Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras prenden a primeira xornada do Festival do Pasatempo

O FESTIVAL CELEBRA HOXE A SÚA DERRADEIRA XORNADA COS CONCERTOS DE CARLOS NÚÑEZ E ANTÍA MUÍÑO

Arrancou a primeira xornada do Festival do Pasatempo 2025 con tres dos grandes nomes do panorama musical estatal en galego e euskera, Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras. O Parque do Pasatempo voltou un ano máis a acoller uns concertos que espertaron o espírito musical dun recinto inigualable que se vestiu de gala para a primeira das dúas xornadas desta edición. 

A xornada comezou coa maxia e emoción de Caamaño&Ameixeiras, que coa súa reinterpretación da ritoloxía popular caldeou o ambiente. O prato forte chegou con Tanxugueiras, que cun potente directo amosaron por que son un dos grupos máis importantes da música galega. O fin de festa correu a cargo do navarro ZETAK, que coa súa enérxica electrónica pechou por todo o alto un día memorable. 

O día de hoxe, última xornada do festival, destaca cun dos cabezas de cartel desta edición,  Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo. Compartirá escenario e xornada con Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz. 

O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. 

O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, e o patrocinio de El Águila

Palestra de CASTELAO POLÍTICO, de Uxío-Breogán Diéguez, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a palestra CASTELAO POLÍTICO 1916-1950, impartida por Uxío-Breogán Diéguez, historiador e director da cátedra de Memoria Histórica da UDC. Presentará: Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o xoves 3 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.      

Tamén permanece aberta ao público na mesma Casa da Cultura a Exposición SEMPRE EN GALIZA 1944-2024. 

                     

NOTA-INFORMATIVA-CASTELAO-POLITICO

O Festival Atlántica 2025 trae a forza da narración oral á comarca do Barbanza

  • Outes, Ribeira e A Pobra do Caramiñal acollerán un total de sete espectáculos, todos eles con entrada libre ata completar capacidade
  • A programación combina tradición, música, memoria e humor con artistas de Galicia, Portugal, Aragón e Canarias
  • Esta edición inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
  • Toda a programación pódese consultar na web festivalatlantica.gal

A comarca do Barbanza converterase nun dos epicentros da palabra viva grazas á nova edición do Festival Atlántica, que levará sete espectáculos gratuítos de narración oral a Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira entre o 28 de xuño e o 11 de xullo. A programación, pensada maioritariamente para público adulto, combina tradición, música, memoria e humor, con voces chegadas de Galicia, Portugal, Aragón e Canarias. Con estas propostas, o Festival Atlántica consolídase como unha cita imprescindible no Barbanza co poder da oralidade, celebrando a diversidade de voces e o vínculo co territorio a través das historias.

Outes: historias entre mares e lavadoiros

A programación comezará o sábado 28 de xuño ás 20.30 h no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña con Meu mar, un espectáculo de narración oral no que se atopan dúas beiras e dúas voces: a canaria Laura Escuela e o galego Caxoto. Xuntas emprenden unha travesía poética e emocional na que o mar deixa de ser só escenario para se converter en memoria, ponte e espello. Entre contos, salitre e vento, os dous narradores tecen relatos que flúen coma as mareas, cruzando fronteiras e celebrando a oralidade como territorio común. Meu mar é unha homenaxe á identidade compartida e á forza das historias contadas dende a raíz, pero sempre dispostas ao encontro.

venres 11 de xullo, tamén ás 20.30 h, a Terraza do Náutico no Freixo acollerá Lavandeiras, unha proposta chea de poesía e música de Vero Rilo e Santi Cribeiro (Galicia), que revisita as historias e cantos das mulleres que lavaban nos regatos. Unha emotiva viaxe polas historias de mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. En Lavandeiras, Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos. Un ritual escénico para cantar o que se calou e para tender, ao sol da xustiza poética, as historias de mulleres que lavaron máis que roupa.

A Pobra do Caramiñal: tradición e memoria en espazos únicos

A actividade comezará o xoves 3 de xullo ás 21.00 h no Cine Elma con Artiloxios, do artista aragonés Oswaldo Pai, unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai trae ao Festival Atlántica un espectáculo para todos os públicos que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.

Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.

venres 4 de xullo, tamén ás 21.00 h, os Xardíns do Pazo do Couto serán o escenario de Vicio houbo sempre, da actriz e narradora. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, constrúe un espectáculo íntimo e poderoso no que o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. A frase que abre o espectáculo, “Vicio houbo sempre, grazas a Dios!”, marca o ton dunha proposta que rompe silencios e recupera historias de vida contadas dende as marxes, sen censura nin moralismos. Un exercicio de memoria feminista que reivindica os corpos, os desexos e a forza das palabras que non cadraban co que se esperaba delas. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.

