A narración oral galega, o recordo de Pedro Brandariz e o público infantil, protagonistas da primeira fin de semana de programación do FIOT31
A nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo comeza o venres 30 cunha xornada marcada polas estreas absolutas de ‘Os contos de William Shakespeare’, e Pedras de Cartón, e ‘Patrón’, de Alberte Montes
O prestixioso malabarista Guillem Vizcaíno presentará o seu espectáculo ‘Poi’ para todos os públicos ‘na apertura do ciclo Teatro de Rúa, nunha función que terá lugar o venres 30, a partir das 19.30 horas, na Praza do Concello
A Rúa dos Contos celebrará o sábado 1 a Gala Homenaxe a Pedro Brandariz, a quen se lle dedica esta edición do ciclo; nunha sesión presentada por Isabel Risco e Fran Rei, e na que participarán Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la comedia e Diana Sieira
O Pazo da Cultura acollerá o domingo 2 a estrea de ‘Wombo Combo’, o novo espectáculo para público infantil da compañía bergantiñá Galeatro; mentres que a Rúa dos Contos ofrecerá espectáculos en locais de hostalería de Carballo ou na residencia de maiores da man de Marta Iglesias, Tito Rober, Marta Doviro ou Vicente Mohedano, cuxa peza ‘Habito Terra’ contará con intérprete en lingua de signos
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo inicia este sábado a súa 31ª edición cunha fin de semana marcada polo protagonismo absoluto da narración oral galega, co inicio da XXIII edición do ciclo Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe ao cómico Pedro Brandariz, e pola estrea absoluta de creacións como ‘Os contos de William Shakespeare’, de Pedras de Cartón, ‘Wombo Combo’, de Galeatro, ou ‘Patrón’, de Alberte Montes. Ademais, o público infantil tamén poderá gozar de ‘Poi’, o primeiro dos espectáculos do ciclo de artes circenses Teatro de Rúa, ou da Gala NOGA de narración oral para público familiar que acollerá o mercado municipal na mañá do domingo 2.
O FIOT comezará coa programación especial para nenas e nenos: o Fiotiño. A compañía galega Pedras de Cartón estreará a súa nova peza, ‘Os contos de William Shakespeare’, na Bibllioteca Rego da Balsa. O actor e director Juan Rodríguez presenta unha delirante serie de contos do bardo inglés adaptados para toda a familia, nunha función na que mestura comedia, narración oral, o teatro de obxectos e as instalacións artísticas. De seguido, ás 19.30 horas, será a quenda da primeira das funcións deste ano do ciclo Teatro de Rúa. O prestixioso malabarista Guillem Vizcaíno dará boa conta da súa virtuosa capacidade no manexo da buxaina en ‘Poi’, espectáculo recentemente estreado pero que xa conta con diversos premios, e no que fusiona as artes do circo co humor e co xogo. Unha proposta que deixará abraiado ao público que se achege até a Praza do Concello.
Xa pola noite, dará comezo a nova edición da Rúa dos Contos, marcada este ano polo regreso aos bares logo da pandemia. A primeira cita será ás 21.00 horas nunha das sedes clásicas do FIOT, o Casino 1889, e suporá a estrea absoluta de ‘Patrón’, a nova peza de Alberte Montes. O actor, cómico e monologuista abordará o proceso que el mesmo nomea como ‘empatronamento’, a súa conversión de mozo a patrón, caracterizado polos tics e manías que lle van marcando o camiño a medida que medra. De seguido, contra ás 23.00 horas, a polifacética Marta Doviro abordará as ‘Memorias dunha rapasa da costa’, no que retrata o seu periplo polas distintas vilas nas que viviu para retratar o carismático carácter das súas xentes, curiosas vivencias e historias de piratas.
A xornada do sábado 1 de outubro vivirá un dos momentos máis especiais, sen dúbida, desde FIOT31. O mercado municipal acollerá Gala Homenaxe a Pedro Brandariz, unha cita en memoria dun cómico fundamental para a escena galega, e que sempre estivo vinculado ao FIOT, tanto como comediante coma espectador. A cita enmárcase, precisamente, no ciclo no que Pedro ten participado ao longo de moitos anos co seu humor: a Rúa dos Contos. A gala, que presentarán Isabel Risco e Fran Rei, contará coas actuacións e intervencións de Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la Comedia e Diana Sieira. A recadación desta noite de contos, que comezará ás 21.00 horas, destinarase precisamente a un dos proxectos máis queridos por Pedro: Pallasos en Rebeldía.
