Sabela confirma novas datas en León, Salamanca e Bueu do seu Ceniza tour 2024

Sabela segue confirmando datas do seu Ceniza tour , unha xira que pasará por algunhas das grandes cidades de España nas xa 14 datas confirmadas, 6 das cales se realizarán coa axuda de Girando Por Salas. Ás 11 datas que estaban confirmadas, Sabela suma as salas de El Gran Café (León) o 31 de maio e La Chica de Ayer (Salamanca) o 1 de xuño, así como o festival SonRías Baixas (Bueu), que transcorrerá entre o 1 e o 3 de agosto. As entradas están dispoñibles xa na páxina web de Sabela.

A cantante natural de Ourol lánzase de novo á estrada para continuar coa xira de presentación do seu último disco Ceniza , que comezou na Sala Capitol de Santiago de Compostela e que xa conquistou cidades como Madrid ou grandes festivais como o Festival Noroeste da Coruña, e onde interpretará os temas dos seus dous álbums publicados, así como novas cancións que verán a luz proximamente.

A artista galega encara así un ano no que, ademais da súa xira por salas e festivais, tamén publicará nova música. Todo isto se xunta ao recente anuncio da súa fichaxe por Warner Chappell Music, unha das máis grandes da industria musical mundial, que reforza e destaca así a súa faceta de compositora e produtora.

DATAS CONFIRMADAS DO CENIZA TOUR :

12/4・Sala La Vaca ・ Ponferrada, León (GPS)

13/4 · Café Berlín · Madrid (GPS)

25/04・Porta Caeli・Valladolid

26/4 · Sala Informal · Tafalla, Navarra (GPS)

27/4 · Sala Heliogábal · Barcelona (GPS)

28/4 · La Casa De La Mar · Valencia

3/5 · Universonoro · Palencia, Castilla y León

4/5 · Sala Gong · Oviedo, Asturias

5/5 · Sala Fundición · Logroño, La Rioja

9/5 · Sala X · Sevilla (GPS)

10/5 · Sala Kharma · Jaén (GPS)

31/5 · El Gran Café · León

01/6 · La Chica de Ayer · Salamanca

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela eleva a súa música a un aspecto máis eufórico, converténdose no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan xa centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes prazas como a sala Capitol de Santiago de Compostela ou a sala El Sótano de Madrid, e festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o propio O Son do Camiño, así como alzándose con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.

A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para dotalo dunha sensibilidade maior, así como dun estilo xa propio e identificable. Temas como CenizasYa No Me Quiero Ir ou Cidade Desexo confirman a solidez dun proxecto que ven de obter grandes números de escoitas nas súas cancións, de encandear ao público nos seus directos e de colaborar con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra .

Este 2024 prevese atarefado para Sabela. Tras o recente anuncio da súa xira por toda España, se lle suma o feito de que se atopa no estudio de gravación rematando o que será o seu seguinte traballo discográfico, polo que será un ano para poder gozar moito coa artista galega.

IRIBARNE chega ao Barco de Valdeorras este venres 23 de febreiro

O Teatro Municipal Lauro Olmo acolle o 23F, ás 21.00 horas,a revisión da figura de Fraga en clave de humor que está a colgar o cartel de ‘entradas esgotadas’ en todas as súas funcións por Galicia

O actor ourensán Anxo Outumuro encarna un dos Iribarnes desta obra coral e de ritmo frenético escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira

O proxecto complétase con entrevistas en aberto na canle de YouTube de ButacaZero e o lanzamento este venres da edición galega do texto

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

As entradas de IRIBARNE pódense adquirir na tenda ‘Ton y son’ e tamén estarán á venda no teatro desde unha hora antes do comezo da función

IRIBARNE, o novo espectáculo de ButacaZero, representarase o vindeiro venres 23 de febreiro, no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, ás 21.00 horas. As entradas para a única función confirmada polo de agora na provincia de Ourense xa se poden adquirir anticipadamente na tenda ‘Ton y son’ e tamén estarán á venda na propia billeteira do teatro desde unha hora antes do comezo da función.

A celebrada revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e con dirección de Xavier Castiñeira está a itinerar por toda Galicia e por numerosas cidades españolas logo da súa estrea en Vilalba en xaneiro, e xa pasou por Santiago e Pontevedra, esgotando as entradas en todas elas. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- tamén ten previsto recalar en Vilagarcía de Arousa (24 febreiro), A Coruña (15 e 16 marzo), Lugo (11 abril), Tomiño (20 abril), Cangas (4 maio), Bilbao (9 maio), Narón (18 maio), Vitoria (7 xuño) e Ribadavia (xullo).

