Acto de entrega do Xograr de Outono a Evaristo Calvo no #31FIOT

A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou esta noite o seu galardón Xograr de Outono a Evaristo Calvo. O acto tivo lugar trala estrea absoluta do novo espectáculo da súa compañía Mofa e Befa, ‘Pirolíticos’.

Adxuntamos imaxes, pero atoparedes máis en alta resolución na sala de prensa do FIOT: www.fiot.gal/prensa

Ademais desta estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, o FIOT celebra os 30 anos de Mofa e Befa coa exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre as tres décadas de traxectoria sobre os escenarios do dúo cómico conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A mostra poderase visitar até o 14 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo, na Sala de Exposicións do andar -1 do recinto (fronte o auditorio), no seu horario habitual de apertura o público. 

Por outra banda, nos vindeiros días estará finalizado o mural conmemorativo deste 30º aniversario de Mofa e Befa que está a realizar o artista urbano Yoseba MP, froito da colaboración entre o FIOT e o proxecto Derrubando Muros con Pintura que impulsa a Concellería de Turismo de Carballo. 

Mañá sábado, a programación do #31 FIOT segué a súa marcha coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas que inaugura o ciclo OTNI. 

Esta fin de semana continúan, tamén, as propostas da Rúa dos Contos e do FIOT en ruta. E, mañá sábado, 8 de outubro, de 13.00 a 14.00h, celebraráse a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ no Salón Social do Pazo da Cultura e será de acceso libre para o público. Baixo a condución do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, abordarase a creación galega da man dos protagonistas que abren e pechan esta edición do Programa de Sala: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (‘Pirolíticos) e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’). A conversa, que se gravará ao vivo, estará posteriormente dispoñible no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal

O humor e a memoria fían a programación da segunda fin de semana do FIOT31

O humor e a memoria fían a programación da segunda fin de semana do FIOT31

  • O Programa de Sala, a programación no Auditorio do Pazo da Cultura da que sairá o Premio do Público 2022, inicia este venres 7 a súa andaina coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ 
  • A compañía navarra La Caja Flotante representará por primeira vez en Galicia o seu espectáculo ‘Beautiful Stranger’ no marco co ciclo OTNI, mentres que a compañía vasca Good Sex Maritxu estreará no país as súas ‘Sexperiencias en clave de humor’ na Rúa dos Contos
  • O venres 7 terá lugar o segundo dos espectáculos de rúa coa excéntrica ‘Carman’ de Javier Ariza; mentres que o domingo 9 celebrarase a primeira función do FIOT en ruta, a liña de programación que expande as artes escénicas pola comarca e que levará a Berrobambán ao Centro Social de Verdillo
  • O sábado 8 gravarase a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’, nunha cita aberta ao público e que comezará ás 13.00 horas no Pazo da Cultura

As VocesFIOT toman de novo Carballo esta fin de semana para ofrecer coidadas propostas escénicas para os públicos e gustos máis diversos, onde non faltarán a diversión e a reflexión, dous elementos centrais da programación deste FIOT31. Así, este venres o Festival Internacional Outono de Teatro inaugura o seu esperado Programa de Sala e irrompe con humor cun marcado selo galego: Mofa e Befa presentan a estrea absoluta da súa nova creación, ‘Pirolíticos’. As risas tamén estarán presentes na Rúa dos Contos, coa estrea en Galicia de ‘SEXperiencias en clave de humor’, ou mesmo no espazo público grazas ao Teatro de Rúa, co ‘Carman’ de Javier Ariza. Ademais, o ciclo OTNI inicia a súa andaina coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas. E sobre a memoria tamén xirará outra das propostas máis especiais desta 31ª edición do festival: Paula Carballeira e Berrobambán protagonizan o primeiro espectáculo do FIOT en ruta coa súa proposta ‘Facer memoria’, coa que está a percorrer estes días a comarca para conversar coa veciñanza.

Mañá bota a andar o Programa de Sala, un dos eixos principais da programación de funcións do FIOT e que propón espectáculos das compañías máis destacadas do panorama escénico. Precisamente destas representacións, que decorrerán desde o venres 7 e até o luns 31 de outubro, sairá o espectáculo merecedor do Premio do Público 2022, que outorgarán cos seus votos as e os asistentes do festival. Na anterior edición do festival a obra gañadora foi ‘Cigarreiras’. 

