Entrega de premios do V Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2023 (Galería gráfica)

Este sábado 9 de setembro celebrouse no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba o acto de entrega de premios do V Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2023, que organiza o Concello de Vilalba coa colaboración de Culturalia GZ. No acto presidido por Tamara Rodríguez, concelleira de Cultura do Concello de Vilalba, participaron Elba Veleiro, en calidade de alcaldesa de Vilalba, Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, Cecilia Fernández Santomé, como integrante do xurado e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, entidade, que publica de xeito bienal as obras que acadan premio nas distintas categorías do mencionado certame literario.

Ao longo do acto houbo o acompañamento musical do dúo formado por Esteban Cabana e Baruk Domínguez.

Lembremos que o xurado conformado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo e Cecilia Fernández Santomé escolleron como obras gañadoras na presente edición do certame as seguintes:

Categoría Infantil:

3ºArwen Fernández García, co microrrelato “O Libro”

2º Paula Pérez Cendán,  co microrrelato “Unha noite no cemiterio”

1º  Duarte Mariño Torrado, co microrrelato “Historias da semente”

Categoría Xuvenil:

3º  Óscar Linares González, co microrrelato “O neno e a cidade”

Noa Domínguez Moreda,  co microrrelato “Memorábel”

 Berta Comesaña Alonso,  co microrrelato “CIFRAS”

Categoría Adulto:

Enrique Manuel Neira Pereira, co microrrelato “Naufraxio dobre”

2º Mª Isabel Vázquez Rodríguez,co microrrelato “Paralelas Diverxentes”

  Raquel Fernández Fernándezco microrrelato “A Vaca”

Velaquí unha pequena galería fotográfica que recolle distintos momentos da cerimonia de entrega dos premios.

*Imaxes faiclitadas por Sonia García Paredes, técnica de Cultura do Concello de Vilalba

O #FIOT32 ofrecerá espectáculos de figuras como Vicky Luengo, Ariadna Gil, Andrés Lima, Paco Bezerra ou Pepe Viyuela

O 32º FIOT achegará este outono a Galicia os espectáculos de figuras como Vicky Luengo, Ariadna Gil, Andrés Lima, Paco Bezerra ou Pepe Viyuela, entre moitas outras

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo concentrará un programa escénico rico e diverso do 28 de setembro ao 31 de outubro de 2023, con 38 espectáculos, 10 estreas absolutas, 8 estreas en Galicia, 1 coprodución e ducias de actividades de mediación (encontros, residencias artísticas…)

Entre os pratos fortes deste #32FIOT destacan pezas como ‘Prima Facie’, ‘Hay alguien en el bosque’, ‘La comedia de los errores’, ‘O pequeno poni’, ‘El traje’, ‘Sexpiertos’, ‘Ma solitud’, ‘Forever’ ou a estrea absoluta de ‘Apaga o candil’, unha homenaxe do FIOT e Contraproducións á figura de Carlos Díaz O Xestal

A nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia da Costa da Morte e do outono en Galicia, festexará a súa 32ª edición entre os días 28 de setembro e 31 de outubro, cun programa rico e diverso que se estenderá ao longo dun mes de funcións e actividades de mediación para todos os públicos, da man de grandes figuras ou compañías da escena actual como Vicky Luengo, Ariadna Gil, Andrés Lima, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Javier Gutiérrez, Kulunka Teatro, Cándido Pazó, Diego Anido o Redrum Teatro, entre moitas outras.

O FIOT preséntase un ano máis como unha cita escénica que leva a singularidade no seu ADN, facendo gala da súa vontade de crecemento e de continúa evolución e mellora, en consonancia coa atención e o coidado dos seus públicos diversos. A cita consolídase como un proxecto con proxección e de futuro, que aposta pola calidade escénica e que, ano tras ano,conta coa complicidade do público, con máis de 10.000 espectadores e espectadoras na súa pasada edición. O FIOT é unha cita pioneira que este 2023 cumpre 32 anos tras ser recoñecido pola Fundación Contemporánea como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022.

O leitmotiv do FIOT este 2023 será a loita contra a intransixencia. Ese ‘INTRANSIXENTES’ plasmado no cartel do festival -asinado pola ilustradora carballesa Laura Tova- fala da identidade do FIOT, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural. Un abrazo colectivo protagoniza este cartel do #FIOT32 como mostra de afecto, apoio, felicidade, unidade, colaboración, solidariedade e superación, con xentes diversas en conexión, coidándose e arroupándose nun xesto de respecto e amor. 

