por martinho | May 22, 2023 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
De Abadín chega este próximo sábado, á Casa-Museo Manuel María, a narradora oral Ángeles Goás que levará a cabo unha contada dirixida para as crianzas, a partir de 5 anos, e as súas familias. Traerá, xunto con ela, un enorme saco máxico cheo de historias que trocará por rimas, refráns, trabalinguas…
Sábado, 27 de maio, ás 17 horas. Reservas (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
por martinho | May 22, 2023 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas’ 2023, organiza a conferencia que leva por título “FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. UN LOITADOR POLA IDEA DE GALICIA”, que será impartida por MALORES VILLANUEVA, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), profesora, tradutora, editora e crítica literaria. É autora do libro co mesmo nome, editado por Galaxia.
O acto terá lugar o venres 26 de maio de 2023, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
NOTA_INFORMATIVA_MALORES-VILLANUEVA
por martinho | May 22, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O sábado 27 de maio de 2023, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración con Concello de Vilalba, organiza unha nova proxección de cine galego coa longametraxe MATRIA, do director ÁLVARO GAGO. Estará presente na proxección a actriz protagonista da película, MARÍA VÁZQUEZ.
Nesta ocasión, para poder presenciar a película haberá que facer a reserva online na páxina https://entradasvilalba.es e, ademais, de xeito excepcional, aboar a cantidade de 3,50 € (cantidade que vai destinada á distribuidora do film). Así mesmo, pódese facer esta xestión na Casa da Cultura ou, o mesmo día da proxección, na billeteira do Auditorio.
NOTA_INFORMATIVA_MATRIA-copia
por Suso De Lameliña | May 19, 2023 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
DOUS RELATOS BREVES
VIAXANDO DESDE O PUPITRE
Da escola, o que máis me gustaba eran os mapas pendurados nas paredes da aula. Se a tarefa non era do meu agrado, a vista íase a un deles e cando me descoidaba estaba enMula ou en Trujillo. Que viaxes aqueles, pola Península, Europa, América!
E xa non digamos, cando me caía nas mans un atlas, poder ir a sitios como Kilimanjaro, Popocatépetl, Haway, China ou as Illas Bora Bora, non había diñeiro que o pagase. Tamén me resultaba moi curioso atopar nomes de cidades españolas en América: Córdoba, Toledo, Guadalajara… Non comprendía aquelas duplicidades.
E despois estaban aqueles mapas mudos que para aforrar, tiñamos que calcar e pintarlles as cordilleiras, mares, lagos, ríos… para logo ir escribindo neles os nomes de todo o que aprenderamos o día anterior.
Nunca esquecerei as illas norueguesas, Illas Lofoten. Cada vez que nos tocaba dicirllas ao mestre, tiñamos que ter coidado de non botarnos a rir se non queríamos recibir unha boa labazada.
Pero do norte de Europa o que máis me prestaba era repetir como se fose unha ladaíña, os estreitos do Báltico: Skagerrak, Kattegat, Sund, Gran Belt e Pequeno Belt.
E así, a pesar de tratarse dunha educación totalmente memorística, eramos capaces, grazas a imaxinación, de trocar aqueles nomes memorizados á forza nunha marabillosa viaxe, sen saír do noso pupitre.
UNHA XANELA NA NOSA VIDA
Sempre hai unha xanela na nosa vida que destaca sobre todas as outras. Eu quedaríame coa da cociña da miña casa de Castroverde. Sen lugar a dúbidas foi a xanela a que máis veces me asomei. Desde alí podía ver as leiras da Ferrería ( hoxe atópase o Centro escolar e outras vivendas), pero sobre todo ao fondo destacaba o Castelo e as choias rebulindo en torno a el. Esa imaxe levareina sempre gravada na retina.
Outra xanela, que ben podía competir con esta, é a da cociña do piso de A Veiga. Desde alí a vista non tiña nada que ver coa de Castroverde. O primeiro que se divisaba era o río Monjardín, e en lugar de choias, o que por alí buligaban eran bandadas de muxes e nenoscoas canas á captura dalgún. Pasado o río, aparecían as primeiras casas do barrio do Fondrigo. A maiores, sempre fisgaban por alí as clásicas gaivotas que viñan da ría, sobre todo cando lles arrebolaba faragullas de pan, as que axilmente apañaban ao voo.
por martinho | May 16, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Exeria, o grupo de grunge/rock 90´s en galego de Ponteareas actuará o vindeiro sábado 20 ás 21h. en Allariz no Ciclo “Rock & Beer nights” que tera lugar en “O xardin da ledicia”.
por martinho | May 16, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O primeiro directo para dar a coñecer o novo álbum do trío terá lugar no marco da celebración do festival ‘O que non se escribe’ sobre arquivos sonoros e creación contemporánea
As entradas para a cita, que terá lugar o venres 9 a partir das 20:30 horas no Teatro Principal, están dispoñibles desde hoxe no espazo web www.compostelacultura.gal
Alberto Cernadas (crnds), Antía Ameixeiras, Begoña Riobó, Claudia Abril, Marta Collazo, Flor Díez, Diego Alonso e Germán Díaz participarán na presentación
Caldo presentará ao vivo Lugar A Ponte, o seu novo traballo discográfico, o vindeiro venres 9 de xuño. A actuación, que terá lugar a partir das 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago, enmárcase na celebración da terceira edición do festival O que non se escribe, o encontro arredor do patrimonio sonoro e a creación contemporánea. As entradas para o directo, que contará coa participación de diferentes convidadas, están dispoñibles desde este martes 16 a través da páxina web www.compostelacultura.gal.
Lugar A Ponte, o segundo álbum do trío conformado por Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas publicouse o pasado 12 de maio nas principais plataformas dixitais. Producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é un disco con dez cortes no que Caldo incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición. Neste sentido, o grupo adapta e toma como punto de inspiración melodías ou temas tradicionais recollidos en lugares de Gargamala, As Neves, Avión, Pontecaldelas e Pazos de Borbén.
O concerto do vindeiro venres 9 contará, ao igual que sucede no propio álbum, con numerosas colaboracións e artistas convidadas. Así, ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, sobre as táboas do Teatro Principal Caldo acompañarase de German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu).
Caldo
María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, o trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.
O pasado 12 de maioCaldo publicou Lugar A Ponte, o seu segundo álbum, unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Con este traballo, producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), Caldo abre paso e reinvidica o seu espazo no panorama actual coma unha das agrupacións imprescindibles á hora de entender a renovación e posta en valor da música tradicional a través da experimentación sonora.
Escoita Lugar A Ponte
20230516-Presentacion-ao-vivo-de-Lugar-A-Ponte