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto, dispoñible en todas as plataformas, e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, este venres sairá á venda a edición galega do texto teatral que chegará ás librarías da man de Edicións Positivas e a un prezo de 15 euros. A súa adquisición tamén será posible nos espazos onde se represente a obra.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí, camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 
Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

20240220-NP-IRIBARNE-O-Barco-de-Valdeorras

Maneiro pechará a xira de presentación de ‘Un bonito despertar’ no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 2 de marzo

O músico, tamén vocalista de Heredeiros da Crus, actuará a partir das 20.00 horas e as entradas están dispoñibles a través da plataforma web Ataquilla.com 

O cantante e compositor Javi Maneiro actuará o sábado 2 de marzo no Teatro Principal, nunha cita que suporá o peche da xira de inverno de presentación do seu cuarto álbum, Un bonito despertar. As entradas para o directo, que comezará ás 20.00 horas, están á venda na plataforma Ataquilla.com.

Maneiro visita nos meses de febreiro e marzo os teatros e as salas de concertos de Galicia presentar o seu novo disco en solitario, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Logo do lanzamento de Un bonito despertar en maio e da estrea ao vivo na Sala Capitol en xuño, o músico por fin leva o seu novo directo a un total de sete localidades do país grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

A xira Un bonito despertar chegará o sábado 2 de marzo ao Teatro Principal de Pontevedra tras visitar Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo e Ferrol. Sobre o escenario, o cantante acompañarase dunha banda conformada para a ocasión, con Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).


Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido

No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro inicia en febreiro de 2024 unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.

20240220-MANEIRO-pecha-en-Pontevedra-a-xira-de-presentacion-de-Un-bonito-despertar

Entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO e Actos conmemorativos do Día de Rosalía 2024

Coincidindo coa conmemoración do DÍA DE ROSALÍA 2024, o vindeiro venres 23 de febreiro, ás 19 h. na Biblioteca Rural San Martiño de Pino, celebrarase o acto de entrega de premios do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ.

No acto de entrega estarán presentes as persoas gañadoras da edición de 2023 do citado certame:

Patricia Torrado Queiruga, que acadou o primeiro premio pola obra Última noite en Caldaloba

Laura Sánchez Castro, gañadora do segundo premio coa obra Engrañaxes

Como xa apuntamos antes, esta entrega de premios enmarcarase dentro dos Actos conmemorativos do Día de Rosalía co seguinte programa:

  • Saúda da presidenta da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino
  • Lectura do Manifesto polo Día de Rosalía, autoría de Carlos Callón, en representación da AELG
  • Presentación dos caligramas gañadores e entrega de premio ás persoas autoras dos mesmos
  • Lectura de textos por parte dos asistentes ao evento
  • Interpretación dunha peza musical sobre un texto rosaliano

Fillas de Cassandra inicia este venres 16 a xira ‘Últimas Dionisíacas’ no Auditorio Mar de Vigo

María SOA e Sara Faro estarán acompañadas de Tania Camaño e Marina Vidal sobre o escenario, nunha cita que contará coa presenza de diversas colaboradoras que serán toda unha sorpresa para o público asistente

O concerto dará comezo ás 22.00 horas no hall do Auditorio Mar de Vigo, mentres que a apertura de portas terá lugar ás 21.30 horas


Fillas de Cassandra iniciara mañá venres, 16 de febreiro, a xira Últimas Dionisíacas na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo.
O concerto, que comezará ás 22.00 horas (a apertura de portas será ás 21.30 horas), contará coa colaboración de diversas bandas e solistas cuxa participación será toda unha sorpresa para o público asistente. 
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público. 
Neste directo, a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; mais unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo relevación do panorama musical galego no 2023 aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles). Despois actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun), o 13 de abril no ZEID FEST de Barakaldo e, máis adiante, nos festivais Ourensound, Ortigueira ou SonRías Baixas, entre outros. 

CONVOCATORIA PRENSA E MEDIOS GRÁFICOS ACREDITADOS

Data: 16 de febreiro de 2024.
Lugar: Hall do Auditorio Mar de Vigo.
Hora: 21.45 horas (recollida de acreditacións e acceso de prensa a través da porta situada xunto á billeteira do recinto. A entrada do público será a partir das 21.30 horas pola porta principal e a hora de inicio do concerto será ás 22.00 horas). 
Acto: Fillas de Cassandra inicia a xira ‘Últimas Dionisíacas’.

Protocolo de fotos e vídeo

Sen limitación de número de cancións. 

Os primeiros temas poderanse facer desde o foso (o acceso ao mesmo farase acompañado polo equipo de prensa desde a billeteira). 

A continuación poderanse tomar imaxes e vídeos por todo o hall do Mar de Vigo, agás sobre o escenario e nas zonas de acceso privado.


20240215-NP-Fillas-de-Cassandra-inicia-a-xira-Ultimas-Dionisiacas