Viñetas 2023 rende homenaxe as autoras pioneiras do cómic underground adulto en España na súa segunda xornada

Este luns, ás 18.00h, tivo lugar a inauguración oficial da 26º edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña no Kiosco Alfonso; a alcaldesa Inés Rey puxo en valor os obxectivos marcados para este 2023, “un festival que procura dar voz e presenza ás mulleres do cómic, así como render homenaxe a figuras desaparecidas recentemente”

A historietista barcelonesa Laura Pérez Vernetti tomou parte no acto de apertura de Viñetas desde o Atlántico, que converterá á Coruña na capital universal da banda deseñada e contará con máis dun cento de propostas

Mañá martes, 8 de agosto, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila, Elisa McCausland e Laura Pérez Vernetti -algunhas das máis relevantes firmas femininas da historia da banda deseñada española desde os 70 ata a actualidade- ofrecerán un paseo guiado pola súa exposición ¡Mujercitas del mundo entero, uníos!, no Kiosco Alfonso (ás 12.00 e ás 18.00h) e participarán nunha mesa redonda no Teatro Colón (ás 19.00h)

Tamén mañá martes, na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, asinarán as súas obras Inacio e Iván Suárez (Demo Editorial), Anémona de Río e José Malvárez Carleos (Anaya) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial)

Este luns arrancou a 26ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, ‘Viñetas desde o Atlántico 2023’. Desde hoxe a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun cento de propostas artísticas, que inclúen exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, obradoiros infantís e profesionais, visitas guiadas e mesas redondas, entre moitas máis iniciativas.

A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte esta tarde no acto oficial de inauguración do ‘Viñetas desde o Atlántico 2023’, celebrado no exterior da Sala Municipal de Exposicións do Kiosco Alfonso. Rey, acompañada polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, subliñou que “o Viñetas é un proxecto de cidade, de carácter colectivo, e unha marca asociada á identidade da Coruña”.

Na súa intervención, a rexedora puxo en valor a proposta e obxectivos marcados para esta edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, “que procura dar voz e presenza ás mulleres do cómic, así como render homenaxe a figuras desaparecidas recentemente, como Ibáñez e Calpurnio. Traballouse, ademais, para abrir xanelas ao mundo da animación, conscientes do grande traballo que se está a realizar desde A Coruña, e tamén para aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas”.

Neste sentido, durante o acto celebrado esta tarde, cobrou protagonismo a figura da historietista barcelonesa Laura Pérez Vernetti, unha das pioneiras do cómic, que, ademais de participar na exposición colectiva do Kiosco Alfonso, tamén é a autora da mostra Vive la vida e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca, aberta desde hoxe e até o vindeiro 10 de setembro na Casa Museo Picasso.

Axenda do martes 8, na segunda xornada do Viñetas desde o Atlántico

Na súa segunda xornada, Viñetas desde o Atlántico 2023 rende homenaxe as autoras pioneiras do cómic underground adulto en España. Este martes, 8 de agosto, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila, Elisa McCausland e Laura Pérez Vernetti -algunhas das máis relevantes firmas femininas da historia da banda deseñada española desde os 70 ata a actualidade- visitan A Coruña para ofrecer un paseo guiado pola súa exposición ¡Mujercitas del mundo entero, uníos!, no Kiosco Alfonso (cun dobre pase, ás 12.00 e ás 18.00h, acompañadas polos comisarios Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo) e participar nunha mesa redonda no Teatro Colón (ás 19.00h). Ambas actividades son de acceso libre ata completar a capacidade dos recintos. 

O programa de Viñetas 2023 previsto para este martes, 8 de agosto, propón, ademais, sete exposición e dous talleres nas Bibliotecas Municipais da Coruña: na Biblioteca Durán Loriga, o obradoiro infantil As túas primeiras viñetas; e na Biblioteca de Estudos Locais, o obradoiro profesional express de novela gráfica, ambos organizadas da man de Coruña Gráfica. Por outra banda, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, desenvolveranse dúas actividades infantís: a Comicteca, de 11.30 a 13.30h; e o obradoiro Viñetas Lab, ás 18.00 e 19.00h. As autoras Isa Feu e Laura Pérez Vernetti asinarán exemplares no Kiosco Alfonso ás 12.00h, mentres que a quenda das sinaturas de Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland terá lugar ás 18.00h, tamén no Kiosco Alfonso.

