Escola de Teatro de Vilalba, Curso 2018-2019

Escola de Teatro de Vilalba, Curso 2018-2019

A Escola Municipal de Teatro de Vilalba abre o prazo de inscrición do novo curso 2018/2019, dende o luns 1 ao luns 15 de outubro de 2018, na oficina de cultura de 9h a 14h.

Presentación de grupos, o xoves 18 de outubro no auditorio Carmen Estévez :

Infantil: 18.00h

Xuvenil: 19.00h

Adultos: 20.30h

As taxas de matrícula son:

Infantil: a partir de 6 anos (2012) ata os 10 anos (2008) __30€

Xuvenil: dos 11 anos (2007) ata os 16 (2002) __60€

Adultos: __60€

 

*Información achegada pola área de Cultura do Concello de Vilalba.

Acto do IESCHA.- Concerto da Cultura Chairega: Os D’Abaixo

Acto do IESCHA.- Concerto da Cultura Chairega: Os D’Abaixo

Adxuntamos cartaz e nota informando do Concerto da Cultura Chairega, no XIV cabodano de Manuel María, que terá lugar o vindeiro venres, 28 de setembro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. O evento está organizado polo Iescha coa financiación da Área de Cultura da depuración de Lugo.

 

 

*Información facilitada polo IESCHA.

Aquel 2 de outubro de 2015, por Antón de Guizán

Aquel 2 de outubro de 2015, por Antón de Guizán

Aquel 2 de outubro de 2015, un ano despois da dedicatoria das letras galegas a Xosé María Díaz Castro, facían 25 anos do seu pasamento. Acordaranse entre o concello de Guitiriz, Xermolos e Os Vilares lareira de soños varias accións para conmemorar tan simbólica data, En primeiro lugar,a tradicional ofrenda e recitado de poemas no camposanto de Lagostelle onde xace o poeta, en segundo lugar, facer coincidir nos Vilares a exposición sobre o poeta, que foi instalada na igrexa, e que sería inaugurada ese día. E como colofón, un acto na mesma igrexa onde tentamos homenaxear ao Pepe do Vilariño con poesías feitas por novos poetas da contorna. Alí capitaneados polo principal estudoso da súa obra, Armando Requeixo, a própria alcaldesa Regina Polín, o seu amigo Xulio Xiz, o seu familiar Man Castro, Alfonso Blanco e a introducción de Pas Veres nun memorábel acto que tiven a honra de presentar, tomaron a palabra en forma de verso Fátima Fernández, Jaki Quintela, Judiña de Lea, Xosé Antón Cascudo, Mar Beres e Luz Campello, coa aportación musical do cantautor Miguel Melero.

Nacía aquel día un grupo de poetas heterodoxos aos que Armando Requeixo chamou nun fermoso manifesto Nova Poesía Guitiricense ou Guitirica (NPG) como homenaxe viva ao grande poeta do Vilariño.

Aquel evento puntual de homenaxe co título de “Afillad@s de Pepe” consolidou un grupo que foi medrando en compoñentes e actividades ao longo destes tres anos, convocando certames (certame Vilariñas de micropoemas, Poemas pendurados de farolas), participando e organizando recitais e eventos poéticos, colaborando en publicacións dixitais, e en definitiva, mantendo viva a memória de Díaz Castro coa poesía como principal argumento. A NPG ten levado a Nova Poesía de Guitiriz e da Terra Chá até Ferrol, Betanzos, Sada, Compostela, Vilalba, Mondoñedo, Santaballa ou San Sadurniño e participou e n publicacións como a revista Xistral e diferentes publicacións colectivas a través dos seus poetas, con un grupo cada día máis numeroso de poetas e con grande coñecemento a través das redes sociais.

