Palestra sobre O PENSAMENTO DE CASTELAO, de Manuel Rei Romeu, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 1 de febreiro, ás 19 hrs, a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, organiza unha palestra sobre O PENSAMENTO DE CASTELAO, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento

O escritor e profesor de lingua e literatura galega, Manuel Rei Romeu será o encarregado de tratar o pensamento e a obra de Castelao e a súa significación e importancia naquela altura na sociedade galega, a súa influencia na política galega e a vixencia das súas ideas.

Manuel Rei é un salientábel estudoso no campo da crítica literaria nomeadamente na figura de Castelao, aprofundando na súa obra literaria e na súa actuación política, con ensaios como Arte e verdade. A obra literaria de Daniel CastelaoCastelao e Sempre en GalizaAfonso Daniel CastelaoCastelao: desta Terra, deste tempoVolver a Castelao… Alén do intenso labor de divulgación de Castelao, Manuel Rei ten contribuído á clarificación de figuras relevantes como Curros Enríquez, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro…e participado, entre outras, en obras colectivas como Literatura galega: da Idade Media ao século XIX ou a Historia da literatura galega da AS-PG.

A actividade é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Presentación do libro SPEECHWRITER, de Paulo Naseiro, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro “SPEECHWRITER”, de PAULO NASEIRO, que terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o xoves 30 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas, e contará coas intervencións de Paulo Naseiro, Marisa Barreiro e Chema Felpeto.

NOTA-INFORMATIVA-PAULO-NASEIRO

Andanzas do Suso de Lameliña. AS TRANSPANTASMAS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

AS TRANSPANTASMAS

Ata hai pouco, apenas se tiñan coñecementos sobre a vida e os costumes das pantasmas. Pensábase que eran ánimas de defuntos que vagaban pola terra penando polas súas culpas. Certamente, son ánimas, e vagan polo mundo adiante, pero non redimíndose. As pantasmas son simplemente as ánimas de todos os defuntos que habitan un mundo paralelo ao noso, formado por miles de millóns de individuos.

Co avance da ciencia, cada vez sabemos máis sobre estes misteriosos seres. Recentemente, científicos da Universidade de Santiago de Compostela (xa se sabe, en Galicia é onde haimáis expertos na materia) estudando o fenómeno da Santa Compaña, descubriron casualmente a existencia dunha especie peculiar de pantasmas: as transpantasmas.

Os mesmos científicos xa descubriran anteriormente que o sistema de goberno polo que se rexen estes espectros é unha monarquía electa. Cada cen anos unha nova raíña, cun poder case absoluto, é elexida por sufraxio universal entre todas as ánimas.

As transpantasmas son pantasmas con todas as características dun humano: comen, beben, cagan, dormen… , pero só teñen unha existencia de trescentos sesenta días. Cada ese tempo, a raíña concede a un número determinado de ánimas a posibilidade de volver a vivir como humanos durante case un ano, cunha excepción: cando se dea o caso, pouco probable, de atoparse cun coñecido, volveranse invisibles para el.

Polo demais, fan vida normal; mesmo poden enfermar e ata morrer. Grazas precisamente a que enferman, sóubose que certos pacientes presentaban no peito esquerdo, á altura do corazón, unha mancha vermella, semellante a un alacrán. Durante moitos anos, mantívose en segredo e foi estudada por prestixiosos doutores que nunca chegaron a unha conclusión
clara. Mesmo sospeitaron que puidera tratarse de extraterrestres.

Tivo que ser o equipo da Universidade de Santiago, dirixido pola doutora Avelina Ferreiro Candal, quen descubrira que esa mancha era o distintivo dun tipo de pantasmas, as transpantasmas. A partir de aí, viñeron máis coñecementos, como o da invisibilidade en caso de cruzarse cun coñecido.

É, polo tanto, moi probable, segundo declarou a noite do xoves pasado a doutora Avelina Ferreiro no programa de TV, “Misterios da outra beira”, que xa volvan estar entre nós, ou volvan aparecer en calquera momento, personaxes como Dante ou Picasso, así como outros máis preocupantes, casos de Franco ou o mesmo Führer. Agardemos que, grazas ao labor deste equipo de investigadores, pronto teñamos máis datos e evidencias destes peculiares seres, que ata hai pouco nos eran totalmente descoñecidos.

