Eles, alleos, os outros, na súa estendida indiferenza, non queren abrazarme nin ferirme. Pero desde a inconsciencia achegan a min os seus coitelos afiados, abrindo brecha nova ou furgando na vella. E sei que, cando o tallo é grande, cicatriz só é outro xeito de nomear a ferida.
Mais non o fan á mantenta. Ignoran. Simplemente non consideran o escenario no que, de cando en vez, son vulnerable.
Simplemente non saben que aínda latexa o teu poema no peto do pantalón do meu cadáver.
Esas deusas promiscuas que cando estás en celo non se deixan ver.
NUBES
O ceo sería como un lenzo baleiro se non fose polas nubes, cambiantes e caprichosas.
PRIMEIRA VEZ
As nosas vidas están cheas de primeiras veces. A súa ausencia é a antesala da morte.
MALAS COMPAÑÍAS
Cómpre elixir ben as malas compañías. O éxito ou o fracaso nesta vida depende desta decisión.
FILÓSOFOS
Se de alguén hai que desconfiar é dos filósofos. Cando menos o agardas sacan a munición oculta na gabeta. E dio alguén que conta a filósofos entre os seus mellores amigos.
PANTASMAS
O que máis me anoxa das pantasmas é o seu aire de superioridade, sempre mirándote por riba do ombreiro e sen dirixirche nunca a palabra.
POETAS
Os poetas son como as abellas: van de flor en flor á procura de inspiración.
Luis Maceira Cid, co relato Instrucións previas, gaña o primeiro premio; mentres que Tamara Jiménez Quirós álzase co segundo, co texto Tan diferentes como iguais; e Laura Souto Queijeiro acada a terceira posición con Como se xestiona unha crise
A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 5ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 21.00h, antes dos directos de Lucía Pérez, Las Ketchup, Raúl, Rosa López e o dj Iván Flashback
Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, rexistrou neste 2024 o seu récord de participación
O Certamen de Literatura LGTBI+ naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+
As obras gañadoras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100 €
O III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride xa ten relatos gañadores. Luis Maceira Cid, co relato Instrucións previas, gaña o primeiro premio; mentres que Tamara Jiménez Quirós álzase co segundo, co texto Tan diferentes como iguais; e Laura Souto Queijeiro acada a terceira posición con Como se xestiona unha crise. As obras gañadoras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100 €.
A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 5ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 21.00h, antes dos directos de Lucía Pérez, Las Ketchup, Raúl, Rosa López, o Coro Cores e o dj Iván Flashback.
Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, rexistrou neste 2024 o seu récord de participación. O Certamen de Literatura LGTBI+ naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+.
SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ORGULLO DO NORTE
A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel está xa confirmada a presencia de Vengaboys, ademais das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe.
O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic.
O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 40.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.
Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024
O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014
Moitas das xoves promesas que gañaron o Combate de Debuxantes de Autobán nesta década de historia acabarían por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey
Autobán celebra neste 2024 o seu 10º aniversario. Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024. O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o. seu Combate de Debuxantes acabarían por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
SOBRE A HISTORIA DO AUTOBÁN
O Autobán xurdiu en agosto de 2014 na Coruña como unha alternativa independente ao festival de cómic galego de referencia, o Viñetas desde o Atlántico. Un grupo de autores e debuxantes locais que non acababan de atopar un oco para os seus fanzines no marco deste evento decidiron crear o seu propio festival paralelo de autoedición, seguindo o modelo de moitas outras citas que empezaron a proliferar polo estado na mesma época.
A primeira edición argallouse en poucas semanas recorrendo á xenerosidade dos amigos e aos recursos de internet para compensar a falta de orzamento e de medios. Foi un modesto festival cun mercado onde se presentaron unha vintena de publicacións e varias actividades paralelas, como faladoiros ou o Combate de Debuxantes, que sería unha das súas marcas de identidade xunto ao brilé brutal.
De natureza nómade e improvisada, tras pasar por diversos emprazamentos, o local autoxestionado Nave 1839 converteríase na súa sede oficiosa. Esta unión daría lugar a un spin-off invernal de dimensións máis reducidas, o Autobom. Este modelo autoxestionado mantívose até que chegou a covid-19. A pandemia obrigou a reformular como se viñan facendo as cousas e, tras unha edición dixital en 2020, o proxecto renacería asumindo novos obxectivos coa fundación da Asociación Cultural Autobán no ano 2023.
Tras consolidar durante este último ano un clube de debuxo mensual no que participaron ducias de debuxantes locais, o Autobán chega en 2024 ao seu 10º aniversario afianzando o emprazamento do seu mercado de verán na céntrica Praza de San Andrés, onde máis de 70 expositores de toda a península reciben un fluxo constante de visitantes que repercute nun éxito de vendas. O evento mantén o patrocinio de entidades como Punto Gal e a colaboración co Viñetas desde o Atlántico, con quen organiza un concerto ilustrado no Teatro Colón. Pero a principal e máis ambiciosa novidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, é a convocatoria do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, cunha dotación económica de 1.250 €.
Ademais do seu xa clásico mercado de fanzines, entre as actividades que regresarán este ano a Autobán destacan o brilé brutal, o Autobombo (minipresentacións rápidas dos proxectos participantes), os concertos ilustrados, o Autolab (un laboratorio de banda deseñada experimental), as pinchadas de dj’s ou o Minibán (obradoiros pensados para os máis cativos), sen esquecer a impresión do Autozine, a súa publicación anual gratuíta.
FITOS DUNHA DÉCADA DO AUTOBÁN
Ademais das persoas gañadoras do Combate de Debuxantes, outros autores destacados coma Jano Viñuela, Diego Burdío, Paula Esteban ou David Calviño colaboraron como creadores dos pósters para esta cita ao longo dos anos.
