Un outono “Do Trinque”, por Antón de Guizán

Un outono “Do Trinque”, por Antón de Guizán

Chega o outono e as entidades chairegas NPG Nova Poesía Guitirica, CulturaliaGZ e Os Vilares lareira de soños retoman a actividade con forza. Ao II Recital de Poesía en Feminino de San Sadurniño e á I TOMA CULTURAL DE CALDALOBA desta fin de semana programan unha ristra de novidades baixo o nome xenérico de DO TRINQUE (hashtag #DoTrinque) baixo o que se programarán presentacións de novidades literarias, artísticas, musicais, encontros con autores e creadores etc.

Do Trinque inaugura con unha proposta de luxo o vindeiro día 5 de Outubro ás nove da noite nun fermoso lugar,  a Casa Habaneira de Guitiriz con un dos grupos musicais galegos de maior prestixio: XARDÍN DESORDENADO.

O grupo liderado por Santiago Ferragud é coñecido por musicar a numerosos poetas galegos, recentemente a María Victoria Moreno, da cal está a desenvolver a xira ‘A Victoria da Luz’, Carlos Casares, ou os chairegos Darío Xohán Cabana, Manuel María ou Xosé María Díaz Castro, do que é moi coñecida a súa versión do poema AI CAPITÁN.

Xardín Desordenado, que se estrea con este concerto na Terra Chá, cobra así unha débeda artística que a comarca chairega ten con este fabuloso grupo que aínda non tiña actuado na zona a pesares de ter homenaxeado aos nosos poetas por todo o país.

O trío de Santiago Ferragud, Marlene Rodrígues e Isaac Garabatos presentarán o seu traballo ‘Victoria da Luz’ Pero farán tamén un repaso aos seus nove anos musicando aos nosos grandes da poesía nun concerto coa entrada de balde que non se pode perder.

Esta actividade, traerá a diferentes lugares da Terra Chá novidades “do trinque” e que comeza con un evento especial cheo de música e poesía.

X EDICIÓN DE LÚAS DE OUTONO. MANUEL MARÍA

X EDICIÓN DE LÚAS DE OUTONO. MANUEL MARÍA

O vindeiro mércores, día 19 de setembro, ás 20.30, no teatro Rosalía Castro da Coruña levaremos a cabo unha nova edición de Lúas de Outono. Homenaxe anual que organiza a Fundación Manuel María na cidade onde o noso escritor residiu os seis últimos anos da súa vida. Este ano contaremos coa actuación da gaiteira Susana Seivane que presentará o seu novo traballo “Fa” e interpretará dúas pezas creadas sobre poemas de Manuel María.

A entrada é gratuíta até completar o aforo do teatro.

 

*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María.

O CROWDFUNDING DOS FRESCOS DOS VILARES XA TEN IMAXE OFICIAL, por Antón de Guizán

O CROWDFUNDING DOS FRESCOS DOS VILARES XA TEN IMAXE OFICIAL, por Antón de Guizán

A campaña de micromecenado (crowdfunding) para a restauración dos Frescos dos Vilares xa ten imaxe oficial. O deseño foi encargado á artista muxián Viki Rivadulla que ten colaborado xa coa Asociación Sociocultural Lareira de soños no deseño dos premios TrapeirX de Honra e no Certame Vilariñas de micro poesía da NPG Nova Poesía Guitirica. Viki Rivadulla ten xa a experiência de ter participado tamén activamente na reivindicación exitosa da restauración dos Frescos murais do Mosteiro de Moraime na Costa da Morte. A artista quixo segundo as súas propias palabras: “Quixen marcar a idea de colectividade e de algo feito por nòs e que forma parte de nòs. Leva tamén as mesmas cores da paleta das restauracións, ocre, óxido de ferro, negro e branco e tentei plasmar tamén a ideia da antiguidade das pinturas…”

Esta imaxe será a representativa da campaña que comenzará en febreiro de 2019 e acompañará tódalas accións da mesma, spot, folletos, carteles, comunicacións, charlas, productos de promoción, etc.

Co lema V SÉCULOS DE NÓS/ FRESCOS DOS VILARES a Asociación Sociocultural Lareira de soños tentará recadar os cartos necesarios para evitar a desaparición destas importantes pinturas renacentistas descubertas en 1991 e ás que se atribúe a autoría ao Mestre de Parga.

A campaña ven motivada polo pasotismo das distintas administracións diante das demandas de actuación e a desprotección e abandono que levou ás pinturas a um estado de deterioro que pode levar a unha perda irreversibel dos Frescos.