Richi Casás presentará “FULIADA NA VILA. O Cantar de Rosa e Adolfina” este sábado na Casa-Museo María María

RICHI CASÁS ESTARÁ ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA FALAR DO CANTAR DE ROSA E ADOLFINA, A SÚA AVOA E MADRIÑA, CANTAREIRAS EN QUE SE PERSONIFICA, ENTRE OUTRAS, O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2025

O músico e estudoso da música tradicional interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina

Richi Casás, músico, profesor, estudoso da música tradicional e saxofonista da Banda Xangai, estará este sábado, día 25 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) para falar do cantar de Rosa e Adolfina, a súa avoa e madriña respectivas, cantareiras en que se personifica, entre outras, o Día das Letras Galegas de 2025, dedicado este ano á poesía popular oral.

Richi interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina, e que recolle no libro-cd Fuliada na vila (2020), editado por aCentral Folque. Quen quixer, pode traer a súa pandeireta este sábado, para o acompañar nestas composicións.

Rosa e Adolfina foron dúas labregas do concello de Cerceda (A Coruña), que naceron e viviron na Vila da Igrexa. Tiveron sona na contorna por ser boas cantadoras e pandereteira. As súas letras e melodías foron recollidas pola musicóloga Dorothé Schubarth.

A actividade deste sábado, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Conferencia A CREACIÓN DUN DISCURSO PROPIO SOBRE A LINGUA GALEGA E A SÚA NORMALIZACIÓN, de Ana María Iglesias, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a conferencia A CREACIÓN DUN DISCURSO PROPIO SOBRE A LINGUA GALEGA E A SÚA NORMALIZACIÓN, impartida por ANA MARÍA IGLESIAS, Doutora en Filoloxía, coa presentación de MARISA BARREIRO.

Esta acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 24 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVAANA-M-IGLESIAS

Teatro do Noroeste  estrea ‘Guerra’, o seu novo espectáculo, esta fin de semana no Teatro Principal de Compostela

Ao máis puro estilo shakespeariano, Eduardo Alonso firma e dirixe unha traxedia aderezada de comedia e ironía para entreter concienciando, que poderá verse este venres 17 e o sabado 18 de xaneiro, ás 20.30h

O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso

Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio 

As últimas entradas para ‘Guerra’ están dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra

Teatro do Noroeste desembarca esta fin de semana no Teatro Principal de Santiago de Compostela coa estrea absoluta do seu novo espectáculo, Guerra, que poderá verse o venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20.30h. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, é a peza encargada de abrir a programación de artes escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre de 2025. Trala representación do sábado 18, o público poderá gozar cunha conversa postfunción co equipo artístico de Teatro do Noroeste. As últimas entradas para ‘Guerra’ están dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra

O espectáculo está producido pola compañía Teatro do Noroeste e conta co apoio dos Concellos de Santiago de Compostela e de Ames, ademais da subvención da Axencia Galega de Industrias Culturais á creación escénica e á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto do que forma parte.

A mañá deste xoves, 16 de xaneiro, tivo lugar a prsentación do espectáculo no Teatro Principal de Compostela. No acto participaron Xaquín López, director xerente do Auditorio de Galicia; Eduardo Alonso, autor e director da obra; Eva Alonso, produtora executiva de Teatro do Noroeste; e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, que estiveron acompañados polo elenco ao completo: Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez.

O director e dramaturgo Eduardo Alonso quixo agradecer o apoio das institucións (Agadic, Concello de Santiago de Compostela e Concello de Ames) para poder sacar adiante un proxecto como Guerra, que é un espectáculo de gran formato con seis actrices e actores en escena. Ademais, destacou que, para el, “o teatro debe estar comprometido coa realidade. O punto de partida deste texto foi o bombardeo do Teatro de Mariupol en Ucrania por parte das tropas rusas. Sentín que esa podería ser a nosa casa, que estaba a ser bombardeada. Isto levounos a montar Guerra, para falar de todas as guerras que nos asolan”.

Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices. Tal é a premisa de Guerra, onde as innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución. O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso  e produción de Eva Alonso.

FOCO TEATRO DO NOROESTE

Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de Guerra, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio, tamén no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

SOBRE O ESPECTÁCULO

“A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunha é unha solución, senón o máis grande dos erros”. 

Ao máis puro estilo shakespeariano, Guerra é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. Teatro do Noroeste amosa unha realidade actual a través dunha alegoría eterna e substancial. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso:

Guerra é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta “guerra” de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”. 

E continúa: “o teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, nos rodean e mesmo se instalan no corazón de Europa. O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar, desde a maior humildade, pero, tamén, desde a ambición máis saudable. E iso é o que pretende esta obra: entreter concienciando”.

SOBRE A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.