As sedes máis populares do Autobán foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. Este ano súmase o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGBT+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
Vídeo primeira edición de Autobán I Ano 2014
Vídeo 1º Combate de Debuxantes en Autobán I Ano 2014
Escritora galega e nova busca que a exploten laboralmente?
Podería ser un anuncio por palabras nunha páxina de diario de tiraxe nacional.
Ás veces unha non ten máis que tomar distancia, ou non, para ver se as cousas arrefrían, por ver se se mitiga a vea crítica, pero… hai cousas das que se non se fala é como se non acontecesen e hai que falar, ou polo menos, escribir.
A dous días do 8M, un centro catalán, que recibe subvencións galegas, rulaba a seguinte mensaxe de mans dunha muller: “Bo día, coñeces a algunha escritora nova que queira vir facer Sant Jordi a Barcelona, pagando ela o desprazamento e nós pagamos unha noite de hostal? Poderá vender libros nas Ramblas, diante do Centro Galego o día de Sant Jordi. Confirma”.
Vale, partamos de que o “convite” vén dunha persoa en particular, que está curiosamente na directiva do centro, e digo eu, non é alguén que representa a toda a entidade?
A nova pescounos co pé cambiado, as mans na cabeza e unha morea de improperios no bico. Era posible tal mensaxe? Era posible tal atropelo, tal fachenda á hora de expor un método de explotación e que esa mensaxe levase palabras como “escritorA” e “novA”? Que se supón, que as escritoras novas non comen, non teñen facturas que pagar, que, ademáis de cobrar con sorte un 10% das vendas das súas obras, teñen que ir vendelas de sol a sol, teñen que pagar as súas dietas noutra comunidade cando queren promocionar a súa obra e, por riba, teñen que dar grazas de que lle poñan un cuarto nunha pensión?
Fagamos contas: un voo ida e volta a Barcelona a poucas semanas de Sant Jordi, máis transporte, máis dietas, máis grazas que che van poñer unha mesa para que vendas os teus libros, máis carrexa os teus libros a poucos que queiras vender, máis grazas que che poñen unha cadeira tamén, e con sorte un parasol= vendiches cinco libros, dos que carrexaches trinta, mellor dito, dos que facturaches trinta porque a pouco que pesen e a pouco que levases, non van en equipaxe de man, ale! Máis gastos! E os billetes 180€, a manduca 50€, e o que lle gañaches aos libros,… con sorte 10€. Se vives en Barcelona, pois igual non che importaría ir, pero se tes que ir dende Galiza, pois case que mellor que quedes na casa, non? Onde queda o prestixio como autoras, onde queda o prestixio do sistema literario galego? Nós faríamoslle iso a unha escritora catalá? Diríamoslle vén pola cara, vas poñer ti o material, o traballo e o transporte, nós pagámosche unha noite no hostal máis achegado ao concello que propablemente nos custe uns 50€ sen almorzo? Non, verdade, pois igual de ridículo e obsceno soa que sexa do revés. Preguntemos por aí, canto cobran xs autorxs que veñen ao Poetas Dinversos da Coruña? Ou veñen polo caldo? Coido que non.
Poñamos tamén negro sobre branco, segundo a resolución do 2 de novembro de 2023 a Secretaría Xeral da Emigración resolvía que se lle concedera entre outras entidades ao Centro Galego de Barcelona 9855€ en calidade de axuda para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural. É pois a literatura galega un patrimonio cultural ou non o é? De selo, a ver se se vai notando un pouco en que se gastan os nosos cartos.
Se a isto lle sumamos que as axudas de mans da Xunta de Galicia á edición en galego e ao sector literario en xeral son exiguas ou case inexistentes, diremos que somos resistencia malia a todo, pero unha cousa é ser resistencia e outra moi diferente é transixir coa explotación.
Confeso que as misas non son santo da miña devoción. Xa me chagaron os anos da nenez e puberdade para doparme de lecturas apostólicas, oracións e sacramentos. Actualmente só asisto en circunstancias excepcionais, por compromiso social, xeralmente funerais.
As liturxias de hoxe non son coma as de antes; unha hora de duración xa non é a norma. Hai misas que apenas duran dez minutos, como se o crego ansiase rematala tan pronto se santigua. Este breve tempo aprovéitoo para abstraerme e pensar en asuntos persoais. Non é a miña intención ser irrespetuoso, pero é habitual que os meus pensamentos se dirixan a temas máis terreais, como pode ser o sexo (o pecado da carne, segundo eles), se cadra como reacción subconsciente a restricións, outrora impostas.
Non obstante, hai tres excepcións, nos que retorno á realidade para concentrarme na cerimonia. O primeiro cando o párroco pronuncia unhas palabras que hoxe en día dificilmente se podían cualificar de sermón. Sempre resulta interesante descubrir as intencións do mensaxeiro divino.
O segundo o intercambio de paz, no que por cortesía retorno do meu mundo luxurioso e comezo a saudar “a todo deus”, nunca mellor dito.
Finalmente, durante a comuñón. Aparto da mente aquela moza que estaba tan boa e que coñecín na “Tasca”, na rúa da Cruz e trasládome a unha tribu africana, por iso do canibalismo e de comer o corpo de Cristo. Por certo, daquela moza que estaba tan boa cheguei a namorarme, pero por desgraza nunca me fixo ningún caso.
E co desexo de que marchemos en paz por parte do señor cura saio ao atrio saudar amigas e amigos, case sempre rematando por tomar algo no bar de costume. E ata o próximo enterro ou cabodano no que, vai saber ti,que figura etérea do pasado fará acto de presenza, a ben seguro desprovista de saba.