PROGRAMACIÓN DO FIOT 2023

O programa da 32ª edición do FIOT dará boa conta da identidade do festival: a súa aposta polas voces singulares e únicas; o seu gusto pola autenticidade e o compromiso social; a apertura a propostas de xéneros e linguaxes diversas -teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos…-; a busca da calidade; e a vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional. O FIOT quere ser, ante todo, un lugar de encontro, que avoga polas artes escénicas inclusivas e sustentables; por un teatro vital, comprometido e conectado coa realidade e as xentes. O programa contará con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.

Neste 2023, destacan nomes fundamentais da escena española e internacional, como Vicky Luengo, Suzie Miller, Ariadna Gil, Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Andrés Lima, Pepón Nieto, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Jean Philippe Kikolas, Alberto Conejero, Xavier Bobés, Kulunka Teatro, Telmo Irureta, Anna Maria Ricart, Guillem Albà, Wilbur, Fernando Soto, Maribel Salas, Aitziber Garmendia…; mais tamén nomes clave das artes escénicas galegas: Cándido Pazó, Contraproduccións, Redrum Teatro, Diego Anido, Quico Cadaval, Roi Borallas, Antón Coucheiro, Soledad Felloza, Caxoto, etc.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abrirá o seu Programa de Sala coa estrea absoluta de Apaga o candil, espectáculo coproducido polo FIOT e Contraproducións. Cun pé no humor e outro na emoción, Candido Pazó, un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos, narrador e admirador de Carlos Díaz O Xestal, achéganos á figura do singular contador de contos.

Esta iniciativa do FIOT é un proxecto longamente acariñado, xa que consideramos obriga propia reivindicar a figura deste carballés de adopción, pioneiro dun xénero escénico do que somos abandeirados: a narración oral. Os contos humorísticos do Xestal están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira, converténdoo nunha querida figura da cultura popular galega dos últimos anos. 

Neste ano que o Concello de Carballo declarou Ano do Xestal, coa implicación da institución municipal, o FIOT impulsa esta achega en forma de obra dramática coa vocación de realizar unha contribución que o poña en valor para as artes escénicas de Galicia. Apaga o candil poderá verse o venres 6 (21.00h) e o sábado 7 de outubro (20.30h) no Pazo da Cultura de Carballo e contará con interpretación en lingua de signos. A preestrea do espectáculo terá lugar no marco do FIOTeen, co alumnado de secundaria, o mércores 4.

O venres 13 de outubro, ás 21.00h, toma o relevo do Programa de Sala no Pazo da Cultura de Carballo outra querida compañía galega, Redrum Teatro, cunha nova estrea absoluta: O pequeno poni. A obra, asinada por Paco Bezerra, un dos referentes da dramaturxia española contemporánea, expón o conflito social do acoso escolar. Redrum Teatro, formación comprometida con creadores de visión arriscada e coas preocupacións sociais, estrea no FIOT a versión galega deste impactante e sobrecolledor texto que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos.

Da man de Camiño Escena Norte, chega ao FIOT Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa, peza gañadora do Premio Max 2023 á mellor labor de produción, que aterrará no Pazo da Cultura o sábado 14 de outubro, ás 20.30h. Un xornalista con parálise cerebral e unha vendedora de caramelos sumida en contradicións explicarán sen complexo as súas vivencias afectivo-sexuais para demostrar que cada un de nós, coa súa parálise particular, temos diferentes medos, soños e ilusións. Sexpiertos está protagonizada por Aitziber Garmendia e Telmo Irureta, gañador do Premio Goya ao mellor actor revelación 2023 e coautor do texto.

A corrupción política e a corrupción da alma son os ingredientes de El traje, unha comedia negra de Juan Cavestany que fala dos anhelos e das miserias humanas, levando ao público por un túnel de terror e de risa, da man de dous grandes actores: Luis Bermejo e o galego e multipremiado Javier Gutiérrez, que botan un pulso cheo de tensión, suspense e humor delirante sobre como a voracidade do sistema nos converte en depredadores. A estrea no Programa de Sala do FIOT, no Pazo da Cultura, será o domingo 15 de outubro, ás 20.30h.