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, asinarán as súas obras Inacio e Iván Suárez (Demo Editorial), Anémona de Río e José Malvárez Carleos (Anaya) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).

SOBRE A EXPOSICIÓN ¡MUJERCITAS DEL MUNDO ENTERO, UNÍOS!

Nas décadas de 1970 e 1980, diversas autoras españolas de cómic adulto revolucionaron o medio ao reformular coas súas viñetas a representación feminina. Afastadas do idealismo imperante e fronte á invisibilización promovida polo contexto social e político do momento, estas historietistas -de procedencia, saberes e modos de facer dispares- instauraron un panorama de gran diversidade estilística e narrativa, con historias rebordantes de reivindicación feminista e denuncia sociopolítica, que cos anos darían paso a unha estética máis libre e experimental e a temáticas e inquietudes máis persoais. Elas son, entre outras, Núria Pompeia, Rosa Lleida, Sara Presutto, Montse Cravei, Isa Feu, Mariel Soria, Marika Vila, Marta Guerrero, Pilar Ferreiro Bendicho, Ana Juan, Mamen la del Cafó, Vitoria Martos, Ana Miralles, Roser Oduber e Laura Pérez Vernetti.

¡Mujercitas del mundo entero, uníos! Pioneras del cómic underground adulto busca contribuír á difusión de todas estas viñetistas que, co seu traballo, achandaron o camiño a autoras que hoxe poden lanzar as súas mensaxes abertamente e desde unha posición recoñecida. Trátase dun proxecto do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, comisariado por Alberto Medina, Raquel Jimeno e Guillermo Cobo.

En Viñetas desde o Atlántico, a exposición inclúe, tamén, un espazo de consulta no que están representadas autoras de cómic actual, como Flavita Banana, Nadia Hafid, Ana Penyas ou as galegas Begoña García-Alen, Enma Ríos, Roberta Vázquez e Xulia Vicente.

PROGRAMA ACTIVIDADES VIÑETAS 2023 MARTES 8 DE AGOSTO

10.30h. Biblioteca Durán Loriga – Obradoiro infantil As túas primeiras viñetas.

11.30h. Biblioteca de Estudos Locais – Obradoiro profesional express de novela gráfica.

11.30 a 13.30h. Palco da Música – Comicteca. 

12.00h. Kiosco Alfonso – Visita guiada pola exposición ¡Mujercitas del mundo, uníos! Pioneras del cómic underground adulto, a cargo das autoras e dos comisarios Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo.

12.00h. Kiosco Alfonso – Sinatura de Isa Feu e Laura Pérez Vernetti.

18.00h. Kiosco Alfonso – Visita guiada pola exposición‘¡Mujercitas del mundo, uníos! Pioneras del cómic underground adulto, a cargo das autoras e dos comisarios Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo.

18.00h. Kiosco Alfonso – Sinaturas de Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland.

18.00h. Palco da Música – Obradoiro infantil Viñetas Lab. 

19.00h. Teatro Colón – Mesa redonda Pioneiras do cómic underground adulto.

19.00h. Palco da Música – Obradoiro infantil Viñetas Lab. 

Rúa da Banda Deseñada (aberta de 11.00 a 14.00h e 17.00 a 21.00h)

Sinaturas

18.30h. Inacio e Iván Suárez – Demo Editorial

20.00h. Anémona de Río e José Malvárez Carleos – Anaya

E, tamén: Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias – T-Raptor Editorial

EXPOSICIÓNS VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/exposicions/

ACTIVIDADES VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/actividades/

2023.08.07.-NP_GAL-Vinetas-2023-Xornada-2

ADXUNTAMOS O PROGRAMA COMPLETO POR DÍAS DE VIÑETAS 2023.

Programa-Vinetas-2023

Hoxe arranca o 26º Salón Internacional do Cómic da Coruña “Viñetas desde o Atlántico 2023”

Durante sete días, até o domingo 13 de agosto, a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun centenar de propostas: exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, visitas, mesas redondas, etc. 

