S.O.S Frescos Dos Vilares

S.O.S Frescos Dos Vilares

Van xa dous anos desde que a Asociación Sociocultural Lareira de Soños se reunira coa daquela titular de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto. Anteriormente xa nos reuniramos cos predecesores responsables desa área. O motivo, a restauración das pinturas murais da igrexa de San Vicenzo dos Vilares. Pilar García Porto amosouse disposta a acometer esta restauración, mesmo aclarou que podería ser en dúas anualidades e, asemade, informounos que tiña visitado a citada igrexa coa alcaldesa. A Asociación presentou por rexistro un proxecto valorado e incluso solicitamos os preceptivos permisos da parroquia, obispado e patrimonio da Xunta, adiantando, así, prazos para a execución desa actuación, da que se concretarían cantidades orzamentarias no mes de outubro de 2015, unha vez aprobados os orzamentos provinciais. Pasados dous anos, a resposta a numerosas chamadas e correos electrónicos e mesmo conversas con personal desa área foi o silencio.

A Asociación Sociocultural Lareira de Soños ten realizado tamén un estudo do deterioro neses dous anos e o resultado é moi preocupante. Os frescos da igrexa dos Vilares, do seculo XVI e de autoría do Mestre de Parga, corren o risco de desaparecer se non se acomete con premura a súa consolidación e posterior recuperación. As pinturas son un valioso ben patrimonial de difícil restauración cando acadan un alto grao de deterioro, camiño fatídico que emprenderon xa as dos Vilares.

A Igrexa dos Vilares (S. XII) conforma un conxunto único cos seus retablos dos seculos XVII e XVIII, o sartego ou o calvario e unha romaria dos desamparados, emblematica en toda a Terra Chá e alén de Montouto. Un conxunto de grande interese na iconografía relixiosa, no patrimonio histórico, e un ben turistico a preservar e potenciar.

A Asociación Sociocultural Lareira de Soños reclama que se retome este asunto con celeridade por parte do ente Provincial. Ademais vai solicitar un encontro co actual deputado de Cultura, o chairego Eduardo Vidal Baamonde,  ao que enviaremos un S.O.S. para os frescos da igrexa (na que foi bautismado o insigne poeta Xosé María Díaz Castro), agardando del un  maior compromiso que o obtido até agora.

 

Lareira de Soños
dosvilares@gmail.com
www.facebook.com/osvilares
@osvilares1
http://dosvilares.com
Youtube: Os Vilares, Lareira de Soños