Xa pola noite, a partir das 23.30 horas, a Rúa dos Contos continuará nos locais de hostalería de Carballo. Nesta ocasión será na Taberna O Patacón, na que se darán altas doses de teatro, clown e moita improvisación da man de Blues do País, o dúo conformado por Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King (Brais das Hortas).
Funcións infantís e improvisación na xornada do domingo 2
O domingo 2 o mercado volverá gozar dunha sesión de contos, desta volta dirixidos ao público máis cativo, a través das voces do Colectivo NOGA. Precisamente durante esta fin de semana o grupo celebrará, no marco do FIOT31, a Asemblea Constituínte da Asociación Cultural, Social e Educativa Galega de Narración Oral NOGA -xornada do sábado 1 no Pazo da Cultura-. A función colectiva para público familiar da mañá do día 2 será o ramo a unha fin de semana de intensa actividade para NOGA. A cita, cuxa entrada será libre, comezará ás 12.30 horas.
A actividade da programación especial do Fiotiño desta fin de semana finalizará o domingo 2, ás 18.00 horas, coa estrea absoluta de ‘Wombo Combo’, unha coprodución do FIOT coa compañía carballesa Galeatro, e que se enmarca tamén na programación especial dirixida ao público infantil: Fiotiño. A nova obra de Galeatro achéganos -a través dunha dramaturxia de Paula Carballeira- ao acoso escolar e á realidade virtual que invade cada vez máis a vida da rapazada. O espectáculo, recomendado para maiores de 5 anos, conta coa interpretación de Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez.
Finalmente, a tarde do día 2 a Rúa dos Contos espallarase por tres localizacións diferentes. Ás 17.30 horas, Marta Iglesias ofrecerá un espectáculo humorístico de improvisación na residencia de maiores da Praza de Vigo. Trátase da versión curta que ofrecerá de ‘3…2…1… Impro!!’, a partir das 20.00 horas, co cómico Tito Rober. A cita será na Cafetería Valle-Inclán. O peche de programación desta primeira fin de semana do FIOT xornada virá da man de Vicente Mohedano, que presentará a súa creación ‘Habito Terra’, unha proposta na que mestura teatro, divulgación científica e humor para poñer en valor a importancia da comunidade. Este será o primeiro dos dous espectáculos que o FIOT ofreza este ano con intérprete de lingua de signos, na súa aposta por ser cada vez, paseniño, un festival máis inclusivo e accesible a todos os públicos.
AXENDA FIOT – 30 DE SETEMBRO AO 2 DE OUTUBRO
Venres 30 de setembro
18.00 horas | Biblioteca Rego da Balsa ‘Os contos de William Shakespeare’, de Pedras de Cartón (ESTREA ABSOLUTA)
19.30 horas | Praza do Concello ‘Poi’, de Compañía D’es Tro
21.00 horas | Castino 1889 ‘Patrón’, de Alberte Montes (ESTREA ABSOLUTA)
23.00 horas | Mesón do Pulpo ‘Memorias dunha rapasa da costa’, de Marta Doviro
Sábado 1 de outubro
11.00 horas | Pazo da Cultura Xornadas profesionais NOGA
21.00 horas | Mercado municipal Gala Homenaxe a Pedro Brandariz
23.30 horas | O Patacón Blues do País
Domingo 2 de outubro
12.30 horas | Mercado municipal Gala NOGA de narración oral para público familiar
17.30 horas | Residencia de maiores de Carballo ‘3…2…1… Impro! (versión reducida)’, de Marta Iglesias
18.00 horas | Pazo da Cultura ‘Wombo Combo’, coprodución de Galeatro e FIOT (ESTREA ABSOLUTA)
20.00 horas | Cafetería Valle-Inclán ‘3…2…1… Impro!’, de Marta Iglesias e Tito Rober
22.00 horas | Casino 1889 ‘Habito Terra’, de Vicente Mohedano Con intérprete de lingua de signos
O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá as novas propostas das compañías Erre Produkzioak (Euskadi) e Escena Miriñaque (Cantabria) o xoves 29 e o domingo 2, respectivamente
O proxecto de intercambio de artes escénicas finalizará a semana que vén o seu percorrido por Galicia, con funcións en Ames, Vilalba, Viveiro, Carballo e Santiago de Compostela
A cuarta edición do Camiño Escena Norte (CEN) continúa o seu periplo galego. Esta fin de semana, o proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra, fará parada en Lugo con dúas propostas o xoves 29 e o domingo 2 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Nos dous casos a entrada será gratuíta até completar a capacidade do recinto e, ao finalizar a función, celebrarase un encontro co público asistente.