Este luns, 7 de agosto, o programa de Viñetas inclúe, ademais da apertura das súas sete exposicións, o primeiro dos obradoiros infantís de Viñetas Lab, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.00h, e o concerto ilustrado de Hongo, ás 21.00h, no Teatro Colón

A Rúa da BD, que reúnen a mellor selección editorial de banda deseñada de hoxe e de sempre, comezará a súa andaina de 18.00 a 21.00h e, nesta tarde de luns, contará coas sinaturas de Jorge Campos (Anaya), Paula Chesire (Fandogamia) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial)

A inauguración oficial de Viñetas desde o Atlántico 2023 terá lugar este luns, 7 de agosto, no exterior do Kiosco Alfonso, ás 18.00h, coa presencia da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o concelleiro de cultura, Gonzalo Castro; as autoras Laura Pérez Vernetti, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland; o ilustrador Manel Cráneo, autor do cartel de Viñetas 2023; os comisarios Alberto Medina, Guillermo Cobo e Raquel Jimeno; e outras personalidades do universo da BD coruñesa, representantes da Rúa da BD e de asociacións colaboradoras da cita como Coruña Gráfica e Autobán 

Hoxe arranca o 26º Salón Internacional do Cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico 2023. Durante os próximos sete días, até o domingo 13 de agosto, a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun centenar de propostas artísticas, que inclúen exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, obradoiros infantís e profesionais, visitas guiadas, mesas redondas, etc. 

O programa de Viñetas 2023 previsto para este luns, 7 de agosto, propón, ademais da apertura das súas sete exposicións, o primeiro dos obradoiros infantís de Viñetas Lab, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.00h, e o concerto de Hongo, ilustrado por Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde, ás 21.00h, no Teatro Colón.

A Rúa da BD, que reúnen máis de 40 stands profesionais de editoras e librarías coa mellor selección editorial de banda deseñada de hoxe e de sempre, comezará a súa andaina de 18.00 a 21.00h e, nesta tarde de luns, contará coas sinaturas de Jorge Campos (Anaya), Paula Chesire (Fandogamia) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).

PROGRAMA ACTIVIDADES LUNS 7 DE AGOSTO

EXPOSICIÓNS VIÑETAS 2023

https://www.vinetasdesdeoatlantico.com/exposicions/

CONCERTO DE HONGO, ILUSTRADO POR PAZ RODRÍGUEZ, LUIS YANG E JULIA ABALDE

Luns 7 de agosto, ás 21.00h. No Teatro Colón

Música e ilustración danse a man nun espectáculo que lle poñerá a guinda á xornada inaugural  deste Viñetas 2023. Este concerto ilustrado contará con música en directo a cargo da banda coruñesa Hongo, que será ilustrado ao vivo por tres queridos autores do panorama da autoedición de banda deseñada coruñesa: Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde. A execución das ilustracións por parte dos artistas será proxectada en tempo real no Colón mentres a banda actúa.

VIÑETAS LAB

No Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez

HORARIOS E IDADE

Luns 7 de agosto, 19.00h. Martes 8 a venres 11, 18.00 e 19.00h. Sábado 12 e domingo 13, 12.00, 18.00 e 19.00h. De 6 a 12 anos.

INSCRICIÓN

15 prazas en cada obradoiro, con inscrición previa a través do correo ludidactica@gmail.com e no propio Palco da Música antes de cada obradoiro sempre que houbese prazas libres.

Viñetas estrea unha nova actividade lúdica orientada ao público infantil este 2023. A iniciativa Viñetas Lab reúne un total de 15 obradoiros, dunha hora de duración, que celebraranse no Palco da Música Xardíns de Méndez Núñez, especialmente decorado e acondicionado para a ocasión. O programa de Viñetas Lab extenderase ao largo de todo o festival, do 7 ao 13 de agosto. As protagonistas das actividades serán as famosas esculturas de Viñetas desde o Atlántico que reproducen personaxes de tebeo como Lucky Luke, Os Simpson, Pitufina, Carpanta, Esther, Spiderman, Batman ou Mortadelo e Filemón, entre moitos outros, todas elas presentes nos xardíns onde terán lugar os obradoiros. A dinámica da actividade consistirá nun xogo colaborativo no que as nenas e os nenos introduciranse nos universos creativos destas personaxes de ficción, para logo desenvolver as súas propias historietas, nas que mesturarán estes personaxes que nunca antes conviviron todas xuntas nun mesmo tebeo. 