O Programa de Sala abrirase co humor de Mofa e Befa por partida dobre: o venres 7, ás 21.00 horas terá lugar a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ -coa entrega do premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo ao remate- e, ao día seguinte, celebrarase unha segunda función ás 20.30 horas. A obra, unha coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas dirixida por Clara Gayo e asinada pola propia Gayo, María Lado e Lucía Aldao, propón unha revisión feminista do impacto que o patriarcado ten sobre os propios homes. 

A fin de semana no espazo público abrirase co humor de Javier Ariza e o seu ‘Carman’ no marco do ciclo Teatro de Rúa. Un excéntrico showman e un Seat 600 son os protagonistas desta comedia urbana de rúa na que o mítico vehículo cobrará vida. Música, circo, humor,  obxectos e superpoderes encherán de sorrisos e ilusión a Praza do Concello a partir das 19.30 horas do venres 7.

O sábado 8 terá lugar a apertura do XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), a liña de programación na que o público atopará as voces máis singulares do FIOT. Experimentación e innovación sen límites definen a proposta máis alternativa do festival, que comezará coa estrea en Galicia de ‘Beautiful Stranger’, da compañía navarra La Caja Flotante. Trátase dunha comedia de autoficción existencial e linguaxe cinematográfica que aborda as múltiples identidades que habitan nunha soa persoa, e como a memoria é invadida, constantemente, pola imaxinación. A creación chega ao FIOT31 da man do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte, que apoia a visualización e o estabelecemento de sinerxías entre as compañías de artes escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Como parte do programa de actividades, após a función -que comezará ás 20.45 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura- celebrarase un encontro co público asistente, no que tamén participará Sonsoles Cordón, da compañía galega Olivas Negras. 

Xa en horario nocturno, no marco da Rúa dos Contos, chegará a quenda doutra das estreas en Galicia que ofrecerá o FIOT31: ‘SEXperiencias en clave de humor’, da compañía vasca Good Sex Maritxu.Tres mulleres (interpretadas por Susana Soleto, Itxaso Kintana e Gurutze Beitia) recrearán as súas experiencias e contarán ‘a primeira vez’ dunha delas nunha comedia de enredos e reaccións inesperadas. O humor e as risas están garantidas nesta adaptación que fai José Cruz Gurrutxaga a partir da obra de Yolanda García Serrano (‘Todos los hombres sois iguales’). 

FIOT en ruta

Por segundo ano consecutivo o FIOT levará as artes escénicas ás parroquias da comarca co seu FIOT en ruta. O domingo 9 chegará ao Centro Social de Verdillo ‘Facer Memoria’, de Berrobambán, na que a narradora e Xograresa de Outono Paula Carballeira recupera lembranzas de Carballo. Trátase dunha experiencia participativa que se compón de tres espectáculos-encontros que Carballeira está a ter esta semana con persoas de distintas parroquias do municipio, e no que se esvaecen os límites entre o escenario e o patio de butacas, dándolles voz ás lembranzas do público. Na función final do domingo 9(19.00 horas), Berrobambán compartirá as conversas mantidas ao longo destes días e a súa particular reconstrución da historia local e lembranzas dos lugares que visitaron. 

Xa pasada a fin de semana, e aproveitando a festividade do 12 de outubro, FIOT programa no Centro Social de Ardaña (19.00 horas) unha función de ‘Esas cousas marabillosas’, de Empatía teatro,unha divertida e conmovedora comedia sobre a depresión, o suicidio e todo o que unha persoa está a disposta a facer polas persoas que quere. 

Arquivos sonoros no FIOT


As iniciativas sonoras terán especial protagonismo nesta segunda fin de semana do FIOT31. Por unha banda, o venres 7 o festival acollerá a emisión ao vivo do programa Diario Cultural da Radio Galega. A cita será ás 17.00 horas no Pazo da Cultura e contará coa presenza de intérpretes, dramaturgas e directoras que participarán no FIOT esta fin de semana. Ao día seguinte, ás 13.00 horas, terá lugar a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’, iniciativa sonora en formato podcast que recupera o pioneiro proxecto de formación de públicos ‘Escola do espectador. Cada fin de semana será conducida por unha xornalista especializada en artes escénicas, á fin de facilitar ao público as claves dos distintos espectáculos que forman parte da programación a través da conversa coas compañías. 

