Somos Pandeireteiras aposta pola comunidade e pola creación colectiva como ferramentas fundamentais para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas
O Auditorio de Galicia acolleu este sábado 17, Día das Letras Galegas, a segunda xornada pública Somos Pandeireteiras, na que un cento de tocadoras puxeron sobre a mesa e debateron arredor do seu papel como transmisoras da lingua galega e das súas falas
A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrou este sábado, Día das Letras Galegas, unha xornada pública de encontro e foliada na que un cento de mulleres tocadoras abordaron o seu papel como transmisoras da lingua galega e das falas e trazos dialectais de cada territorio. Sobre o escenario da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, as pandeireteiras, chegadas de distintos puntos do país, trataron en colectivo os retos comúns como tocadoras e integrantes de asociacións, e a cuestión de como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua.
A presidenta da asociación Somos Pandeireiteiras, Gisela Sanmartin, foi a responsable de dar a benvida á xornada cunha intervención na que comezou dando as grazas “a todas as mulleres pandeireteiras que mantiveron vivas as nosas falas; pois non temos unha soa, senón tantas como as aldeas e lugares que habitaron e seguen a habitar”. Neste sentido, salientou a presenza nesta xornada de Dina e Otilia, tocadoras de Chaín, así como das pandeireiteiras bergantiñás Carmen e Ermitas, que participaron na primeira edición de Somos Pandeireiteiras celebrada en Carballo no ano 2021. “Grazas a vós, e as que nos precederon, hoxe falamos galego”.
Deseguido, a vicepresidenta de Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón, tomou a palabra para expoñer o marco e as cuestións que se tratarían ao longo da xornada. Partindo da afirmación de que as tocadoras foron e son transmisoras de lingua galega, o cento de participantes analizou e compartiu as problemáticas que atopan á hora da transmisión das coplas e especialmente das falas, as metodoloxías que se poden empregar, ferramentas para favorecer a transmisión e o papel da educación e da divulgación nas escolas e nos escenarios. “Hoxe xuntámonos porque queremos saber cales son as mellores prácticas e ferramentas para manter viva a creación colectiva. Queremos crear un marco de como poderiamos facer unha transmisión o máis didáctica e amorosa posible tanto coa lingua galega como con todas as falas”, expresou Peón.
A continuación, a xornalista Pilar García Rego moderou unha conversa coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas), na que se abordaron os retos individuais e colectivos como tocadoras, e na que se expresou “a necesidade de tecer redes e comunidade”, así como co desexo de que “este subidón de ferreñas por mor do 17 de maio non oculte os preocupantes datos sobre o descenso de galegofalantes”.
As históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez foron as seguintes en conversar con Pilar García Rego sobre o seu sentir como pandeireiteiras, e salientar experienccias como tradición local das Festas das Casas, logo de botar unhas coplas que emocionaron ás asistentes da xornada.
O encontro, celebrado co apoio do Concello de Santiago co apoio de Compostela Cultura, continuou con catro mesas redondas moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) e nas que participaron as escritoras Lucía Aldao, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Estas foron as responsables de pechar a xornada coas conclusións tomadas arredor dela e que se poderán ler, proximamente, nunha publicación; e dar paso, a unha gran foliada aberta á cidadanía, celebrada no interior do Auditorio de Galicia.
O acto terá lugar o vindeiro venres 23 de maio de 2025, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, e contará coa presenza de escritoras do Colectivo Comadres das Letras. Presentará o evento Sabela Figueira, vicepresidenta do Iescha.
Somos Pandeireteiras celebra este sábado, 17 de maio, o papel fundamental das tocadoras como transmisoras da lingua galega
O Auditorio de Galicia acollerá no Día das Letras Galegas, en horario de tarde, un encontro dirixido a todas as pandeireteiras do país que contará coa participación de recoñecidas autoras como Paula Carballeira, Lucía Aldao, Ánxela Lema, Nuria Vil e Pilar García Rego
A xornada, que contará con parladoiros e mesas redondas, pecharase cunha gran foliada aberta a toda a cidadanía, que terá lugar entre as 20:00 e as 22:00 horas
A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará este sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, a xornada pública As tocadoras como transmisoras da lingua galega. O encontro, que terá lugar no Auditorio de Galicia entre 16:00 e 20:00 horas, dará voz ás mulleres pandeireteiras para falar do seu papel fundamental á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. Ao peche dos parladoiros e mesas redondas, celebrarase unha gran foliada aberta a toda a cidadanía entre as 20:00 e as 22:00 horas.
