Cando era meniña, en canto fun quen de xuntar catro sílabas, o meu avó que sabía dos libros só aquilo que lle amosaran nos seus poucos días de escola, decidiu que todos os domingos serían 23 de abril. Había quen agardaba sempre a que fose a data do aniversario, Nadal ou reis para recibir un agasallo especial. Eu tiven a sorte de que aquel primeiro ano no que aprendín a ler, os domingos fosen os meus días favoritos da semana. Os venres, ao vir da escola, comezaba a medrar en min un furado famento non sei se na lingua, no bandullo ou no cerebro. Os sábados á anoitecida, o avó sentábame nos seus xeonllos e bisbábame no oído “mañá é o noso día” e xuntaba durante todo o mes aquelas pesetas para ir ao barbeiro, mercar unha rosca na praza e entrar naquela libraría que aínda abre as súas portas preto da igrexa de San Martiño, en Noia. A editorial daqueles primeiros tempos era Susaeta, cada libro ten aínda riscado en lápis o prezo, 375 pesetas. Aquelas primeiras caladas de lignina fixeron de min unha adicta sen precedentes, os libros foron espaciándose no tempo pero o mono tiraba de min, á pregunta: que che apetece para tal data? Eu sempre tiña na resposta un libro. E chegou Gloria Fuertes da man da avoa, O Barco de Vapor, un libro sobre as grandes exploracións e Shakespeare nunha edición deliciosa dunha libraría de vello. O único bo que tivo facer a comunión foi aquel diccionario enciclopédico unitomo e inmenso de Planeta de Agostini que me agasallaran. Moitas tardes de verán despois da praia teño mergullado de novo entre o salitre da pel e o remanso das súas páxinas. Sabes avó, hoxe aprendín doce palabras novas. E el sorría fachendoso. Sabíame présa dun vicio que el mesmo alimentara e cada certo tempo subministrábame a dose precisa para seguir enganchada. “Co tempo descubrirás que hai vicios que nos liberan” era o seu xeito de parafrasear a Sócrates, malia que el nunca soubera quen era este filósofo nin o que dixera.
Casualidades da lingua ou non, xa en latín temos unha mesma palabra para definir liberdade e libro -liber- e si, cando comezas a disfrutar da liberdade, a fame da mesma non se sacia nunca, coma esa fame lectora que nos leva de ler a escribir, creando mundos inimaxinables ou simplemente buscando refuxios antiaéreos nos que seguir existindo cando todo rompe, cando o caos o inunda todo.
Uns días despois de falecer o poeta, ocorrida o 22 de febreiro de 1939, José, o irmán que o acompañou ao exilio xunto coa nai, atopou no bolso do seu abrigo estes versos. Foron os derradeiros que escribiu, unha volta á infancia, a aqueles días azuis e soleados que esporearon os primeiros anos da súa vida na Sevilla de finais do XIX, onde nacera un 26 de xullo do ano 1875.
Ía tempo que non collía un libro de Machado, don Antonio, o da cinsa perpetua nas lapelas do traxe, que tan preocupada traía a Ana Ruíz, a súa nai; sempre tras del a quitarlle os restos do tabaco que se ían amoreando nas solapas ata formar costra. Hoxe arranxando un caixón da mesiña de noite, atopeime de todo, un auténtico amasillo: billetes usados de metro, recibos de compras, das que xa non queda nin rastro, anotacións sobre libros, casetes dos que nin sabía que existían, bolígrafos sen tinta… E no medio de toda esta mistura, “Campos de Castilla”. Collino na man e vin que se trataba dunha Edición de Cátedra de 1974. Comecei a ler poemas ao chou coma adoito facer cando leo poesía. Abro o libro por onde cadre e vou recitando en voz alta, saltándome follas e sen ningún criterio. Pois ben, sempre que penso en Machado vénseme á cabeza Collioure, a fermosa vila francesa onde pasou os últimos días — non chegaría a un mes— da súa vida, e onde repousan os seus restos desde aquel fatídico inverno do 39. Tamén esta tarde tiven esa lembranza.
