O músico vasco participou esta mañá nun Almorzo ON/OFF do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no que conversou coa súa decana sobre a liberdade de expresión
O artista actuará o 15 de marzo no Multiusos Fontes do Sar no marco da xira internacional para celebrar os seus 40 anos de traxectoria musical
O artista vasco Fermin Muguruza participou esta mañá nun encontro coa prensa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O fundador de bandas como Kortatu e Negu Gorriak, que se atopa inmerso na xira mundial de celebración do seu 40º aniversario sobre os escenarios, abordou, da man da decana da entidade, Belén Regueira, a situación da liberdade de expresión no mundo da cultura.
O encontro, aberto ás xornalistas, deu pé a falar tanto do seu concerto en Santiago de Compostela do 15 de marzo (que terá lugar no Multiusos do Sar e no que, segundo avanzou na conversa, contará coa participación de Sés) como para facer unha revisión destes 40 anos a través de dous piares fundamentais na súa música, como son a defensa da lingua e da liberdade de expresión.
O cantante salientou o momento de “emerxencia lingüística” que está a vivir a sociedade, e a necesidade de poñer en valor estratexias que permitan manter vivas e amplificar a presenza de linguas como o galego ou o éuscaro nas rúas. No marco da conversa, Muguruza tamén destacou a “independencia” desta xira, “autoxestionada e sen grandes promotoras detrás”, mais apoiada polo talento local e axentes cos que leva a traballar desde hai décadas; así como persecución que sufriu tanto el coma unha parte do sector cultural nas últimas décadas. “Sempre tivemos que defender a liberdade de expresión. Nun momento no que o neoliberalismo depredador está máis presente ca nunca, esta defensa, especialmente na cultura así coma no xornalismo, é crucial”, aseverou.
Ao fío, Fermin Muguruza apuntou a necesidade de contar con “xornalistas conscientes” nos medios, alonxados de “intereses editoriais”, especialmente nos espazos en conflito ou en causas como Palestina. “O papel do xornalismo é imprescindible. Precisamos que se conte a realidade. As e os xornalistas son os ollos que nos fan ver o que está a acontecer”, sinalou.
Fermin Muguruza
Muguruza é unha das figuras de maior influencia e carisma no panorama musical vasco en diferentes sectores. Comezou a súa carreira musical creando xunto ao seu irmán Iñigo o grupo de música Kortatu. Cando a banda se disolveu, logo da edición do seu último disco exclusivamente en eúscaro, Muguruza formou Negu Gorriak xunto a Iñigo, Kaki Arkarazo, Mikel Txopeitia e Mikel Anestesia. O grupo converteuse nunha das formacións máis importantes da escena dos anos 90. Após a súa disolución, Muguruza iniciou a súa carreira en solitario, tomando como base o reggae e o dub e mesturando ritmos latinos ou elementos do rock, hip hop, funk, soul e drum and bass.
Muguruza colaborou con artistas como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana No!, Todos Tus Muertos, Albert Pla, Zebda, Desorden Público, Reincidentes, Angelo Moore de Fishbone, Raúl Refree, Obrint Pas, El Columpio Asesino, Preservation Hall Jazz Band, Toots, U-Roy, Rita Marley, Peret ou decenas de artistas ao longo destas catro décadas.
Ademais, nestes últimos anos, Muguruza ten traballado no mundo do cinema e do documental. Creou unha infinidade de traballos de temática social, entre eles, a serie Next Music Station (2011), que reúne once pezas sobre música árabe para a cadea Al Jazeera, o documental NOLA? Irun meets New Orleans (2015), as películas de animación Black is Beltza (2018) e Black is Beltza II: Ainhoa (2022), esta última finalista dos Premios Goya, ou o filme documental BIDASOA 2018-2023 (2023), entre outros.
