Cunha, coñecido polo seu proxecto de divulgación musical Ábrete de Orellas, repasará desde os pioneiros da década de sesenta até a vizosa escena galega actual
Pepe Cunha é o nome que está tras o proxecto galego de divulgación musical Ábrete de Orellas, activo desde hai 25 anos e Premio Martín Códax ao mellor espazo de comunicación Musical en 2016 e 2018. Ábrete de Orellas naceu como programa musical a finais do século pasado e entrega cada semana unha nova edición de sesenta minutos que emiten as grellas da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Piratona, Radio Neria…), algunhas municipais como Radio Redondela, Radio Allariz, A Xente de Teo… e plataformas como Podgalego, Agora.gal, Pontevedra Viva Radio… Cunha é autor do libro Guadi Galego. Pola beiradacanción (Embora, 2019), responsábel dos contidos da premiada exposición #cantáMOLAengalego (2000-2020) para o Concello de Pontevedra e da exposición #GaleGoza para Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como partícipe en artigos en prensa, charlas, coloquios ou xurado de concursos musicais.
O sábado 15 de novembro sobre as 20:00 horas terá lugar unha nova edición das foliadas estacionais da Asociación Cultural CASTIÑEIRO MILENARIO, coa celebración da FOLIADA DE OUTONO 2025 no Centro Sociocultural de Begonte, situado xunto ao centro médico e a pista de pádel. Dita foliada empezará cuns petiscos para coller forzas e a partir das nove da noite acontecerá o núcleo central da foliada con catro grupos participantes. Como sucedeu en edicións anteriores, abrirán a foliada os grupos residentes, as cantareiras de Foliadeir@s do Castro e o grupo de gaitas de Treitoira. Despois desde Cospeito achegarase o grupo Beteluma Cantareiras, rematando co grupo das Pontes, No Cómbaro. Finalmente haberá foliada aberta ata que o corpo aguante.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe de ficción AS NEVES, dirixida por Sonia Méndez, película gañadora, entre outros, do Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe de ficción. Deste xeito, rematamos coas proxeccións correspondentes ao CICLO MESTRE MATEO-2025 que durante os últimos meses brindounos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta décima proxección, e última do Ciclo Mestre Mateo por este ano, terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o domingo 9 de novembro de 2025, ás 20:00h.
A entrada será de balde, pero haberá que facer reserva de localidade na web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura de Vilalba.
Era un quiosco pequeno, sinxelo, sen grandes pretensións. Nada que ver con outros da cidade, como o da Praza Maior, que xa tiña outra categoría, outro aire. Este era un humilde quiosco de barrio, pero era o noso quiosco e por iso, o mellor.
Todas as mañás, ao saír da casa camiño do instituto, era o primeiro que viamos. Alí estaba, no mesmo medio da praza, como un entrañable amigo agardando por nós. Sempre había algo que comprar. Se non eran uns toffees ou caramelos, eran uns cigarros soltos, uns bolis de cores ou unhas novelas de Estefanía que nos facían soñar con desertos, foraxidos e duelos no salón.
Raro era o día que non o honrabamos cunha visita. E alí, detrás do mostrador, nos atendía amablemente a señora ou o seu marido (non lembro os seus nomes), que nos parecían moi vellos. Pode que non fosen tanto, pero xa se sabe a visión que temos dos demais a esas idades.
Pasado o tempo, fíxose necesario arranxar a praza, para regular mellor o tráfico e habilitar prazas de estacionamento e o quiosco foi trasladado uns metros, ao outro lado da rúa, xusto á entrada do xardín. Malia o cambio ser mínimo, supuxo a perda de parte do seu encanto. Aínda así seguiu a ser o noso quiosco.
Logo deixei a praza, deixei Lugo, e o quiosco seguiu alí durante uns anos ata que finalmente desapareceu. Agora é só unha lembranza, un anaco de tempo gardado na mente de moitos lucenses que vivimos aqueles anos. Todos os días paso por diante de onde se erguía e, como tantas veces, hoxe tamén tiven unha lembranza para el.
Canto me gustaría poder volver mercar un par de Ducados! Canto me gustaría coller nas miñas mans unha daquelas novelas de Silver Kane! Canto daría por recuperar un só momento perdido no arame do tempo!
O derradeiro concerto rapante da xira en Galicia ata 2026 terá lugar mañá, venres 31, en Chantada, no Castañazo Rock; mentres que o peche do tour chegará na última fin de semana de febreiro no Festival Emigrason
Os muradáns, que veñen de facer dúas datas nas que penduraron o cartel de “entradas esgotadas” no Club Sauvage de Barcelona, actuarán nas vindeiras semanas en salas de Bilbao, Madrid, Valladolid e Zaragoza
The Rapants apagará definitivamente as luces de La máquina del buen rollo a última fin de semana de febreiro, no marco da cuarta edición do Festival Emigrason. Pero antes, esta mesma fin de semana, realizarán a última viaxe co seu saltón en Galicia: as fichas para subir a La máquina del buen rollo repartiranse mañá venres 31 no XX Castañazo Rock. O público galego poderase despedir dos rapantes até o ano que vén, cando regresen con novo disco e directo aos escenarios galegos.
Tras encher esta fin de semana dúas noites seguidas o Club Sauvage de Barcelona, e logo de vivir un verán ateigado de concertos en salas e festivais do país, The Rapants dá a coñecer as últimas 6 datas das viaxes no saltón. Ás xa anunciadas de Chantada no Castañazo Rock (31 de outubro), Valladolid (13 de novembro) e Madrid (15 de novembro) -estas dúas últimas co apoio de AIEnRuta e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais-, súmanse agora Zaragoza (6 de febreiro), Bilbao (7 de febreiro) e Bruxelas (na fin de semana do 27 e 28 de febreiro).
O peche europeo do tour, por todo o alto, producirase na celebración do Festival Emigrason, unha cita moi querida polos rapantes, pois participaron tanto no 2023 coma no 2024. Desta quenda, a actuación na capital belga -cuxa Rue Franklin dá nome a un dos temas máis coñecidos dos muradáns- será un bolo especial, pois porá o ramo a unha intensa xira que iniciaron na Sala Capitol en marzo de 2024 (cun dobre ‘sold out’ histórico, con entradas esgotadas en menos de 15 minutos) e que se pechará, dous anos despois, con máis de 70 directos ás costas e un galardón: Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego do Ano 2024.
Ao longo destes case 20 meses, o cuarteto ofreceu actuacións memorables en citas como O Son do Camiño, Atardecer no Gaiás -o directo máis multitudinario da historia do recinto-, Festival Noroeste -no que regresaron á praia de Riazor, logo de gañar no 2019 o certame de bandas de Cuac FM-, Festival Revenidas ou as Festas da Peregrina, entre outras. Acompañou a La Raíz no seu regreso aos escenarios en dúas ocasións (no Coliseum da Coruña e no Pavillón La Magdalena, Avilés) e converteuse na cuarta banda galegofalante máis escoitada en plataformas.
DERRADEIRAS VIAXES DE ‘LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO’
31.10, Chantada | XX Castañazo Rock 13.11, Valladolid | El desierto rojo (AIEnRuta)
15.11, Madrid | Camping Osuna (AIEnRuta)
06.02 Zaragoza | Inverfest – La Lata de Bombillas 07.02 Bilbao | Negufest – Sala Azkena 27-28.02 Bruxelas | IV Festival Emigrason