Segundo esperta, de novo, como adoita sucederlle desde hai tempo, séntese atrapado por esa xa familiar congoxa que non o abandona desde hai anos. A depresión de cada mañá, esa cruel sentinela, arrástrao de volta a un mundo do que xa non agarda ren. Mais hai algo a celebrar: outro día máis queda atrás e con el un menos que resta no seu inexorable camiño.
Nin un mísero raio de sol entra no cuarto. Porta e xanela ben pechadas son as causantes de tal feito. Un costume que lle vén da infancia cando a súa nai obrigábao a durmir na máis completa escuridade.
Pensa en dar media volta e tentar volver durmir, pero xa non acouga no leito. Dirixe a man, trémula e torpe, cara a mesiña de noite e faise co móbil. As dez. Levaba varias noites sen apenas pegar ollo, pero esta foi completa; máis de doce horas de sono ininterrompido.
Acende a luz e fica mirando cara ao teito. Vénselle á cabeza a voz melódica de Serrat e a man de pintura que necesita o teito. Cre ver deseñado no mesmo un lagarto arnal e a infancia preséntaselle coa viveza dun soño. Canto lle gustaban aqueles animaliños, que atrapaba cun lazos feito de herbas e logo metíaos nunha gaiola, onde os cuidaba con agarimo!
Agora, el tamén se sentía un arnal encerrado na súa gaiola, o cuarto.
Érguese con pouco ánimo e arrástrase ao baño. Dálle medo o espello e, sen atreverse a ollar para el, levanta a tapa do retrete e senta. Leva dous días sen cagar e esta mañá, malia todos os esforzos, tampouco é capaz. Vou ter que tomar a pílula esta noite, murmura para si.
Deixa o retrete e marcha cara ao lavabo, de esguello mira para aquela especie de verme noxento que lle devolve o espello. Hoxe é un verme, pero outras veces vese como unha cascuda, unha cobra, unha sapagueira… Correndo lava cara e mans e diríxese á cociña.
Abre a neveira, nin un cartón de leite queda. Na lacena só dúas madalenas e no froiteiro, unha laranxa medio manida. Tras dar boa conta do frugal almorzo regresa ao cuarto.
Non lle queda máis remedio que ir ao super, pero non lle apetece nada. Desde que o botaron do traballo a rúa conveteuse na súa maior enemiga. Comeza a desprenderse do pixama pero muda de propósito e regresa á cociña. Menos mal que aínda queda media botella de whisky; determina esquecerse deste mundo infame. E non impactará dunha vez o asteroide 2024YR4, e remata con este planeta sen necesidade de facelo sufrir tanto?, preguntase, mentres bota un bo grolo de líquido reparador e se mete de novo na cama. Tempo terá para facer a compra. Colle da mesiña “Sumisión” de Michel Houellebecq e disponse a rematar de ler o derradeiro capítulo: “A fin da viaxe”.
A iniciativa estatal creada para impulsar as linguas cooficiais no ámbito da intelixencia artifical, da que forma parte o Proxecto Nós, celebrou esta semana na Cidade da Cultura un encontro técnico para abordar os casos de uso que se están a desenvolver nas universidades e centros de investigación implicados
ILENIA, a iniciativa posta en marcha polo Goberno de España coa intención de impulsar as linguas na intelixencia artificial, celebrou esta semana na Cidade da Cultura a primeira xuntanza técnica de traballo deste 2025 cos grupos que integran a rede, entre os que se atopa o Proxecto Nós.
O obxectivo principal do encontro, que tivo lugar os días 17 e 18 de febreiro e no que participaron máis de 30 profesionais, foi poñer en común o estado dos casos de uso -a meirande parte deles multilingües- que se están a desenvolver baixo o paraugas de ILENIA. Desta rede forman parte o Consorcio Barcelona Supercomputing Center Centro Nacional de Supercomputación (BSN-CNS), a Universidade de Alacante a través do Centro de Intelixencia Dixital (CENID), a Universidade do País Vasco a través do Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua (HiTZ) e a Universidade de Santiago de Compostela a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e do Instituto da Lingua Galega (ILG). Por parte destas dúas entidades, asistiron, respectivamente, Senén Barro e Elisa Fernández.