Esta primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ celebrarase o día 8, entre as 13.00 e as 14.00 horas, no Salón Social do Pazo da Cultura e será de acceso libre para o público. Baixo a condución do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, abordarase a creación galega da man dos protagonistas que abren e pechan esta edición do Programa de Sala: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira(‘Pirolíticos) e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’). A conversa, que se gravará ao vivo, estará dispoñible no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal

20221006-Axenda-FIOT-07_12-OUT

O FIOT celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, unha exposición e un mural en Carballo

O FIOT celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, unha exposición e un mural en Carballo

  • ‘Pirolíticos’, a nova coprodución do FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, verase o venres 7 ás 21.00 horas o sábado 8 ás 20.30 horas no Pazo da Cultura na apertura do Programa de Sala
  • Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen recollerá o galardón Xograr de Outono 2022 este venres,  son protagonistas dunha peza dirixida por Clara Gayo; cuxa dramaturxia asinan a propia Gayo, María Lado e Lucía Aldao, e que pon o foco no impacto do patriarcado

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, renderá homenaxe esta semana ao dúo cómico Mofa e Befa, conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. Serán os protagonistas da estrea absoluta de ‘PIrolíticos’, a nova coprodución de FIOT e Producións Teatrais Excéntricas, presentada esta mañá no Pazo da Cultura de Carballo. No acto, no que o reparto estivo presente, contou coa participación da directora da obra, Clara Gayo; do director do certame Alberto Sueiro; do concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.

Alberto Sueiro, quen salientou a “felicidade” que supón para o FIOT volver colaborar con Mofa e Befa, foi o responsable de dar a coñecer a programación de actividades vinculada á celebración do 30 aniversario do dúo e que, ademais de incluír a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’ este venres 7 de outubro (21.00 horas) e unha segunda función o sábado 8, (20.30 horas), acompañarase da inauguración dunha exposición (xoves 6. 20.00 horas) sobre as tres décadas de traxectoria conxunta de Calvo e Mosqueira, e da creación dun mural en Carballo asinado polo artista plástico galego Yoseba MP coa colaboración do proxecto “Deburrando Muros”que impulsa a Concellería de Turismo. 

Evaristo Calvo, nomeado Xograr de Outono 2022 o pasado mes de agosto -galardón que recollerá precisamente o venres 7- afirmou que “Carballo é o mellor sitio para celebrar o noso 30 aniversario”. “Estar aquí sempre foi un talismán para Mofa e Befa e agardamos que este ano sexa así de novo, e que a xira con ‘Pirolíticos’ teña moi boa acollida”, expresou o intérprete. Con esta obra, o dúo emprende oseu proceso creativo máis arriscado e experimental. Tal e como expuxo Calvo, trátase dunha proposta “rupturista” respecto á súa liña habitual, mais non na forma: “haberá humor, sarcasmo, ironía e, por suposto,  perrallada”, apuntou. Ao fío, Víctor Mosqueira salientou que “gozaron moito do proceso creativo” e que teñen “curiosidade” por ver a resposta do público.

Un dos elementos máis destacados da proposta é que ‘Pirolíticos’ conta con tres mulleres na dirección e no texto: Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao. Elas asinan este convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, que pon o foco no home que simpatiza coa teoría feminista, pero que se ten que enfrontar á cultura machista profundamente instalada na nosa sociedade. “Para nós foi un desafío, como autoras, falar do feminismo con dous homes como protagonistas”, sinalou a directora. “O público verá unha serie de escenas nas que retratamos diversas masculinidades, unha especie de álbum de retratos no que os homes tamén se verán reflictidos”, apuntou Gayo.

Neste sentido, Evaristo Calvo expresou que ‘Pirolíticos’ é unha “revisión das actitudes machistas, micro e macromachistas, coas que convivimos cada día”. “Non pretendemos  impartir doctrina nin revolucionar nada, pero si entreter e poñer o foco desde a comedia, con forza e vehemencia, sobre unha idea compartida: o feminismo levará este mundo a ser mellor e máis equilibrado para todas e todos”, aseverou Calvo.

