HENKO A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: VOITRES

A man que procura e se sabe non querida, que estendida é ignorada, sinala lugares aos que nunca regresarei. Perdín as chaves de todas as portas que atopei. Encontro chaves que non abren nada. Anícome nunha habitación coas cortinas rachadas. En cantos espazos simplemente me dilúo. En cantos momentos sinxelamente me esfumo. A carón de recordos en min latexantes percorro un camiño que me borra. Non teño nome mentres outros atopan o final do carreiro. Non teño can e ladran os baleiros da memoria.

Teño un túmulo que me sobra. Facede de min comida de voitres e voade, se podedes. Facede de min cinza e esparexédeme. Roxe o espazo que ocupo erroneamente. Nada teño, nada contemplo. Remexidas letras descompoñen o presente. Laia, renxe o momento. Non quero pronunciar nada que non me pronuncie. Sostéñome en pé ante a tormenta, sen motivos. Á espera, agardando que poida abrollar, se cabe, un ramo de palabras.

Quero pronuncialo pero agárrase. Non na gorxa, máis adentro. Algo corrosivo se non consigo verbalizalo. Vén afiado o ignoto. Fire, engurra, reduce. Levo tempo sen falarche. A man que estendo é un trazo esvaído. Un baile mínimo perdido no espazo. Quero abrir un camiño. Quero abrir un rego. Pero non teño coles, non teño esterco, non teño fouce. Non teño nada se calo. Non na gorxa, máis adentro, teño ancorada unha chamada que sinto inútil e que aínda así intento desprender.

Á venda as entradas para a estrea na Coruña de A VELADA DE LONDRES, a homenaxe a Manuel Lourenzo de ButacaZero

Á venda as entradas para a estrea na Coruña de ‘A velada de Londres’, a homenaxe a Manuel Lourenzo de ButacaZero

  • O Teatro Rosalía Castro acollerá o 4 de setembro o lanzamento desta revisión do mito de Drácula, que xa ten as súas entradas dispoñibles en Ataquilla.com
  • O espectáculo combina estética vitoriana, música en directo e unha exposición inédita sobre a figura de Lourenzo no vestíbulo do teatro

ButacaZero contará cun novo espectáculo na carteleira galega a partir do mes de setembro: A velada de Londres, de Manuel Lourenzo. A peza, dirixida por Xavier Castiñeira e coa que a compañía quere rendir homenaxe ao dramaturgo, estrearase o 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña. As entradas para a estrea da montaxe están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com.

Tras sorprender ao mundo da escena con IRIBARNE, ButacaZero adéntrase por vez primeira na obra de Manuel Lourenzo. Faino, concretamente, cun texto que forma parte de Veladas Indecentes —obra coa que Lourenzo se converteu no 1997 no primeiro autor galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática—, garda unha fonda pegada emocional para Castiñeira, pois traballou como axudante de dirección do propio Lourenzo nesta mesma peza no inicio da súa carreira.

En A velada de Londres, Lourenzo propón unha orixinal fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. Lonxe do terror convencional, o texto explora a tensión entre os instintos e a razón, entendendo a “vampirización” como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo. Para esta montaxe, ButacaZero propón unha estética vitoriana e música en directo grazas á presenza no escenario da soprano e violonchelista Esperanza Mara, quen canta e interpreta a banda sonora orixinal (creada por Iago Hermo).

O elenco d’A velada de Londres conta con actores de ampla traxectoria como Xurxo Cortázar (IribarneShakespeare en RomaO Premio) e con novas promesas emerxentes da escena (Sophia Rodal e Teo Piñeiro), mantendo viva a idea de Lourenzo de apostar polo talento mozo. A proposta de ButacaZero complétase, ademais, cunha exposición inédita sobre a obra e o legado do gran mestre do teatro galego que se poderá ver no vestíbulo do Rosalía Castro o mesmo día da función.

A Velada de Londres. Equipo: Xurxo Cortázar, Xavier Castiñeira, Beatriz de Vega, Carlos Pinilla (arriba), Esperanza Mara e Sophia Rodal sentadas

SINOPSIS A VELADA DE LONDRES

A nova estrea de ButacaZero nace como fonda homenaxe a Manuel Lourenzo, finado o pasado ano. Mestre e mentor de Xavier Castiñeira (e de tantas outras persoas que conforman o teatro galego profesional na actualidade), a súa palabra, a súa mirada e o seu compromiso coa escena seguen vivos en cada unha das nosas creacións e continúan así iluminando o camiño de novas xeracións.

A Velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das súas obsesións creativas. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stoker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.

A presenza en escena de Esperanza Mara, chelista e soprano, farán que o público poida disfrutar dunha velada teatral, pero tamén musical.

A representación completarase cunha pequena exposición dedicada á vida, obra e legado de Manuel Lourenzo. Un convite a descubrir e celebrar a memoria dun creador que deixou unha pegada imborrable no teatro galego.

ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgadaPapagena32m2Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.

SOBRE A VELADA DE LONDRES, DE BUTACAZERO

  • Estrea absoluta: 4 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro (A Coruña).
  • Dirección: Xavier Castiñeira.
  • Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
  • Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
  • Deseño de luz: Violeta Martínez.
  • Espazo escénico: Beatriz de Vega.
  • Figurinista: Carlos Pinilla.
  • Produción e distribución: ButacaZero.
  • Produción en xira: Rubén Capelán.
  • Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.