Andanzas do Suso de Lameliña. CON GENARÍN EN LEÓN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CON GENARÍN EN LEÓN

Achégase a Semana Santa e, como cada ano, “Genarín”, de novo, volverá desfilar polas rúas de León, para que celebremos máis có cabodano da súa morte a súa vida de bohemia e o seu amor polo “orujo”. Será unha noite de xoves a venres de xolda, parodia e poesía satírica en homenaxe á vida e milagros do apóstolo da snoites perdidas. Porén, a miña historia con el non tivo lugar nestas místicas e austeras datas senón nun ardente agosto, e xa sabemos como as gasta o astro sol neste mes na cidade do Bernesga.

No camiño a Segovia na compaña duns amigos, decidimos facer unha parada en León. E abofé que resultou longa e fructífera. É o que ten o “Barrio Húmedo”. Hai que ser de pedra para non caer vítima dos seus encantos. E nós por suposto, que de pedra non tiñamos nada e menos naqueles anos de eterna xuventude, deixámonos levar, sen reparo algún, polas tentacións húmidas. O caso é que entre risas, cuncas de viño e, como non, o prezado “orujo”, as horas foron fuxindo sen decatarnos. Ao final, coa noite como única testemuña, atopeime só, vagando polo corazón da cidade, onde as sombras parecían contarme historias de xentes e tempos esquecidos.

Foi así como sentín o espíritu de “Genarín”, ou iso crin daquela. Alí estaba coa botella de licor sagrado ofrecéndome un grolo. Non fun desconsiderado e acepteillo, malia ter saciado abondo a sede nas horas anteriores. E, ao pé da muralla, baixo as tenues luces da cidade co seu halo de misterio, sentín revivir vellas historias e lendas mentres o líquido ardente baixaba pola gorxa. As palabras de “Genarín” resultáronme fermosos versos dunha poesía única que só podían saír dos beizos dun ser como “Genarín”, que tivo o privilexio de morrer baixo as rodas do primeiro camión de lixo de León. 

A mañá seguinte escoitei que alguén me chamaba polo meu nome. Eran os meus amigos e eu atopábame ao borde da muralla durmindo a carón dun mendigo e dunha botella baleira.

Ao día seguinte, xa na capitol do acueducto, e un pouco máis sereno, escribín este poema:


O ENTERRO DE GENARÍN

Achégase, Xoves Santo,

a Genarín hai que honrar,

home de vida bohemia,

amante da boa vida,

bebedor e mullereiro.

Que desgraza aquela noite,

en plena Semana Santa,

cando o camión do lixo,

ao mesmo pé da muralla,

contigo foi a bater,

mentres “orujo” mexabas.

De nada valeu a axuda

que A Moncha che procurou,

alí a alma entregaches

a Deus Todo Poderoso.

Agora, xa santo es,

venerado con fervor,

neste León do Bernesga,

que entre o Xoves e o Venres,

de cada Semana Santa

o teu enterro celebra.

A Cuba, A Morte e mais Moncha,

xunto aos catro Evanxelistas,

en procesión te acompañan

polas rúas de León.

O remate, a infausta torre,

onde a cruel “Bonifacia”

a vida che arrebatou.

Por ofrenda, pan e queixo,

laranxas e mais “orujo”,

de loureiro, unha coroa.

Achégase Xoves Santo,

a Genarín hai que honrar;

borrachín e putañeiro,

do tute, gran amador,

noso respecto merece.

Con versos e con “orujo”

o noso amor mostraremos

por Noso Pai Genarín.

Palestra sobre Palestina a cargo de Victorino Pérez Prieto na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a palestra PALESTINA, UM CONFLITO. UM POVO QUE RESISTE, a cargo de VICTORINO PÉREZ PRIETO, profesor, escritor teólogo e pensador.Presenta: Marisa Barreiro.

O acto levarase a cabo o venres 4 de abril de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Velaí tamén adianto da programación do MES DE ABRIL

NOTA-INFORMATIVA-VICTORINO-PEREZ

Quico Cadaval actuará este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 29 de marzo, ás 20 hrs, QUICO CADAVAL presenta, na Casa-Museo Manuel María “30 anos de estórias. Notas de rodapé”.


Quico Cadaval leva trinta anos a calcar os distintos camiños da memoria e da imaxinación. Tende a perderse e a reatoparse, sempre coa axuda do público. Os seus espectáculos pertencen a un movedizo mundo escénico que foi definida de distintas maneiras. Teatro da palabra, narración oral escénica ou literatura ao vivo, foron alguns dos xeitos de designalo. É un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.

Escoitar estorias de viva voz é unha das maneiras máis económicas de viaxar. A imaxinación da persoa que escoita na penumbra sobe como unha bolla de xabrón, seguindo, ás veces coa lingua de fóra, a imaxinación do contador. Outras veces as bollas de xabrón do público únense e forman a imaxinación colectiva. A forza do público, neses casos, faise poderosa e adianta a tímida imaxinación do contador, desprezando o perigo das curvas, rebordando os límites da realidade. Contar e escoitar estorias é un camiño ao inesperado.

Por iso, en Notas de Rodapé, Quico Cadaval, alén de revelar os truques e segredos do oficio, reclama a colaboración e o protagonismo do público. Os contos están feitos de anacos, de memorias, de lembranzas instantaneas, de experiencias inventadas. Pode tratarse da letra dun libro que entrou con sangue, da lembranza dun terror infantil ou dunha escena de western. As estorias énchense de prólogos e epílogos, mais sobre todo, de notas de rodapé. Comentarios para facer o conto máis divertido, máis elocuente, máis esclarecedor. Quico Cadaval, no transcurso do show, reclamará do público que faga perguntas, que o interroguen, que o obriguen a revelar o que nunca contou. E Cadaval responderá, mais a resposta sempre será outro conto, que se xunta ao conto infinito da humanidade. O espectáculo comeza cun morto nunha encrucillada, (a estoria que máis veces contou) e remata co conto máis fermoso do mundo. Polo medio, o que mande o público.

Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Nova data da presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de Carlos Callón, na Casa da Cultura de Vilalba

O acto de presentación do libro de Carlos Callón: “Vidas e historias LGBT da Idade Media” que o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, tiña previsto organizar para o mañá martes 25 de marzo, QUEDA ADIADO, e levarase a cabo, finalmente, o MARTES 29 DE ABRIL DE 2025, ÁS 20:00 H., NA CASA DA CULTURA DE VILALBA.

Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro.

Presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de Carlos Callón, na Casa da Cultura de Vilalba

 O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PRESENTACIÓN do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media, de CARLOS CALLÓN, publicado por Edicións Xerais.

Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro..

A presentación levarase a cabo o martes 25 de marzo de 2025, ás 20:00horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA-INFORMATIVA-LIBRO-CARLOS-CALLON

Presentación do libro “Os madrileños non sempre veñen en agosto”, de Francisco Garcia Novio, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro OS MADRILEÑOS NON SEMPRE VEÑEN EN AGOSTOde FRANCISCO GARCÍA NOVIO, publicado por Medulia Editorial.

Intervirán no acto: Francisco García Novio, Marisa Barreiro Mejuto e Manuel Castro Santamariña.

A presentación levarase a cabo o venres 21 de marzo de 2025, ás 20:00horas, na Casa da Cultura de Vilalba

NOTA-INFORMATIVA-LIBRO-GARCIA-NOVIO