Vindeiras datas da xira mundial de Fermin Muguruza
15 de marzo: Santiago de Compostela – Fontes do Sar
21 de marzo: Paris – La Cigale
22 de marzo: Bordeaux – Salle du Grand Parc
28 de marzo: Toulouse – Le Bikini
29 de marzo: Marseille – Espace Julien
11 de abril: Zurich – Rote Fabrik
24 de abril: London – Scala
25 de abril: Dublin – Button Factory
10 de maio Mérida – IFEME
16 de maio: Belin – SO36
20 de maio: Santiago de Chile – Teatro Cariola
22 de maio: Montevideo – Sala del Museo del Carnaval
24 de maio: Buenos Aires – Estadio Obras
28 de maio: Bogotá – Calle 13
31 de maio: México – Skatex (Texcoco)
07 de xuño: Roma – Circolo Concetto Marchesi
14 de xuño: Donostia – Anoeta Estadioa
23 de xullo: Tokio – Radical Music Network
4 de outubro: Iruñea – Nafarroa Arena
Ademais, xa se anunciou a presenza de Fermin nos seguintes festivais.
O artista conseguiu canalizar a súa paixón pola cultura pop e a música nun álbum que te fará bailar, rir e sentir nostalxia a partes iguais.
Prepárate para mergullarte nun universo musical único con “súbete ao EVA”, (ALENDE/Altafonte, 2025), un álbum que captura o espírito dunha xeración conectada e creativa.
Este novo traballo sorprende cunha explosión de hiperpop e ritmos electrónicos, acompañados de letras cheas de referencias a animes icónicos, videoxogos clásicos e modernos e aos memes máis virais de Internet.
Filloas leva xa uns meses adiantándonos o seu novo son, o cal chega ao seu cumio con “súbete ao EVA”. Como adiantos, puidemos escoitar “22 minutos”, con videoclip de Xaime Miranda e “despawn”, un acelerado tema electrónico no que reflexiona acerca dos problemas da súa xeración.
Filloas consegue, grazas ao seu característico vestiario, o atrezzo que o acompaña nos directos e a dirección artística dos seus videoclips, que el mesmo idea, traer á realidade o seu imaxinario.
Filloas presenta unha declaración de intencións, destacando como un dos artistas emerxentes máis inquedos da escena galega.
O movemento Filloas é imparable e así o demostrou sendo o artista gañador do concurso Novos Valores 2024 do Festigal.
Coa festa por bandeira, en directo atoparás autenticidade, diversion e risas.
PRÓXIMOS CONCERTOS FILLOAS
28/02/25 Entroido Rianxeiro, Rianxo
11-14/09/25, Festival Revenidas, Vilaxoán de Arousa
As e os amantes da boa vibra xa poden marcar en vermello o venres 14 de marzono seu calendario: a partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar na Coruña os temas do seu novo traballo discográfico
A banda estará arroupada por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos para non deixar de bailar: da música urbana de hydn ao pop denso, fresco e urxente de Capital Voskov; do funk e a retroelectrónica de French Riviera ao pop urbano e sen tapuxos de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria
As últimas entradas para o concerto están dispoñibles a través de Entradium:
Escándalo no escuro será un dobre álbum con 14 novas cancións que verá a luz o vindeiro 7 de marzo e nas que Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros, a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor…
Amoebo, unha das propostas máis destacadas e deshinibidas da escena emerxente galega do momento, presentará ao vivo o seu próximo traballo discográfico na Sala Garufa Club da Coruña o venres 14 de marzo. Esta será a posta de largo de Escándalo no escuro, un dobre LP que verá a luz unha semana antes, o venres 7 de marzo. No concerto, Amoebo estará arroupado por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos e bailables.
French Riviera encherá a Garufa cunha divertida viaxe ao anos 80 a golpe de funk e retroelectrónica, para dar paso á fantasía, o fogo e a escuridade da música urbana de hydn e o seu dark pop electrónico con influencias de rnb e outros sons. Pola súa banda, a potencia vocal de Alfonso, de Capital Voskov, chegará para dar boa mostra do seu pop denso, con coidadas texturas do indie e a urxencia do pop. Tampouco faltarán á cita o divertido pop urbano de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria.
Así, o venres 14 de marzo, a partir das 22.00h na Sala Garufa, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegarán a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor, e das que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto. En Escándalo no escuro, Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.