Pola súa banda, a prestixiosa compañía Kulunka Teatro regresa ao FIOT -onde xa presentou as súas pezas André y Dorine e Solitudes– para estrear en Galicia a súa nova creación, Forever, unha coprodución co Centro Dramático Nacional, que reflicte con humor, ironía e emoción as contradiccións do amor. Esta fermosa e profunda traxicomedia fai gala do virtuosismo de Kulunka coa linguaxe das máscaras, para abordar temas como a maternidade, a educación, a discapacidade, a sexualidade ou a violencia. Forever chegará ao Pazo da Cultura de Carballo o sábado 21 de outubro, ás 20.30h.

Tras acaparar todas as portadas do inicio da nova tempada teatral madrileña este setembro, acadando o aplauso unánime do público e da crítica, o multipremiado texto de Suzie Miller Prima Facie chegará este outono ao FIOT de Carballo, onde se poderá ver o domingo 22 de outubro, no Pazo da Cultura, ás 20.30h. Vertixinoso, intelixente, divertido e conmovedor, Prima Facie convídanos a reflexionar sobre o problema da violencia contra as mulleres na nosa sociedade. O prestixioso director peruano Juan Carlos Fisher adapta o texto de Miller na súa estrea mundial en español, despois do seu grande éxito en Londres e Broadway, mentres que unha hipnótica Vicky Luengo é a protagonista absoluta da obra.

O venres 27 de outubro, ás 21.00h, o Pazo da Cultura de Carballo poderá gozar con El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca. A peza -finalista á mellor dirección de escena nos Premios Max 2023- é froito do primeiro encontro do destacado dramaturgo Alberto Conejero e do director, autor e intérprete Xavier Bobés, referente do teatro de obxectos en España. Coas palabras xustas, documentos, textos, imaxes e obxectos que cobran vida, os creadores reconstrúen con intensidade poética a historia dun mestre fusilado, poñendo no centro a escola, o poder transformador da educación.

Hay alguien en el bosque é unha impactante e brillante creación escénica de teatro documental, con cámaras en directo e un fermoso universo sonoro, que visualiza a traxedia e recupera a memoria das violacións de mulleres e nenas como un arma de guerra no conflito de Bosnia e Herzegovina. O espectáculo, con dramaturxia de Anna Maria Ricart, a partir do libro da escritora croata S. Drakulic, presentarase no FIOT o domingo 29 de outubro, no Pazo da Cultura, ás 20.30h. Sete intérpretes en escena, encabezadas pola popular actriz Ariadna Gil, póñenlle voz desde unha perspectiva actual aos testemuños das mulleres e os fillos entrevistados e á súa dor.

A obra de Shakespeare La comedia de los errores será a encargada de clausurar o Programa de Sala deste 32º FIOT o martes 31 de outubro, ás 20.30h. O laureado director Andrés Lima presenta esta divertida versión libre da comedia do bardo, á súa vez baseada nun texto de Plauto, construíndo un vertixinoso xogo teatral co que, entre risa e risa, convidará ao público a poñerse no lugar do outro e a cuestionar os límites difusos entre o verdadeiro e o falso. A peza está protagonizada, entre outros, polos televisivos Pepón Nieto e Antonio Pagudo.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT naceu hai 32 anos para xerar toda unha estrutura escénica. Por iso conta cunha liña de programación específica de apoio á narración oral, a Rúa dos Contos, que un ano máis regresa aos bares con figuras como Pepe Viyuela, Soledad Felloza, Bea Campos, Quico Cadaval ou Wilbur. Da rúa o FIOT non marcha e queda nela para festexar o circo e as iniciativas para todos os públicos: o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na praza do Concello cos espectáculos Glamping, de SU.MA, e Duelo, de Jean Philippe Kikolas, que se estrea en Galicia; ao igual que boa parte das obras do Metro Cadrado,que este ano celebra a súa sétima edición e na que gozaremos con cinco estreas absolutas e una estrea en Carballo de figuras ou novas compañías do sector a nivel autonómico. Serán pezas site-especific que se realizarán en espazos non convencionais do municipio. 

O festival serve, tamén, como rede para espallar e descentralizar a actividade escénica pola comarca: co FIOT en Ruta, o teatro chegará aos locais sociais de Oza e de Sofán, da man de Roi Borallas -co seu Solo, Premio Fetén 2023 á mellor interpretación masculina- e da Compañía Humana -coa peza Iphixenia na porta do súper. Ademais, o FIOT traballa para achegar o teatro aos máis novos co FIOTIÑO, que este ano vén da man do narrador infantil Caxoto. O público xuvenil ten tamén o seu espazo coa liña específica FIOTeen, que achegará ao alumnado de secundaria pezas como a premiada Puños de harina, de El aedo teatro.

