TANXUGUEIRAS reivindica o autocoidado en ‘Desidia’, o seu novo sinxelo

As cantareiras presentan o sinxelo, que interpretan na Xira Midas acompañado dun videoclip no que o movemento é o protagonista absoluto da man de Carla Cervantes e Justin de Jager. 
 
“Ás veces cómpre parar e que escoitemos o noso corpo para poder avanzar”, sinalan as pandeireteiras sobre o novo adianto do seu terceiro disco, que verá a luz nas vindeiras semanas. 

Tanxugueiras lanza este venres, 3 de xuño, o seu sinxelo Desidia, tema que formará parte do seu novo disco, o terceiro, e que verá a luz nas vindeiras semanas. Desidia, que xa está dispoñible desde hoxe en todas as plataformas dixitais e que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro interpretan nos directos da Xira Midas, é unha reivindicación da necesidade do autocoidado. As cantareiras empregan un símil co baile para narrar o proceso de escoita e liberación da culpa para avanzar no camiño.  
 
“Ás veces cómpre parar e escoitar o noso corpo. Entender o que nos di e o que nos pide, sen que nos teñamos que sentir culpables por non ser, non dar, non chegar ao que se nos esixe ou autoesiximos. Temos que nos sentir libres desa falsa culpa. Podemos parar, sen ser xulgadas, para poder volver, gozar de nós e dos nosos movementos, e pisar máis forte aínda”, sinalan as pandeireteiras. 

 
Desidia narra o proceso do descubrimento e aceptación da necesidade real do autocoidado. A música e as letras das cantareiras, inspiradas na música tradicional galega e na lírica popular, afondan nese camiño. Desde os primeiros síntomas de apatía e falta de motivación, explicitado nas frases “rematade xa esta bailiña / estou cansa, preciso deitar” que acompañan o pasodobre, que pé ao retrouso “Ai quedar, deixame quedar”. Desde o desleixamento á valentía de recoñecer a necesidade de parar. Desde o punto no que os movementos do baile e dos corpos se atopan e acompañan, como metáfora, o proceso de volver estar en pé. “Os meus puntos vou guiando, os meus pasos van medrando, os meus brazos tornan alto” acadan o seu esplendor co retrouso “Ai!, bailar que eu vou guiar”.  

Videoclip con Carla Cervantes e Justin de Jager 

 
Desidia acompáñase dun videoclip (dispoñible en Youtube) dirixido por Trece Amarillo e producido por PlayPlan que se rodou o pasado mes de maio en Marín (Pastoriza), Bueu (Agrelo) e Moraña. Nesta nova peza audiovisual, as pandeireteiras ceden o seu protagonismo habitual á coreografía e interpretación de Carla Cervantes e Justin de Jager. 


Trátase da primeira colaboración conxunta entre Cervantes (xunto con Sandra Egido forma o dúo Lookathingsdifferent) e De Jager (coreógrafo, entre outros, do Scapino Ballet Rotterdam), especializados en threading, un estilo de baile no que os corpos se enfían. Precisamente a coreografía, ideada por Cervantes, constrúe o movemento a partir do diálogo que nace entre os corpos e que ten, como testemuña, o patrimonio natural galego. Os corpos xeran nós, camiños e aberturas durante a súa conversación, que medra e avanza a medida que o fai a propia canción. 

Velaquí a nota de prensa (DESCARGAR)

20220603-NP-GAL-DESIDIA-de-Tanxugueiras

Obradoiro de regueifa coa regueifeira Alba María este sábado na Casa-Museo Manuel María

A regueifeira, cantora e poeta Alba María desenvolverá, na Casa-Museo Manuel María, un obradoiro de iniciación á regueifa este sábado, día 4 de maio, ás 18 hrs.

A actividade de dúas horas de duración, é gratuíta e está dirixida para todos os públicos, adultos e crianzas a partir dos dez anos.

Para asistir é necesario anotarse previamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Lembrar, por último, que ás 20 hrs, do mesmo sábado, celebrarase o concerto de ZOELAS.

ZOELAS en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 4 de xuño, ás 20 horas, pecha a programación deste curso cun concerto musical a cárrego de ZOELAS.

Un proxecto orixinario das terras da Ulloa en que se mestura as raíces do canto tradicional con melodías de variados estilos musicais e letras propias que conviven con coplas recollidas. Canto coral feminino con Bea, Érica, María, Pilar e Patricia acompañadas de Michel (guitarra), Miguel (percusión) e Bruno (requinta, zanfona e gaita).

Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente o billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. Se o tempo acompañar, fariase na horta da Casa-Museo.

Despois desta actividade farase a pausa habitual do tempo de verán, retomando a programación cultural para inicios de outubro. O 9 de xullo celebrarase no Campo de Santa Isabel de Outeiro de Rei o Convivio da Cultura Galega, a nosa romaría campestre á que quedades convidados (informaremos máis adiante).