O ciclo na Pobra pecharase o sábado 5 de xullo ás 21.00 h no Castro de Posmarcos cunha sesión moi especial: Novas historias de filandar de José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’ (Zamora), un tributo ás voces anónimas do rural zamorano. ‘Don Guti’ regresa ao universo das súas vellas sabias cun novo xiro narrativo. Novas historias de filandar mergúllase na memoria das mulleres que cosían, mataban porco, enchían chourizos ou contaban contos ao carón do lume, para construír un espectáculo cheo de retranca, irreverencia e verdade.

Nesta nova e esperada entrega, o narrador dálle voz ao seu alter ego máis canalla, tabernario e provocador, e lánzase a contar —sen filtros— esas historias de antes que aínda nos revolven por dentro e nos fan morrer de risa. Un festín oral que convida a escoitar coma se fósemos de novo cativos á beira da cociña, coa pota ao lume e unha xerra de viño enriba da mesa. Porque ás veces, a verdadeira revolución é deixarse tocar pola memoria.

Ribeira: espazos singulares para a palabra

venres 4 de xullo ás 21.00 h, o Lavadoiro de Penisqueira será o escenario de Contara, do poeta e narrador Celso Fernández Sanmartín, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, ‘Celsiño’ achega ao Festival Atlántica un espectáculo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nunha proposta íntima e profunda. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria, o humor calado e a poesía da fala popular. Celso escoitou moito e agora ofrece ese tesouro en forma de contos que parecen pequenos, pero gardan dentro a vida enteira. Contara é un exercicio de escoita compartida, unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.

Ao día seguinte, o sábado 5 de xullo tamén ás 21.00 h, o Piñeiral da Corna en Palmeira acollerá Vénme ao bico un conto, unha sesión para adultos de Miguel Gouveia (Portugal) que estará acompañado por Aida Cobas (Galicia), unha das novas voces da narración oral galega que se estrea nesta edición do festival.

Neste espectáculo, pura delicadeza oral, a palabra brota fresca e limpa, coma a auga que nace nunha fonte. Un instante de encontro onde quen conta e quen escoita tecen xuntos un espazo de pausa, beleza e complicidade. A través de historias cotiás e universais, Gouveia e Cobas constrúen un tempo de intimidade no que imaxinación e emoción camiñan da man. Porque contar é tamén dar sentido, recuperar a esperanza e lembrar que as historias —ditas no momento xusto— poden ser un refuxio, unha revelación ou simplemente unha caricia no pensamento.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica no Barnaza é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e aos patrocinio dos concellos de Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. O Barbanza forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

  • FOTO ARTISTAS: Laura Escuela, Caxoto, Vero Rilo e Santi Cribeiro, Oswaldo Pai, Atenea García, José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’, Celso Fernández Sanmartín, Miguel Gouveia e Aida Cobas
  • +INFO: http://festivalatlantica.gal

Lanzamento de TROULA, novo sinxelo de Vimbio xunto a Nadie González

TROULA, LA ODA A LA FIESTA DE VIMBIO EN COLABORACIÓN CON NADIE GONZÁLEZ, VE LA LUZ

A banda Vimbio volta con nova música co lanzamento de Troula, o seu novo sinxelo en colaboración coa rapeira viguesa Nadie González. Baixo o contexto da calor do verán xa enriba, este inesperado xunte converxe baixo ritmos latinos nunha auténtica celebración das festas. Mesturando o rap co reggaeton e o metal, Vimbio e Nadie González sorprenden cun tema que xa se postula como candidato a canción do verán en Galicia, e que transita polas distintas fases dunha troula que se descontrola. As ganas de festa e bo rollo marcan esta canción, que xa está dispoñible en todas as plataformas. Troula, gravada en LUFS Studio coa mestura e masterización de Damian Mo, vén acompañada dun videoclip dirixido por IzanMG  que foi filmado no Centro Cultural de Ribadetea, en Ponteareas.

A xuntanza de Vimbio e Nadie González agocha tras de si unha curiosa historia. Antes desta colaboración, e mesmo antes de que a formación se fundara baixo o nome de Vimbio, houbo contactos para que a propia Nadie González fora a voz do grupo, feito que non se chegou a concretar. Tras estas primeiras conversas, quedou pendente unha colaboración entre ambos de cara a un futuro, que hoxe queda materializado en Troula.

Dende Vimbio destacan o gusto que foi traballar coa rapeira viguesa, coa que existe especial complicidade. Dende o comezo ambos tiñan case sempre a mesma forma de ver as cousas, e nos momentos nos que faltaba consenso entre ambos a propia Nadie acababa aportando algunha boa idea que decantaba a balanza e desatascaba a situación na produción.

