Xornada “A lei do libro a debate” no Consello da Cultura Galega

Xornada “A lei do libro a debate” no Consello da Cultura Galega

A AELG foi convidada a participar na xornada “A Lei do Libro a debate”, que terá lugar o xoves 19 de abril organizada polo Consello da Cultura Galega.

Dado que é un tema que nos afecta e preocupa, achegámosche información sobre a mesma e para a que está aberto o prazo de inscrición.

Presentación.

Co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada de avaliación do desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, un texto que foi elaborado colectivamente no seu día e aprobado no Parlamento en 2006.

A partir da análise dos datos empíricos e dos obxectivos que a Lei pretendía e permitía acadar, valoraranse tamén os contidos desta dende a perspectiva legal e administrativa, así como a súa vixencia, fortalezas e feblezas a partir dos puntos de vista achegados polos distintos axentes públicos e privados relacionados con este ámbito.

Programa.

Sesión de mañá

10:00
O proceso de elaboración da Lei do Libro 2006 
Presenta: Manuel Bragado
Cristina Novoa, Asesoría de Bibliotecas Escolares
Xavier Senín, subdirector xeral de Cultura en 2006

11:00
Datos da edición en Galicia 2006-2016 
Observatorio da Cultura Galega, CCG

11:30. Pausa

12:00
Contidos da Lei do libro 2006 
Presenta: Alba Nogueira
Carlos Amoedo
, Universidade da Coruña
Sesión de tarde

16:30
Lei do libro 2006, vixencia e perspectivas de reforma
Modera: Marcos Lorenzo

Xosé Ballesteros, AGE
José Daniel Buján Núñez, xefe de servizo da Biblioteca de Galicia
Susana Castro Barral, subdirectora xeral de Centros
Mercedes Queixas
, AELG
Pilar Rodríguez
, Federación de Librarías
Dolores Tobío Barreira, xefa do Servizo do Libro e Publicacións

Debate final

Inscrición en http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200648

A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Máis información.

 

*Información achegada dende a AELG.

Álbum O ARMEIRO DE BERULFE. A Memoria Retratada

Álbum O ARMEIRO DE BERULFE. A Memoria Retratada

A figura do fotógrafo ambulante e polifacético José Lobeiras Gómez ‘O Armeiro de Berulfe’ que foi ademáis de retratista coñecido na comarca chairega de boa parte do século pasado, un home de numerosos ofícios, como zoqueiro, ferreiro, sacamoas, barbeiro, xoieiro, iluminador de festas con petrománs, ebanista, o primeiro en poñer canalóns de cinc na zona, curandeiro, piloto e armeiro.

Os seus retratos de numerosas actividades deses tempos e as testemuñas de coñecidos serán o fío condutor dun traballo documental dirixindo por Antón de Guizán e Luís de Fabete e coa colaboración de Moncho Fuentes (fotografía), Sandra Tenreiro (música), Maria Blanco (montaxe) e o asesoramento e supervisión de Cibrán Tenreiro (director de Entrar aos Vilares).

Mentras, deixamos neste álbum algunhas das súas imaxes, que con outras que están a ser restauradas polo fotógrafo Moncho Fuentes, constitúen un importante documento visual doutros tempos e a recuperación da figura dun grande home que de non ser polo traballo de Pastora Veres caería no esquecemento.

Garantimos así, grazas ao proxecto Os Vilares, lareira de soños e Culturalia GZ, outra achega á memória e ao património do noso pasado.

Con esta publicación, unha exposición que prepararmos, o documentário é unha publicación en papel facemos xustiza a José Lobeiras e a tódolos retratistas dunha sociedade de tempos duros, e memoria visual da sociedade dos nosos avós e bisavós.

Na parróquia dos Vilares é rara a casa que non teña fotos vellas do Armeiro. As que aquí se mostran foron facilitadas polo seu fillo Fidel para garantir a sua conservación e difusión, polo que lle agradecemos a súa confiança e colaboración.

Agardamos que sexa do voso interese.

No seguinte enlace temos acceso ao Álbum O ARMEIRO DE BERULFE. A Memoria Retratada.

