POLAVILA DOCAMPO: Homenaxe a Xabier P. Docampo en Vilalba, do 8 ao 11 de abril

Programación da POLAVIla DOCAMPO, que terá lugar os vindeiros 8,9,10 e 11 de abril en distintas localizacións de Vilalba.

PROGRAMA:

POLAVILA DOCAMPO 2026

HOMENAXE A XABIER P. DOCAMPO

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

8, 9 10 E 11 DE ABRIL DE 2026

8 de abril | Mércores

19:30 h.- Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz

Palestra: “Xabier Docampo e o cinema”

A cargo de Martín Pawley

9 de abril | Xoves

18:00 h.- Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz

Contada infantil arredor da figura de Docampo

Con Ángeles Goás

10 de abril | Venres

19:30 h.- Sala Auditorio de Vilalba

Inauguración da exposición: “O pintor cego”,

Con debuxos de Xosé Cobas

20:00 h.- Sala Auditorio de Vilalba

Palestra:

Manuel Bragado reflexiona sobre Xabier P. Docampo

11 de abril | Sábado

POLAVILA DOCAMPO (Xornada central)

Muíño do Rañego

12:00 h — Apertura oficial

Con Marisa Barreiro e Cesáreo Sánchez Iglesias

12:15 h — Conversa literaria sobre o libro de Docampo

“Cando petan na porta pola noite”

Con Atenea Ruibal, Susana Pérez e Beatriz Maceda

13:15 h — Homenaxe

Recoñecemento a Docampo no Paseo dos Soños

Restaurante Terra Chá

14:30 h — Xantar de irmandade

Auditorio de Vilalba

18:00 h — Lectura pública

“A casa da luz”, coa participación da veciñanza

19:00 h — Gala Polavila Docampo

Conducida por Baruk Domínguez

Un espectáculo multidisciplinar con:

Intervencións de Xosé Cobas e Martín Pawley

Lectura do poema Mans por Daniel Bello

Poesía de Martiño Maseda, Pilar Maseda, María Xosé Lamas, Luz Airado e Emilia Martínez Fuentes

Contos con Ángeles Goás e Lois Pérez

Teatro a cargo da Escola de Teatro de Vilalba

Peche musical coa BMV Ensemble

Diptico-Polavila-2026-copia

Gloria Rico dirixirá a gala dos XXX Premios de Teatro María Casares, que celebrará a obra de Manuel Lourenzo

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia renderá homenaxe ao histórico actor e dramaturgo, finado no verán de 2025, nun evento que se presentará oficialmente o luns 6 de abril no Teatro Rosalía Castro

Gloria Rico Galán é unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora

Festexar a vida e a herdanza de Manuel Lourenzo. Esta é a premisa central que tecerá a 30ª edición da Gala dos Premios de Teatro María Casares, a gran cita da escena galega. Organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, terá lugar o mércores 8 de abril no Teatro Rosalía Castro. A entidade rende así homenaxe ao compañeiro e mestre finado o pasado verán, cuxa obra é fundamental para entender a nosa escena. 

Nesta ocasión, a dirección da gala recaerá en Gloria Rico, unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea. A artista, coñecedora desde a proximidade da vida e traballo do Premio Nacional de Literatura Dramática no 1997, propón a idea de festexar a súa obra. O espectáculo contará cunha posta en escena que se alonxará do drama para por en valor o imaxinario de Lourenzo. 

“Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura ”, expón. 

Os detalles da gala, que terá lugar o mércores 8, presentarase o vindeiro luns, 6 de abril, ás 12.30 horas no Teatro Rosalía Castro. Será nunha rolda de prensa que contará coa presenza e participación da propia Gloria Rico, ademais de representantes da AAAG, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. A gala tamén conta co apoio da Fundación AISGE e Gadisa.

Sobre Gloria Rico

Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a traxectoria de Gloria Rico está estreitamente vinculada ao teatro universitario e profesional desde os seus inicios, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora.

Fundadora da compañía Teatro En Punto (TEP), Gloria Rico traballou con algunhas das formacións máis sobranceiras do país, como Matarile, Teatro Bruto, Casahamlet, Teatro do Atlántico e o Centro Dramático Galego (CDG). No seu currículo como intérprete destacan pezas como Cachorros sen domesticar (1996), Ninguén chorou por nós (2000), Rosalía (2001) ou a recente Invocación (2025).

