Título: AÍNDA ASÍ

Intentamos confiar nos trazos dun rumbo escollido, no xeito do aceno, no sentido profundo do que sucede, no punto do horizonte ao que nos diriximos, na físgoa pola que se coa unha luz que insinúe o camiño. Obrigámonos a crer na man disposta, na acollida agarimosa, no proceso que pecha a ferida.
Pero ben puidera ser que a luz só sexa algo que vive en fuxida. Un animal asustado e perseguido por feras armadas e descoñecidas. Ben puidera ser que a cicatriz non reine e fique só a ferida.
Quizais a vida sexa simplemente a excepción. A anomalía do latexo sostido. E o equilibrio que procuramos quizais estea niso ao que irremediablemente nos achegamos, o non ser. O tempo no que cesa a loita porque nos detemos nós, ou esa versión de nós que insistimos en manter en pé. O momento no que esvaece o conflito e todo o que o alimenta.
Intúo que a violencia que golpea asiduamente forma parte do caos que impera. Un caos sen temoneiros nin capacidade decisoria. Absolutamente accidental. Algo que ocorre aleatoriamente e que deixa de facelo coa mesma impasibilidade. E nesa simpleza diluímos toda posibilidade de comprensión, a propia e a do conxunto.
Un impacto, unha desgraza, unha terrible circunstancia que parecía evitable, e todo muda. Unha metástase incontrolable, un lóstrego anulador. Todo varrido polo proceso de cambio, que só pode levar ao borrado de toda experiencia. Unha sucesión de letras nunha liña ficticia.
Inevitablemente vivimos para dirixirnos á escuridade da que procedemos. E facémolo, acotío, erguéndonos de golpes que non merecemos. Coas mans desfeitas e o aniquilamento na mirada. Mais tamén ulindo as flores que non sementamos. Exercendo o odio en todas as versións e amando de cando en cando torpemente ou arrimados a unha beleza indomable.
Talvez nada importa realmente. Nada se contextualizamos. Somos o efémero protagonizado pola miseria. Somos a miseria que recoñecemos e evitamos, cuns ollos que miran a outro lado. Digo, por exemplo, Palestina. Nada pesa, nada se sostén. Somos grans perdidos, flutuando. Partículas de po a mercé dun vento feroz e baleiro. A mirada ofrecida e rexeitada, a flor solitaria.
Pero, aínda así, déixame collerche a man e asistiremos remexidos e trementes ao amencer que asoma. Que, malia todo, asoma entre un barullo de corazóns atemorizados, entre o desvarío dunha sociedade alienada que intenta devorarnos a nós, os da sentida resistencia con frecuencia incomprendida. Unha manda de feras armadas que nos persegue e que aínda fracasa.
