Unha vez finalizado o reconto das votacións do público, Gracias por su visita, de Uxía Algarra, gaña o Premio ao Mellor Espectáculo 2025, mentres que Estrella Tomé, de Bengala Teatro Físico, álzase co Premio á Mellor Interpretación pola obra Alicia Wants To

A IX edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa gañadoras. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes seleccionados polo público nas categorías de mellor espectáculo e mellor interpretación nesta novena entrega do certame, que se desenvolveu durante o mes de outubro no marco da celebración do FIOT34. As gañadoras, que recibirán en ambos casos un premio de 150 euros, son:

  • Gracias por su visita, de Uxía Algarra: Premio do Público ao Mellor Espectáculo 2025, cunha media de 4,56 puntos sobre 5.
  • Estrella Tomé, do espectáculo Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico: Premio do Público á Mellor Interpretación, cunha media de 4,62 puntos sobre 5.

Ademais, froito do acordo do FIOT con Culturgal neste 2025, as dúas pezas premiadas, ademais dos galardóns outorgados polo FIOT, serán convidadas a participar en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar en Pontevedra no mes de novembro de 2025, co obxectivo de apoiar e visibilizar máis o seu traballo.

Esta IX edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT rexistrou un total de 347 espectadores e espectadoras, con 222 votantes. A media de puntuación de todos os espectáculos foi de 4,21 puntos sobre 5, mentres que a media das interpretacións foron de 4,39 puntos sobre 5.

En palabras da organización: “A IX edición do Certamen Micro-Escenas M2 destacou pola diversidade e a calidade das propostas presentadas, que abrangueron diferentes linguaxes escénicas: danza, teatro físico, teatro de obxectos e teatro de texto. Esta variedade contribuíu a consolidar o certame como un espazo de experimentación e encontro entre disciplinas. Así, as pezas exhibiron un alto nivel artístico, incorporando elementos como música en directo e recursos audiovisuais, que enriqueceron a posta en escena e ampliaron a experiencia do público”.

E destacou: “Un aspecto especialmente positivo é que as creacións nacidas no marco do M2 teñen continuidade fóra do certame. Cada vez son máis os artistas que, tras presentar aquí as súas primeiras propostas, deciden desenvolver a obra completa. Exemplos recentes desta evolución son Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, ou Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico. Cómpre salientar, tamén que o público do Mcomeza a consolidarse, converténdose nun público fiel que acode cada ano atraído pola diversidade e polo carácter alternativo das propostas”.

Finalmente, quixo salientar, tamén, que, “en resumo, esta edición reafirma ao Mcomo un espazo de referencia para a creación contemporánea e o talento emerxente, cun público implicado e propostas que seguen a medrar máis alá do propio certame”. 

Entre as 25 propostas recibidas a concurso neste 2025, un xurado profesional elixiu 6 pezas finalistas para ser representadas no FIOT: Domitila, de Amparo Martínez; Katharsis, de Catuxa Leira; O novo, de Dani Blanco; Covers2, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Todas foron propostas que xogaban coas artes do movemento, o teatro físico, o teatro de obxectos, o teatro inmersivo, o teatro-clown, a performance cerámica…

O xurado de profesionais das artes escénicas desta IX edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Kirenia Martínez, mediadora cultural, directora, bailarina e coreógrafa; Camilo Franco, escritor, crítico teatral, xornalista e director de Culturgal; Alba Bermúdez, actriz e integrante da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.

O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2025 puideron verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante tres fins de semana do #FIOT34: a tenda de fotografía Interfilm Carballo, a Residencia de maiores da praza de Vigo, a terraza do Pazo da Cultura ou a rúa do Sol. 

Sen medo, sen barreiras, sen artificios, sen rede. O Certame Micro-Escenas M2 é teatro mínimo, intenso, en primeiro plano, en cru; teatro que nos asalta desde o cotián, desde a proximidade, desde espazos comunitarios…, nun metro cadrado. Neste 2025, o público do FIOT puido experimentar unha nova experiencia na que o público pode mirar aos ollos das actrices e dos actores e case tocar, ulir e mesmo saborear a peza, para continuar vivindo intensamente unha experiencia teatral diferente.

Deste xeito, esta IX edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT continuou apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. A 6 pezas finalistas do certame neste 2025 recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorga o público fioteiro coas súas votacións unha vez finalizada a exhibición das seis pezas durante o FIOT, cun premio de 150 euros en cada caso. 

Como novidade neste 2025, e froito do acordo do FIOT con Culturgal, as dúas pezas premiadas, ademais dos galardóns outorgados polo FIOT, serán convidadas a participar en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar en Pontevedra no mes de novembro de 2025, co obxectivo de apoiar e visibilizar o seu traballo.

UN CERTAME PIONEIRO EN GALICIA

O Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. 

As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, o certame ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da novena edición do certame, convidando ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…), prioritariamente en lingua galega, de entre 10 e 20 minutos, que se puidera poñer en escena, especificamente, nun espazo non convencional, cun máximo de 25 espectadores, entre o 3 e 26 de outubro de 2025.

As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Este seis pezas finalistas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á mellor interpretación e ao mellor espectáculo. 

313 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN NOVE ANOS

Ao longo destes nove anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (313, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2025) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresou ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegou a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así, o FIOT de Carballo encheu ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Nesta 34ª edición, o FIOT volveu converterse no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. 

No FIOT houbo Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc. 

Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltaron producións con selo galego que forman parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.

Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas estiveron orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, houbo espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes e, en definitiva, o descubrimento. 

“Raíz viva, memoria colectiva” foi o leitmotiv dunha edición que buscou poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Tratóuse dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.

SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo.

Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

2025.10.30.NP-Ganadores-Certame-Micro-Escenas-M2-FIOT34