2023.08.06.-NP_GAL-Empieza-Vinetas-2023

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un carmen en Granada. Memorias de un hispanista dublinés

Autora: Ian Gibson

Editorial: Tusquets

Ano de publicación: 2023

Durante as últimas semanas, cargadas de grande intensidade política, quixen repasar, quizais por certa analoxía co que estabamos a vivir, algúns dos acontecementos previos á Guerra Civil. Volvín aos apuntamentos académicos, que aínda conservo, e vin algúns documentais e programas de televisión, xa desaparecidos, coma La Clave. Aí dei co final dos días dun dos poetas que máis admiro: Federico García Lorca. 

Visualicei, asemade, a serie Lorca, muerte de un poetacoa angustia de saber que o docudrama relataba un dos episodios máis terríbeis e inxustos da nosa Historia. Tirando do fío, descubrín que a serie partía do libro La represión nacionalista de Granada en 1936 y la muerte de Federico García Lorca de IanGibson. Resultábame imprescindíbel, desde ese momento, saber algo máis sobre o escritor que, con tal fervor fervor lorquiano, recompilou aquel valiosísimo material. Así foi como cheguei ás páxinas de Un carmen en Granada.

A través destas memorias, coñecemos, por voz do autor, como transcorreu a súa infancia no seo dunha familia protestante irlandesa. A rixidez do puritanismo relixioso marcará eses primeiros anos de vida, non exentos de medos e conflitos internos. Pouco a pouco, descubrimos o Ian adolescente, que nos revela a paixón pola natureza e a ornitoloxía, en particular, até chegarmos ao hispanista comprometido coa democracia e o antifascismo. Talvez fose esa etapa adulta, pola súa investigación coma biógrafo de Lorca, a que máis me interesaba nun principio, porén recoñezo que a primeira, ademais de interesante, é esencial para comprendermos algunhas conexións que se poden estabelecer entre a súa vida  e a do citado poeta.

En definitiva, Un carmen en Granada –soño cumprido polo dublinés, xa que pasou unha tempada nunha desas típicas casas granadinas con xardín secreto- déixanos ver, desde a honestidade afastada de calquera fabulación, os labirintos vitais de quen entregou boa parte do seu tempo á recuperación da memoria colectiva dos pobos ibéricos.

Andanzas do Suso de Lameliña. LUGO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

LUGO

Poemas á miña cidade, LUGO

AMENCER EN LUGO

Amence, docemente zarzalla.

Os farois, aínda acesos,

as rúas, baleiras, silenciosas…

Co paraugas aberto, camiño amodo,

no chan, vanse formando pequenos regatos,

tan pronto agroman, como se esvaen.

Rúa San Pedro, o reloxo de Correos dá as sete.

Praza Maior, Rúa Doutor Castro…

Detéñome ante o escaparate dunha tenda:

Chapeus, puchos, gorras, diferentes todos…

Mais todos nos axudan a cavilar.

Praza do Campo, lembranzas de adolescencia,

hoxe San Vicente non bota viño.

Rúa do Miño, A Tinería,

outrora barrio do amor prohibido.

Porta Miñá. Fernando Esquío, trobador:

“O amor que eu levei de Santiago a Lugo,

Esse me adug´e e esse me adugo”.

Delampa, pecho o paraugas.

A luz do abrente chucha a das lámpadas.

Continúo a camiñar… paseniñamente:

Ronda da Muralla, S. Roque, Sanxillao.

LUGO

Vella cidade de Lugo,

milenarias pedras te cinguen.

Xeometría circular,

pedreiros da Roma imperial

ergueron hai dous mil anos.

Lugo, afincada nun outeiro,

vizosa carballeira, outrora,

abondosos mananciais.

Aos teus pés, axeonllados,

O Miño e mailo O Rato.

Cidade esgallada en dúas:

Lucus Augusti, soterrada,

romana de condición;

Lugo de Pimentel e Fole

de María Castaña e Xoán Montes.

Labirinto de pedra e néboa,

dez vans polos que entrar,

ollos que esculcan ao lonxe.

