Gala-Concerto do Vº Concurso Manuel María de Composicións Musicais

Gala-Concerto da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais


A Casa-Museo Manuel María celebra o sábado, 31 de outubro, ás 17.30 hrs, a gala-concerto da fase final da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A esta fase final accederon cinco pezas seleccionadas entre o conxunto das presentadas a concurso: “Agora, que gastei os meus outonos”, de David Cuevas Sánchez; “Anceio”, de Marcel Chirilov Chirilov; “Morte” de Julio Montero Rodríguez; e “Agora, que é o tempo de soñar” e “Bolboreta”, ambas de Saúl Aguado de Aza.

A gala contará como intérpretes convidados os músicos galegos Patricia Rodríguez Rico, soprano, e Daniel Leiro Castro, pianista. O seu concerto constará de dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco pezas finalistas do certame, mentres que na segunda -ao tempo que o xurado estea a deliberar para determinar a canción gañadora- o público asistente poderá desfrutar dunha serie de pezas dos compositores Marcial del Adalid, Xoán Montes, Eduard Toldrà, Juan Durán e Antón García Abril baseadas en poemas de Fanny Garrido, Aureliano Pereira, Rosalía de Castro, Antonio Noriega Varela, Xosé Neira Vilas e Álvaro de las Casas.

Esta Gala-Concerto é de acceso libre e gratuíto até completar o aforo, mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.

Intérpretes:

Patricia Rodríguez Rico (soprano), titulada en Grao Medio de Piano e Superior na especialidade de Canto Lírico, completou a súa formación académica con tres títulos de Mestrados enfocados ao ámbito docente. Perfeccionou a súa formación vocal cos repertoristas Manuel Burgueras e Malcolm Martineu, e coas mestras Alicia Nafé, Ann Murray e Mariella Devia, entre outras. A súa versatilidade como solista abrangue a ópera, o oratorio e a zarzuela, cooperando tanto na Tempada Lírica da Coruña, como en diversas óperas representadas en San Martiño Pinario, en varias zarzuelas galegas en colaboración coas Bandas Municipais de Coruña e Santiago de Compostela, e tamén en grandes obras sacras como o Requiem de Fauré, A Mortuis Resurgere de Jorge Grundman ou As sete palabras de Cristo na Cruz de Dubois, entre outros. Actualmente compaxina os seus recitais cun sólido labor na docencia vocal, tanto solista como coral.

Daniel Leiro Castro (piano), iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Posteriormente formouse no Centro Superior de Música do País Vasco, especializándose en música de cámara. Ampliou a súa formación nos Países Baixos, onde realizou un Mestrado de Interpretación en Codarts, Universidade para as Artes de Róterdam. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional principalmente na música de cámara e a docencia, alén de contar cunha ampla traxectoria como pianista acompañante de coros en España e nos Países Baixos.

Camiño Escena Norte despídese de Galicia con dúas funcións en Arzúa e Vimianzo mentres o teatro galego continúa a súa xira

El gato con botas de agua representouse o venres 16 en Negreira © Miguel Lamas / CEN

O venres 30 de outubro, El Callejón del Gato e Tartean Teatroa pechan o Itinerario Constelacións en Galicia, que levou propostas escénicas de cinco comunidades a nove localidades da Coruña e Lugo

Teatro de Ningures, Teatro O Cubo e Ártika Cía. completarán en novembro as súas xiras por Navarra, Cantabria, Asturias e Euskadi

Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, pecha esta semana a súa programación en Galicia cunha dobre cita o venres 30 de outubro. A oitava edición, baixo o lema Latexos Escénicos, despídese despois de levar teatro, monicreques e ilusionismo a nove localidades das provincias da Coruña e Lugo.

A primeira das funcións terá lugar en Arzúa, onde a Capela da Madanela acollerá ás 18.00 horas El gato con botas de agua, da compañía asturiana El Callejón del Gato, Premio Oh! 2025 ao mellor espectáculo para a infancia. A partir do conto clásico, a montaxe combina teatro visual, monicreques e obxectos para reflexionar sobre os dereitos fundamentais da infancia. A entrada é libre ata completar a capacidade e, ao remate, haberá un encontro posfunción coa compañía.

Ese mesmo día, ás 20.30 horas, o Auditorio Municipal de Vimianzo recibirá ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa. Escrita e dirixida por Jokin Oregi, a obra parte da historia de Maddi, unha nena de oito anos que desde hai tempo mostra sinais de que algo non vai ben, para construír un retrato coral dos adultos que a rodean e unha reflexión sobre as presións que recaen na infancia. Os personaxes infantís nunca aparecen en escena: os adultos interactúan con eles, pero o público non os ve. As entradas están á venda (5€) na plataforma Woutick.

¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa, presentarase o venres 30 en Vimianzo
 

O teatro galego xira ata o 15 de novembro

Mentres CEN se despide de Galicia, as tres compañías galegas seleccionadas nesta edición continúan a súa xira polo Itinerario Constelacións. Teatro de Ningures levará As gardiás, ou o nó do tecelán, Premio da Crítica de Galicia 2025, a Zizur Mayor (Navarra) o 6 de novembro, a Unquera (Cantabria) o 7 e a Villaviciosa (Asturias) o 8. O 15 de novembro, data de peche da edición, Teatro O Cubo representará Voo en Sopela (Euskadi) e Ártika Cía. porá en escena Non pasarán en Corvera (Asturias). 

Toda a programación de Camiño Escena Norte está dispoñible na web oficial escenanorte.com, onde tamén se pode consultar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, que reúne 36 producións dos seis territorios.

Teatro O Cubo presentou Voo a semana pasada en Xixón © Pablo Albalá / Danza Xixón

Camiño Escena Norte

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo. 

Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.


CAMIÑO ESCENA NORTE · ÚLTIMAS FUNCIÓNS EN GALICIA

30.10.2026, 18:00 h | Arzúa. Capela da Madanela

El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias)

Teatro e monicreques · Público infantil e familiar (a partir de 2 anos) · 42 min

Entrada libre ata completar capacidade · Encontro posfunción co público

30.10.2026, 20:30 h | Vimianzo. Auditorio Municipal

¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi)

Teatro e novas linguaxes · Público adulto · 90 min · Función en castelán

Entrada: 5 € · Venda: Woutick

Sinopse El gato con botas de agua

Un barco de pesca en alta mar, unha tormenta e un rescate… A trama intemporal dun conto pode axudarnos a pasar a noite e chegar felizmente a porto. El gato con botas de agua é unha adaptación do conto clásico que reflexiona sobre os dereitos fundamentais da infancia: o dereito a un nome e a unha nacionalidade, á protección e ao coidado, á alimentación e a unha vivenda digna.

Sinopse ¿Dónde están los niños?

“Os nenos non lembran o que tratamos de ensinarlles. Lembran o que somos” (Jim Henson). 

Maddi, que é como se chama a nena da nosa historia, leva unha longa tempada amosando sinais de que algo non vai ben. Está inapetente, as súas notas na escola empeoraron considerablemente e na casa móstrase esquiva ante os intentos dos seus pais por saber que lle pasa. Finalmente deciden levala á consulta de Leire, a psicóloga. Porén, unha grave crise obriga a todos a enfrontarse ao acontecido. Sobre estes feitos aséntase unha dramaturxia que revela a presión á que son sometidos os nenos e nenas por unha sociedade crebada, cruelmente esixente e absolutamente depresiva.

Roteiro literario AIRE NEGRO o sábado 7 de novembro

O Instituto de Estudos Chairegos, a Biblioteca “Agustín Fernández Paz” do IES Basanta Silva e a Escola de Teatro, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan o Roteiro AIRE NEGRO, un paseo literario polos espazos do concello nos que transcorre a novela de Agustín Fernández Paz, dentro da Iniciativa 2026-2027: MIRADAS SOBRE AGUSTÍN.

O inicio do Roteiro terá lugar ás 10:00 horas do sábado 7 de novembro a carón da Biblioteca Municipal “Agustín Fernández Paz” de Vilalba, para proseguir polo barrio de As Fontiñas e por outros lugares do concello polos que transcorre a novela. Unha parte do percorrido será a pé, e outra, en autobús (posto polo Concello para facilitar os desprazamentos).

De regreso a Vilalba, terá lugar o xantar no restaurante NOVA RUTA, cun menú literario recollido das novelas de Agustín: CALDO, TROITAS FRITIDAS CON XAMÓN E CON VERDURAS, PATACAS E ENSALADA, QUEIXO CREMOSIÑO CON MARMELO. PREZO 35€.

NOTA-INFORMATIVA-ROTEIRO-AIRE-NEGRO

Proxección da película WITH HASAN IN GAZA, de Kamal Aljafari, na Casa da Cultura de Vilalba

Cada 2 de novembro, data na que se cumpre o aniversario da Declaración Balfour de 1917, celébranse os Días de Cine Palestino arredor do Mundo (Palestine Cinema Days Around the World), unha iniciativa global de resistencia cultural impulsada por FilmLab Palestine. A proposta reivindica o cinema como espazo de memoria e de expresión colectiva, e convida a públicos de todo o mundo a achegarse a miradas palestinas que moitas veces quedan fóra dos circuítos habituais dde exhibición.

Nesta ocasión, o Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA, a partir dunha proposta de Martin Pawley, ten a sorte de poder ser o organizador dun dos pases da película en Vilalba, Será o mesmo día que en todos os lugares do mundo, é dicir o LUNS 2 DE NOVEMBRO, ás 20:30 horas, na CASA DA CULTURA DE VILALBA.

PELÍCULA QUE SE PROXECTA

WITH HASAN IN GAZA (Con Hasan en Gaza) é un documental de 2025 do cineasta palestino Kamal Aljafari, moi ben recibido pola crítica.

NOTA-INFORMATIVA-CINE-POR-PALESTINA