Entrega do Premio MONDOÑEDO10 2017 – POESÍA

Entrega do Premio MONDOÑEDO10 2017 – POESÍA

De paso que imos ás #assanlucas861! Quedades convidados!

 

Domingo, 22 de outubro

ACTOS PREVIOS

Ás 11.15 h.: Recepción do CORO CÁNTIGAS DA TERRA da Coruña, diante da casa natal do músico PASCUAL VEIGA (a carón do Seminario).

Ás 12:15 h. Ofrenda floral homenaxe a Pascual Veiga ante o seu mausoleo, no Cemiterio Vello.

Ás 13:00 h.  Auditorio Pascual Veiga.

–Homenaxe á sección mindoniense das Irmandades da Fala no centenario da súa fundación.

 

ACTO DE ENTREGA PREMIO MONDOÑEDO10 2017

–Auditorio Pascual Veiga.: Acto de entrega a Chus Pato do Premio Mondoñedo10 2017, modalidade Poesía, polo seu libro “Hordas de escritura”, Xerais, 2008. (Premio fallado o 15 de outubro)

Pechará o acto o coro Cántigas da Terra coa interpretación do Himno Galego.

 

*Información facilitada dende as entidades organizadoras do Certame MONDOÑEDO10

Palabras con memoria

Un días atrás o escritor Manuel Rivas dicía “A memoria non ten que ver co pasado, ten que ver co coñecemento”. Reflexión moi certeira e necesaria pois, incluídas as definicións ao uso que traen os dicionarios, soemos pensar que a memoria é tan só unha facultade que permite reter mentalmente cousas pasadas. Pero non; a memoria, verbalizada, reflicte a percepción que temos do universo.

Soe suceder que este vivir acelerado provoque que, sen decatarnos, esquezamos o son e a música de moitas desas palabras que foron e son arrolo no devir das nosas vidas, así que para tratar de coñecer, recuperar ou actualizar a memoria desas palabras preparamos a décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo o 21 de outubro e que leva por título “Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes … con historia”

A tal fin convocamos a recoñecidas autoridades en toponimia, onomástica, lexicografía, fraseoloxía e incluso a falantes dalgunha xerga para evocar esa memoria, esa sabedoría que atesouran as palabras que, tanto se as usamos coma se non, están impresas no noso mapa emocional e son ADN da nosa biografía individual e colectiva. Boa parte do que sabemos está rexistrado aí, no disco duro da alma-espírito das palabras.

Porén, a pesar do moito esquecido, seguimos vivindo rodeados de nomes cos seus significados. Os nomes da terra, dos camiños, das plantas, das fontes e dos ríos, das covas e das pedras, dos ventos e das estrelas, das néboas, das montañas ou do mar son rastros que deixamos. Os nomes dos obxectos, os dos males que padecemos, os nosos propios nomes e apelidos, incluídos os alcumes, gardan historias que contar, nacidas unhas no lonxincuo esplendor das vellas culturas e outras no íntimo da casa, aldea ou rúa, con significados concretos, case secretos.

Onde se chama Pena da Moura, un supoñer, é seguro que hai un relato dun ser encantado chamado así, Moura, que reside ou residiu por alí e que, se temos curiosidade, pode contarnos das crenzas relixiosas dos nosos tataravós. Onde lle din Fonte do Encanto, hai ou houbo “encantados”, e onde Pena da Vella aínda hai recordo dunha muller anciá, seguramente referido á mesma divindade que lle presta o nome ao Arco da Vella.

Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un ou máis nomes. Sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos, porque pisamos territorios nomeados. Socializámonos compartindo unha lingua ou varias, ás veces un argot exclusivo dun gremio ou dun oficio; son moreas de palabras que ao pronuncialas ou escribilas revelan quen somos, que gustos temos e tamén que territorios pisamos.

Para rematar permítanme unha brincadeira. Trátase dun conto de ampla difusión. O protagonista é un mozo que vai estudar fóra. Cando regresa, xeralmente aos poucos días pois é de capacidades limitadas, ve ao pai traballando na eira cunha ferramenta.

O mozo pregúntalle ao pai: Papá, como se chama iso? O pai, incrédulo, responde: Xa non te acordas? Non! E di o pai: Ponlle o pé enriba dos dentes! O mozo faino e, en consecuencia, recibe o golpe contundente do mango contra o propio dentame.

Agora si; xa ten memoria, e dixo: Carallo, anciño, como me mancaches!

Un golpe de efecto simbólico para activar a memoria desas nosas palabras é o que pretendemos.

©Antonio Reigosa

Isabel-Clara Simó, Escritora Galega Universal 2018

Isabel-Clara Simó, Escritora Galega Universal 2018

A AELG elixe a Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018. No texto que segue a continuación aparecen reflectidos os motivos de tal elección.

