O filme “María Solinha”, este sábado, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 5 de decembro, ás 19 hrs, proxectarase, na Casa-Museo Manuel María, o filme “Maria Solinha“, de Ignacio Vilar.

“Un afamado director chega a Cangas do Morrazo, en Galicia, para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra de teatro vai sufrir, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII”

Tras a proxección, haberá un coloquio co seu director, Ignacio Vilar.

A entrada é libre, mais é imprescindíbel reservar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Festival Atlántica.- Charo Pita e a Banda Municipal de Santiago musican ‘O gato con botas’

Charo Pita e a Banda Municipal de Santiago musican ‘O gato con botas’

·       O espectáculo forma parte da programación do Festival Atlántica e será este domingo, 6 de decembro, ás 12 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura

·       Charo Pita tamén estará o sábado na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña co espectáculo infantil ‘Menú de contos’

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle este domingo, 6 de decembro, a partir das 12 horas, o espectáculo ‘Unha aventura singular: o gato con botas’, unha versión musicada do conto clásico na que participa a narradora Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño. O espectáculo, concibido ex profeso para a ocasión, esgotou os seus convites ás poucas horas de abrir as reservas e a lista de espera está tamén completa.

Charo Pita únese así ao grupo de contadores do Festival Atlántica que actuaron acompañados pola veterana banda picheleira, nun formato que se inaugurou na edición do 2018 con Nono Granero e que vai camiño de se converter nun clásico deste encontro de narración oral. A artista galega, que posúe unha ampla experiencia na combinación de música e contos, afronta neste espectáculo un dobre desafío: a adaptación dun clásico da tradición europea e facelo na compaña dos case 40 integrantes da banda.

‘O gato con botas’ é un conto popular europeo recompilado a finais do século XVII polo escritor Charles Perrault no seu libro ‘Contos de mamá ganso’, aínda que existen versións anteriores. Nel nárranse as argucias dun espelido gato para axudar o seu amo na procura de fortuna.

Cita cos contos na Coruña

Charo Pita vai actuar tamén este sábado dentro da programación do Festival Atlántica na Coruña. Os pequechos con idades entre 3 e 8 anos están convidados á Biblioteca Pública Miguel González Garcés, a partir das 12 horas, para gozaren con ‘Menú de contos’. A entrada é gratuíta, mais cómpre reservala no 881 960 378 ou na biblioteca.

Neste espectáculo haberá historias con princesas, sapos, bruxos, bonecos, trens, fabas, reis, lúas ou camelos. Contos tan variados coma un menú de restaurante: historias salgadas coma as patacas fritas, outras tristeiras coma os botes de espárragos e mesmo tenras coma os toriños de pescada. Dependerá do menú do día, de como veña a contadora e, sobre todo, de como sexa a fame dos que escoitan.

Artista polifacética

A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando acabou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns galardóns literarios, como o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos no 2018. Recentemente, o seu poemario ‘O cuarto de Jane’ gañou o primeiro premio do XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música, de aí a súa participación en proxectos como ‘A nena e o grilo no país das apertas’ xunto a Magín Blanco, en ‘Estamos no verán’ xunto a Xoán Curiel ou en ‘No país do vento’ da man de María Faltri e Jorge Juncal.

No tocante á Banda Municipal de Santiago de Compostela, é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848. Ao primeiro tiña carácter afeccionado, ata que en 1876 o Concello decidiu facerse cargo dela e comezou a se profesionalizar. Na actualidade conta con 37 compoñentes e desenvolve unha intensa actividade de concertos ao longo de todo o ano. O seu director é o pontevedrés Casiano Mouriño Maquieira.