A súa faceta como directora e axudante de dirección permitiulle colaborar man a man con referentes como Manuel Lourenzo e Xulio Lago. Entre as súas direccións máis recentes destacan Unha rosa entre as pernas (2013), 9999 (2014) e a peza de autoría propia Oca (2023), estreada no Festival Amigos de la Ópera da Coruña. No 2025, presentou no Museo Centro Gaiás a cocreación Olladas converxentes.

Máis alá das táboas, a súa carreira esténdese ao ámbito audiovisual, con participacións en títulos como a longametraxe Martes de Carnaval (1990) ou a mítica serie Mareas Vivas (2000). Como autora, publicou Contos troianos na colección de Manuais de Teatro de Casahamlet e participou no grupo de traballo DramaturXa 2018 do CDG.

Carlos Callón reivindica o teatro como “chave decisiva” para a revitalización do galego no Manifesto do Día Mundial do Teatro 2026

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fai público hoxe o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, un texto que este ano corre a cargo do recoñecido escritor, profesor e activista Carlos Callón.

Nesta ocasión, Callón asina unha peza que conxuga a memoria histórica, a denuncia da diglosia e un chamamento á acción para o futuro das artes escénicas en Galicia. O manifesto será lido oficialmente durante a gala dos Premios María Casares, a gran festa do teatro galego, que terá lugar o 8 de abril.

Descarga o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

Da caricatura á dignidade

No seu texto, Callón bota a vista atrás para lembrar que a lingua galega “naceu nun verso que non se lía, senón que se representaba”. O autor denuncia os séculos de estigmatización nos que o galego só subía aos palcos madrileños para o escarnio, a través de personaxes ridiculizados que buscaban a gargallada mediante o desprezo ao pobo traballador e emigrante.

“Ensináronnos a degradarnos, a desvalorizarnos, a ternos por menos”, sinala Callón, lembrando as prohibicións explícitas que desde o século XIX tentaron borrar o galego dos escenarios como estratexia para impoñer unha lingua única.

O teatro como resposta á crise

Ante o contexto actual, o autor advirte de que a lingua galega está “de novo en crise”, pero sinala o teatro como o mellor aliado para a súa supervivencia. Callón define as artes escénicas como unha ferramenta fundamental nun mundo saturado polo virtual: “Nun momento en que o tanxíbel pide lugar fronte ao desengano do virtual, o teatro é unha chave decisiva para revitalizarmos a fala nosa”.

Para que esta revitalización sexa efectiva, o manifesto reclama medidas concretas: unha rede de exhibición viva, unha educación escénica para toda a cidadanía e orzamentos serios que garantan a estabilidade do sector.

Unha voz propia para a humanidade

Callón conclúe o seu manifesto cunha mensaxe de empoderamento, definindo as galegas e galegos de hoxe como as “tataranetas e tataranetos” daqueles que pasaron de ser caricatura a ser suxeitos con dereitos e horizonte propio. “Sabemos que ser galegas e galegos é o noso xeito de pertencermos á humanidade”, afirma o autor, pechando o texto con berros de “Viva o Teatro Galego!”.

Sobre o autor: Carlos Callón

Carlos Callón é escritor, doutor en Filoloxía e profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus títulos destacan O libro negro da lingua galega (de onde proceden moitos dos datos que se citan no manifesto deste ano), Vidas e historias LGBT da Idade Media, Maxicamente vella, eternamente nova: a literatura tradicional galega e Atravesar o fantasma. A súa obra foi recoñecida cos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais, da Crítica de Investigación e os Careón e Barbantia á traxectoria literaria. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, desde onde impulsou campañas en apoio ao teatro galego.

Sobre o Manifesto

Cada ano, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) encarga o Manifesto Galego a unha personalidade de prestixio na cultura do noso país. Esta iniciativa súmase á celebración internacional impulsada polo Instituto Internacional do Teatro (ITI-UNESCO) cada 27 de marzo.

Luma Gómez, Premio de Honra Marisa Soto dos XXX Premios de Teatro María Casares

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acordou conceder o Premio de Honra Marisa Soto dos Premios María Casares 2026 á actriz ferrolá Luma Gómez, en recoñecemento a unha traxectoria exemplar e ao seu compromiso sostido co desenvolvemento do teatro galego.

