por Miguel Díaz | Ene 31, 2025 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: LINGUA
Atópome tamén
porque non me buscas.
Porque non me consideras.
Atópome
porque me cancelas.
E cancelándome
regas a herba agonizante.
Existo pola rebeldía
que me cabalga.
Existo
porque me borras.
Existo polo esterco
que detestas.
Porque levo na boca
o toxo do que renegas.
Porque intentas afogarme
e fracasas.
por martinho | Ene 29, 2025 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
Este sábado, día 1 de febreiro, ás 19 hrs, a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, organiza unha palestra sobre O PENSAMENTO DE CASTELAO, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento
O escritor e profesor de lingua e literatura galega, Manuel Rei Romeu será o encarregado de tratar o pensamento e a obra de Castelao e a súa significación e importancia naquela altura na sociedade galega, a súa influencia na política galega e a vixencia das súas ideas.
Manuel Rei é un salientábel estudoso no campo da crítica literaria nomeadamente na figura de Castelao, aprofundando na súa obra literaria e na súa actuación política, con ensaios como Arte e verdade. A obra literaria de Daniel Castelao; Castelao e Sempre en Galiza; Afonso Daniel Castelao; Castelao: desta Terra, deste tempo; Volver a Castelao… Alén do intenso labor de divulgación de Castelao, Manuel Rei ten contribuído á clarificación de figuras relevantes como Curros Enríquez, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro…e participado, entre outras, en obras colectivas como Literatura galega: da Idade Media ao século XIX ou a Historia da literatura galega da AS-PG.
A actividade é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
por martinho | Ene 26, 2025 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro “SPEECHWRITER”, de PAULO NASEIRO, que terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o xoves 30 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas, e contará coas intervencións de Paulo Naseiro, Marisa Barreiro e Chema Felpeto.
NOTA-INFORMATIVA-PAULO-NASEIRO
por Suso De Lameliña | Ene 24, 2025 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
AS TRANSPANTASMAS
Ata hai pouco, apenas se tiñan coñecementos sobre a vida e os costumes das pantasmas. Pensábase que eran ánimas de defuntos que vagaban pola terra penando polas súas culpas. Certamente, son ánimas, e vagan polo mundo adiante, pero non redimíndose. As pantasmas son simplemente as ánimas de todos os defuntos que habitan un mundo paralelo ao noso, formado por miles de millóns de individuos.
Co avance da ciencia, cada vez sabemos máis sobre estes misteriosos seres. Recentemente, científicos da Universidade de Santiago de Compostela (xa se sabe, en Galicia é onde haimáis expertos na materia) estudando o fenómeno da Santa Compaña, descubriron casualmente a existencia dunha especie peculiar de pantasmas: as transpantasmas.
Os mesmos científicos xa descubriran anteriormente que o sistema de goberno polo que se rexen estes espectros é unha monarquía electa. Cada cen anos unha nova raíña, cun poder case absoluto, é elexida por sufraxio universal entre todas as ánimas.
As transpantasmas son pantasmas con todas as características dun humano: comen, beben, cagan, dormen… , pero só teñen unha existencia de trescentos sesenta días. Cada ese tempo, a raíña concede a un número determinado de ánimas a posibilidade de volver a vivir como humanos durante case un ano, cunha excepción: cando se dea o caso, pouco probable, de atoparse cun coñecido, volveranse invisibles para el.
Polo demais, fan vida normal; mesmo poden enfermar e ata morrer. Grazas precisamente a que enferman, sóubose que certos pacientes presentaban no peito esquerdo, á altura do corazón, unha mancha vermella, semellante a un alacrán. Durante moitos anos, mantívose en segredo e foi estudada por prestixiosos doutores que nunca chegaron a unha conclusión
clara. Mesmo sospeitaron que puidera tratarse de extraterrestres.
Tivo que ser o equipo da Universidade de Santiago, dirixido pola doutora Avelina Ferreiro Candal, quen descubrira que esa mancha era o distintivo dun tipo de pantasmas, as transpantasmas. A partir de aí, viñeron máis coñecementos, como o da invisibilidade en caso de cruzarse cun coñecido.
É, polo tanto, moi probable, segundo declarou a noite do xoves pasado a doutora Avelina Ferreiro no programa de TV, “Misterios da outra beira”, que xa volvan estar entre nós, ou volvan aparecer en calquera momento, personaxes como Dante ou Picasso, así como outros máis preocupantes, casos de Franco ou o mesmo Führer. Agardemos que, grazas ao labor deste equipo de investigadores, pronto teñamos máis datos e evidencias destes peculiares seres, que ata hai pouco nos eran totalmente descoñecidos.
por martinho | Ene 21, 2025 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
RICHI CASÁS ESTARÁ ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA FALAR DO CANTAR DE ROSA E ADOLFINA, A SÚA AVOA E MADRIÑA, CANTAREIRAS EN QUE SE PERSONIFICA, ENTRE OUTRAS, O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2025
O músico e estudoso da música tradicional interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina
Richi Casás, músico, profesor, estudoso da música tradicional e saxofonista da Banda Xangai, estará este sábado, día 25 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) para falar do cantar de Rosa e Adolfina, a súa avoa e madriña respectivas, cantareiras en que se personifica, entre outras, o Día das Letras Galegas de 2025, dedicado este ano á poesía popular oral.
Richi interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina, e que recolle no libro-cd Fuliada na vila (2020), editado por aCentral Folque. Quen quixer, pode traer a súa pandeireta este sábado, para o acompañar nestas composicións.
Rosa e Adolfina foron dúas labregas do concello de Cerceda (A Coruña), que naceron e viviron na Vila da Igrexa. Tiveron sona na contorna por ser boas cantadoras e pandereteira. As súas letras e melodías foron recollidas pola musicóloga Dorothé Schubarth.
A actividade deste sábado, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
por martinho | Ene 20, 2025 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a conferencia A CREACIÓN DUN DISCURSO PROPIO SOBRE A LINGUA GALEGA E A SÚA NORMALIZACIÓN, impartida por ANA MARÍA IGLESIAS, Doutora en Filoloxía, coa presentación de MARISA BARREIRO.
Esta acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 24 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas.
NOTA-INFORMATIVAANA-M-IGLESIAS