Cidade tinguida de gris,

onde o tempo se esvaece

ao camiñar polas rúas.  

PRAZA COMANDANTE MANSO*

Unha placa na lembranza

dun comandante fascista.

Unha porta, A Toledana,

racións de pataca brava

na barra do Madrileño.

Un xardín onde acougar

a carón de Xoán Montes.

Revistas e máis diarios

nun xa vetusto quiosco,

cigarros soltos á venda.

Mozos de carga e descarga

en Lence e no Valenciano,

bocois e caixas de froitas.

Dostoyevski e Víctor Hugo,

venres tras venres na praza

no bibliobús agardando.

Integrais e derivadas,

sintaxe e morfoloxía,

política e mais relixión,

Cid Campeador e Colón,

“no debe hablar el gallego”,

censura e represión.

Praza Comandante Manso,

adolescencia vivida,

na pel tatuado o oprobio.

*Jesús Manso Rodríguez, foi un comandante franquista que o 21 de xullo ao mando do tercio de Lugo entra en Vilafranca do Bierzo. En poucos días caería toda a comarca nas mans dos fascistas. Ata vai uns meses esta praza de Lugo seguía a levar o seu nome. Hoxe é a praza dos Mártires de Carral.

MURALLA DE LUGO

intemporal círculo

feito pedra milenaria

granítica néboa

orballo de laxe

puro hábito

na liturxia do día a día

na soidade da distancia

soño de eternidade

valo que nos cicela

coma fillos de Lugh

LUGO

amándote

nas pedras que falan

por boca dos de antes

sempre en min

medrando día a día

auscultando

o teu peito de amante eterna

xeometricamente aduladora

de portas abertas

por onde entrar en ti

mesmo non entrando

por ser sangue que corre

polo tempo que foi

eido de puberdade

agora mansío de señardades

sacra fraga

que en min habita

levedándome

augusta urbe

MURALLA

Pedra a pedra,

verso a verso…

circular é o poema.

Adarve de orballo e néboa,

espíritos vellos aniña.

Falso Cíclope,

dez, os seus ollos…

dez,  os seus versos…

Milenario e silencioso valo,

poema de pedra e lastra.

As grandes pioneiras do cómic en España protagonizan Viñetas desde o Atlántico 2023

A Coruña convértese un ano máis na capital universal do mundo da banda deseñada para celebrar, do 7 ao 13 de agosto, a 26º edición desta mostra internacional de referencia, que presentou esta mañá un avance do seu programa

O ilustrador Manel Cráneo asina o cartel da cita este 2023, que contará con seis grandes exposicións, ademais de charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil

O festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez

Viñetas desde o Atlántico poñerá, así mesmo, en valor o rico ecosistema autoral local coa mostras colectiva BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, e contará coa súa xa clásica “Rúa da BD”, a feira que acolle a editoras e librarías de prestixio de toda España

A Coruña converterase un ano máis na capital universal do mundo do cómic para celebrar, do 7 ao 13 de agosto, a 26º edición da mostra internacional Viñetas desde o Atlántico. O ilustrador coruñés Manel Cráneo asina este 2023 o cartel desta cita de referencia, que contará con seis grandes exposicións, ademais de charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá un avance da programación desta edición número 26 de Viñetas desde o Atlántico. “Será unha edición moi especial, pois tras un cuarto de século este festival toma un novo rumbo impulsado e organizado polo Concello da Coruña da man do sector do cómic coruñés, cunha programación exclusiva e de gran nivel internacional”, sinalou a rexedora. Nos vindeiros días desvelarase o programa completo da mostra.

As grandes pioneiras do cómic en España serán as protagonistas de Viñetas 2023. O festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez. Viñetas desde o Atlántico poñerá tamén en valor o rico ecosistema autoral local coa mostra colectiva BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, e contará, así mesmo, coa súa xa clásica “Rúa da Banda Deseñada”, que acolle expositores de editoras e librarías de prestixio de toda España.

Este 2023, Viñetas desde o Atlántico propón unha edición que dá voz e presenza ás mulleres no mundo da banda deseñada. Unha edición que rende unha merecida homenaxe a figuras recentemente desaparecidas. Unha edición que abre xanelas ao mundo da animación, consciente, precisamente, do grandísimo traballo que se está a realizar desde A Coruña. Unha edición que busca a diversidade e que pon en valor as autorías locais, erixíndose como o paraugas que arroupa todo o que sucede na cidade ao redor deste rico xénero. Esta é, tamén, unha edición que busca aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas.