O Premio de Honra Marisa Soto, creado en 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), distingue traxectorias consolidadas e de especial relevancia para o desenvolvemento das artes escénicas en Galicia. Trátase dun recoñecemento á contribución sostida de figuras clave do noso teatro, como é o caso de Luma Gómez.

Tal e como sinala Eva Fórneas, presidenta da AAAG,  “Luma é un referente en moitos aspectos”. “Fundou e cofundou tanto esta asociación como compañías teatrais. Sempre estivo concienciada coa profesión, cos dereitos e coas loitas sindicais. Comprometida co feminismo, coas compañeiras e compañeiros, nunca deixou de se dedicar ao teatro”, apunta Fórneas, quen engade que este Premio de Honra chega con Luma Gómez en activo. “Queremos que poida gozar e desfrutar deste recoñecemento cada día, tanto desde o escenario como detrás dos papeis. Luma destaca pola súa luz, obra propia e actos, é digno de xustiza recoñecer a súa predisposición e compromiso”, asevera a presidenta. 

A entrega do galardón terá lugar o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro durante a gala de celebración dos XXX Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, e que contan coa colaboración de institucións e entidades como Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE ou Gadisa.

LUMA GÓMEZ

Nada en Ferrol en 1951, Luma Gómez iniciouse moi nova no teatro da man da compañía amadora Teatro Estudio, participando en 1969 na montaxe Los suplicantes, experiencia que marcou o inicio da súa vocación escénica. Pouco despois trasladouse a Madrid, onde cofundou a compañía Teatro Zoo (1971-1977), e integrouse no movemento do teatro independente, participando tamén en iniciativas clave como a creación da ATIP ou a comisión que impulsou a Seguridade Social do Réxime de Artistas.

En 1977 regresou a Galicia nun momento decisivo para a profesionalización do sector. Participou nos primeiros pasos do teatro galego contemporáneo e, en 1979, fundou xunto a Eduardo Alonso a compañía Teatro Andrómena. Xa nos anos oitenta, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país: formou parte do espectáculo fundacional do Centro Dramático Galego, Woyzeck (1984), e foi uhha das socias fundadoras da AAAG (1985).

En 1987, Gómez fundou con Eduardo Alonso Teatro do Noroeste, unha das compañías de referencia do panorama galego, coa que levou á escena máis de corenta montaxes. Entre os seus primeiros traballos destacan Medea (1987), Galicia S.L. (1988) e Rei Lear (1989), configurando unha traxectoria artística sólida, diversa e comprometida.

Ao longo de máis de catro décadas de carreira, Luma Gómez destacou non só pola súa calidade interpretativa, senón tamén polo seu firme compromiso co tecido profesional e asociativo, contribuíndo de maneira decisiva á construción e dignificación do teatro galego. Coa concesión deste premio, a AAAG recoñece en Luma Gómez unha figura esencial das artes escénicas de Galicia, cun labor que resulta imprescindible para comprender a evolución e consolidación do noso sistema teatral. 

Concerto NA CASA DELAS, polo grupo Son de Corda, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, co patrocinio e financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza, dentro dos actos previstos para o Mes de Marzo-8M, o concerto NA CASA DELAS, a cargo do cuarteto vocal lucense Son de Corda, formado por: Esperanza Iglesias (soprano), Carmen Prendes (contralto), Fernando G. Jácome (tenor) e Antólogo Castro (baixo). 

Neste acto participarán tamén Raúl Rodríguez (piano) e María Pichín (danza). 

A realizacion de videos corre e cargo de: Manuel Lucas e Alejandro Gándara.

O concerto terá lugar o sábado 28 de de marzo de 2026, ás 20:00 horas, no Auditorio Municial de Vilalba.

Conferencia MIGUEL HERNÁNDEZ NA MEMORIA, de Miguel Poveda, na Casa da Cultura de Antas de Ulla

O vindeiro mércores 25 de marzo, ás 18 h., na Casa da Cultura de Antas de Ulla, terá lugar a conferencia de Miguel Poveda Miguel Hernández na memoria, organizada polo Concello de Antas e o IEU para celebrar o Día da Poesía.

MIguel Poveda Toledano achegaranos neste acto á figura do poeta Miguel Hernández, remitíndonos á experiencia da Senda do Poeta, un percorrido polos lugares emblemáticos da súa vida e a súa obra.

Será unha ocasión única para coñecer a magnitude da poesía de Miguel Hernández.