Presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame do Concello de Vilalba

O vindeiro sábado 12 de abril ás 12 h. na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro que recolle as obras premiadas no Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO das edicións de 2023 e 2024. No volume, editado por Alvarellos Editora, aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.

Na presentación participará Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estarán Mónica González en calidade de concelleira de Cultura, Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, e Martiño Maseda como administrador de Culturalia GZ.

As persoas premiadas recibirán cadanseu exemplar do volume publicado, atendendo á seguinte relación de categorías galardoadas nas edicións de 2023-2024 do Certame de Microrrelatos:

GAÑADORAS Vº CERTAME [2023]

Infantil

Duarte Mariño Torrado

Paula Pérez Cendán

Arwen Fernández García

Xuvenil

Berta Comesaña Alonso

Noa Domínguez Moreda

Óscar Linares González

Persoas adultas

Raquel Fernández Fernández

Mª Isabel Vázquez Rodríguez

Henrique Neira Pereira

GAÑADORAS VIº CERTAME [2024]

Infantil

Nicolás Salgueiro Alonso

Duarte Mariño Torrado

Xuvenil

Lucía Domínguez Pereira

Paula Pérez Cendán

María Fernández Escariz

Persoas adultas

Pedro Naveira Pedreira

Sonia Martínez López

Carlota Millor Prado

Representación da peza teatral “María Balteira, a pandereteira primeira”, Montse Rivera e Xabier Iglesias, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 12 de abril, ás 17 horas haberá teatro, música e baile para nenos e nenas entre 5 e 11 anos, coa peza teatral “María Balteira, a pandereteira primeira”, na Casa-Museo Manuel María

MONTSE RIVERA (mestra de baile tradicional, pandeireteira e compoñente de Leilía) e XABIER IGLESIAS (bailador, músico e director da escola Oxeito) achegan o baile e a música tradicional ás crianzas con esta peza teatral, chea de música e danza, ambientada no Medievo, que leva por título “María Balteira, a pandereteira primeira”.

Sinopse

Pedro Amigo é mestre de música, e María Balteira a súa alumna, Pedro ensínalle a María as cantigas do Ciclo do Ano (Nadal, Entroido, Maio…) mais María gústalle tocar a pandeireta e soña con bailar. Un día cóntalle os seus soños a Pedro, este fica abraiado co xeito de bailar e cantar de María e pídelle que lle ensine.

O rei Sabio quere que todas as crianzas do seu reino aprendan a bailar e a cantar e pon un anuncio para buscar mestres, María e Pedro ven a oportunidade para cumprir os seus soños e acoden á chamada do rei.

O espectáculo, cunha duración de 40-45 minutos, vai dirixido para nenas e nenos entre 5 e 11 anos e público familiar. Para asistir é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Somos Pandeireteiras abre as inscricións para participar nunha xornada pública que abordará o papel central das tocadoras na transmisión da lingua galega e dos trazos dialectais

O Auditorio de Galicia acollerá, na tarde do 17 de maio, un encontro dirixido a todas as pandeireteiras do país e que contará coa participación de figuras como Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez, as tocadoras de Chaín 

As autoras  Paula Carballeira, Olga Novo, Ánxela Lema e Nuria de Vil  mais a xornalista Pilar García Rego acompañarán o encontro como relatoras da xornada; da que se desprenderá unha nova publicación a partir das conversas e debates

O encontro pecharase cunha gran foliada aberta a toda a cidadanía, que terá lugar no serán do Día das Letras Galegas entre as 20 e as 22 horas

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública na tarde do sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Auditorio de Galicia. Baixo o lema As tocadoras como transmisoras da lingua galega, o grupo abordará o papel fundamental das pandeireteiras tanto no presente coma no futuro á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. O encontro, no que se sucederán as conversas e mesas redondas, abre hoxe o período de inscrición (gratuíta) no portal web www.somospandeireteiras.gal. As prazas son limitadas. 

A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras, que conta co apoio do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pretende crear un espazo de encontro para dar voz ás mulleres pandeireteiras de Galicia para debater ao redor do  rol esencial das tocadoras na transmisión da lingua e das falas das aldeas, unha idea que se desenvolverá mediante conversas e mesas redondas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma desde ese lugar de enunciación serán liñas que se traten nun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora. 

Os primeiros diálogos da xornada do 17 de maio contarán coa moderación da xornalista da TVG Pilar García Rego, quen conversará coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) e coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín, Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez. 

Tralas conversas, será a quenda das mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana serán as moderadoras das catro mesas nas que, entre outras cuestións, se debaterá a presenza de contidos relacionados coas pandeireteiras na educación obrigatoria, a influencia das mestras de pandeireta nas persoas castelán falantes, a transmisión dos trazos dialectais das zonas nas que se fan as recollidas das pezas, ou mesmo o grao de responsabilidade que teñen as persoas que actualmente están en escena con respecto á lingua e do simbolismo do uso da mesma nos espazos escénicos. 

Tal e como aconteceu na primeira edición destas xornadas (decembro de 2021, en Carballo), das conclusións das conversas e das mesas redondas elaborarase unha publicación. As relatoras que acompañarán ao cento de pandeireteiras durante todo o encontro serán autoras coñecidas das letras do país, como é o caso de Olga Novo, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria de Vil,  quen achegarán a súa visión subxectiva e poética sobre o falado polas asistentes. O documento, ademais, tamén contará coas achegas da xornalista Pilar García Rego.
Tralo peche do encontro, ás 20.00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio de Galicia. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia. 



SOMOS PANDEIRETEIRAS

Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024. 

Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega. 

II XORNADA PÚBLICA SOMOS PANDEIRETEIRAS

Data: 17 de maio de 2025
Hora: 16.00h a 20.00h (encontro) e 20.00h a 22.00h (foliada) 
Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 
Participan: Ana Fernández, Ánxela Lema, Digna Pérez, Gisela Sanmartín, Icía Sanmartín, Icía Varela, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana, Mercedes Peón, Nuria de Vil, Olga Novo, Otilia Mouriño, Paula Carballeira, Pilar García Rego. 

Inscrición gratuitawww.somospandeireteiras.gal (prazas limitadas). 

20250402-NP-Xornada-Publica-Somos-Pandeireteiras

Dossier-de-prensa-Somos-Pandeireteiras

HENKO. A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: SALTAMOS

O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.

O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.

O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.

Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda.  Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.

Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria. 2025

PROGRAMA

Polavila DoCampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, por volta do 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

Este ano ten lugar a segunda edición, que se vai celebrar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, na cidade de Lugo.

Programa previsto é o seguinte:
– 19:00-19:15 horas. Apertura da Polavila nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 19:15-19:45 horas: Lectura pública e continuada de textos de Xabier P. DoCampo, en especial da novela A nena do abrigo de astracán, a cargo das súas amizades, nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila DoCampo 2025, no salón de actos da Deputación de Lugo.
Conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa.
Contará coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín.
Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda.
Rematará a gala cunha rolda de contos de Ana CarreiraCelso Sanmartín e Benxamín Otero.
A música correrá a cargo da cantora Xiana Lastra, acompañada doutra integrante d’A banda da Loba e Benxamín Otero.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua.