefa pendente.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: FÍSGOA

Miguel Díaz, FÍSGOA

No contexto do desencanto, trazabamos unha físgoa que cuestionaba a desesperanza. E probablemente diso trataba, de proxectar unha danza que puidera sosternos, aínda, nun exercicio de voluntario desapego co que espreguizarnos. Co que distanciarnos do fastío e contrarrestar unha velocidade opresora que pretendía impornos formas que nos diluían. Que nos privaban da singularidade. Que guillotinaban as mellores expresións coas que podiamos regalarnos.

No contexto do desencanto, teimabamos en crer, a pesar de todo, na físgoa. Pola que entraba a luz procurando o noso encontro.