Antía Muíño regresa cun novo single que marca o inicio dunha nova etapa creativa. Case como deixando espazo e autorización a un ente superior que a interpela de fronte, a artista compostelá elévase en A Beleza, primeiro adianto do seu segundo álbum, tras o celebrado Carta Aberta, co que debutou a finais de 2022 e se consolidou como unha das revelacións do folk-pop e da canción alternativa de autor ibérica.

Despois de case tres anos, varios singles e un recente split xunto ao pianista Abe Rábade, Muíño presenta unha canción que axuda a iluminar o imaxinario sonoro do seu novo disco. A canción continúa a ser o centro, pero nesta nova etapa aliméntase de elementos que veñen do folclore galego, do jazz e da canción melódica, nunha mestura que reafirma a súa mirada artística libre e sen complexos.

A Beleza é case unha exhalación, onde influencias como Sílvia Pérez Cruz ouRita Payés dialogan con outras como Ana Belén ou Jorge Drexler, construíndo un arco polifónico que reflicte a visión iberoamericanista e fóra de cánones que caracteriza a obra de Antía Muíño.

A canción móvese con levidade, cunha instrumentación acústica que marca a pauta dese son a madeira pero á vez modernista que define as súas producións. Neste caso, conta coa colaboración do prestixioso produtor galego Hevi, recoñecido polo seu traballo con artistas como Novedades CarminhaOrtiga, ou Caamaño & Ameixeiras, entre moitos outros.

A Beleza xa está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais e abre a porta a un disco que promete consolidar a Antía Muíño como unha das voces máis singulares e emocionantes da escena musical galega e ibérica.

Antía Muíño – A Beleza.wav

DOSSIER INFORMATIVO

dossier-ANTIA-MUINO-2025