Tras o lanzamento de Insisto, Mayday, Bombas Incendiarias, Comeza o xogo, Eu non quero traballare o EP Ao Vivo Rock in Río Tea 2024, o grupo liderado por Álex Arnoso, unha das voces protagonistas de SonDaRúa, mantén o carácter prolífico e versátil nas súas producións, sorprendendo co seu son e abrindo a porta á conxunción de xéneros pouco traballados na escena. Esta aposta xa está a ser recoñecida, sendo fai escasas semanas nomeados como unha das tres bandas finalistas nos Premios Narf, organizados pola Deputación da Coruña.

MÁIS SOBRE VIMBIO

Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer  xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.

Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, a banda levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.

Lanzamento de CAMPONARAI, o novo sinxelo de Sabela

CAMPONARAI, O NOVO SINXELO DE SABELA QUE NOS TRANSPORTA AO LUGAR ONDE CONECTAS POR PRIMEIRA VEZ CON ALGUÉN

ESTE TEMA EXERCE DE TERCEIRO ADIANTO DO SEU NOVO EP, PREVISTO PARA ESTE 2025

Sabela volta con forza publicando o seu novo sinxelo, Camponarai, terceiro adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Nel, a artista galega xoga cunha lenda popular contada na zona da Mariña lucense, convertendo Camponarai nese lugar onde conectas por primeira vez cunha persoa especial. Novamente, Sabela opta por achegarse á posta en valor desas pequenas cousas que rodean a vida rural, nunha reivindicación en contra da desconexión co campo que se vive nos últimos tempos. Con este novo tema, a galega propón unha viaxe íntima e sensorial sobre unha base de electrónica minimalista, apelando á memoria emocional, o desexo e á propia esencia dos sentimentos.

Camponarai é, ademais, a primeira produción en solitario de Sabela. Tras co-producir, xunto ao recoñecido produtor Ed Is Dead, os dous primeiros adiantos deste EP que verá a luz este mesmo ano, a artista segue a ampliar horizontes musicais, cun proceso de composición e produción propio de todo o tema. Ela mesma destaca que este proceso foi rápido, coma o sentimento que xera esa conexión. Pola contra, á hora de darlle forma dende a produción requiriu máis tempo, xa que o tema non busca axustarse aos moldes establecidos da produción musical actual, senón respectar esa sensación sobre a que xira o concepto de Camponarai, e construír en base a ela.

Sabela experimenta un momento doce arredor da súa música. Tras a gran acollida dos primeiros adiantos, Hi, My love e Eu espero aquí, así como das dúas extensas xiras por salas de España e Galicia, a artista recolle os froitos do traballo feito en forma de recoñecementos, recibindo o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. A artista encara desta forma un ano no que se publicará o seu tan esperado traballo discográfico en forma de EP.

Este tema conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.

MÁIS SOBRE SABELA

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, durante este mesmo ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My LoveEu Espero Aquí e o propio Camponarai son xa os seus tres primeiros sinxelos.

A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Camponarai, último sinxelo de Sabela, precede a temas como Hi, My Love ou  Eu Espero Aquí,que veñen de obter grandes números de escoitas e recoñecemento entre o público. Este éxito non pasou desapercibido, sendo galardoada co Premio Martín Códax da Música 2025 na categoría de Pop e Indie.

Dezaoito compañías percorrerán os vieiros da sétima edición de Camiño Escena Norte

O programa de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic, celebrarase do 12 de setembro ao 26 de outubro baixo o lema Sementar, coidar, xermolar e incorpora A Rioxa como sexto territorio

As compañías Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez e Fernández representarán a Galicia no Itinerario Constelacións

Sementar, coidar, xermolar. Así sintetiza a súa historia Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. Na súa sétima edición, que se celebrará do 12 de setembro ao 26 de outubro, o Itinerario Constelacións contará con 18 compañías que ofrecerán espectáculos e actividades en escenarios situados polos distintos territorios que conforman o proxecto. En 2025, ademais da xa anunciada incorporación da escena rioxana, o programa estrea FOCOS, unha proposta de actividades de dinamización sectorial e promoción exterior dun dos territorios participantes, e que nesta primeira edición protagonizará Cantabria, que hoxe acolleu a presentación oficial do CEN. 

Os 18 espectáculos que formarán parte do Itinerario Constelacións, eixe central do CEN, foron seleccionados por seis comisións profesionais independentes de axentes do sector, unha en cada comunidade implicada, co obxectivo de que o programa mostre parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas, producións para público adulto e familiar, de teatro, danza e artes do movemento e novo circo.

Asúi, nesta sétima edición, Galicia intervirá no intercambio cultural de CEN da man do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, que xirará con Hellen Keller, a muller marabilla?; Paula Quintas Cía., co seu espectáculo Multiperspectivas#3, e Pérez& Fernández, que estreará fóra do país, e en castelán, Nanay de la China. 