A compañía vasca Erre Produkzioak presentará a partir das 20.30 horas do dia 29 o seu espectáculo ‘Fake (trampantojo)’. Dirixido a público adulto, a peza, que fai alusión ao anglicismo da falsificación ou imitación da realidade, presenta a historia de abuso, relacións de poder e traxedia que se dan no seo dunha familia durante unha cea de Aninovo.
O domingo será a quenda do público infantil e familiar. Ás 18.30 horas comezará a función de ‘De otro lado’, de Blanca del Barrio, un espectáculo que fala de barreiras, valados, ladrillos e pontes. Da man da compañía cántabra Escena Miriñaque, as e os asistentes verán unha metáfora escénica que fala das fronteiras visibles e invisibles.
A fin de semana que vén o Camiño Escena Norte 2022 finalizará a súa andaina. A compañía asturiana Zig Zag Danza visitará Ames (venres 7) e Vilalba (sábado 8) co seu espectáculo para primera infancia (0-3 anos) ‘Mímesis’. Pola súa banda, a vasca Vaivén Producciones achegará a súa peza para público adulto ‘El enjambre’, a Viveiro o sábado 8; mentres que a navarra La Caja Flotante fará o propio no FIOT de Carballo, tamén na tarde do sábado, con ‘Beautiful Stranger’. Finalmente, CEN 2022 pecharase na tarde do domingo 9 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura, coa representación para público infantil e familiar de ‘El secreto de Julio Verne’, da asturiana Fantastique Company.
Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.
A iniciativa conta, neste 2022, co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades autónomas implicadas: Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Goberno do Principado de Asturias, Goberno de Cantabria, Deputación Foral de Áraba, Deputación Foral de Biscaia, Deputación Foral de Gipúscoa e Goberno de Navarra; ademais do Goberno de España a través do INAEM. En Galicia colaboran tamén Deputación Provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo; así como os consistorios de Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego.
Vegalsa-Eroski mantense este ano no como patrocinador oficial, cunha maior achega económica para esta cuarta edición, o que reforza o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios.
AXENDA FUNCIÓNS CAMIÑO ESCENA NORTE 29/09 – 02/10
Erre Produkzioak (Euskadi) | ‘Fake (trampantojo)’, de David Caíña
29.09.2022 | 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo
Público adulto. Entrada libre. Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Anxo Manoel (Lucecús Teatro)
Lucía e Celia, irmás; Xabier, o marido de Celia; Pablo, o fillo de Lucía; e Uxue, a súa curmá. Todas e todos celebran que hoxe é o primeiro día do resto das súas vidas, mais esta celebración non é máis que un trampantojo: un paripé organizado para poder levar á avoa á cama antes de que cheguen as badaladas de verdade. Unha vez durme a avoa, todos poden comportarse como realmente son. E aí é cando comezan os problemas.
Escena Miriñaque (Cantabria) | ‘Del otro lado’, de Blanca del Barrio
02.10.2022 | 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo
Público infantil e familiar. Entrada libre. Ao remate da función, encontro co público. Acompaña: Paloma Lugilde (Producións Paloma Lugilde)
Lembras cando se nos escapaba o balón por enriba do muro e ía parar Do Outro Lado? A aventura comezaba… Unha mañá, os habitantes dese Outro Lado atoparon no seu territorio un estraño balón. Non era como os seus: nin a materia, nin a cor. Non tiña marca. Viña… Do outro lado. Este espectáculo fala de muros, valos, ladrillos e unha ponte. É unha metáfora das fronteiras tanto visibles como invisibles. A ambos os dous lados dúas personaxes búscanse, xogan, necesítanse e comparten idénticas ilusións e os mesmos medos.
Se persistimos na avaliación do soldado pola súa destreza na batalla, desprezando o esforzo de quen o intenta na trincheira, afogando a cerna entre ruín competencia… Se acotío esquecemos o que somos, detrás dun cadeado abandonado á ferruxe, como podemos deter a deriva?
