Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, primeiros nomes confirmados no cartel do Atlantic Pride 2025

O ‘Orgullo do Norte’ achegará á Coruña os temas máis bailables destas cinco grandes divas do pop español de diferentes xeracións, artífices dalgúns dos sons máis recoñecibles e celebrados dos anos 2000 ata a actualidade 

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa para celebrar a súa 6ª edición como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comezo do verán ao longo da Península e no que, durante oito xornadas, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos, que pouco a pouco se irán desvelando

Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do Certame Literario de Literatura LGTBI+

O Atlantic Pride quenta xa motores para a súa 6ª edición, coa confirmación dos primeiros nomes de artistas que formarán parte do seu cartel neste 2025. Cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, encherán A Coruña de cor e diversión cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. 

Unha das figuras máis destacadas na neotradición musical actual, Judeline, aterrará nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina o venres 11 de xullo co seu célebre pop experimental, do que son seguidores os mesmísimos Rosalía e Bud Bunny, que fai referencias aos estilos máis diversos, como o flamenco, o trap, o R&B ou o reguetón. Antes de visitar A Coruña, Judeline levará o seu cautivador Joropo a Coachella este mes de abril, onde compartirá escenario con estrelas mundiais como Lady Gaga, Charli XCX ou Travis Scott.

Tamén o venres 11 de xullo fará a súa aparición no Atlantic Pride unha das promesas da nova onda pop española, Paula Koops, cun son propio que lembra con nostalxia a unha fusión dos estrañados anos 2000 coas tendencias musicais actuais.

O sábado 12 de xullo, chegaralle a súa quenda a Edurne, con temas pegadizos de dance e pop de reminiscencias ‘dousmileiras’, do seu actual éxito Éxtasis ao eurovisivo Amanacer, cos que a representante de España en Eurovisión 2015 e participante de Operación Triunfo fai 20 anos demostrará que atópase no seu mellor momento de forma.

Pola súa banda, o xoves 10 de xullo, tamén nos Xardíns de Méndez Núñez, Merche poñerá a bailar ao público ao son de himnos pop como Abre tu mente ou No me pidas más amor. O mesmo xoves 10 de xullo, a gañadora de Operación Triunfo 2020, Nia, non defraudará aos seus fans co seu pop latino, xa sexa melódico ou de vangarda, para presentar os temas do seu álbum PALOSANTO

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.

Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBI+, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación.

BIOGRAFÍAS DAS PRIMEIRAS ARTISTAS CONFIRMADAS PARA O ATLANTIC PRIDE 2025 

Judeline

Lara Fernández (Xerez da Fronteira, 2003) parece que viva no futuro, pero canta como ninguén a tradición do presente. Co seu proxecto Judeline entende tan ben o pop que é capaz de estirar os seus límites, tocando desde as herdanzas territoriais ata a dixitalización dos medios. Nesta época neo-tradicionalista os pícaros cruzan Xibraltar e as tonadilleiras son poliamorosas. Ninguén como ela soubo integrar no lugar onde tiña que estar. Criada no edén de Caños de Meca, nunha familia que entendía o valor da música, aprendeu a tararear antes que a balbucir. Hábil co piano, a guitarra e o catro vernezolano, pero tamén sobre os beats e co ‘pitcheo’. Sexa facendo unha versión a Lola Flores, sampleando a Antonio Carmona ou traballando con produtores da talla de Tainy ou Alizzz, mantén o seu pulso ao tempo e con todo o nivel. 

Desde os 17 anos vive en Madrid, onde visitou todas as jam sessions e estudos de gravación que se lle puxeron ao toque. Co seu tándem de produtores Tuiste e Mayo, publicou un primeiro EP, de la luz (2022), recomendado polos mesmísimos “popes” do novo pop, Rosalía e Bad Bunny, que, como ela, entenden a experimentación como parte do proceso ao mainstream.

