O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o martes22 de abril de 2025, ás 20:00 horas, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
Por un motivo ou por outro, o que fora unha das súas grandes paixóns acabara por caer, sen remedio, no esquecemento. Quen antes enchera veladas con melodías, agora permanecía en silencio. As noites de esplendor semellaban pura utopia e o eco dos seus días de gloria esvaecíase na brétema do tempo. As obrigas cotiás e sobre todo o feitizo de novas afeccións, como a pintura e a escritura, fixeron do seu vello aliado algo ocioso, irrelevante. Agora, permanecía relegado nun recuncho do salón, atrapado na súa caixa e cuberto por unha fina capa de po.
Había momentos que sentía remordementos e, por un breve tempo, collíao nos brazos e conseguía sacarlle un sorriso. Mais, pronto se cansaba e devolvíao ao seu encerro, dunha maneira fría, case despectiva.
Hoxe, ao pasar ao seu carón, lembrouse de que había máis de dous meses que non lle prestaba atención . Achegouse a el e un suspiro ruidoso, entre rabia e deseseperación, pareceulle que saía do interior do estoxo, reclamando atención.
—Ah, estás aí! —exlamou, co corazón axitado polo que viña de escoitar.
—Levo aquí media vida —contestoulle desde dentro da súa gaiola— Pero iso a ti iso dache igual, verdade?
Ficou petrificado, sen saber que facer. O sentimento de culpa impedíalle reaccionar. O acordeón continuou:
—Lémbraste cando chegaches ao “Arco Iris” e me elixiches entre máis de media ducia que che amosou o dono? Eu non me esquezo, non, viñas cun colega meu, que deixaches alí para que eu che resultase máis económico. Agora pregúntome. Cando me tocará a min pasar por ese trance? Porque cada vez teño máis claro que me detestas. Ai, aqueles anos! Xa esqueciches os concertos con bailes baixo a luz ténue do solpor, que facían que me sentise vivo? Tempos felices aqueles, e non como agora, encerrado aquí, dia tras día, facéndose eternas as horas.
O dono baixou a cabeza, incomodo e avergonzado, dirixiuse cara a el. Abriu a caixa e tomouno en brazos. O acordeón seguiu a falar:
—Eramos inseparables, e os teus dedos atopaban as harmonías precisas nas miñas teclas, cada nota era unha confesión, un segredo. Ata que rematada a pandemia todo mudou. Un día deixaches de collerme e tras del viñeron outros e outros. O encanto, polo motivo que fose, esvaecérase. Foi quizais culpa miña, di? Ou hai outro motivo? Acaso xa non che sirvo?
Tentou responder e nun fino fío de voz, murmurou:
—Non é iso. Ti non tes culpa ningunha…, é a vida, os problemas.
—A vida! —exclamou o acordeón. Desculpas, só desculpas. Eu estiven sempre ao teu lado nos momentos de alegría pero tamén nos malos e así é como mo agradeces?
O silencio envolveu o salón. Abriu os foles e comezou a acariñarlle as teclas. Despois de moito tempo, o acordeón comezou a respirar compasadamente e as notas encheron de nostalxia e ledicia o salón. Esa noite as paredes volveron vibrar de novo, cun vals perdido, cun pasodobre agardado, cunha muiñeira sentida. Quizais aquel vello amor aínda non morrera de todo. Quizais só estaba esmorecido e a tempo de rexurdir.
Este sábado 12 de abril ás 12 h. a Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO. Un volume editado por Alvarellos Editora, e no que aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.
Na presentación participaron Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estive ron Mónica González en calidade de concelleira de Cultura e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
O acto foi conducido por Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, web cultural que colabora co Concello de Vilalba na convocatoria deste concurso de narrativa hiperbreve. Ao pouco de comezar a presentación produciuse unha ‘interrupción’ teatral co título de Protocolo Micro, interpretada por dúas actrices da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, Susana Pérez Fernández e Tamara Grandío Barrio. A continuación interviron Mónica González e Henrique Alvarellos, que salientaron o bo camiño que levaba o Certame de Microrrelatos dentro do panorama literario galego. Na parte final do acto leron os seus textos Duarte Mariño Torrado, Paula Pérez Cendán, Henrique Neira Pereira, Lucía Domínguez Pereira, María Fernández Escariz e Carlota Millor Prado, autores/-as premiadas nas edicións de 2023 e 2024. O acto rematou coas palabras da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a foto colectiva de todas as partes implicadas no desenvolvemento do certame literario ( entidades convocantes, editorial e persoas galardoadas).
Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da presentación deste sábado
*Imaxes facilitadas por Sonia García, técnica de Cultura do Concello de Vilalba
O vindeiro sábado 12 de abril ás 12 h. na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro que recolle as obras premiadas no Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO das edicións de 2023 e 2024. No volume, editado por Alvarellos Editora, aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.
Na presentación participará Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estarán Mónica González en calidade de concelleira de Cultura, Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, e Martiño Maseda como administrador de Culturalia GZ.
As persoas premiadas recibirán cadanseu exemplar do volume publicado, atendendo á seguinte relación de categorías galardoadas nas edicións de 2023-2024 do Certame de Microrrelatos:
MONTSE RIVERA (mestra de baile tradicional, pandeireteira e compoñente de Leilía) e XABIER IGLESIAS (bailador, músico e director da escola Oxeito) achegan o baile e a música tradicional ás crianzas con esta peza teatral, chea de música e danza, ambientada no Medievo, que leva por título “María Balteira, a pandereteira primeira”.
Sinopse
Pedro Amigo é mestre de música, e María Balteira a súa alumna, Pedro ensínalle a María as cantigas do Ciclo do Ano (Nadal, Entroido, Maio…) mais María gústalle tocar a pandeireta e soña con bailar. Un día cóntalle os seus soños a Pedro, este fica abraiado co xeito de bailar e cantar de María e pídelle que lle ensine.
O rei Sabio quere que todas as crianzas do seu reino aprendan a bailar e a cantar e pon un anuncio para buscar mestres, María e Pedro ven a oportunidade para cumprir os seus soños e acoden á chamada do rei.
O espectáculo, cunha duración de 40-45 minutos, vai dirixido para nenas e nenos entre 5 e 11 anos e público familiar. Para asistir é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621