Que lugares lle deixamos á vida entre a invasión cegada dos nosos prexuízos, entre ignorantes suposicións que destrúen os camiños. Neste tremor acedo de personaxes en combate e de estrondo de momentos que anulan a escoita, como podemos definir a nosa unicidade?
Entregados a unha velocidade allea, imposta, porfiamos en afalar un cabalo cego que nos nega e que devora espazos. Entre as garras dunha realidade aniquiladora, en algarada abafante, que espazo hai en ti para acollerme, en min para acollerte… Cravados na urxencia e impoñendo a carreira, ata que punto chega xa a nosa derrota?
O sábado 1 de outubro de 2022, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Vilalba celebrarase o concerto de PÄRBO (dúo formado por Begoña Riobó e Anxo PIntos). Un acto organizado polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba.
Chega o outono, a estación das mil cores, na que a natureza aos poucos vai desfacéndose de toda aquela roupaxe con que a primavera, no seu día, a obsequiara. Unha estación fermosa, tamén triste, que nos anuncia a chegada dos días curtos e do cru inverno.
Unha estación chea de melancolía, que sempre que se achega me fai lembrar aquel poema de Jacques Prèvert, “Las feuilles mortes”, na voz de Ives Montand :
Oh! je voudrais tant que tu te souviennes,
Des jours heureux où nous étions amis
En ce temps-là, la vie était plus belle,
Et le soleil plus brûlant qu’aujourd’hui.
Les feuilles mortes se ramassent à la pelle,
Tu vois, je nái pas oublié
…
O outono, amiga de poetas e pintores, fonte de inspiración, e da que eu, tamén me ocupei en diversos poemas:
OUTONO
Volverán de novo as follas mortas
A pintar de amarelo o noso chan.
As castañas de fartura encherán
O outono que xa chama ás nosas portas.
Volverán de novo os cogomelos
A poboar as fragas milenarias
E outra vez os castiros e os carballos
Se han de espir de pasado e de paxaros.
Volverá a nostalxia a rosear
No xardín oculto do maxín
E a lembrarnos o breve que a vida,
O efémero do noso existir.
Volverán de novo as follas mortas,
Achegarannos lembranzas e lamentos
De vellas paixóns que un día partiron,
Que Jacques Prėvert nos canta nos seus versos.
Tristeza de outono,
Fálame da soidade,
Do desamparo,
Dos soños que o vento espalla
Polos sendeiros espidos da melancolía.
Fálame do silencio das follas murchas,
Do laiar do vento na foresta,
Dos días que non volverán.
Fálame, tristeza,
Cos teus versos de calada presenza,
Versos latentes no caixón das lembranzas.
Fálame, tristeza,
Tristeza de outono.
__________________________________________
OUTONO
Mírasme,
o teu rostro asomando ledo
por entre a amarelenta e luída foto.
Mírote
nunha paisaxe a medio espir, cargada
de ocres e vermellos;
o café arrefriando sobor da mesa.
Mírasme
con esa ollada de comer o mundo
daquel novembro do setenta e cinco.
Mírote
na ansia do teu sorriso.
Mírasme,
sobor da mesa a cunca de café baleira.
Tráenos a rosada
no seu colo o outono.
Reverdecen os campos
co mimar da esvelta choiva.
Soan as follas no chan,
céibanse os castiñeiros
dos seus cumpridos ourizos.
Solitario na verea,
sen rastro humano,
escoito ao lonxe,
na miña acougada andada,
o melancólico murmurio
das augas do río Cruzul.
o outono a esmorecer
engorde
follas que caen
cun son de tristura
bolboretas a destempo
que leva o vento
e as tebras
aniñando no corazón da luz
O outono, que para nós os lucenses, ten unhas connotacións moi especiais, pois o seu inicio está unido irremisiblemente á gran festa de outubro de Galicia: O San Froilán. Festa que sempre me fai retornar á miña infancia cando me levaban desde Castroverde as atraccións do xa desaparecido, “Campo da Feira”, e xa de adolescente e mozo ao principio do curso no Instituto masculino, máis tarde na Escola de maxisterio.
rúas atestadas
camiñan entre o xentío
aboian retinas no carrusel da nenez
medra en nós o outono
LEMBRANZAS DE SAN FROILÁN
Outubro, luces e cores,
o verán aínda na pel.