Antes da estrea absoluta do venres 7, ‘Pirolíticos’ pre-estrearase para o alumnado de secundaria dos centros escolares de Bergantiños cunha función o xoves 6, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, no marco da liña de programación dirixida a público adolescente: FIOTeen. Unha vez finalice a función, celebrarase un encontro coa compañía. 


Exposición Trinta anos de Mofa e Befa e mural con Derrubando muros. 

Co gallo da celebración do 30 aniversario sobre as táboas do dúo de comedia, o xoves 6, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre a traxectoria desde os seus inicios desafiantes nos primeiros anos 90 até a actualidade, nun camiño no que se atreveron con clásicos como Shakespeare ou Rosalía de Castro. A exhibición, comisariada pola artista Natasha Lelenco, poderase visitar no Andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo. 

Completa a programación especial sobre Mofa e Befa a creación dun mural conmemorativo, coa colaboración do proxecto de Arte Urbana de Carballo Derrubando Muros con Pintura asinado polo artista Yoseba MP; un dos máximos expoñentes da pintura contemporánea en Galicia, de marcado estilo realista. O autor está a traballar estes días no mural, situado na rúa Barcelona -moi próxima ao Pazo da Cultura- e que inmortalizará a dúas figuras imprescindibles da escena contemporánea galega.

20221003-NP-Estrea-absoluta-Piroliticos

A narración oral galega, o recordo de Pedro Brandariz e o público infantil, protagonistas da primeira fin de semana de programación do FIOT31

A narración oral galega, o recordo de Pedro Brandariz e o público infantil, protagonistas da primeira fin de semana de programación do FIOT31

  • A nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo comeza o venres 30 cunha xornada marcada polas estreas absolutas de ‘Os contos de William Shakespeare’, e Pedras de Cartón, e ‘Patrón’, de Alberte Montes
  • O prestixioso malabarista Guillem Vizcaíno presentará o seu espectáculo ‘Poi’ para todos os públicos ‘na apertura do ciclo Teatro de Rúa, nunha función que terá lugar o venres 30, a partir das 19.30 horas, na Praza do Concello 
  • A Rúa dos Contos celebrará o sábado 1 a Gala Homenaxe a Pedro Brandariz, a quen se lle dedica esta edición do ciclo; nunha sesión presentada por Isabel Risco e Fran Rei, e na que participarán Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la comedia e Diana Sieira
  • O Pazo da Cultura acollerá o domingo 2 a estrea de ‘Wombo Combo’, o novo espectáculo para público infantil da compañía bergantiñá Galeatro; mentres que a Rúa dos Contos ofrecerá espectáculos en locais de hostalería de Carballo ou na residencia de maiores da man de Marta Iglesias, Tito Rober, Marta Doviro ou Vicente Mohedano, cuxa peza ‘Habito Terra’ contará con intérprete en lingua de signos

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo inicia este sábado a súa 31ª edición cunha fin de semana marcada polo protagonismo absoluto da narración oral galega, co inicio da XXIII edición do ciclo Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe ao cómico Pedro Brandariz, e pola estrea absoluta de creacións como ‘Os contos de William Shakespeare’, de Pedras de Cartón, ‘Wombo Combo’, de Galeatro, ou ‘Patrón’, de Alberte Montes. Ademais, o público infantil tamén poderá gozar de ‘Poi’, o primeiro dos espectáculos do ciclo de artes circenses Teatro de Rúa, ou da Gala NOGA de narración oral para público familiar que acollerá o mercado municipal na mañá do domingo 2. 

O FIOT comezará coa programación especial para nenas e nenos: o Fiotiño. A compañía galega Pedras de Cartón estreará a súa nova peza, ‘Os contos de William Shakespeare’, na Bibllioteca Rego da Balsa. O actor e director Juan Rodríguez presenta unha delirante serie de contos do bardo inglés adaptados para toda a familia, nunha función na que mestura comedia, narración oral, o teatro de obxectos e as instalacións artísticas. De seguido, ás 19.30 horas, será a quenda da primeira das funcións deste ano do ciclo Teatro de Rúa. O prestixioso malabarista Guillem Vizcaíno dará boa conta da súa virtuosa capacidade no manexo da buxaina en ‘Poi’, espectáculo recentemente estreado pero que xa conta con diversos premios, e no que fusiona as artes do circo co humor e co xogo. Unha proposta que deixará abraiado ao público que se achege até a Praza do Concello. 