Da xuntanza de coordinación entre os distintos centros de investigación despréndese a intención de que os casos de uso (tamén coñecidos coma demostradores) que se están a desenvolver poidan estar operativos este mesmo ano, coincidindo coa última anualidade do proxecto, financiado polo Ministerio de Transformación Dixital e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – Next Generation.
O vindeiro encontro presencial da rede ILENIA – que se celebran de xeito trimestral desde a posta en marcha do proxecto, mentres que os centros de investigación traballan de forma coordinada na distancia- celebrarase en maio en Alacante.
Proxecto Nós
O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego xunto coas linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.
En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade e de uso libre, algunhas das cales xa están á disposición e accesibles a través da web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.
O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o ILG e o CiTIUS.
A poeta e comunicadora Eva Veiga estará este sábado, día 22 de febreiro, véspera do día de Rosalía, na Casa-Museo Manuel María, para levar a cabo un marabilloso e emocionante recitado de poemas de Rosalía de Castro e Manuel María, baixo o título FIAR NA PALABRA.. Será ás 19 horas dentro dun espectáculo poético-musical-plástico titulado Fiar na palabra, en que estará acompañada polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o artista Alfonso Costa.
Os catro fan parte do grupo Ouriol, formación comprometida desde hai máis de vinte anos coa comunicación da poesía no noso idioma, tendo, desde os seus comezos, no seu repertorio os recitais dedicados á nosa poeta máis universal, Rosalía, como tamén ao propio Manuel María.
A realización do recital, cunha duración aproximada de cincuenta minutos, consistirá na recitación dunha escolla de poemas das obras de Rosalía e Manuel María, elaborada pola propia Eva Veiga. Un ritmo recitativo en avinza coa música improvisatoria interpretada por Bernardo Martínez –guitarra, saxo, percusión e xoguetes musicais- e Fito Ares –frauta e clarinete-. Sonoridades a crearen atmosferas igualmente constituídas en aparencia e intensidade por unha axeitada iluminación e por unha estética visual baseada na proxección das imaxes realizadas ex profeso polo artista Alfonso Costa.
A actividade é de entrada libre mais é necesario previamente facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
O público xa pode pregardar o LP nas principais plataformas dixitais e descubrir en Spotify o nome dos temas que formarán parte do mesmo, no que se inclúe o seu grande éxito Morena
A banda experimenta neste segundo disco, producido por Juan de Dios, tanto coa electrónica coma con novos efectos e instrumentos
A publicación dun dos traballos máis agardados da escena da música galega xa ten data marcada no calendario: Feira, o novo traballo discográfico de De Ninghures, verá a luz o vindeiro martes 25 de febreiro nas principais plataformas dixitais. O álbum, no que a banda de multiinstrumentistas segue a revisitar e actualizar o patrimonio musical galego e que contará con edición física, presentarase ao vivo o xoves 13 de marzo na Sala Capitol, que se convertirá nun moderno recinto feiral.
Ao igual que as feiras populares se transformaron co tempo, De Ninghures evoluciona neste segundo LP na súa sonoridade e bebe, alén da tradición galega, de influencias latinas ou árabes. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), o grupo experimenta coa electrónica, coa utilización de novos instrumentos -ou usos renovados na súa instrumentación habitual- e a incorporación de efectos nas composicións. Este disco é, como o seu nome indica, a carta de presentación dunha Feira do século XXI.
Feira (editado por Tremendo Audiovisual e distribuído por Altafonte) é un álbum conformado por dez cancións nas que De Ninghures traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual. Así, e coa incorporación de novas líricas, músicas e sonoridades, a agrupación revisita, actualiza e reivindica o patrimonio cultural do país.
Ás xa coñecidas Corazón Alionado, A Burriña, O Último Baile ou En fin, que máis dá – tema no que colabora Xoel López nas guitarras-, publicadas nos últimos meses como avances do LP, únense Aquí, Descolorido, Feira ePunteada; mais tamén forman parte do disco temas con retrousos moi celebrados entre o público do país, como o exitoso Morena -galardoado como Mellor Música do Ano 2023 en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou Poço -producida por David Vieites, ‘Hevi’-.
