Caldo presenta ao vivo ‘Lugar A Ponte’ no Teatro Principal de Santiago

A cita terá lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal, no marco do festival ‘O que non se escribe’, e as últimas entradas dispoñibles están á venda en www.compostelacultura.gal 

Crnds, Antía Ameixeiras, Begoña Riobó, Claudia Abril, Marta Collazo, Flor Díez, Diego Alonso e Germán Díaz participarán no concerto 

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá este venres, 9 de xuño, a presentación ao vivo de Lugar A Ponte, o segundo traballo discográfico de Caldo. O concerto, que terá lugar no marco do festival O que non se escribe, comezará ás 20:30 horas e as últimas entradas dispoñibles están á venda no espazo web www.compostelacultura.gal

Lugar A Ponte,o segundo álbum do trío conformado por Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas, publicouse o pasado 12 de maio nas principais plataformas dixitais. Producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é un disco con dez cortes no que Caldo incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición. Neste sentido, o grupo adapta e toma como punto de inspiración melodías ou temas tradicionais recollidas en lugares de Gargamala, As Neves, Avión, Pontecaldelas e Pazos de Borbén. 

Así, Lugar A Ponte preséntase coma unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Con este traballo, Caldo abre paso e reinvidica o seu espazo no panorama actual coma unha das agrupacións imprescindibles á hora de entender a renovación e a posta en valor da música tradicional a través da experimentación sonora.

O concerto de presentación deste venres 9 contará, ao igual que sucede no propio álbum, con numerosas colaboracións e artistas convidadas. Así, ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, sobre as táboas do Teatro Principal Caldo acompañarase de German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu). 

CALDO

María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público. 

O pasado mes de de maio o trío publicou Lugar A Ponte. Producido con Alberto Cernadas (crnds), neste álbum Caldo avanza na procura e experimentación do seu universo creativo para incorporar novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición, e incluíndo gravacións ao directo coma nos seus inicios.

Convo-09.06-Concerto-CALDO-

“Camiñada por Taboi: patrimonio, natureza e poesía”, organizada pola Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María organiza unha CAMIÑADA POR TABOI (parroquia do concello de Outeiro de Rei) este DOMINGO, día 11 de maio. Trátase dun roteiro multidisciplinar que abranguerá patrimonio, natureza e poesía.

Contarase con Orlando Viveiro, divulgador cultural da Terra Chá, que axudará a descubrir a riqueza patrimonial do percurso, e con Cosme Damián Romay, ornitólogo e biólogo, que descubrirá que paxaros están tras os sons que se irán escoitando durante a camiñadamentres .  O itinerario é de dificultade baixa, cunha distancia: 8 quilómetros.

A saída será ás 10, en automóbeis, desde a Casa-Museo Manuel María para dirixirse ao inicio da ruta. Esta desenvolverase, a maior parte dela, pola parroquia de Taboi.

Aínda sendo unha actividade gratuíta, si é necesario anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Presentación do libro RELATOS DE CASCARILLA, de César Concheiro Guerrico, na Casa da Cultura de Vilalba

O venres 9 de xuño de 2023, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza unha nova actividade: a presentación do libro RELATOS DE CASCARILLA. DOCE CONTOS DE XENTE DA CORUÑA, de CÉSAR CONCHEIRO GUERRICO, e editado polo Grupo BEROLY.

No acto intervirán RAMÓN GUNTÍN, vice-presidente da Banda de Música de Vilalba; BEATRIZ MACEDA, escritora; LAURA VELEIRO, ilustradora do libro; BERNABÉ SIMES e JOSÉ M. YÁÑEZ, do Grupo BEROLY, e CÉSAR CONCHEIRO, músico e autor do libro. Presentará o acto, MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_RELATOS-CASCARILLA

O grupo EXERIA participa no concurso de bandas do Trece Roeis Fest en Ferreira de Pantón e outras actuacións

Exeria, un grupo de grunge/rock 90´s en galego formado en 2021, paricipará este sábado 3 de xuño no concurso de bandas do Trece Roeis Fest en Ferreira de Pantón as 19:30h. E rematarán a festa en ORIGEN, O Porriño as 21:30h .

Esta banda xa lanzara o pasado 11 de marzo o seu primeiro sinxelo, Un novo nome acompañado dun videoclip dirixido polo artista multidisciplinar Wences Lamas.

Andanzas do Suso de Lameliña. ELOXIO AO BURRO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ELOXIO AO BURRO

Ti, que ao ancián Selenio, ás costas levaches, aquel que tivo a ben criar a Dionisio, deus do viño; que a Abrahan, Moisés e David, de igual xeito, carrexaches a lombo…

Ti, que por voz de Yaveh, fuches capaz de falar a Balaan, teu amo; que outro deus, Alá, ás che concedeu para que o profeta Muhammad ao ceo levaras…

Ti, que a Xesús salvaches de Herodes, lle deches calor e acougo, e logo con el entraches en Xerusalén…

Ti, noble e intelixente, asno de Apuleyo, Platero de Juan Ramón Jiménez, “rucio” de Sancho Panza …

Ti, que toleras inxustamente, humillacións e desprezos.

Ti, que por non soportar malos tratos, dinche, teimudo.

Ti, que desbordas sensibilidade…

Por que te chaman burro? Ou mellor, por que chaman “burro” a alguén que as túas cualidades non ten?

Porque non es dócil coma o cabalo, porque te plantas ante o abuso, porque non cedes, pola túa rebeldía…

É por iso, que en vinganza te transforman no que non es, é por iso que de ti se mofan…

De ti, por séculos, símbolo e emblema da nosa Galicia rural.

Por todo isto, louvado sexas, équido africano e por sempre vivas na nosa eterna nenez!