Nesta nova etapa, Viñetas propón un novo modelo de xestión -impulsado e organizado polo Concello da Coruña en colaboración co sector-, mantendo a aposta pola excelencia e abríndose a novas formas de facer e de mirar. É por iso que o seu protagonismo recae nas autorías locais -agrupadas nos colectivos Coruña Gráfica e Autobán- e nas autorías femininas, que teñen unha presenza maioritaria na cita.

Viñetas desde o Atlántico é tamén un espazo de promoción da cultura e das artes. Un festival de banda deseñada para celebrar a arte do xénero e aos grandes artistas locais, nacionais e internacionais. Unha plataforma para promover e difundir a cultura na cidade, creando un ambiente vibrante e diverso, con actividades infantís e profesionais e coa súa xa clásica “Rúa da BD”, que reúne a editoras e librerías de prestixio de toda España. Como novidade, Viñetas sumará este ano a música e o cinema ao seu cartel, cun concerto ilustrado e unha coidada serie de proxeccións cinematográficas. En definitiva, máis dun centenar de exposicións, charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e talleres converterán de novo A Coruña na capital universal do cómic este mes de agosto.

SEIS GRANDES EXPOSICIÓNS CONFORMAN O CORAZÓN DE VIÑETAS NESTE 2023

Un ano máis, o Kiosco Alfonso será o corazón expositivo de Viñetas desde o Atlántico. A esta sala municipal súmanse outras como PALEXCO, o Palacio Municipal, A Casa Museo Picasso ou Casa Cultura de Salvador de Madariaga. Todas as exposicións estenderanse no tempo máis aló da celebración da propia feira, desde o 7 de agosto até o 10 de setembro. 

Na Sala de Exposicións de PALEXCO o público poderá visitar dúas mostras das que este novo Viñetas está especialmente orgulloso: a primeira homenaxe expositiva ao recentemente finado Calpurnio, universalmente coñecido como o autor de El bueno de Cuttlas, a tira cómica que durante anos ilustrou El País Semanal. A exposición Homenaxe a Calpurnio componse de preto de 200 orixinais, ademais dun centenar de obxectos de culto, como libros, cómics, portadas de discos e secuencias das súas películas.

A segunda exposición da que poderemos gozar en PALEXCO exemplifica a evolución de Viñetas como plataforma que integra novas linguaxes e que aposta polo talento local: Alberto Vázquez: do cómic á animación é unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico deste multipremiado creador coruñés -gañador do Goya en 2023 pola súa longametraxe de animación Unicorn Wars– e a súa riquísima imaxinación, a través de orixinais das súas bandas deseñadas e detalles dos seus procesos de animación.

O Palacio Municipal expoñerá por primeira vez na Coruña o traballo dos italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como dous dos autores máis relevantes no panorama europeo da Novena Arte. A exposición Las chicas del Pillar. Poniendo rumbo a nuevas aventuras: cómo nace una historia de cómic propón un discurso expositivo continuo, artístico e didáctico, que mostra, mediante orixinais, o proceso creativo dun dos cómics máis celebrados dos creadores: Las chicas del Pillar

Inmersos aínda na celebración do Ano Picasso, a súa casa museo na Coruña súmase á celebración de Viñetas desde o Atlántico e acollerá unha exposición de poesía gráfica de Laura Pérez Vernetti, considerada como unha das mellores historietistas españolas, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón del Cómic de Barcelona. Con ela, Viñetas ábrese a un dos xéneros máis novos do cómic actual, a poesía gráfica, coa exposición VIVE LA VIDA e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca. Por Laura Pérez Vernetti, un traballo sobresaliente e dunha sensibilidade única, coa que a artista capta o universo interior dun dos nosos máis lúcidos creadores literarios.

Mención especial merece a mostra chegada do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía Mujercitas del mundo, ¡uníos! Pioneras del cómic underground adulto, que descobre o traballo das grandes pioneiras do cómic en España, desde a Transición ata a actualidade, con nomes tan significativos como os de Núria Pompeia, Rosa Lleida, Sara Presutto, Montse Clavé, Isa Feu, Mariel Soria, Marika Vila e Laura Pérez Vernetti , entre moitas outras autoras imprescindibles.