Tiven a sorte de estar varias veces nesa vila francesa. De feito sempre que vou a Perpignan aproveito para facerlle unha visita e de paso entrar no camposanto e botar unha parolada co ilustre sevillano, ou se cadra sería máis correcto dicir, ilustre castelán. A primeira vez que fun, segundo estabamos entrando —ía coa familia— unha señora que portaba un ramo de flores ao oírnos falar galego, sen preguntarnos nada, díxonos algo así: “Suivez-moi. Je vais vous dire où se trouve la tombe.”. E alá nos levou.
Sería a primeira vez, despois volvería máis, ás veces coa intención de ir e mesmo unha vez sen querer. Tal foi o caso daquel mes de xullo de hai uns doce anos en que saín de Lugo de mañá cedo en compañía do meu fillo maior. Despois de parar a comer en Irún, pasamos a fronteira coa intención de chegar a Perpignan, todo máis tardar ás oito do serán. Inxenuos de nós. Por causas que agora non procede contar aquí, ás nove andabamos por Carcassonne. E iso non era o peor, en pouco máis dunha hora, se a cousa fora ben, estariamos no destino e esqueceriámonos do acaecido; un pequeno atraso de dúas horas, sen máis. Efectivamente pasadas as dez atopabámonos na entrada de Perpignan. Pero aquí comezaría o calvario. Os parentes que íamos visitar cambiaran de residencia, agora vivían na periferia de Perpignan. Veña preguntar, e dar voltas, voltas e voltas pola cidade. Por un cúmulo de malas interpretacións, que sería longo de contar, cando nos descoidamos estabamos en Collioure, e mira por onde, xusto enfronte do cemiterio; eran máis das doce da noite. Ao final chegamos ao destino pasada a unha, todos pendentes e preocupados polo que nos puidera pasar. Xa deran parte á Ertzaintza, por se sabían dun accidente entre Irún e Perpignan. Daquela había que activar o famoso Roaming, cousa que nós non fixeramos e en consecuencia estiveramos todo ese tempo, desde que sairamos de Irún, incomunicados, polo que nos foi imposible poñernos en contacto con eles.
Por suposto aquela noite non visitamos a D. Antonio, non eran horas, cousa que fixemos aos poucos días, claro está, pola mañá. Despois dariamos unha volta pola vila, incluso tomariamos o sol e un baño na praia, que está mesmo no centro e, obviamente, tampouco nos esqueceriamos de sacarlle unhas fotos a Collioure. Logo fomos comer a un restaurante e mentres degustabamos uns moules-frites ( mexillóns con patacas fritas) lembreime da dona da pensión Bougnol Quintana, onde paraban os Machado. Resulta que nunca baixaban comer os dous irmáns xuntos. Primeiro baixaba José e logo Antonio, ou ao revés, mais xamais xuntos. A anfitrioa estaba intrigada, ata que soubo que era porque só tiñan unha americana e non querían acudir ao xantar ou á cea sen ela.
Unha explosión de arquipélagos. Unha ponte entre batalla e batalla. Para bicar a epiderme de cada cor. Para desfacer cada liña que trace o medo. Lin que polo noso organismo transcorren uns noventa e seis mil quilómetros de vasos sanguíneos. E, ás veces, non conseguimos atopar o camiño.
Máis de medio século de abandono, a couza do tempo roendo ao seu antollo, fixo deste lugar, a parroquia máis pequena de Castroverde e outrora unha das máis ricas, un lugar espectral, pero tamén máxico; de conto de fadas, se se quere.
Entre castiñeiros e carballos, no Camiño Primitivo e a poucos quilómetros de Lugo, agoniza San Salvador de Soutomerille. Dise que antano chegou a ter sete fogares para romeiros que acudían desde Oviedo en peregrinación a Santiago.
SOUTOMERILLE
Todo é soidade e silencio
neste souto adormecido,
apenas, dalgún paxariño,
se escoita o seu ledo trilo.
Pedras comestas do mofo,
parladoiros acalados,
campás que un día fuxiron,
reclinatorios baleiros.
Camposanto no olvido,
defuntos de case un século,
lápidas para lembralos,
silvas, breixos e mais toxos.
Ao pé da croa, castiros,
garridos e centenarios,
corredoiras e camiños,
de ninguén, lugar de paso.
Todo é soidade e silencio,
tristura e desleixamento,
tempo no ar pendurado,
neste souto de mirellus.
Hoxe quedan as ruínas da Casa da Torre de Arriba, casa que foi de soga e coitelo, con cárcere para malfeitores.