O apoio á creación estará presente a través da coprodución da peza Apaga o candil, en recordo da figura d’O Xestal; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración da residencia da coreógrafa e bailarina Clara Pampyn ou co propio certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e propostas escénicas, que se traduce na liña de programación OTNI. Esta contará con interesantes voces da escena contemporánea como Guillem Albà -quen achega ao FIOT a súa nova creación, Ma solitud, gañadora do Premio Fetén ao mellor espectáculo de pequeno formato este 2023-, Diego Anido, Zum-Zum Teatre -con El testamento, galardoada co Premio Fetén 2023 á mellor dirección- ou Os monicreques de Kukas.

Se ben o FIOT naceu para xerar e impulsar o tecido escénico, tamén vive como espazo de encontro para públicos, compañías e axentes culturais (durante o #FIOT32 celebraranse xornadas profesionais, entrevistas, encontros e moitas outras actividades de mediación). Así, o FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos: é un motor para as artes escénicas galegas. Esa filosofía de rede, de xerar comunidade, rentabilizar recursos e de proxecto de continuidade ou de amosar outras realidades sociais periféricas é a súa base. Esa sustentabilidade pola que se apostou desde hai anos segue a avanzar, un pasiño máis, neste 2023, coa programación do espectáculo inclusivo Sexpiertos e a inclusión da interpretación en lingua de signos tanto na obra Apaga o candil como na estrea de É meu amigo!, que narra por igual en lingua de signos e en lingua oral. 


O #FIOT32 en cifras

  • 38 espectáculos.
  • 10 estreas absolutas e 8 estreas en Galicia.
  • 1 coprodución do FIOT
  • 6 comunidades autónomas (Galicia, País Vasco, Comunidade de Madrid, Cataluña, Castilla e León e Andalucía)


As estreas absolutas desta edición son: 

  • Apaga o candil, de Contraproducións e FIOT, dirixida por Cándido Pazó.
  • O pequeno ponide Redrum Teatro.
  • Sonchistorias, de Xan Veiga. 
  • Tres vellas na romaría, de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti.
  • É meu amigo!, de A Trastenda dos Contos.
  • Cinco pezas do Metro Cadrado, que se representarán en espazos non convencionais do municipio nos sábados de outubro. 

As estreas en Galicia desta edición son: 

  • Forever, de Kulunka Teatro.
  • La maja y la mona (o viceversa), de Maribel Salas e Susana Soleto.
  • Ma solitud, de Guillem Albà.
  • Prima Facie, de Suzie Miller, con Vicky Luengo.
  • El testamento, de Zum-Zum Teatre.
  • Duelo, de Jean Philippe Kikolas.
  • Hay alguien en el bosque, con Ariadna Gil.
  • Piensa en Wilbur, de Wilbur.

2023.09.07.NP-Programa-FIOT32

Andanzas do Suso de Lameliña. O LADRÓN DE SOUTOMERILLE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O LADRÓN DE SOUTOMERILLE*

Din que tarde ou cedo, sempre se regresa ao lugar do delito. El non ía ser unha excepción. Cando acontecera o feito foron varios os sospeitosos, nunca el, pero co paso do tempo ficou esquecido. Por outra banda tampouco había moito interese en aclarar o sucedido polo que rematou por converterse nunha simple anécdota.

Hoxe, despois de once días de camiñada desde Oviedo, aquí estaba de novo, diante da igrexa. Calculaba que en cinco ou seis días chegaría a Santiago. Ata de agora a peregrinación resultáralle proveitosa. A pequena caixa forte que levaba na mochila ía case repleta de xoias conseguidas ao longo do camiño, tanto a algúns compañeiros de camiño como nas casas dalgunha aldea, que confiados deixaban a porta sen pechar. Tiña anos de experiencia nestas lides, levadas a cabo, principalmente, no camiño francés, que fixera unha unha ducia de veces. Sen embargo o Primitivo era a primeira vez,  a segunda que se atopaba en Soutomerille, un lugar abandonado no medio dun fermoso souto, no que destacaba o centenario castiñeiro da Corredoira, o cemiterio máis pequeno de Galicia, a igrexa de S. Salvador e a Torre de abaixo.