Na cita non faltará tampouco un vivo escaparate do panorama actual da historieta na cidade, cunha exposición que abre unha nova liña de traballo para Viñetas: BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, comisariada por Manel Cráneo -autor do cartel desta 26º edición da mostra-. A través dos orixinais de 25 autores e autoras locais, a exposición é unha fotografía que ensina unha instantánea diversa e variada en técnicas e estilos e que poñe en valor unha riquísima escena local da que podemos presumir con orgullo.

IBÁÑEZ EN VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

O recentemente finado Francisco Ibáñez, historietista de referencia e autor de personaxes fundamentais da cultura popular española da Transición, visitou Viñetas desde o Atlántico na súa primeira edición, hai hoxe 26 anos. Foi entón, en agosto de 1998, cando A Coruña acolleu unha exposición en homenaxe á súa figura polo 40 aniversario de Mortadelo e Filemón.

Viñetas desde o Atlántico 2023 non pode pasar por alto esta triste perda e, en recordo de Ibáñez, incluirá un punto continuado de lectura das súas obras, situado no edificio principal da feira, o Kiosco Alfonso, e, tamén, nas Bibliotecas Municipais da cidade. Velaquí unha proposta para que todos los públicos poidan achegarse ou reconectar coa súa figura e a súa obra a través de icónicos títulos e personaxes xa inmortais no imaxinario da banda deseñada universal.

26 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas, actividades paralelas e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2023 celebra a súa 26ª edición do 7 ao 13 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galego, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña cun novo rumbo, como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas.

A nova edición de Viñetas desde o Atlántico quere ser unha reflexión colectiva orquestrada xunto ao sector do cómic da cidade. Deste xeito, este 2023, a cita aposta pola posta en valor do rico ecosistema autoral e editorial local, buscando, así mesmo, sinerxias con institucións de referencia a nivel europeo e sen esquecer, tampouco, dun dos seus grandes valores e signos de identidade: a internacionalización. Tras 25 anos de historia, Viñetas continuará a ser, ademais, a punta de lanza no mes de agosto do xénero a nivel nacional, como un dos seus grandes referentes. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

O CARTEL DE VIÑETAS 2023: “VOLTOU O XERIÓN”

O ilustrador coruñés Manel Cráneo -un dos más veteranos e celebrados autores galegos, fundador de Demo Editorial e impulsor de Coruña Gráfica e AGPI, entre outras valiosas iniciativas sectoriais- asina un cartel que ten, como xa é tradición, á Torre de Hércules como protagonista. A súa ilustración inspírase no Xigante Xerión, que voltou á Coruña e secuestrou os elementos máis importantes do mundo da banda deseñada na Torre. O gran heroe Hércules, armado cun lapis espada e un escudo en forma de páxina de BD, disponse a derrocar ao malvado xigante e liberar os elementos narrativos do cómic, para que A Coruña goce un ano máis de todas as marabillas que este xénero ofrece en Viñetas desde o Atlántico

Este exercicio de metalinguaxe converte aos personaxes históricos coruñeses en personaxes de historieta e rende homenaxe á linguaxe propia da banda deseñada. O cartel é tamén unha chamada á supervivencia e á resistencia dun evento internacional que cumpre 26 anos de existencia impulsado polo Concello da Coruña e que nesta nova edición conta co apoio e a participación do sector profesional local.

2023.07.26.-NP_GAL-Vinetas-desde-o-Atlantico

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ACROBACIA

Miguel Díaz, ACROBACIA

Acéndense os versos que aínda me habitan e non son quen de agarralos. Soños vagalume na noite das silveiras. Agochado brillo da esperanza. Teño no bico un bico desprendido. Teño no peito as acrobacias do felgo. Na boca, un murmurio que asoma aos beizos e te procura. Agroma na humidade. Semella próximo a estoupar e, porén, non é quen de se falar. Non son quen de pronunciarme en ti. E non sei onde pousar esta sensación que renxe na saliva do silencio, afundida na barafunda da túa ausencia.