A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras, que conta co apoio do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pretende crear un espazo de encontro e debate para dar voz ás tocadoras galegas para debater ao redor do seu rol esencial na transmisión da lingua e das falas das aldeas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma serán liñas que se traten nos parladoiros e mesas redondas dun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora.
Á fin de dar conta do seu relato, para a creación dunha publicación, as pandeireteiras estarán acompañadas por autoras coñecidas das letras do país, como son Lucía Aldao -no lugar de Olga Novo-, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Na xornada tamén estará presente a xornalista Pilar García Rego, quen abrirá o encontro conversando tanto coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) como coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez.
Após os parladoiros, será a quenda das mesas redondas, que estarán moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Ao peche, ás 20:00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebració. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia.
SOMOS PANDEIRETEIRAS
Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024.
Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega.
II XORNADA PÚBLICA SOMOS PANDEIRETEIRAS
Data: 17 de maio de 2025 Hora: 16:00h Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. Acto: Encontro de tocadoras (inscrión previa en www.somospandeireteiras.gal) Participan: Ana Fernández, Ánxela Lema, Digna Pérez, Gisela Sanmartín, Icía Sanmartín, Icía Varela, Lucía Aldao, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana, Mercedes Peón, Nuria Vil, Otilia Mouriño, Paula Carballeira, Pilar García Rego.
Data: 17 de maio de 2025 Hora: 20:00h Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. Acto: Foliada de celebración Somos Pandeireteiras aberta á cidadanía.
Este sábado 10 de maio, ás 12 h. na Casa da Cultura de Vilalba, celebrarase a presentación do poemario Meridiano Orixe, de Andrea Fernández Maneiro, obra gañadora no L Premio de Poesía do Concello de Vilalba.
Participarán en dita presentación, conducida por Xulio Xiz, ademais da propia autora, a alcaldesa de Vilalba Marta Rouco, a concelleira de Cultura Mónica González Fernández e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
Tamén se contará coa colaboración do músico Manel Dopico, que interpretará distintas pezas musicais coa guitarra, acompañando a Andrea Fernández Maneiro durante o recitado de poemas do seu libro.
O acto rematará coas palabras que dirixirá ao público asistente a alcaldesa de Vilalba e a posterior sinatura de exemplares por parte da autora galardoada.
O IEU organiza para o sábado 10 e o domingo 11 de maio a presentación na Ulloa do número 8 da revista Cairón, que, ademais dos apartados habituais, dispón dun apartado especial sobre o confito de Altri.
As datas de tales presentacións son as seguintes:
O sábado 10 de maio ás 12,00 h será presentado en Monterroso, na sede do IEU. O sábado 10 de maio ás 18 h na Casa da Cultura de Antas de Ulla. E o domingo 11 de maio ás 12 h no Salón de plenos da Casa do Concello de Palas de Rei.
En calquera das tres presentacións os socios do IEU poderán recoller os exemplares de Cairón nº 8. E no caso da presentación na sede de Monterroso terán á súa disposición exemplares de números anteriores.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes
As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores e, prioritariamente, en lingua galega- poden presentarse até o 20 de xuño a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com
O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto e recibirán unha compensación económica de 450 euros, unha vez representadas
As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT entre o 3 e o 26 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo
As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasiopara maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da novena edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 26 de outubro de 2025.
Neste 2025, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 20 de xuño.
288 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN OITO ANOS
Ao longo dos seus primeiros oito anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (288) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros oito anos de actividade, M2 contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
No 2024, o FIOT recibiu un total de 44 propostas para participar no Micro-Escenas M2,tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As seis pezas finalistas seleccionadas para o #33FIOT (das cales, 4 eran estreas absolutas) foron: Respira, de Sempre Arriba; Cronopios a escena, de Carmen Domech; Rebel Rebe, de Vórtice Escénico; Wasteland, de Vaiembora; Teño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía. Finalmente foiRespira, da Compañía Sempre Arriba, a peza que recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no #33FIOT, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-Escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.