11.45 Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María e Saleta.
12.30 Actuación na carballeira da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales, e acompañada pola voz da fadista galega Iria Estévez e o guitarrista portugués Artur Caldeira.
13.45 Xantar de convivio (Con previo aviso antes do mércores 5 de xullo, ás 20 horas, pódese reservar sitio nas mesas e cadeiras que disporán na carballeira para o xantar).
16.30 Foliada que conducirá Xurxo Souto na carballeira coas actuacións de Birloque Gaiteiros, Vento Mareiro, Zurrumalla, Xurxo Souto&Richi Casás, Os Parabéns, Baleira, Tribo, e Tradivivas Agra.
Encontro do asociacionismo cultural de base. As directivas das entidades pertencentes a Galiza Cultura (e quen quixer…) reuniranse ás 12.15 no auditorio da Casa-Museo Manuel María para articular a súa actuación en común.
Cándido do Fresno era o home máis feo da bisbarra. Se me apurades, da provincia, mesmo do Planeta. A súa fealdade era tal, que a nosa lingua carece de cualificativos para describila. Mais, tiña outras cualidades non menos valiosas. Cualidades que foron descubertas por primeira vez por Rosiña dos Paderne. A familia dos Fresno e dos Paderne tiñan as leiras e os prados contiguos. Unha tarde destas cálidas de verán na que, moza e mozo, cada un na súa propiedade, estaban alindando as vacas, sentiron a necesidade de acalmar a ardente asura que de súpeto se apoderou deles e, alí mesmo, debaixo dunha rebola centenaria, propiedade dos Paderne, deron renda solta aos seus instintos máis básicos. A partir daquela a fama da virilidade do fillo máis novo dos Fresno, empezaría a espallarse por toda a comarca, coma se dun andazo se tratase. A encargada do feito foi Rosiña, que amiga coa que se atopaba alí lle ía co conto.
Cándido nunca chegou a casar. Que muller ía querer ser vista amarrada da man daquel espantallo? Xa digo, arrepiaba ollar para el, ata o punto que atoparse, de sorpresa con el, xa non digamos de noite, producía verdadeiro terror. Pero claro, despois do exposto por Rosiña, a quen non se lle apetecía comprobar as habelencias carnais do mozo?
Tras Rosiña viñeron outras e outras, engrandecendo así a lenda de Cándido do Fresno. Xa se sabe, “cría fama e bótate a durmir”; moitos dos casos eran certos, pero tamén un bo número deles falsos. O caso que neno que viña ao mundo, traía consigo a dúbida: “Mira que feíño é, para min que che é do Cándido”. Incluso se saían ben guapiños, sempre había algunha ou algún que lle sacaba un parecido co sospeitoso pai.
Pero non só eran as mulleres as que sentían atracción por el, dise que máis dun mozo gozou en carne propia das súas pericias amorosas. Historias que se comentaban moi en segredo, bisbando, mesmo con medo. Xa se sabe como estaban vistas naqueles tempos e, aínda hoxe, estas prácticas.Un dos sospeitosos de ter encontros deste tipo era o señor crego. Un home, uns dez anos maior ca el,con fama de mullereiro, a quen se lle atribuía a paternidade de todo aquel meniño que nacía antes do acontecido aquela tarde de verán debaixo da rebola dos Paderne. Fama que ficou eclipsada coa aparición en escena de Cándido. Desde entón non se lle volveu relacionar con ningún nacemento, aínda que todo o mundo sabía, que á parte de sentirse atraído polo do Fresno, non deixara de usar os seus encantos coas mozas e non tan mozas freguesas.
Foron pasando os anos e a lenda en aumento. Chegou a chamada do Señor e o bo do Cándido alá se foi. Hoxe, segundo os propios veciños, na parroquia ( non desvelarei o nome da mesma, por respecto), moitos e moitas son descendentes do noso protagonista. E abofé, que hai bastante de verdade neses ruxerruxes. Só chega con ollar para as facianas de moitos e moitas veciñas, e sospeitar a súa orixe. Algo que acabaron por levar con absoluta normalidade, ata o punto de que , quen máis, quen menos, vangloriarse de ser fillas ou fillos do xa lendario Cándido do Fresno.
Como follas a mercé do tempo, flotamos na desconsideración reiterada, no desafecto como rutina. Nunha deriva individualista que nos empurra a un cuarto xélido no que o desprezo se converte en hábito.