As últimas entradas para o directo están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:
ESCÁNDALO NO ESCURO, UN DOBRE ÁLBUM QUE DARÁ QUE FALAR NESTE 2025
Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz o venres 7 de marzo e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto: música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop de culto dos 80 aos 2000.
O novo LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B estará tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual, para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.
AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS
Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.
O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez.Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.
Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para preparar o lanzamento do seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025.
O RECOÑECIDO ARTISTA E PRODUTOR E A INTEGRANTE DE TANXUGUEIRAS AVANZAN UN NOVO TEMA DO SEU EP DEBUT, UN FINAL, QUE VERÁ A LUZ A MEDIADOS DE MARZO
Gala i Ovidio, o novo proxecto musical que une a Raül Refree, prestixioso músico e produtor, e Aida Tarrío, compoñente do recoñecido grupo Tanxugueiras, continúa dando os seus primeiros pasos.
Tras a gran acollida de De maio a abril, primeiro adianto do seu EP debut Un final, agora presentan Cara o mar, o seu segundo sinxelo. Este será o último avance antes da estrea do EP, que verá a luz a mediados de marzo.
Sobre este novo tema, os propios artistas explican: “Cara o mar, do mesmo xeito que o resto de cancións que formarán este EP, trata sobre a perda ou o final dunha relación, neste caso a canción narra os distintos baleiros que deixa unha persoa que xa non está no fogar onde se conviviu. Ecos e resonancias dunha presenza invisible en distintos espazos da casa, desde o oco do sofá á cociña que “hoxe mide un pouco máis”; unha enumeración emocionante e sentida que homenaxea aos que se foron e fálanos de como o que non vemos é ás veces máis potente que o que alcanzamos a ver. A canción, de tempo lento e intimista, empeza na nudez dunhas notas de baixo para ir creando unha atmosfera envolvente e profunda, acústica e textural, onde os ecos de pandeiretas afastadas resoan como o espectro dun barco que se afasta e as voces resoan nítidas e poderosas como o fixeron sempre as mulleres nas aldeas.”
Dorothe Shubart e Rosa de Moscoso unidas da man con Oneothrix Point Never e Mustafa nun réquiem do cotián, conmovedor e sentido. Unha melodía íntima e preciosista que na voz de Aida, sempre emocionante e real, adquire unha dimensión tremenda. Sentimento puro dunha parella que con esta canción “Cara o mar” móstranos outro rexistro do seu proxecto Gala i Ovidio á espera da saída pronto do seu primeiro EP.
Este novo tema, de esencia minimalista e íntima, foi composto e escrito por ambos os artistas, deixando patente que a día de hoxe son dous dos grandes talentos da música actual. Sen perder a súa identidade e valores, Gala i Ovidio (Raül e Aida) veñen dispostos a experimentar e desdibuxar os límites da experimentación musical.
Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.
Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”
Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.
Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por cuarto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña
O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+
As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€)
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo de 2025), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios
O Atlantic Pride convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBIQ+. Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por cuarto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, un grupo de lectura que se reúne mensualmente desde o 2016 para ler e debater sobre cultura LGTBIQ+. O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€).
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo de 2025), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival:
Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Nun futuro, tentarase publicar un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.
TEMÁTICA, EXTENSIÓN E FORMATO
A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBIQ+. O texto presentarase a través da páxina web do festival www.atlanticpride.es, en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.
XURADO
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden. O xurado levantará acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBIQ+ e a orixinalidade da obra.
PRAZOS
O 31 de maio de 2025 será o día de peche da recepción de obras. Durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo) anunciaranse as obras gañadoras e farase a entrega dos premios.
PREMIOS
Haberá tres galardóns en metálico (1º premio: 600 €; 2º premio: 300 €; 3º premio: 100 €).
SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’
O Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo. Neste 2025, o festival regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Na cita non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBI+, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación. No cartel deste Atlantic Pride 2025 están xa confirmadas cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán A Coruña de cor e diversión cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións.
Culminando a programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a CONFERENCIA de MARTIN PAWLEY:“O CEO DE ROSALÍA”. A presentación correrá a cargo da presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro.
O acto levarase a cabo o venres 28 de febreiro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.