O TEMA VE A LUZ TRALO LANZAMENTO DO SEU ANTERIOR SINXELO XUNTO Á RAPEIRA NADIE GONZÁLEZ, TROULA
Vimbio segue adiantando o que será o seu primeiro traballo discográfico cun novo lanzamento, desta vez baixo o nome de Cando ninguén nos vixía. O tema critica esa falsa aparencia da sociedade de hoxe en día, que se esforza en amosar unha careta irreal a nivel público que non se corresponde coa realidade que se agocha cando ninguén nos observa. Este novo sinxelo caracterízase por un son cru que se achega ao rap metal dos anos 90, e que vén acompañado por unha letra introspectiva e reflexiva, á par dunha produción moderna.
O tema conta con inspiracións do traballo de compañeiras como Bala e Lúa Mosquetera, que son referentes musicando poemas. Baixo esa premisa, deron co poema titulado “al cuñado de National Geographic”, da autora Alba Coloret no seu libro “EKDISIS”, no que se inspiraron para este tema. A premisa do poema é o tratamento dunha persoa que trata de mostrarse dun xeito concreto para dar unha aparencia totalmente falsa do que realmente é, e xirando arredor dese concepto saíu esta visión de ocultar o que realmente somos , o que somos cando ninguén nos ve, cando ninguén nos vixía. A canción utiliza esa primeira persoa do plural para deixar reflexado que ninguén nos libramos de caer na transmisión desas aparencias nalgún momento.
Tras o lanzamento de Insisto, Mayday, Bombas Incendiarias, Comeza o xogo, Eu non quero traballar, o EPAo Vivo Rock in Río Tea 2024 e Troulaxunto a Nadie González, o grupo galego mantén o carácter prolífico e versátil nas súas producións, sorprendendo co seu son e abrindo a porta á conxunción de xéneros pouco traballados na escena. Esta aposta xa está a ser recoñecida, sendo nomeados como unha das tres bandas finalistas nos Premios Narf, organizados pola Deputación da Coruña.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, a banda levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.
20250926-NP-GAL-VIMBIO-LANZAMENTO-CANDO-NINGUEN-NOS-VIXIA