Diante da igrexa de orixe prerrománico e estilo visigótico, medio en ruínas, lembra aquel día no que acompañado por un colega, subiron ao campanario e liscaron coas campás para vendelas logo ao peso. Tentou a porta por ver se cedía, pero estaba ben pechada. Así que despois de botar unha ollada aos arredores, por ver se aparecía algún peregrino, sacou da mochila unha ganzúa e forzouna.

No interior só había po, cagadas de ratos e tebras. Iluminou co móbil o que quedaba da igrexa: uns bancos estartelados e un altar de pedra dentro dun arco de media punta con pinturas ao fondo. Pero el, desta volta, non viña  roubar nada. A súa idea era subir ao campanario e viaxar ao pasado. De repente o móbil apagouse. Non entendía o porqué, xa que a batería estaba case chea. A escuridade fíxose dona do templo e un calafrío percorreu o seu corpo. Quixo avanzar cara á saída e non foi quen de mover un só pé. Entón unha luz vermella iluminou a estancia. Diante dos seus ollos, había un círculo de velas acesas, que rodeaban unha caixa co cadáver do seu compañeiro de aventuras e outra baleira. Un  home vestido de negro murmurando unha especie de ladaíña, dáballe un carácter aínda máis tétrico á escena.

Veulle ao maxín a morte do seu amigo. Esta sucedera uns dous anos atrás nunhas circunstancias extrañas. O seu corpo sen vida fora atopado nun banco do  parque Rosalía de Castro, onde estaba a descansar. A autopsia determinara que a causa da morte  non fora  natural, senón  debida a  picadura dunha pomba que lle inxectara unha dose mortal de veleno. Ninguén se explicou como puido ocorrer algo así. 

Agora, presentiu que lle chegara a el a hora e máxime cando o home de negro cunha voz rouca  dixo:

—Sabía que ías volver. Levo anos agardando pacientemente por ti. O teu socio, mira ben para el, xa buscou acubillo aquí. A outra caixa espera por ti.

Atemorizado saíu fuxindo da igrexa e dun forte golpe a porta da mesma pechouse. Conseguiu chegar ata a Torre de abaixo e alí no medio dunha silveira ficou sen vida. Ao cabo dunha semana, unha parella de peregrinos que entraron no interior da  casa atoparon o cadáver medio comesto polas ratas.

*Soutomerille é unha aldea e parroquia de Castroverde que leva máis de medio século abandonada.

XIV Lúas de Outono no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

A Casa-Museo Manuel María organiza para o martes, terza feira, día 19 de setembro, ás 20.30h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña celebraremos unha nova edición, a décimo cuarta, de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María.

A edición deste ano preséntase so o título Música, humor e poesía  e poderemos gozar coas historias do dramaturgo, director, actor e narrador,  Quico Cadaval, coa poesía de Manuel María declamada pola actriz María Barcala e coa proposta musical, que parte do canto tradicional galego, que realiza Paraíso Canto.

A entrada é gratuíta mais é necesario reservar os billetes en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621 (prazo até o día 18 de setembro incluído). No caso de sobrar billetes, poranse unha hora antes do inicio do espectáculo na billeteira do teatro Rosalía.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: LIBRO DE ALICIA

Autora: Olalla Cociña Lozano

Editorial: Espiral Maior

Ano de publicación: 2008

Rematou agosto, que non o verán, mais unha sente que deixou xa atrás un tempo de lecturas dilatadas ao sol, ás que ir e volver con toda a calma do mundo. Así a todo, algunhas conseguen traspasar esta fronteira e coarse entre as rutinas aceleradas de setembro. Tal é o caso do Libro de Alicia. Lembro e volvo a un dos poemas finais:

“rematando o verán

amósanos as cicatrices, a boca desdentada

coma unha experta actriz

preséntaste ante nós rota

e ensinas sen pudor o teu catálogo de remendos”

Alicia revélasenos de múltiples formas, prevalecendo ao longo destas páxinas unha delicada tenrura que acompaña á extinción dun modo de vida: o rural. Memoria e identidade, mais tamén fantasía, son algúns dos elementos cos que a autora, Olalla Cociña, vai artellando este marabilloso libro, galardoado co VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. 

Certamente, pareceume asistir a unha poética dos sentidos, na que converxe o telúrico co tacto. A punto estiven de facer unha cunca coas mans, con tal de apañar unhas poucas migallas para os días de outono.