6º Festival de Teatro de Begonte

6º Festival de Teatro de Begonte

Unha ano máis e xa van seis, remata o verán e comeza o teatro en Begonte. Nesta edición contaremos con tres representacións.

Alentía Teatro coa obra, “Manancial de Fantasía“, dirixida a un público infantil e familiar. Conta a historia dun mimo que non pode entrar no mundo da fantasía. Unha reflexión sobre o reparto das tarefas no fogar, o cambo climático, a importancia da lectura ou da discriminación das persoas diferentes a nós.

Cando: Sábado, 22 de setembro, ás 18:00 horas.

Onde: Na casa do pobo da Asociación Veciñal do Castro.

 

Grupo de Teatro, A Mariña, coa obra, “Eres único: Teatro contra o bullying“, obra para maiores de 8 anos. Peza en catro actos, no que o acoso escolar é o eixo común a todos eles. Unha reflexión sobre os diferentes tipos de acoso escolar e a importancia de non quedar indiferentes ante el.

Cando: Sábado 20 de Outubro ás 19:00 horas.
Onde: Casa da Cultura de Begonte

 

Marionetas Trécola coa representación de “Xogo Revolto“.

Historia sobre os diferentes personaxes que poden aparecer nunha situación de acoso e as ferramentas para poder facer fronte a esas situacións cada vez máis presentes nas escolas e na sociedade. Dirixida a un público infantil.

Aínda non temos a data definitiva desta actuación. Iremos informando.

 

Todas as representacións do ciclo son de balde

Dúas das obras están dentro do programa Buxiganga da Deputación de Lugo ao que hai que agradecer que siga apostando polo teatro na provincia. Tamén agradecer ao Concello de Begonte a cesión da Casa da Cultura e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro, que sempre colabora con nos neste tipo de actividades.

 

+info na nosa páxina https://castinheiromilenario.wordpress.com/2018/09/16/6o-festival-de-teatro/

 

 

6º Festival de Teatro

castinheiromilenario.wordpress.com

Presentamos a 6ª edición do Festival de Teatro de Begonte. Nesta ocasión contaremos con tres representacións. Alentía Teatro coa obra, “Manancial de Fantasía”. Cando: Sábado, 22 de sete…

 

 

 

 

 

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Acto do IESCHA.-Presentación do libro CANDO JOHN LENNON COÑECEU A VALLE-INCLÁN, de Beatriz Maceda Abeleira

Acto do IESCHA.-Presentación do libro CANDO JOHN LENNON COÑECEU A VALLE-INCLÁN, de Beatriz Maceda Abeleira

Adxuntamos cartaz e nota informativa da presentación do libro CANDO JOHN LENNON COÑECEU A VALLE-INCLÁN, de BEATRIZ MACEDA ABELEIRA, publicado por Editorial TRIFOLIUM dentro da Colección NEMO, que organiza o Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba, o vindeiro venres, 21 de setembro de 2018, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Vilalba.

 

*Información facilitada polo IESCHA.

Un outono “Do Trinque”, por Antón de Guizán

Un outono “Do Trinque”, por Antón de Guizán

Chega o outono e as entidades chairegas NPG Nova Poesía Guitirica, CulturaliaGZ e Os Vilares lareira de soños retoman a actividade con forza. Ao II Recital de Poesía en Feminino de San Sadurniño e á I TOMA CULTURAL DE CALDALOBA desta fin de semana programan unha ristra de novidades baixo o nome xenérico de DO TRINQUE (hashtag #DoTrinque) baixo o que se programarán presentacións de novidades literarias, artísticas, musicais, encontros con autores e creadores etc.

Do Trinque inaugura con unha proposta de luxo o vindeiro día 5 de Outubro ás nove da noite nun fermoso lugar,  a Casa Habaneira de Guitiriz con un dos grupos musicais galegos de maior prestixio: XARDÍN DESORDENADO.

O grupo liderado por Santiago Ferragud é coñecido por musicar a numerosos poetas galegos, recentemente a María Victoria Moreno, da cal está a desenvolver a xira ‘A Victoria da Luz’, Carlos Casares, ou os chairegos Darío Xohán Cabana, Manuel María ou Xosé María Díaz Castro, do que é moi coñecida a súa versión do poema AI CAPITÁN.

Xardín Desordenado, que se estrea con este concerto na Terra Chá, cobra así unha débeda artística que a comarca chairega ten con este fabuloso grupo que aínda non tiña actuado na zona a pesares de ter homenaxeado aos nosos poetas por todo o país.

O trío de Santiago Ferragud, Marlene Rodrígues e Isaac Garabatos presentarán o seu traballo ‘Victoria da Luz’ Pero farán tamén un repaso aos seus nove anos musicando aos nosos grandes da poesía nun concerto coa entrada de balde que non se pode perder.

Esta actividade, traerá a diferentes lugares da Terra Chá novidades “do trinque” e que comeza con un evento especial cheo de música e poesía.

X EDICIÓN DE LÚAS DE OUTONO. MANUEL MARÍA

X EDICIÓN DE LÚAS DE OUTONO. MANUEL MARÍA

O vindeiro mércores, día 19 de setembro, ás 20.30, no teatro Rosalía Castro da Coruña levaremos a cabo unha nova edición de Lúas de Outono. Homenaxe anual que organiza a Fundación Manuel María na cidade onde o noso escritor residiu os seis últimos anos da súa vida. Este ano contaremos coa actuación da gaiteira Susana Seivane que presentará o seu novo traballo “Fa” e interpretará dúas pezas creadas sobre poemas de Manuel María.

A entrada é gratuíta até completar o aforo do teatro.

 

*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María.

O CROWDFUNDING DOS FRESCOS DOS VILARES XA TEN IMAXE OFICIAL, por Antón de Guizán

O CROWDFUNDING DOS FRESCOS DOS VILARES XA TEN IMAXE OFICIAL, por Antón de Guizán

A campaña de micromecenado (crowdfunding) para a restauración dos Frescos dos Vilares xa ten imaxe oficial. O deseño foi encargado á artista muxián Viki Rivadulla que ten colaborado xa coa Asociación Sociocultural Lareira de soños no deseño dos premios TrapeirX de Honra e no Certame Vilariñas de micro poesía da NPG Nova Poesía Guitirica. Viki Rivadulla ten xa a experiência de ter participado tamén activamente na reivindicación exitosa da restauración dos Frescos murais do Mosteiro de Moraime na Costa da Morte. A artista quixo segundo as súas propias palabras: “Quixen marcar a idea de colectividade e de algo feito por nòs e que forma parte de nòs. Leva tamén as mesmas cores da paleta das restauracións, ocre, óxido de ferro, negro e branco e tentei plasmar tamén a ideia da antiguidade das pinturas…”

Esta imaxe será a representativa da campaña que comenzará en febreiro de 2019 e acompañará tódalas accións da mesma, spot, folletos, carteles, comunicacións, charlas, productos de promoción, etc.

Co lema V SÉCULOS DE NÓS/ FRESCOS DOS VILARES a Asociación Sociocultural Lareira de soños tentará recadar os cartos necesarios para evitar a desaparición destas importantes pinturas renacentistas descubertas en 1991 e ás que se atribúe a autoría ao Mestre de Parga.

A campaña ven motivada polo pasotismo das distintas administracións diante das demandas de actuación e a desprotección e abandono que levou ás pinturas a um estado de deterioro que pode levar a unha perda irreversibel dos Frescos.