Feira na Sala Capitol
De Ninghures presentará Feira ao vivo, por vez primeira, na Sala Capitol o xoves 13 de marzo. Será toda unha festa na que a formación contará con distintas artistas convidadas referentes tanto do eido tradicional como da música urbana galega; e as últimas entradas dispoñibles para a ocasión están á venda (desde 15 euros máis gastos de xestión) a través da web www.salacapitol.com Antes, o sábado 22 de febreiro,De Ninghures viaxará a Bruxelas para ofrecer, no marco do Emigrason, o derradeiro concerto da anterior xira e no que haberá sorpresas para o público asistente.
Este programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas
As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta até o 7 de mazo e un comité de expertas/os valorará a integridade artística do proxecto e o seu grao de madurez e solidez, ademais da relación entre a proposta e o territorio, para anunciar a finais de marzo os proxectos seleccionados
Residencias Paraíso 2025 conta cun importe total de 20.000€ e acollerá ata 8 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ cada unha– para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico
As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Por noveno ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio.
O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
O programa Residencias Paraíso 2025 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio. Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM, para anunciar a finais de marzo os proxectos seleccionados. As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta desde hoxe, 17 de febreiro, até o 7 de marzo.
Residencias Paraíso 2025 conta cun importe total de 20.000€ e acollerá ata 8 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da CultRura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso atende a necesidade da comunidade artística de contar con espazo e tempo dedicados á investigación e creación co obxectivo normalizar o concepto de residencia artística no noso territorio ao tempo que suliña a importancia da investigación arredor da práctica artística. A maior particularidade do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, incluso, as residencias de carácter técnico. Este exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) é o que dota dunha identidade singular a este programa.
SESIÓN INFORMATIVA PARA ASPIRANTES
O martes 25 de febreiro, ás 12.00h, Colectivo RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria. As e os interesados poden sumarse a través desta ligazón:
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
Partindo dunha canción tradicional, Salom e Dark hibridan música tradicional e electrónica para forxar un tema rotundo e bailable
Catuxa Salom segue a indagar e experimentar con novas sonoridades pero desta volta faino acompañada de Joana Dark no sinxelo As vosas raons. O tema, unha revisión da canción tradicional Bon dia, Elionor, hibrida folclore catalán e galego coa música electrónica e trasládao á pista de baile. As vosas raonsestará dispoñible desde ás 00.00 horas do xoves 20 de febreiro nas principais plataformas e chegará acompañado dun videoclip dirixido por Swallow.
As vosas raons inspírase nun extracto da devandita Bon dia, Elionor e narra a historia dun señor rico e apoderado que namora dunha humilde pastora que non quere ser a súa muller. Trátase dunha canción moi arraigada nos pobos mediterráneos e que orixinalmente se acompañaba dun baile. Partindo deste material, Catuxa Salom e Joana Dark compoñen un tema onde as sonoridades de ambas as dúas artistas maridan á perfección e cristalizan nunha proposta rotunda e bailable. Salom e Dark unen, literal e metafóricamente, trenzas e talento para recuperar a tradición a través da música electrónica en As vosas raons, producida e mesturada por Manuel Segura de Little Island Lab e co mastering a cargo de Victor Garcia (Ultramarinos).
Sobre as artistas
Catuxa Salom irrompeu con forza na escena independente coa publicación de Nunha aldea, un EP sobre o achegamento ao mundo rural onde fusionaba ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas. A finais do 2024 volvería sorprender con Cāldo, onde seguen a estar presentes as súas raíces arxentino-galegas e hai unha aposta decidida polo baile. O universo sonoro de Catuxa Salom, enérxico e diverso, xa percorreu ducias de salas de concertos e festivais de toda España e compartiu escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa. Alén diso, no 2024 acadou o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.
Joana Dark é un proxecto liderado por Ariadna Rulló, barcelonesa apaixonada pola historia e a tradición que decidiu se adentrar no imaxinario folclórico e levalo aos seus coetáneos transformando o formato pero mantendo a letra orixinal. En 2015 publicou o seu primeiro LP, Crystal Soul, cunha gran aceptación pola crítica e o público. Co dúo Wölva presentou Cycle (2019), unha reflexión sobre a presión, o mal e o bo amor, o empoderamento e a submisión desde un punto de vista feminista e reflexivo. O seu segundo disco, O secà, lanzouse no 2024 e nel resoa con forza a tradición e a electrónica.