Andanzas do Suso de Lameliña O QUIOSCO DA PRAZA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O QUIOSCO DA PRAZA

Era un quiosco pequeno, sinxelo, sen grandes pretensións. Nada que ver con outros da cidade, como o da Praza Maior, que xa tiña outra categoría, outro aire. Este era un humilde quiosco de barrio, pero era o noso quiosco e por iso, o mellor.

Todas as mañás, ao saír da casa camiño do instituto, era o primeiro que viamos. Alí estaba, no mesmo medio da praza, como un entrañable amigo agardando por nós. Sempre había algo que comprar. Se non eran uns toffees ou caramelos, eran uns cigarros soltos, uns bolis de cores ou unhas novelas de Estefanía que nos facían soñar con desertos, foraxidos e duelos no salón.

Raro era o día que non o honrabamos cunha visita. E alí, detrás do mostrador, nos atendía amablemente a señora ou o seu marido (non lembro os seus nomes), que nos parecían moi vellos. Pode que non fosen tanto, pero xa se sabe a visión que temos dos demais a esas idades.

Pasado o tempo, fíxose necesario arranxar a praza, para regular mellor o tráfico e habilitar prazas de estacionamento e o quiosco foi trasladado uns metros, ao outro lado da rúa, xusto á entrada do xardín. Malia o cambio ser mínimo, supuxo a perda de parte do seu encanto. Aínda así seguiu a ser o noso quiosco.

Logo deixei a praza, deixei Lugo, e o quiosco seguiu alí durante uns anos ata que finalmente desapareceu. Agora é só unha lembranza, un anaco de tempo gardado na mente de moitos lucenses que vivimos aqueles anos. Todos os días paso por diante de onde se erguía e, como tantas veces, hoxe tamén tiven unha lembranza para el.

Canto me gustaría poder volver mercar un par de Ducados! Canto me gustaría coller nas miñas mans unha daquelas novelas de Silver Kane! Canto daría por recuperar un só momento perdido no arame do tempo!