San Froilán, vellas lembranzas,
festexos grandes de outono .
Peludez e Filomena,
bulideiros, falangueiros.
Con eles retranca e contos
para contar no Progreso.
Nenez montada ao carrelo
de algareiros cabaliños.
Puberdade que viaxa
en eléctricos carriños.
Facianas desfiguradas
por insolentes espellos.
Tómbolas de boa sorte,
emoción… pozo da morte.
Motos en torno á Muralla,
carreiras pra non perderse.
Polbo e viño nas casetas
do vello campo da feira.
Na Praza Maior, orquestras,
fogos de artificio á noite.
Tres días que non se esquecen,
cinco, domingo e doce:
O cinco, día do santo
ninguén a esta cita falta.
O Domingo, o das Mozas,
rúas de xente ateigadas.
E o doce, polo Pilar,
que soidosos ficabamos!
Outubro, fin do verán,
novo curso, amigos vellos.
SAN FROILÁN
outubro
tempo de estrea de libros
nunha paisaxe festeira
coches de choque
baixo a choiva
orquestras na Praza de España
cancións de Roberto Carlos
para bailar amarrado
espellos pozo da morte
tiro e viño de Aragón
outubro
adolescencia soportada
baixo o sabre do pecado
e a fusta do represor
outubro
San Froilán
na espiral dos meus recordos
Xa está aquí o outono e a voz, melancólica e fermosa de Ives Montand volve, de novo, a soar, nestes derradeiros dás de setembro.
C’est une chanson qui nous ressemble,
Toi qui m’aimais, et je t’aimais. Nous vivions tous les deux ensemble, Toi qui m’aimais, moi qui t’aimais. Mais la vie sépare ceux qui s’aiment, Tout doucement sans faire de bruit. Et la mer efface sur le sable, Les pas des amants désunis.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo lanza ‘Onda FIOT’, un novo espazo web que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo certame
O público poderá escoitar desde www.fiot.gal as últimas obras gañadoras do Concurso Escolar de Teatro Lido, que mantén aberto o prazo de inscrición até o 8 de outubro; as creacións do FIOT Fónico ou mesmo a nova ‘Escola do Espectador nas Ondas’
Carballo, 22 de setembro de 2022.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. Baixo o lema #VocesFIOT, o festival reivindicará este ano as voces singulares de artistas e compañías cunha marcada identidade e personalidade propia. Unha programación ampla, ambiciosa e que se vertebra coa vontade de chegar a todos os públicos. E, neste sentido, o propio FIOT expándese alén do teatro e segue a incorporar, como en cada edición, novas actividades paralelas.
Como parte deste medrar, o FIOT presentará un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT,un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -‘A lúa, válvula de spray’ e ‘O espello que arde’- ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais.
Tal e como lembra a dirección do FIOT, a incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Se ben o festival conta desde hai 21 anos cunha liña específica de programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo.
Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.
Aberta a inscrición para o XXI Concurso de Teatro Lido
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo mantén aberta estes días, precisamente, a inscrición para participar na nova edición do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, o certame dirixido ao alumnado dos centros educativos e asociacións da comarca de Bergantiños que pretende favorecer o coñecemento das artes escénicas entre a rapazada así como a súa iniciación á interpretación dramática. Organizados en grupos de entre 2 e 8 menores, cada colectivo interpretará un fragmento dun texto teatral -de temática libre e para todos os públicos-, que gravarán, cos recursos sonoros que consideren axeitados, nun vídeo de entre 2 e 5 minutos.
O prazo da solicitude de inscrición no Concurso estará aberto até o 8 de outubro a través do correo electrónico fiot.teatro.lido@gmail.com e o límite para a presentación dos arquivos de vídeo será o 18 de outubro a través da mesma dirección de correo. Entre todas as propostas presentadas, un xurado seleccionará unha ducia das mesmas para gravar, nun estudio profesional de radio – Radio Voz Bergantiños-, as ficcións. Entre todas elas sairán as finalistas do Concurso, cuxa gala final terá lugar o 13 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo. Os premios consistirán en libros e material didáctico ofrecido pola Libraría Brañas. Para máis información sobre o certame, pódese visitar o web oficial www.fiot.gal.