Paula Carballeira, Jaime Santos e Iseo Agilda son os artistas que actuarán este martes en Santiago

O Teatro Principal acolle ‘Blancanieves’, de La Chana Teatro, gañador do premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar

Mentres, en Portugal, está programado un paseo histórico e unha sesión de contos a cargo de Estefânia Surreira

A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal


Os máis cativos serán os protagonistas da segunda xornada do Festival Atlántica este martes, 2 de xullo, que desenvolverá actividades en Santiago e Portugal. Así, ás 12 horas, os pequechos terán que decidir entre escoitar as historias de Iseo Agilda en A grandeza do pequeno (12 h, CSC Santa Marta) ou os Contos de sapos, bruxas e curuxas de Paula Carballeira (12 h, CSC Maruxa e Coralia). Xa pola tardiña e no Teatro Principal, ás 17 horas, será a representación de Blancanieves de La Chana Teatro, con entrada gratuíta pero para asistir cómpre retirar previamente o convite na Zona C.

Blancanieves foi a obra gañadora do premio Max ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar no 2023. Trátase dun espectáculo luminoso celebrado pola crítica e o público no que a historia de Blancanieves cóntase desde o verso e desde o humor que nace das situacións máis desgraciadas. Blancanieves, a luz máis refulxente, é odiada e envexada pola súa madrasta, unha fermosa lámpada cuxa beleza está baleira, pois nin sequera emite luz. E alí onde habita a luz, atópase a beleza que encandea de verdade ás almas nobres. E é que a beleza é invisible aos ollos.

Alén disto, os maiores tamén poderán gozar das historias de Paula Carballeira con Camiños de mar, terra e vento, pero algo máis tarde, ás 21 horas, e tamén no CSC Maruxa e Coralia. Completa la programación de Compostela unha andaina nocturna pola Portela de Villestro que será guiada polo Colectivo A Rula. Consistirá nunha visita aos principais petróglifos da área arqueolóxica da zona, conformada por unhas 15 estacións de arte rupestre nos enclaves do Agro do Campo, Os Valados, O Rexío, A Devesa da Rula e Os Cortellos.

Actividade en Portugal
Atlántica tamén seguirá a se celebrar en Portugal este martes con dúas propostas: un paseo histórico a cargo de Jorge Leal e unha sesión de contos con Estefânia Surreira. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición.

O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

20240701-NP-FA-Santiago-Martes-2-xullo