Asumimos como propia unha velocidade imposta que non cuestionamos, mentres a morte conquista espazos coa súa indolencia. Co seu paso firme e infalible.
Ante ela, nós, medorentos, teimamos en acelerar nun traxecto que ignora as beiras. Renunciando á pausa indispensable, ignorando a nosa condición de monicreques se non somos quen de parar. Se non somos quen de nos enfrontar ás formas que nos deshumanizan e de sublevarnos ante a tiranía das présas. Se non somos quen de comprender que cadaquén treme, baila, chora e ri a un ritmo propio, que a revolución comeza por deterse e que o amor precisa da espera.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), continuando cos actos programados para este mes de xuño, organiza a presentación do libro “Lugo Philadelphia”(Xerais, 2023), cun recital a cargo do poeta Lois Pérez e da fotógrafa Alba Díaz, autores do libro, e de Lois Pérez (fillo) nos teclados. Poesía, música e humor para unha viaxe de ida e volta a Philadelphia, A Piringalla e a Terra Chá, coa música dos Stones e algunha outra sorpresa.
Será o venres 16 de xuño ás 20:00 h. na Casa da Cultura de Vilalba.
Tiven durante os meus anos de carreira a un profesor de antropoloxía que facía fincapé na necesidade de documentar os procesos de toma de datos sempre dende o comezo, e sen coartar a quen está en plena explicación, hai cousas que hai que gravar porque en canto as pasamos ao papel perden lexitimidade.
Sempre desexei gardar os recordos en pequenos frascos de esencias, os sons, as verbas amigas, as inimigas, sobre todo pola febleza da memoria, que pode tender a aumentar ou diminuír a conciencia das mesmas. É por iso que tomo anotacións sempre nas marxes dos apuntamentos, dos libros,… nas reunións ás que vou é raro que non estea cun bolígrafo a tintar os dedos mentres anoto cousas que non me gustaría esquecer. Sempre aprendín o mundo a través dos trazos, de riscar o papel, eu era desas que pasaba a limpo apuntes para darlle firmeza ao coñecemento, das que nas mañás de verán copiaba cousas que me parecían interesantes que ía atopando nos libros dos andeis da casa na que me criei.
Pero teño que recoñecer que o papel non o é todo, ás veces escoitar de viva voz algo, fai que revivas a situación, os sentimentos, como se che arreguizaba o pelello naquel intre, o que unha voz remexía en ti. Foi así como fun gardando en botiños de marmeladas etéreas voces. Coido que a gravación máis antiga que teño é do 2008, na que miña avoa me contaba o conto que dende pequena me contaba para que comese. Nesa mesma gravación escóitase de fondo a meu avó tusir, é o que me quedou del, pero a día de hoxe, faime sentir coma aquela tarde no berce amoroso daquela casa, na que eramos outrxs.
Agora, os teléfonos permítennos gardar pequenos tesouros, que nos fan revivir o que dicimos, o que nos din, mesmo sen darnos conta, confeitar as flores e os toxos, e incluso aquelas froitas coma os figos chumbos, que a máis que semellen deliciosos, sempre gardan na pel da envolta cada unha das pugas invisibles que se insiren na pel para ferila de a poucos.
O que teñen as gravacións é que son difícilmente manipulables. Lévannos ao lugar exacto, coas personaxes exactas, no intre preciso no que se dixo o que xa nunca máis se vai poder desdicir, sempre de viva voz.
A Casa-Museo Manuel María organiza unha CAMIÑADA POR TABOI (parroquia do concello de Outeiro de Rei) este DOMINGO, día 11 de maio. Trátase dun roteiro multidisciplinar que abranguerá patrimonio, natureza e poesía.
Contarase con Orlando Viveiro, divulgador cultural da Terra Chá, que axudará a descubrir a riqueza patrimonial do percurso, e con Cosme Damián Romay, ornitólogo e biólogo, que descubrirá que paxaros están tras os sons que se irán escoitando durante a camiñadamentres . O itinerario é de dificultade baixa, cunha distancia: 8 quilómetros.
A saída será ás 10, en automóbeis, desde a Casa-Museo Manuel María para dirixirse ao inicio da ruta. Esta desenvolverase, a maior parte dela, pola parroquia de Taboi.