TORRE DE ARRIBA
No mesmo medio da fraga,
Torre de Arriba,
outrora de romeiros parada,
camiño de Compostela.
Pedras comestas pola maleza
no labirinto da bouza
onde o rechouchío dos paxaros
silencia a gadaña da Parca.
Xanelas de parladoiros mudos
que agochan inconfesables segredos,
agora físgoas de entrada do lueiro
en longas noites de ausencias.
Ruínas que se resisten a sucumbir
á ulceración do montaraz baleiro,
sen aínda dixerir a traizón dos patrucios.
Torre de Arriba,
agochada polas silveiras e o esquecemento,
esmorecendo ao pé da Croa de Soutomerille,
aquí, onde o tempo fuxiu de si mesmo.
Amais da citada Casa da Torre de Arriba, fican catro esborralladas pedras da Casa da Torre de Abaixo e doutras dúas casas, unha igrexa prerrománica, con características visigóticas, a que lle romperon á porta de entrada e lle roubaron as campás e un cemiterio con tres panteóns, que din que é o máis ou un dos máis pequenos de Galicia.
TRES TUMBAS PARA CATRO CASAS
gadoupas do tempo
averno que acolle
a carcasa do pasado
o que a vida foi
no souto de mirellus
o que a vida puido ser
entre esveltas paredes
o que a vida hoxe é
tempo suspendido
á sombra do desleixo
o nimbo da morte
faísca na enramada da desfeita
Unha de tantas aldeas abandonadas de Galicia, pero ao mesmo tempo un lugar de calma e sosego, onde o silencio é o rei da foresta, só alterado polo rechouchío dos paxaros ou as pisadas dalgún peregrino rumbo a Compostela.
Un paseo pola coñecida Corredoira, sempre é unha cura para o espírito, cunha parada obrigada diante do castiñeiro centenario e unha posterior subida á Croa.
Soutomerille, Imprescindible visita que non ha defraudar.
Rachel Carson (1907-1964) é unha das tantas autoras, esquecidas ou non tratadas co rigor que merece á súa obra, á que unha ten a sensación de chegar tarde. Así a todo, cómpre agradecer que unha editorial coma Catro Ventos, baixo a magnífica tradución de Patricia Buxán Outeiro, nos achegue na nosa lingua este ensaio, que se publicou por primeira vez, de maneira póstuma, en 1965.
O sentido do abraio toma como contexto o condado de Lincoln do estado de Maine, na zona de Southport, onde a bióloga construíu a súa cabana, preto do mar, nunha especie de refuxio para observar a natureza e escribir.
A priori, poderiamos considerar que o libro vai dirixido a familias e crianzas, xa que a propia Carson, impulsora do ecoloxismo moderno, sérvese da experiencia de aprendizaxe que realizou co seu sobriño Roger, fomentando a percepción, a observación e o gozo pola contorna natural. Porén, ao meu xuízo, diría que ninguén está excluído desta lectura, xa que se hai algo que podemos cultivar durante toda a vida é, precisamente, a curiosidade que nos vai encamiñando cara o sentido do abraio. En palabras da autora:
“O mundo dun pequeno é fresco, novo, fermoso, está cheo de sorpresa e entusiasmo. É unha desgraza que, na maioría de nós, esa visión lúcida, ese instinto natural que temos polo que é fermoso e impresionante, se debilite ou mesmo se perda antes de chegarmos á idade adulta. Se tivese cuña coa fada que supostamente está encargada de abeizoar todas as crianzas, pediríalle que escollese de agasallo para cada unha delas un sentido do abraio tan indestrutible que lles durase toda a vida, como un antídoto infalible contra o aborrecemento e o desencanto que han vir cos anos, contra a preocupación estéril por cousas que son artificiais, contra a alienación das orixes da nosa fortaleza”.
Nestas páxinas, Rachel Carson pon o foco, moi acertadamente, na importancia de acompañar e manter unha relación entre iguais coas nenas e nenos, despoxada de prexuízos, sen termos medo a evidenciar a nosa ignorancia e deixando fluír de xeito espontáneo a conversa –e o silencio-. Sen dúbida, escoller a inocencia entre as infinitas artimañas deste mundo fainos algomellores.
Lean, pois, e non deixen de abraiarse e celebrar a natureza.