Xa pola noite, dará comezo a nova edición da Rúa dos Contos, marcada este ano polo regreso aos bares logo da pandemia. A primeira cita será ás 21.00 horas nunha das sedes clásicas do FIOT, o Casino 1889, e suporá a estrea absoluta de ‘Patrón’, a nova peza de Alberte Montes. O actor, cómico e monologuista abordará o proceso que el mesmo nomea como ‘empatronamento’, a súa conversión de mozo a patrón, caracterizado polos tics e manías que lle van marcando o camiño a medida que medra. De seguido, contra ás 23.00 horas, a polifacética Marta Doviro abordará as ‘Memorias dunha rapasa da costa’, no que retrata o seu periplo polas distintas vilas nas que viviu para retratar o carismático carácter das súas xentes, curiosas vivencias e historias de piratas.

A xornada do sábado 1 de outubro vivirá un dos momentos máis especiais, sen dúbida, desde FIOT31. O mercado municipal acollerá Gala Homenaxe a Pedro Brandariz, unha cita en memoria dun cómico fundamental para a escena galega, e que sempre estivo vinculado ao FIOT, tanto como comediante coma espectador. A cita enmárcase, precisamente, no ciclo no que Pedro ten participado ao longo de moitos anos co seu humor: a Rúa dos Contos. A gala, que presentarán Isabel Risco e Fran Rei, contará coas actuacións e intervencións de Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la Comedia e Diana Sieira. A recadación desta noite de contos, que comezará ás 21.00 horas, destinarase precisamente a un dos proxectos máis queridos por Pedro: Pallasos en Rebeldía.

Xa pola noite, a partir das 23.30 horas, a Rúa dos Contos continuará nos locais de hostalería de Carballo. Nesta ocasión será na Taberna O Patacón, na que se darán altas doses de teatro, clown e moita improvisación da man de Blues do País, o dúo conformado por Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King (Brais das Hortas). 

Funcións infantís e improvisación na xornada do domingo 2


O domingo 2 o mercado volverá gozar dunha sesión de contos, desta volta dirixidos ao público máis cativo, a través das voces do Colectivo NOGA. Precisamente durante esta fin de semana o grupo celebrará, no marco do FIOT31, a Asemblea Constituínte da Asociación Cultural, Social e Educativa Galega de Narración Oral NOGA -xornada do sábado 1 no Pazo da Cultura-. A función colectiva para público familiar da mañá do día 2 será o ramo a unha fin de semana de intensa actividade para NOGA. A cita, cuxa entrada será libre, comezará ás 12.30 horas. 

A actividade da programación especial do Fiotiño desta fin de semana finalizará o domingo 2, ás 18.00 horas, coa estrea absoluta de ‘Wombo Combo’, unha coprodución do FIOT coa compañía carballesa Galeatro, e que se enmarca tamén na programación especial dirixida ao público infantil: Fiotiño. A nova obra de Galeatro achéganos -a través dunha dramaturxia de Paula Carballeira- ao acoso escolar e á realidade virtual que invade cada vez máis a vida da rapazada. O espectáculo, recomendado para maiores de 5 anos, conta coa interpretación de Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez. 

Finalmente, a tarde do día 2 a Rúa dos Contos espallarase por tres localizacións diferentes. Ás 17.30 horas, Marta Iglesias ofrecerá un espectáculo humorístico de improvisación na residencia de maiores da Praza de Vigo. Trátase da versión curta que ofrecerá de ‘3…2…1… Impro!!’, a partir das 20.00 horas, co cómico Tito Rober. A cita será na Cafetería Valle-Inclán. O peche de programación desta primeira fin de semana do FIOT xornada virá da man de Vicente Mohedano, que presentará a súa creación ‘Habito Terra’, unha proposta na que mestura teatro, divulgación científica e humor para poñer en valor a importancia da comunidade. Este será o primeiro dos dous espectáculos que o FIOT ofreza este ano con intérprete de lingua de signos, na súa aposta por ser cada vez, paseniño, un festival máis inclusivo e accesible a todos os públicos. 