Desde entón, o name-dropping de recoñecementos foi de escándalo. É a Up Next España de agosto de 2023 en Apple Music, forma parte do programa DSCVR Artists To Watch de Vevo e é a primeira artista española en aparecer na serie Spotify Singles, versionando a Shakira, Alejandro Sanz e a Yahritza e a súa Esencia. Marcas como Adidas ou El Corte Inglés fixérona anfitrioa das súas campañas e protagonizou o vídeo Un tren de Navidad, de Vogue España, celebrando a súa vinculación coa moda e as novas tendencias.

Despois de gañarse o ceo da audiencia coas súas cancións Canijo e 2+1, abre esta nova etapa cunha xira europea teloneando a J Balvin. E, por suposto, coa súa xa esperada posta de longo, un álbum coproducido con Rob Bisel (SZA, Tate McRae…), Mayo, Tuiste e Drummie, do que xa nos adiantou o chill-house de mangata. Agora dirán que as tradicións só as dita o tempo, pero Judeline ten todas as cartas na súa baza para ser a que lidere a actual xeración.

Edurne

Falar de Edurne é falar de profesionalidade e dunha carreira de éxitos. Desde o seu paso por Operación Triunfo, hai 20 anos, non parou de traballar e cultivar logros ao longo da súa traxectoria.

Un total de oito discos con estilo ‘dosmileiro’ avalan á artista madrileña. Disco de Ouro polos seus álbumes Edurne e Amanecer, número uno en vendas con Catarsis e máis de dez anos de promocións e xiras. O seu tema Demasiado tarde converteuse nun dos maiores éxitos nacionais de 2019 e unha das cancións máis radiadas do país, acumulando máis de 11 millóns de views en Youtube e preto de 8 millóns de streams en Spotify. 

En 2024 edita o seu oitavo disco de estudo, Éxtasis, e convértese rapidamente no primeiro número 1 en vendas oficial de España da carreira da artista. Con máis de catro meses na lista dos máis vendidos, este álbum posiciona a Edurne musicalmente no mellor momento da súa carreira.

Ademais, falamos dunha artista multidisciplinar con longo percorrido en televisión, a cargo de importantes. Formatos como Got Talent (Tele 5), Tu cara me suena (Antena 3) e Idol Kids (Tele5). Ademais, foi representante de España en Eurovisión en 2015. En 2025 incorpórase como coach no maior formato de éxito musical da televisión do noso país: La Voz Kids (Antena 3), onde compartirá panel de xuíces con Lola Índigo, David Bisbal e Manuel Turizo.

Nia

Natural de Las Palmas de Gran Canaria, en 2020 preséntase a Operación Triunfo e convértese na gañadora. Despois lanza o seu primeiro EP, Cuídate, que conta con máis de oito millóns de escoitas en Spotify. Aválanlle colaboracións con artistas da talla de India Martínez, Blas Cantó, Edurne, Nino Vargas, Gente de Zona, Daniel Me estás Matando, Rocco Hunt, Lennis Rodríguez ou María Peláe; colaboracións que terminaron por asentar a proposta musical de Nia tanto nacional como internacionalmente.

Nia foi, ademais, a persoa máis votada polo público e a favorita por excelencia en Tu cara me suena, polas súas grandes interpretacións e espectaculares imitacións. Tamén participou en Dúos increíbles da man de Antonio Carmona. A carreira de Nia segue imparable e, grazas á súa talento multidisplinar, en 2022 foi a protagonista, xunto a Sebastian Yatra e Asier Etxeandia, da primeira serie musical de Netflix España, Érase unha vez… pero ya no.

En 2024 lanza o seu álbum debut PALOSANTO, que se converte rapidamente nun éxito de crítica e público, aguantando tres meses entre os discos máis vendidos do país e logrando nomeamentos a multitude de premios nacionais e internacionais.

A súa versión de Lágrimas negras, xunto á voz orixinal da lenda da música cubana Celia Cruz, lévana a cruzar o charco e converterse nunha das poucas españolas en cantar en formatos de renome internacional como Despierta América, en Estados Unidos.