Pola súa banda, Asturias achegará o traballo de Guayominí Producións, que presentará Hamlet; Zig Zag Danza, que xirará con Postais rotas; e La Roca Producciones, que participará con Zozobra. Cantabria amosará o traballo de El Tejo Producciones con El jardín de las posibilidades; Ábrego Teatro con Soñando a Lorca; e Escena Miriñaque, Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade 2024, xirará con 

No caso de Euskadi, seleccionáronse El dilema del corcho, de Tartean Teatro; Pausa, de niMú; e Progreso, de Olatz Gorrotxategi. Precisamente estes dous últimos espectáculos estrearanse fóra do País Vasco grazas ao CEN. Pola súa banda, Navarra ofrecerá Halley, de Led Silhouette; Una mera curiosidad, de Producciones Maestras e Yúgen, de La Banda Teatro Circo. Por último, A Rioxa estrea a súa participación nesta sétima edicion do CEN coas compañías El Perro Azul e o seu Globe Story; Chamán Producciones con Oveja perdida ven sobre mis hombros que hoy no solo tu pastor soy sino pasto también;  e Sapo Producciones con Te regalo el sol.

SEMENTAR, COIDAR, XERMOLAR

Nesta sétima edición, Camiño Escena Norte elixe un lema Sementar, coidar, xermolar, que relaciona o proxecto co concepto de sementeira e natureza; ideas que suma a outras que promoverá desde a primeira edición, como sustentabilidade, paisaxe, camiño e resistencia. Da mesma maneira, CEN segue neste 2025 o proceso de sementar entre os públicos a súa paixón polas artes escénicas, coidando o proxecto desde o seu nacemento para que floreza en todos os territorios, mesmo nas condicións máis desfavorables, e ata o seu encontro coas espectadoras e cos espectadores. 

ESTREA DE FOCOS: FOCO CANTABRIA

Unha das novidades desta edición é a creación dos FOCOS, conxunto de iniciativas que dinamizarán a actividade cada ano nun territorio diferente, e desta quenda será Cantabria. FOCO CANTABRIA conterá un coidado programa de actividades, desde accións de promoción do sector escénico cántabro ata o Encontro Habitación Peregrina PRO, que pasa a ser un programa itinerante -o espazo profesional celebrouse de 200 a 2024 en Lugo- que se celebrará no Palacio de Festivais de Cantabria (Santander) do 16 ao 18 de setembro. A inscrición para este encontro abrirase no mes de xullo.

Os FOCOS tamén determinarán a autoría do cartel e a imaxe de cada edición do CEN. Este ano a deseñadora cántabra Isabel de la Sierra asina a imaxe que acompañará a programación. A proposta visual foi construída a partir do lemaSementar, coidar, xermolar. Para a deseñadora, “representa como o teatro non só se contempla, senón que se vive, sente e transforma. Con esta imaxe mostramos o teatro desde dentro: a arte escénica atravésanos, seméntase na alma e florece como memoria viva. Así acontece en cada paso do CEN: é unha floración interior provocada pola arte escénica, que atravesa cada territorio e cada espectador“.

Cada unha das catro versións do cartel mostra unha figura humana distinta, reforzando a riqueza e diversidade cultural de CEN. De la Sierra explícao así: “As súas flores e escenas teatrais transfórmanse para reflectir a identidade e singularidade cultural de cada territorio, reforzando a riqueza e diversidade do Camiño Escena Norte. Cores vivas, siluetas teatrais e unha estrutura vertical achegan á imaxe un carácter contemporáneo, expresivo e memorable. É unha proposta visual que transmite maxia, emoción e transformación. Unha mirada que xermola porque foi tocada pola escena”.

CATÁLOGO DE ESPECTÁCULOS RECOMENDADOS CEN 2025

O Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte é unha das ferramentas que promove CEN. Trátase dun selo de calidade que serve de promoción e apoio á distribución das propostas das compañías fóra da súa contorna habitual. É o caso da utilidade que supón, por exemplo, para as programadoras dos demais territorios CEN, mais tamén para os do resto do Estado. 

Tanto este Catálogo coma a programación do Itinerario Constelacións utilizan un sistema de selección de espectáculos baseado en comisións territoriais. Un total de 30 expertas traballaron de maneira colexiada e, por medio dun proceso de selección transparente e garantista, realizouse unha clasificación da que saíron os 36 espectáculos que conforman neste 2025 o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte. Deses 36, seis por comunidade, saíron os 18 espectáculos mencionados anteriormente e que xirarán este ano nas Itinerario Constelacións.


ORGANIZACIÓN

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto. 

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial. Ademais, Camiño Escena Norte conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

20250625-NP-Camino-Escena-Norte-2025