AXENDA FIOT – 30 DE SETEMBRO AO 2 DE OUTUBRO

Venres 30 de setembro

18.00 horas | Biblioteca Rego da Balsa
‘Os contos de William Shakespeare’, de Pedras de Cartón  (ESTREA ABSOLUTA)


19.30 horas | Praza do Concello

‘Poi’, de Compañía D’es Tro

21.00 horas | Castino 1889
‘Patrón’, de Alberte Montes (ESTREA ABSOLUTA)

23.00 horas | Mesón do Pulpo
‘Memorias dunha rapasa da costa’, de Marta Doviro


Sábado 1 de outubro

11.00 horas | Pazo da Cultura
Xornadas profesionais NOGA 

21.00 horas | Mercado municipal
Gala Homenaxe a Pedro Brandariz

23.30 horas | O Patacón
Blues do País


Domingo 2 de outubro

12.30 horas | Mercado municipal
Gala NOGA de narración oral para público familiar

17.30 horas | Residencia de maiores de Carballo
‘3…2…1… Impro! (versión reducida)’, de Marta Iglesias

18.00 horas | Pazo da Cultura
‘Wombo Combo’, coprodución de Galeatro e FIOT (ESTREA ABSOLUTA)

20.00 horas | Cafetería Valle-Inclán
‘3…2…1… Impro!’, de Marta Iglesias e Tito Rober

22.00 horas | Casino 1889
‘Habito Terra’, de Vicente Mohedano
Con intérprete de lingua de signos

20220926-NP-Narracion-oral-FIOT

O FIOT lanza ‘Onda FIOT’, novo espazo que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo festival

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo lanza ‘Onda FIOT’, un novo espazo web que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo certame 

O público poderá escoitar desde www.fiot.gal as últimas obras gañadoras do Concurso Escolar de Teatro Lido, que mantén aberto o prazo de inscrición até o 8 de outubro; as creacións do FIOT Fónico ou mesmo a nova ‘Escola do Espectador nas Ondas’

Carballo, 22 de setembro de 2022.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. Baixo o lema #VocesFIOT, o festival reivindicará este ano as voces singulares de artistas e compañías cunha marcada identidade e personalidade propia. Unha programación ampla, ambiciosa e que se vertebra coa vontade de chegar a todos os públicos. E, neste sentido, o propio FIOT expándese alén do teatro e segue a incorporar, como en cada edición, novas actividades paralelas.

Como parte deste medrar, o FIOT presentará un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT, un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -‘A lúa, válvula de spray’ e ‘O espello que arde’- ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros  estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais. 

Tal e como lembra a dirección do FIOT, a incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Se ben o festival conta desde hai 21 anos cunha liña específica de programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo. 

Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.

Aberta a inscrición para o XXI Concurso de Teatro Lido

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo mantén aberta estes días, precisamente, a inscrición para participar na nova edición do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, o certame dirixido ao alumnado dos centros educativos e asociacións da comarca de Bergantiños que pretende favorecer o coñecemento das artes escénicas entre a rapazada así como a súa iniciación á interpretación dramática. Organizados en grupos de entre 2 e 8 menores, cada colectivo interpretará un fragmento dun texto teatral -de temática libre e para todos os públicos-, que gravarán, cos recursos sonoros que consideren axeitados, nun vídeo de entre 2 e 5 minutos. 

O prazo da solicitude de inscrición no Concurso estará aberto até o 8 de outubro a través do correo electrónico fiot.teatro.lido@gmail.com e o límite para a presentación dos arquivos de vídeo será o 18 de outubro a través da mesma dirección de correo. Entre todas as propostas presentadas, un xurado seleccionará unha ducia das mesmas para gravar, nun estudio profesional de radio – Radio Voz Bergantiños-, as ficcións. Entre todas elas sairán as finalistas do Concurso, cuxa gala final terá lugar o 13 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo. Os premios consistirán en libros e material didáctico ofrecido pola Libraría Brañas. Para máis información sobre o certame, pódese visitar o web  oficial www.fiot.gal

NP-Onda-FIOT-e-Concurso-Teatro-Lido