Este nuns días, cúmprense 3 anos desde aquel 2 de outubro de 2015 e a NPG Nova Poesía Guitirica ten anunciado a creación dun novo programa de actividades chamado “Do trinque”, destinado a facer presentacións de novidades musicais, literarias e artísticas que comenzará o día 5 de Outubro ás 21:00 na Casa Habaneira de Guitiriz coa mellor das maneiras, poesía musicada do grupo Xardín Desordenado como mellor homenaxe ao noso poeta e grande comenzo a unha série de presentacións de novidades, máis aínda cando o grupo vigués é coñecido por musicar aos grandes da poesía galega, incluído Díaz Castro e máis poetas chairegos. Unha grande oportunidade para escoitalos por vez primeira na Terra Chá, aproveitar para escoitar parte do seu último traballo e un repaso polos seus nove anos de existencia. Dentro da súa xira “A Victoria da luz”,  Xardín Desordenado son unha grande homenaxe ao noso Pepe do Vilariño nestes 28 anos do seu pasamento que a través das actividades da NPG Nova Poesía Guitirica e do traballo de Xermolos, e outras entidades, a súa poesía e a súa memoria mantense viva entre nós, máis aínda desde aquel 2 de Outubro de 2015.

Antón Tenreiro Ferreiro
ANTÓN DE GUIZÁN
antontenreiro@gmail.com
www.blogoteca.com/antonte/
+34 662 183 149

Acto da AELG: Polafía en Albá (Palas de Rei)

Acto da AELG: Polafía en Albá (Palas de Rei)

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) poñémonos en contacto contigo como persoa interesada na Literatura de Tradición Oral para informar de que a  Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG propón unha nova polafía, a número 34, neste caso a carón do Camiño de Santiago, no Parladoiro de Arqueixal (Santiago de Albá, Palas de Rei), o sábado 29 de setembro, ás 18.00, con título Memorias (con historias) da Ulloa. A entrada e libre.

Podes ver toda a información aquí.

A mellor poesía galega cantada, o 5 de Outubro en Guitiriz con Xardín Desordenado, por Antón de Guizán

A mellor poesía galega cantada, o 5 de Outubro en Guitiriz con Xardín Desordenado, por Antón de Guizán

No ano 2.011 uns músicos de Vigo decidiron percorrer librarías e bibliotecas, á busca de palabras ás que poñer música. A selección resultante non obedeceu a criterios centíficos, senón á provocación que os poetas producían nos “exploradores”.
Logo, algunhas noites reuníanse nunha bufarda de Tirán, onde, compartían os poemas elexidos e as súas experiencias musicais; case todos transitaran polo Jazz, aínda que chegados dende diversas procedencias.
O seu obxectivo era promover a poesía galega e o concretaron nun primeiro traballo, con quince poemas escritos por homes. Chamaron ao CD como a si mesmos: “Xardín desordenado” e nel, acompañados pola cálida sonoridade que proporcionan os instrumentos acústicos, estes “xardineiros desordenados” convertiron os magníficos textos en boleros, en swing, en blues…e nove anos máis tarde, cargados de experiencia e máis poetas e máis versos, Xardín Desordenado estará na Casa Habaneira de Guitiriz o 5 de Outubro ás 9 da noite, onde farán un repaso pola súa traxectoria, onde non faltarán temas cos poemas de Darío Xohán Cabana, Manuel María e o noso Xosé María Díaz Castro.

Un concerto que é a súa estrea na Terra Chá inaugurando o programa Do Trinque, da NPG Nova Poesía Guitirica, CulturaliaGZ e Os Vilares lareira de soños adicado a novidades editoriais, artísticas e musicais.

Santiago Ferragud, Isaac Garabatos e Marlene Rodrígues deleitarán os con poesía musicada d@s mellores poetas de Galiza moitos dos cais figuran nos seus traballos discográficos, Carlos Casares, A Victoria da luz, Xardín Desordenado ou aprendendo a ladrar, e dos que poderemos disfrutar o próximo  5 de Outubro na fermosa Casa Escola Habaneira de Guitiriz e coa entrada de balde.

O concerto forma parte da longa xira deste ano adicada a María Victoria Moreno e co nome ‘A Victoria da Luz’. Chegarán a Guitiriz de dar un concerto en  Pontevedra o 26 Setembro celebrando o día internacional das linguas, e o 20 de Outubro estarán no Centro Galego de Salamanca.

Temos pois, unha oportunidade única para escoitar ao Xardín Desordenado na Terra Chá por primeira vez nunha versión ‘Do Trinque’ coa estrea de disco e repaso a numerosos poetas musicados por eles nestes nove anos. Alí estaremos!!

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.facebook.com/osvilares