O vindeiro sábado, 15 de marzo ás 20 h., o local lucense A Depensa do Saa acollerá outra entrega da iniciativa cultural 1/2 HORA DE POESÍA. Nesta ocasión contará coa participación da escritora e poeta lucense Beatriz Dourado, que será presentada polo escritor chairego Martiño Maseda.
Estes seráns poéticos foron ideados polo escritor Manuel Vázquez, coa colaboración de Xosé Manuel Saa, propietario de A Despensa do Saa, o espazo onde se desenvolven ditos recitais. De periodicidade mensual, esta convocatoria poética pretende impulsar a literatura en galego grazas á achega creadora de voces poéticas como Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Beatriz Dourado, Martiño Maseda, Luis Valle, Ánxela Gracián, Xulio López Valcárcel, Xulio Pardo de Neyra, José Estévez, Ana Mar Fraga Rábade, Xesús Bermúdez Tellado, Toño Núñez ou Xesús Trashorras, e outras que se irán sumando segundo se vaia desenvolvendo este novo xermolo cultural na capital lucense.
Beatriz Dourado
A protagonista da 1/2 HORA DE POESÍA que se celebra neste mes de marzo, Beatriz Dourado, naceu en Barcelona. Filla e neta de emigrantes galegos. Na actualidade reside en Lugo. E exerce de profesora de Lingua e literatura galegas no IES da Terra Chá, Xosé Trapero Pardo. Feminista, defensora da igualdade, da xustiza social, dos dereitos civís fundamentais, amosa a súa actitude comprometida no día a día e a través da súa faceta como escritora. Características que xa podemos apreciar nese estourido poético que provoca intraGUERRAS, plaquette publicada por Editora Urutau, e coa que gañou o VII Premio de Poesía María Mariño. Ou noutras obras igualmente galardoadas en certames literarios coma o Premio Contos de verán de El Progreso, o Certame Literario Terras de Chamoso, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos de Redondela, o Certame de Microrrelatos de Vilalba, o Certame de Poesía Avelino Díaz, o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, o Premio Arume de Poesía infantil ou IV Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO. Salientando igualmente a súa participación e coordinación en proxectos literarios como MANIFESTO 25. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller (Alvarellos Editora, 2021) ou IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria (Alvarellos Editora, 2023).
Ademais da obra individual arriba citada, tamén deixa o seu trazo persoal nos seguintes volumes colectivos:
– IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, publicada por Alvarellos Editora no 2023. – Os Ancares en Outono, publicado en 2022 pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega. – Historias no Camiño, publicada en 2021 pola editorial Elvira. – Antoloxía 21 voces poéticas. 8 de marzo. Versos na Loita Común, publicada en 2020 nunha edición dixital en Culturalia GZ. – Microrrelatos premiados no Iº e IIº Certame do Concello de Vilalba, publicada en 2020 por Alvarellos Editora. – Certame de micro-poesía Vilariñas, publicada en 2019 por Nova Poesía Guitirica/Os Vilares Lareira de soños. – Isidro Novo (1951-2018), publicada en 2019 polo Concello de Lugo. – Os Viadutos. XVII Certame Literario de Relatos Curtos, publicada en 2017 por Editorial Galaxia.
*Información da autora recollida do seu espazo na AELG e da Galipedia
*Autoría imaxe da Beatriz Dourado: Distrito Xermar, 2024 (AELG)
Este ano o Día das letras Galegas está dedicado ás Cantareiras e desde Castiñeiro Milenario non podiamos deixar pasar a oportunidade para dedicarlles a Foliada de Inverno (15 de marzo) a esas mulleres, moitas delas anónimas, que foron as responsables de legar á posteridade, un dos grandes tesouros que temos, o inabarcable cancioneiro popular, cheo de coplas e melodías únicas. Por este motivo o obradoiro da Foliada vai estar dedicado ao estudo do xeito de tocar e cantar dos tres lugares das Cantareiras homenaxeadas este ano 2025: Agranzón, Mens e Vila da Igrexa. O obradoiro estará impartido por Roberto Rodríguez, mestre de pandeireta e gran coñecedor do canto e a percusión destas zonas. O obradoiro comezará as seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 10 euros para persoas non asociadas e de balde para asociadas.
Despois do obradoiro teremos uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Inverno. Como sempre arrancarán a festa os grupos locais de Foliadeir@s do Castro e Treitoira. A continuación as pandeireteiras de Xaora e Asubíos da Chaira para rematar. Como sempre agradecemos aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ao Concello de Begonte por colaborar para facer esta gran festa na nosa cultura.
Esta foliada vai dedicada a Adolfina e Rosa Casás da Vila da Igrexa; a Eva Castiñeira de Agranzón e a Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandeireteiras de Mens e, por suposto, a todas esas mulleres que gardaron e transmitiron a tradición oral da nosa música popular, sen elas, o idioma, a música e o país no que hoxe vivimos non sería o mesmo.