Merche 

Nada en Cádiz e ligada aos escenarios desde que era unha nena, Mercedes Trujillo Callealta, Merche, é unha das cantautoras máis coñecidas deste país, publicando 10 álbums inéditos ata a data. 

Despois de conseguir numerosos éxitos ao longo da súa carreira con cancións como No me pidas más amorAbre tu menteLe deseoEras túCal y arenaSi te marchas… entre outros, con seis discos de platino e catro de ouro, un nomeamento aos Grammys, numerosos premios recibidos ao longo dos seus 21 anos de carreira e os máis de 1.300 concertos dados por todo o país, a carreira de Merche converteuse nunha das máis consolidadas do panorama musical español.

Actualmente atópase promocionando o seu último single Soy superviviente, terceiro capítulo do seu novo proxecto Después de un tiempo, o seu novo proxecto, que consiste na publicación dunha serie de cancións inéditas baseadas nalgúns dos temas máis importantes da súa carreira e que contan como evolucionaron esas historias pasados os anos. Nesta ocasión esta historia é a continuación da historia da canción Abre tu mente.

Paula Koops

Paula Koops é unha xoven cantante, música e compositora que non deixa indiferente a ninguén coas súas cancións. En tan só un ano na industria musical, a artista posicionouse como unha das promesas da nova onda pop española. Os seus temas suman máis de 23 millóns de streams en Spotify, acumula preto de 700.000 oíntes mensuais en plataformas dixitais, as súas cancións e vídeos vólvense virales en TikTok e posicionouse como Artista Radar Global de Spotify.

Paula Koops atopou un son propio, que lembra con nostalxia a unha fusión dos estrañados anos 2000 coas tendencias musicais actuais. As súas letras plasman as súas experiencias persoais, o que lle fixo achegarse a toda unha xeración que ansía conectar cos seus artistas favoritos e verse reflectida nas súas cancións. 

Co lanzamento do seu álbum debut, Motel, Paula Koops converteuse na artista revelación de 2025, protagonizando os festivais máis importantes e cunha extensa xira ao redor de España, colgando o cartel de ‘sold out’ na maioría das súas datas, como na mítica sala Riviera de Madrid.

SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’ 

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar ácidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 

20241217-NP-fechas-Atlantic-Pride-2025

Cé Orquestra Pantasma presenta o seu espectáculo ANIMALADA este sábado na Casa-Museo Manuel María

Cé Orquestra Pantasma trae este sábado, 8 de febreiro, á Casa-Museo Manuel María, o espectáculo Animalada. Unha proposta para xogar, cantar e bailar, ao son de historias de animais que aconteceron xa hai tempo, contadas un bo día por unha vella e un vello. Cans, galiñas, piollos, pulgas, serpes, corvos, cabuxas e lobos, entre outros, son os protagonistas deste espectáculo dinámico e participativo dirixido para nenas e nenos entre 3 e 9 anos.

A actividade dará comezo ás 17 horas e é preciso reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.

Presentación do libro PASPARTUE, de Alex Pernas, na Casa da Cultura de Vilalba

O venres 7 de febreiro de 2025 ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro Paspartue, do coruñés Alex Pernas. Intervirán o propio autor, Alex Pernas, e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

  

NOTA-INFORMATIVA-PASPARTUE

O FIOT repite un ano máis entre os mellores proxectos culturais de Galicia no Observatorio da Cultura de 2024

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo sitúase na cuarta posición –xunto a Escenas do Cambio e The MOP Foundation– na listaxe de mellores iniciativas culturais galegas que anualmente elabora a prestixiosa Fundación Contemporánea

O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano

En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2023 acadou a 5º posición

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido una ano máis polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024,posto que comparte con outro festival, o de Escenas do Cambio de Santiago de Compostela, e con The MOP Foundation, coa súa exposición dedicada ao fotógrafo Irving Penn. Deste xeito, posiciónase, xunto a Escenas do Cambio, como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2024.

