Aquel 2 de outubro de 2015, un ano despois da dedicatoria das letras galegas a Xosé María Díaz Castro, facían 25 anos do seu pasamento. Acordaranse entre o concello de Guitiriz, Xermolos e Os Vilares lareira de soños varias accións para conmemorar tan simbólica data, En primeiro lugar,a tradicional ofrenda e recitado de poemas no camposanto de Lagostelle onde xace o poeta, en segundo lugar, facer coincidir nos Vilares a exposición sobre o poeta, que foi instalada na igrexa, e que sería inaugurada ese día. E como colofón, un acto na mesma igrexa onde tentamos homenaxear ao Pepe do Vilariño con poesías feitas por novos poetas da contorna. Alí capitaneados polo principal estudoso da súa obra, Armando Requeixo, a própria alcaldesa Regina Polín, o seu amigo Xulio Xiz, o seu familiar Man Castro, Alfonso Blanco e a introducción de Pas Veres nun memorábel acto que tiven a honra de presentar, tomaron a palabra en forma de verso Fátima Fernández, Jaki Quintela, Judiña de Lea, Xosé Antón Cascudo, Mar Beres e Luz Campello, coa aportación musical do cantautor Miguel Melero.

Nacía aquel día un grupo de poetas heterodoxos aos que Armando Requeixo chamou nun fermoso manifesto Nova Poesía Guitiricense ou Guitirica (NPG) como homenaxe viva ao grande poeta do Vilariño.

Aquel evento puntual de homenaxe co título de “Afillad@s de Pepe” consolidou un grupo que foi medrando en compoñentes e actividades ao longo destes tres anos, convocando certames (certame Vilariñas de micropoemas, Poemas pendurados de farolas), participando e organizando recitais e eventos poéticos, colaborando en publicacións dixitais, e en definitiva, mantendo viva a memória de Díaz Castro coa poesía como principal argumento. A NPG ten levado a Nova Poesía de Guitiriz e da Terra Chá até Ferrol, Betanzos, Sada, Compostela, Vilalba, Mondoñedo, Santaballa ou San Sadurniño e participou e n publicacións como a revista Xistral e diferentes publicacións colectivas a través dos seus poetas, con un grupo cada día máis numeroso de poetas e con grande coñecemento a través das redes sociais.

Este nuns días, cúmprense 3 anos desde aquel 2 de outubro de 2015 e a NPG Nova Poesía Guitirica ten anunciado a creación dun novo programa de actividades chamado “Do trinque”, destinado a facer presentacións de novidades musicais, literarias e artísticas que comenzará o día 5 de Outubro ás 21:00 na Casa Habaneira de Guitiriz coa mellor das maneiras, poesía musicada do grupo Xardín Desordenado como mellor homenaxe ao noso poeta e grande comenzo a unha série de presentacións de novidades, máis aínda cando o grupo vigués é coñecido por musicar aos grandes da poesía galega, incluído Díaz Castro e máis poetas chairegos. Unha grande oportunidade para escoitalos por vez primeira na Terra Chá, aproveitar para escoitar parte do seu último traballo e un repaso polos seus nove anos de existencia. Dentro da súa xira “A Victoria da luz”,  Xardín Desordenado son unha grande homenaxe ao noso Pepe do Vilariño nestes 28 anos do seu pasamento que a través das actividades da NPG Nova Poesía Guitirica e do traballo de Xermolos, e outras entidades, a súa poesía e a súa memoria mantense viva entre nós, máis aínda desde aquel 2 de Outubro de 2015.

Antón Tenreiro Ferreiro
ANTÓN DE GUIZÁN
antontenreiro@gmail.com
www.blogoteca.com/antonte/
+34 662 183 149