O derradeiro concerto rapante da xira en Galicia ata 2026 terá lugar mañá, venres 31, en Chantada, no Castañazo Rock; mentres que o peche do tour chegará na última fin de semana de febreiro no Festival Emigrason

Os muradáns, que veñen de facer dúas datas nas que penduraron o cartel de “entradas esgotadas” no Club Sauvage de Barcelona, actuarán nas vindeiras semanas en salas de Bilbao, Madrid, Valladolid e Zaragoza

The Rapants apagará definitivamente as luces de La máquina del buen rollo a última fin de semana de febreiro, no marco da cuarta edición do Festival Emigrason. Pero antes, esta mesma fin de semana, realizarán a última viaxe co seu saltón en Galicia: as fichas para subir a La máquina del buen rollo repartiranse mañá  venres 31 no XX Castañazo Rock. O público galego poderase despedir dos rapantes até o ano que vén, cando regresen con novo disco e directo aos escenarios galegos. 

Tras encher esta fin de semana dúas noites seguidas o Club Sauvage de Barcelona, e logo de vivir un verán ateigado de concertos en salas e festivais do país, The Rapants dá a coñecer as últimas 6 datas das viaxes no saltón. Ás xa anunciadas de Chantada no Castañazo Rock (31 de outubro), Valladolid (13 de novembro) e Madrid (15 de novembro) -estas dúas últimas co apoio de AIEnRuta e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais-, súmanse agora Zaragoza (6 de febreiro), Bilbao (7 de febreiro) e Bruxelas (na fin de semana do 27 e 28 de febreiro).

O peche europeo do tour, por todo o alto, producirase na celebración do Festival Emigrason, unha cita moi querida polos rapantes, pois participaron tanto no 2023 coma no 2024. Desta quenda, a actuación na capital belga -cuxa Rue Franklin dá nome a un dos temas máis coñecidos dos muradáns- será un bolo especial, pois porá o ramo a unha intensa xira que iniciaron na Sala Capitol en marzo de 2024 (cun dobre ‘sold out’ histórico, con entradas esgotadas en menos de 15 minutos) e que se pechará, dous anos despois, con máis de 70 directos ás costas e un galardón: Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego do Ano 2024. 

Ao longo destes case 20 meses, o cuarteto ofreceu actuacións memorables en citas como O Son do Camiño, Atardecer no Gaiás -o directo máis multitudinario da historia do recinto-, Festival Noroeste -no que regresaron á praia de Riazor, logo de gañar no 2019 o certame de bandas de Cuac FM-, Festival Revenidas ou as Festas da Peregrina, entre outras. Acompañou a La Raíz no seu regreso aos escenarios en dúas ocasións (no Coliseum da Coruña e no Pavillón La Magdalena, Avilés) e converteuse na cuarta banda galegofalante máis escoitada en plataformas.



DERRADEIRAS VIAXES DE ‘LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO’

31.10, Chantada | XX Castañazo Rock
13.11, Valladolid | El desierto rojo (AIEnRuta)

15.11, Madrid | Camping Osuna (AIEnRuta)

06.02 Zaragoza | Inverfest – La Lata de Bombillas
07.02 Bilbao | Negufest – Sala Azkena
27-28.02 Bruxelas | IV Festival Emigrason

Máis información e entradas en www.therapants.es 

20251030-The-Rapants-Ultimas-viaxes-de-La-maquina-del-buen-rollo