O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano. En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2023 acadou a quinta posición.

‘OBSERVATORIO DE LA CULTURA’

O mellor da cultura 2024

Fundación Contemporánea presentou este 29 de xaneiro os resultados da súa consulta anual correspondente ao ano 2024. O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano. O obxectivo principal de ‘Observatorio de la Cultura’ é visualizar a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de toda a xeografía española e en constante renovación, achegando o aval das e dos profesionais máis destacados do sector. Para facer esta consulta, enviouse un cuestionario a un panel conformado por 1.021 profesionais e figuras de primeiro nivel: escritoras, artistas, directoras e creadoras de todos os campos; responsables de fundacións, directoras de institucións culturais; produtoras e responsables de industriais culturais, comisarias de exposicións, directoras de festivais, xestoras culturais e profesionais do sector; así coma responsables de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal.

O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2025’ pódese descargar aquí:

https://www.lafabrica.com/wp-content/uploads/2025/01/observatorio-de-la-cultura-2024.pdf

O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega. 

Desde hai 33 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas. 

Nas súas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

20250131-NP-GAL-FIOT-Observatorio-Cultura-2024

Aida e Raül Refree presentan ‘GALA i OVIDIO’, o seu novo proxecto musical

AIDA TARRÍO, INTEGRANTE DE TANXUGUEIRAS, E O RECOÑECIDO ARTISTA E PRODUTOR RAÜL REFREE PUBLICAN DE MAIO A ABRIL, PRIMEIRO SINXELO DO SEU PROXECTO GALA i OVIDIO

Gala i Ovidio, o novo proxecto musical que une a Raül Refree, prestixioso músico e produtor e a Aida Tarrío, compoñente do recoñecido grupo Tanxugueiras, ve a luz co lanzamento de De maio a abril, primeira canción que dan a coñecer.

O proxecto rende homenaxe no seu nome aos fillos da escritora galega Rosalía de Castro. En 1871 a escritora galega Rosalía de Castro deu a luz en Lestrove aos xemelgos Gala i Ovidio. Aida e Raül atopáronse en 2021 no Pazo de Mariñán e pronto souberon que debían hermanarse nun proxecto musical. 

Catro anos tardaron en darlle forma, entre procuras e gravacións, a Gala i Ovidio, un proxecto que se levou en segredo ata o día de hoxe. Os dous recoñecidos artistas coñecéronse para interpretar cancións tradicionais de Galicia e inspirados por elas foron atopando novos territorios onde a tradición intúese e os xéneros dilúense. A Raül gústalle dicir que Aida ten ás mulleres galegas dos últimos decenios na súa voz e que este arraigamento permítelles experimentar sen perder a identidade.

O primeiro adianto deste traballo conxunto recibe o nome de De maio a abril, unha canción composta e escrita polos dous compoñentes do proxecto e que é unha reafirmación da propia personalidade e maneira de ser fronte ás pequenas crises de identidade que nos axexan neste mundo dominado pola imaxe e o que  dirán. A letra narra distintos episodios de intimidade cotiá nos que un se ve obrigado a reforzar a propia visión fronte ás forzas que nos empuxan a un pensamento único. A melodía, moi emocionante na voz de Aida, está arroupada por unha instrumentación onde o acústico vólvese electrónico e os ritmos que xorden da pel curada adquiren nova profundidade con malabarismos de produción. Aínda que pareza imposible, este dúo consegue que se den a man Oneothrix Point Never ou Kanye West con Dorothé Schubarth e a crueza dos seus arquivo para darnos unha nova visión que non necesita reivindicar a tradición para estar arraigada e emocionar como o facían as nosas avoas e como o farán os nosos netos. 

Esta primeira canción, punto de partida de Gala i Ovidio, forma parte dun cancioneiro que compuxeron e escribiron a catro mans, xuntos, e que dará lugar diversos ep’s que sairán ao longo dos próximos meses.

Aida Tarrío 

Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.

Raül Refree 

Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”

Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.