Aínda que en anteriores ocasións agardamos á Asemblea de febreiro para presentar alí o nome elixido polo Consello Directivo como Escritor/a Galego/a Universal, ao ser preciso tomar a decisión con moitos meses de antelación, tendo en conta os compromisos previos na completa axenda das persoas premiadas, este ano, excepcionalmente, tomamos a decisión de comunicalo nesta semana á escritora escollida, Isabel-Clara Simó, dada a grave situación do momento actual en Catalunya, como unha forma máis de recoñecemento á enorme valía das persoas que, como ela, son defensoras infatigábeis da lingua e cultura catalás. 

 

Esta foi a mensaxe enviada a Isabel-Clara:

“Moi estimada escritora,

En nome do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), e no meu propio, temos o pracer de che comunicar o nomeamento de Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á túa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da túa obra, e por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacionais dos Països Catalans.

O Premio será entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Pere Gimferrer, Luiz Ruffato e Hélia Correia.

Recibe un cariñoso e fraternal saúdo en nome de todo o Consello Directivo da AELG,

Cesáreo Sánchez, presidente.”

 

Biografía da autora:

Isabel-Clara Simó é Licenciada en filosofía e en xornalismo, e doutorada en Filoloxía Románica. Como xornalista dirixiu o semanario Canigó e colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita, radio e televisión. Foi delegada do Libro do Departamento de Cultura da Generalitat de Catalunya, profesora da Universitat Pompeu Fabra e vicepresidenta da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana.

Da súa obra literaria destacan, entre moitas outras obras, És quan miro que hi veig clar (1979), Alcoi – Nova York (1985), Històries perverses (1992), Perfils cruels (1995), Dones (1997), Estimats homes (una caricatura) (2002), Angelets (2004), Amor meva (2010), Els invisibles (2013), ou Jonàs (2016)

Cabe destacar tamén o seu labor xornalístico, do que recolleu parte dos seus mellores artigos no volume En legítima defensa (2003); e a ensaística, con ensaios como Sobre el nacionalisme (2000) e Si em necessites, xiula (2005).

Publicou máis de cincuenta títulos pertencentes a diversos xéneros: novela, narrativa breve, narrativa xuvenil, teatro, poesía, guións radiofónicos e televisivos, ensaio, memorias, etc. Foi galardoada co Premio Sant Jordi, o Premio da Crítica Serra d’Or, en catro ocasións co Premio da Crítica dels Escriptors Valencians, o Premio Andròmina de narrativa, o Premio á Traxectoria da Setmana del Llibre en Català, a Medalla de Ouro de Alcoi, o Premio Jaume Fuster dels Escriptors en Llengua Catalana e o Premio de Honor das Lletres Catalanes, entre moitos outros. Desde o 2016 é a decana da Institució de les Lletres Catalanes.

Con reedicións constantes da súa obra e traducións a diversos idiomas, entre elas ao galego (Raquel e Xoel), Isabel-Clara Simó é unha das figuras máis populares da literatura actual en lingua catalá.

 

*Información facilitada pola AELG

*Autoría da imaxe: Carme Esteve/AELC

CINSAS, NO CUMIO DO DESESPERO

CINSAS, NO CUMIO DO DESESPERO

Cinsas, no cumio do desespero,

alí onde a vida xa non conta.

Grisalla orballando sobre a seca,

tinguindo de neutro os xéneros,

silenciando os matices na escoita

da monodia alporizada das charetas.

Cinsas de naturezas máis ca mortas…

cadaleitos de fragas,

mortalla de carqueixas,

velorios coas candeas acesas

alumeando as bágoas máis discretas,

resignadas ao comezo da nada

co salouco afumado no aire denso.

Cinsas no remol aínda quente das sospeitas

que adoecen no profundo das conciencias

e afondan con trades e coitelos

nutrindo unha utópica vinganza

coas armas da impotencia.

Cinsas que xamais agocharán os versos

coa choiva máis ansiada dos/as poetas.

 

*Autoría da Imaxe: Faro de Vigo

Presentación do libro O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco

Presentación do libro O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco

Este venres, 13 de outubro ás 20 horas, na Casa Habanera de Guitiriz levarase a cabo a presentación do poemario O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco, que resultara gañador na segunda edición do Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro convocado polo Concello de Guitiriz.

Eduard Velasco, nado en Barcelona, aínda que residente na Galiza, é Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Tradutor, colaborador xornalístico, profesor de galego para estranxeiros son algunhas das actividades realizadas até o presente por este escritor. Literariamente, xa conta no seu haber con outros premios. Así, no 2014 gañou a III certame de poesía Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, e co seu primeiro poemario, Ruído de trens, acadou o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o cal se publicou en Espiral Maior no mes de abril do ano 2015.

 

*Autoría da fotografía de Eduard Velasco: Alessandro Ardovini (2012)

*Información da presentación facilitada polo Concello de Guitiriz