O vindeiro venres 18 de marzo de 2022, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro de María Xosé Lamas “Un corvo en Caldaloba”, obra de teatro publicada polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba.
Na miña época de estudante en Lugo, a Biblioteca atopábase nos baixos da Deputación. A min realmente só me interesaba para pedir libros, ou rara vez para quedar con algún compañeiro co fin de facer algún traballo en equipo. A estudar ou realizar tarefas non adoitaba ir, custábame moito concentrarme e o normal era que acabase lendo o libro que viña de pedir prestado e, dese xeito, atrasar o traballo do día seguinte.
Mais, cando non tiña ningunha tarefa nin exames á vista, despois de entregar o libro e de recoller un novo, ía para a sala de lectura, sacaba uns apuntes calquera e facía que estudaba. A intención era agardar a que aparecese algunha moza para tentar cortexar con ela. Xamais sucedeu tal cousa, xamais, agás un pequeno amago unha tarde de finais de maio, non se me esquece.
Cheguei, fixen o troco habitual de libros e funme sentar xusto enfronte dunha rapaza moi concentrada na lectura dun libro. Saquei apuntes e comecei a escribir o que se me ocorría nun folio, mentres de esguello ollaba para a moza. De alí a un bocado, escoitei unha especie de murmurio. Era ela, que declamaba:
Comme je descendais des Fleuves impassibles,
Je ne me sentis plus guidé par les haleurs:
Des Peaux-Rouges criards les avaient pris pour cibles,
Les ayant cloués nus aux poteaux de couleurs…
–De quen é? –pregunteille.
–Non coñeces a Rimbaud?
–Si, pero nunca lin nada del.
Amosoume o libro: “Oeuvres complètes”. Arthur Rimbaud. Gallimard. 1972. Pregunteille onde o comprara e díxome que na libraría Alonso.Tomei nota do mesmo, e seguimos falando de poesía e das nosas preferencias literarias. Pasado un bo cacho, animeime e inviteina a tomar un café.
–Si, coma non. Imos ao Monterrei, se che parece ben —contestou ao momento.
O Monterrei era unha das cafeterías, na rúa das Docerías, a carón do restaurante ” La Coruñesa”, á que adoitabamos ir os estudantes. Para alí marchamos e despois de pedir uns cafés continuamos coa conversa, ata que ao cabo dunha media hora, aparece un mozo, dálle un bico e sentándose a seu carón, dille:
–Isabel, non quedamos en vernos na Biblioteca?
–Si, pero atopeime con este amigo –contestoulle, dirixindo a mirada cara a min– e aquí nos viñemos. Sabía que ti xa te darías conta que ía estar no noso lugar habitual.
Calou a boca e pediu un café. Empecei a encontrarme mal, sabía que non pintaba nada alí, así que pasados uns minutos, escuseime e deixeinos, dirixíndome directo cara a Praza do Campo. Entrei na Alonso e pedín o libro. Non o tiñan, pero comprometéronse a que en nove ou dez días o terían, como así foi.
A Isabel volvina ver nos días seguintes varias veces pola rúa abrazada a aquel rapaz. Nunca nos saudamos, facíamos coma se non nos coñecésemos. O curso estaba a piques de rematar e ao ano seguinte non volvemos coincidir. O amor de Isabel non o conseguín, pero si o do poeta de Charleville. Grazas ao encontro daquela tarde de maio, comezou a miña admiración polo autor de “Le bateau ivre”.
Este sábado, día 12 de marzo, ás 20 horas, a formación orixinaria de Antas de Ulla, Zoelas, estará interpretando, na Casa-Museo Manuel María, pezas do seu traballo Evelaités, así como as súas últimas e recentes composicións.
Zoelas é un proxecto musical en que se mesturan as raíces do canto tradicional con melodías de variados estilos musicais e letras propias que conviven con coplas recollidas. Canto coral femininocon Bea García, Érica García, María Bouzas, Pilar Naveira e Patricia Coucheiro acompañadas de Michel Rivadulla (guitarra), Miguel Varela (percusión) e Bruno Villamor (requinta, zanfona e gaita).
Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente o billete (5 euros) no enderezo electrónico
Para conmemorar a data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Culturalia GZ promove a presentación do Proxecto IRMÁS, onde 8 destacadas voces femininas contemporáneas galegas reivindican a outras 8 mulleres (irmás), que sobresaíron no primeiro terzo do século XX, aínda que, por causa do convencionalismo patriarcal imperante, viron obstaculizada a súa difusión como figuras salientables no eido de distintas disciplinas profesionais (artes, ciencia…) na Galiza.
En palabras de Beatriz Dourado, coordinadora deste proxecto, no que tamén participa: IRMÁS nace como unha xenealoxía feminina en clave 8/8 -tendo presente o 8 de marzo- que pretende reivindicar a figura de mulleres pioneiras na Galiza de 1916-1936, vencelladas ás Irmandades da Fala, a través da escrita e a ilustración de autoras galegas contemporáneas.
As voces participantes neste Proxecto IRMÁS e as personalidades ás que homenaxean aparecen na seguinte relación:
EILÚN DEL PAZO MOA – AMALIA ÁLVAREZ BEATRIZ DOURADO – OLIMPIA VALENCIA CECILIA FERNÁNDEZ SANTOMÉ – MARÍA LUZ MORALES MÍRIAM FERRADÁNS – MARÍA MIRAMONTES ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ . ELVIRA BAO PATRICIA TORRADO QUEIRUGA – JACINTA LANDA LUPE BAO – AMPARO LOPEZ JEAN TAMARA ANDRÉS – TERUCA BOUZA
Esta presentación virtual, que se realiza a través da web Culturalia GZ e mais nas súas RRSS, supón o adianto dunha publicación en formato plaquette, que frutificará en datas vindeiras, co gallo de estender máis aló da simboloxía que supón cada 8 de Marzo de conmemoración do Día da Muller, e asemade reivindicar o recoñecemento que merecen e que lles foi usurpado a esas personalidades femininas relevantes e coetáneas da etapa das Irmandades da Fala.
En canto á edición en papel deste libro, vaise contar coa arte de Adolfina Mesa para a realización ex professo da imaxe da portada, co ánimo de que sexa representativa do contido global desta breve mais intensa obra.
Velaquí o vídeo que serve de presentación de Proxecto IRMÁS