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

Estrea en Guitiriz do documental ENTRAR AOS VILARES

Estrea en Guitiriz do documental ENTRAR AOS VILARES

O documental Entrar aos Vilares, dirixido por Cibrán Tenreiro e producido pola Asociación Socio-Cultural lareira de soños dos Vilares será proxectado o vindeiro 29 de Marzo ás 19:00 na Casa das Palabras de Guitiriz nun acto organizado pola A.C. XERMOLOS. Ao remate do pase, terá lugar único colóquio do equipo de producción co público asistente.

Despois dun ano da súa estrea nos Vilares e con médio cento de proxeccións por toda Galicia, onde ademáis foi finalista da #12MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) en tres modalidades, retoma as proxeccións para despois de estrear se a finais de mes en Guitiriz proxectarase En Abril en Santaballa, en maio em Paderne e en Xunio na parróquia da Xesta en Lalín. Ao remate da proxección en Guitiriz, haberá um colóquio entre a equipa de rodaxe e o público asistente. A entrada é de balde.

#Entraraosvilares SINOPSE:

Tres mozos entran a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón:

1) Preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade: “Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos”.

2) Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen.

3) Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distraense mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.

Cibrán Tenreiro, director de Entrar aos Vilares, gañador do I Premio María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual polo ensaio Equilíbrios Precários arredor da escena audiovisual Underground Galega.

 

#Entraraosvilares finalista na 12 MICE

ENTRAR AOS VILARES NA MICE

12MICE, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego.

O xurado de preselección escolleu, de entre todos os inscritos, quince filmes para optar ao premio á Mellor Película entre elas a galega Entrar aos Vilares nesta edición da MICE ademáis de optar ao prêmio do público. Tres traballos optan ademais ao galardón especial para as producións galegas: Entrar aos Vilares, O Moredo, aresistencia do Entroido Ribeirao e Esquece Monelos.

 

TEASER:

https://youtu.be/Ej1yG3sY374

ENTREVISTA AO DIRECTOR NA TVG

http://www.crtvg.es/cultural/corte-a-corte/cibran-tenreiro-director-do-documental-entrar-aos-vilares

ENTREVISTA AO DIRECTOR:

http://elprogreso.galiciae.com/noticia/728201/cibran-tenreiro-hai-un-cambio-con-respecto-ao-modo-de-documentar-escena-underground

 

 

Os Vilares, lareira de soños

Libro POEMAN

Libro POEMAN

Para conmemorar o Día Internacional da Poesía 2018, Culturalia GZ e NPG Nova Poesía Guitirica publican un libro dixital de poemas manuscritos, moitos deles acompañados de debuxos realizados a man polos propios autores dos poemas.

Velaí o enlace onde podemos visualizar dito libro.

Medre a Poesía!

AS PARÁBOLAS DE PAKOLAS para público familiar e infantil na Casa-Museo Manuel María

AS PARÁBOLAS DE PAKOLAS para público familiar e infantil na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 24 de marzo, ás 18 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, e dirixido para público infantil e familiar, teremos a posibilidade de gozar do espectáculo de Pakolas (Paco Cerdeira), “As Parábolas de Pakolas”.

Pakolas, autor, compositor, músico e produtor de música pensada para as nenas e os nenos (formou parte de Mamá Cabra e fundou A Gramola Gominola), interpretará, en directo, unha escolla dos seus temas propios, que xiran en torno ao rock e outros estilos musicais, que entusiasman ao público infantil. O eixo do espectáculo radica na combinación das cancións coa narración dalgunhas historias e contos que nelas se recollen, cunha mensaxe final, e que forma así no conxunto, unha fermosa “parábola” musical.

Entre os temas que interpretará este sábado está o seu afamado Campión Internacional, en que fala da importancia do xogo entre os amigos, e sobre todo do xogo tradicional, ou da canción dun personaxe como é O Monstro Antón, que fai cancións de rock pola noite e non para de cantar as súas rimas… Alén doutras historias fantásticas con distintos animais como un parrulo, os ratiños, a quenlla, o furafollas, a curuxa ou un mero.

O espectáculo dura por volta de 1 hora e as familias interesadas en asistirdes poden reservar a entrada (billete 2 euros), quer escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, quer chamando ao 698177621.

*Información achegada dende a Casa Museo Manuel María.