O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade
O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, é o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024 segundo os seus xestores. O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade. O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea.
O BARÓMETRO DA CULTURA GALEGA
Iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, do Consello da cultura Galega (CCG)
O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), no que o FIOT ocupa un meritorio posto 31, como primeiro festival de artes escénicas de Galicia.
A clasificación por sectores
Por sectores, o avance do Barómetro da Cultura Galega tamén salienta o bo momento do sector musical, que foi o que máis resposta reuniu nesta edición (57,3%). Dunha banda polo protagonismo dos festivais, que suman un 28,2% do peso total no conxunto entre os que se atopan, o xa mencionado Son do Camiño (12,5%), e outros como o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira (2,5%), o Resurrection Fest (2,3% que duplica o 1,1% da pasada edición), o PortAmérica (1,6%), o Sinsal (1%), o Festival da Luz (1%), Revenidas (0,7%) ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz (0,5%). Da outra pola mención individual de formacións e músicos como Fillas de Cassandra, As Tanxugueiras, Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, A Banda da Loba… máis tamén polo papel das bandas de música e os seus certames.
O libro e a literatura ocupan o segundo lugar, co 24,9% das mencións. Os premiados en 2024 como Manuel Rivas ou Chus Pato, destacan canda nomes como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo ou Paula Carballeira. O Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra (0,8%), a concesión dos Premios Follas Novas (0,3%) ou o labor editorial de Kalandraka (0,5%) figuran entre os citados.
En terceiro lugar sitúase o audiovisual co 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) ou o Festival de Cans e filmes que xa apareceran en 2023 como as As Neves, de Sonia Méndez (1,4%), O Corno, de Jaione Camborda (1,3%), Matria, de Álvaro Gago (0,8%), ou As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen (0,6%) ou series como Rapa de Jorge Coira (0,8%), a coprodución galego portuguesa Lume (0,3%) ou os traballos de Bambú Producciones (0,5%). Tamén hai espazo para intérpretes que repiten na clasificación como Luis Zahera (2,1%) ou Luis Tosar (1,5%), xunto con nomes novos como Lucía Veiga (0,5%). Entre os espazos de televisión, destaca de forma específica o Dígocho eu da TVG (0,6%).
As artes escénicas sitúanse en quinto lugar, por detrás das institucións da cultura, e acadan un 13,8% das mencións. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, máis o seu espectáculo Somos criminaise punto final son os máis citados. O FIOT de Carballo (1,1%), a obra Iribarne (0,6%), o Centro Dramático Galego (2,1%) e as compañías Sarabela Teatro (0.7%) e Chévere (0.5%) destacan tamén na clasificación.
O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 33 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
Na corte xa medra algún toxo. Caeron xa, podres, os estantes da lacena. Nunha parede despintada sostense un marco sen fotografía. Fóra dos gonzos, unha porta descomponse no po dunha ausencia indescifrable. Unha culler oxidada remexe a lembranza.
Morreron e xa ninguén considerou a volta. Insiste a ruína na súa fala. Anícome de novo a carón dela para desposuíla de min. Para que non me conquiste coa trampona luz que se coa pola fiestra da cociña.
O pozo segue tendo auga. Achégame, fai o favor. Achégame un caldeiro, unha roldana e a corda imperecedoira da túa mirada.
Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por cuarto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña
O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+
As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€)
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo de 2025), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios
O Atlantic Pride convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBIQ+. Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por cuarto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, un grupo de lectura que se reúne mensualmente desde o 2016 para ler e debater sobre cultura LGTBIQ+. O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€).
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo de 2025), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival:
Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Nun futuro, tentarase publicar un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.
TEMÁTICA, EXTENSIÓN E FORMATO
A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBIQ+. O texto presentarase a través da páxina web do festival www.atlanticpride.es, en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.
XURADO
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden. O xurado levantará acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBIQ+ e a orixinalidade da obra.
PRAZOS
O 31 de maio de 2025 será o día de peche da recepción de obras. Durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo) anunciaranse as obras gañadoras e farase a entrega dos premios.
PREMIOS
Haberá tres galardóns en metálico (1º premio: 600 €; 2º premio: 300 €; 3º premio: 100 €).
SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’
O Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo. Neste 2025, o festival regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Na cita non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBI+, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación. No cartel deste Atlantic Pride 2025 están xa confirmadas cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán A Coruña de cor e diversión cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións.
Culminando a programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a CONFERENCIA de MARTIN PAWLEY:“O CEO DE ROSALÍA”. A presentación correrá a cargo da presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro.
O acto levarase a cabo o venres 28 de febreiro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.